Que cambios supoñerá ter que contar cun veterinario de explotación?

Analizamos as modificacións que traerá para as ganderías a obrigación esixida desde Europa de contar cun veterinario de explotación. Algúns dos requisitos xa se están cumprindo en moitas granxas galegas antes da súa entrada en vigor

Que cambios supoñerá ter que contar cun veterinario de explotación?

Entre o paquete de normativas en materia de sanidade animal aprobadas nos últimos meses desde a Unión Europea para as ganderías, un dos cambios significativos é a obrigación de contar cun veterinario de explotación. Este foi precisamente un dos temas tratados na última edición dos Encontros Gandeiros organizados pola ADS Xundeva, en Lalín, debido ás dúbidas que suscita este requisito da normativa.

“Moitas das ganderías galegas xa están a cumprir boa parte dos requisitos que se esixen agora coa figura do veterinario de explotación”, apunta Ignacio Arnáiz, responsable de área do Laboratorio de Sanidade Animal do Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo (Ciam), durante as xornadas celebradas na capital dezá. Aínda así, ter que incorporar un veterinario de explotación supoñerá trámites burocráticos específicos e cambios para boa parte das ganderías.

“O veterinario de explotación aseméllase ao médico de cabeceira, é o profesional que terá acceso a toda a información en materia sanitaria da granxa” (Gloria Martínez, coordinadora de Xundeva)

“O veterinario de explotación aseméllase ao médico de cabeceira, é o profesional que terá acceso a toda a información en materia sanitaria da granxa, podendo ver todos os informes dos distintos profesionais que traballen na gandería”, exemplificaba a veterinaria Gloria Martínez Sanz, veterinaria e coordinadora dos servizos veterinarios da ADS Xundeva.

Gloria Martinez e Ignacio _Xundeva 2023

Gloria Martínez e Ignacio Arnáiz na presentación realizada nesta edición dos Encontros Gandeiros de Xundeva.

Obrigacións para os gandeiros e os veterinarios

Aínda que está por concretar por parte da Administración, estímase que as ganderías deban de dispoñer deste veterinario de explotación a partir do 15 de maio do 2024, xa que esta foi a data provisional que se fixo pública coa aprobación da norma. Estas son algunhas das obrigacións que se lle presentan ao titular da gandería ao ter que incorporar esta figura de veterinario de explotación:

-Este veterinario de explotación debe ser un profesional ou empresa que dispoña de servizos veterinarios para todas as especies da gandería. “Pode contarse cun só veterinario da granxa que xestione todas as especies ou poden nomearse varios veterinarios de explotación para as distintas especies”, indica Martínez Sanz.

-Será o titular da gandería quen deba acreditar que conta con este profesional ou empresa mediante un modelo de declaración responsable.

-O titular da granxa deberá comunicar a designación ou cesamento deste veterinario de explotación. Para iso dispón dun prazo de 7 días hábiles.

-No caso de cesamento do veterinario de explotación, o titular da granxa dispón dun prazo de 3 meses para designar a un novo profesional para o cargo e de novo terá que comunicalo á Administración.

-O propietario da granxa debe proporcionarlle ao veterinario ou facilitarlle que obteña no seu nome a información necesaria sobre a situación epidemiolóxica da súa gandería.

-O titular da gandería tamén debe asegurarse de que todas as persoas que traballen na granxa co gando teñan unha formación adecuada e suficiente. Así, deberán acreditar unha formación mínima de 20 horas nun prazo de 6 meses contados desde o comezo do seu traballo na granxa. Estes cursos xa se impartiron en distintas Oficinas Agrarias Comarcais e está previsto que sigan ofertándose.

Estarán exentos de recibir esta formación aqueles traballadores que acrediten un mínimo de experiencia práctica de 3 anos no manexo de gando bovino. Tampouco deberán tomar esta formación mínima os traballadores que xa teñan un título técnico de Produción Agropecuaria ou o título técnico superior en gandería e asistencia en sanidade animal.

Pola súa banda, o veterinario de explotación comprométese a cumprir unha serie de funcións na granxa:

– Todas as ganderías, independentemente da especie que sexa, deberán contar cun Plan Sanitario Integral (PSI) en formato dixital ou papel que debe elaborar o veterinario de explotación, o persoal veterinario da ADS ou a integradora ou entidade asociativa á que se pertenza.

-Este Plan Sanitario Integral debe incluír actuacións sanitarias, de hixiene, bioseguridade e o uso racional de antibióticos. “É fundamental que o PSI estea adaptado á especie e ás características da gandería”, apunta a veterinaria Gloria Martínez Sanz.

Como debe ser o Plan Sanitario Integral (PSI)

Un dos requisitos imprescindibles que se pedirá ás ganderías e que está asociado á figura do veterinario de explotación é o Plan Sanitario Integral (PSI). Este Plan debe adaptarse ás diferenzas existentes entre os distintos tipos de granxas e responder ás necesidades e características de cada gandería. Así, dependerá de cada especie, tipo de explotación, sistema produtivo, situación epidemiolóxica e características particulares da gandería.

“No caso de que convivan na mesma gandería diferentes especies, pode establecerse un plan sanitario único ou ben propoñerse plans sanitarios específicos para cada unha delas e baixo a responsabilidade de máis dun veterinario”, explica a veterinaria Martínez Sanz.

Ademais, no caso das ganderías pertencentes a unha ADSG que teña asignado un veterinario de explotación distinto do veterinario da ADSG, o Plan deberá contemplar como mínimo un programa sanitario da ADSG.

O Plan Sanitario Integral debe actualizarse cada 5 anos ou cada vez que haxa cambios destacados na granxa

Este Plan debe actualizarse polo menos cada 5 anos e sempre que se modifiquen substancialmente as instalacións ou as prácticas de manexo na gandería. Debe estar asinado tanto polo veterinario da explotación como polo propietario. Ademais, é o propietario da gandería o responsable de que se cumpran as medidas que se recollen neste Plan.

Decálogo do Plan Sanitario Integral

O Plan Sanitario Integral debe contar cun contido mínimo para asegurar as medidas sanitarias imprescindibles na gandería. A continuación recóllese un decálogo de accións para incluír no devandito Plan:

1. Medidas de hixiene e bioseguridade.

Neste apartado inclúense todas as accións preventivas que teñan que ver co control de acceso de animais á gandería ben sexa recría, reposición externa, animais alleos á granxa, animais en corentena…

Tamén se contemplan as medidas de prevención en relación ao persoal da granxa e alleo a ela, así como vehículos.

Neste apartado deben figurar tamén medidas que contemplen un control sobre a hixiene e a bioseguridade da alimentación do gando, así como á subministración e calidade da auga.

Inclúense ademais, medidas específicas sobre o manexo dos animais. “Deben figurar protocolos para a separación do gando enfermo ou en corentena”, especifica a veterinaria.

Neste apartado deberán aparecer ademais as medidas que adopta a granxa con respecto da xestión dos residuos sanitarios, así como a revisión periódica de certos aspectos das instalacións ou a recollida e almacenamento dos cadáveres, entre outros aspectos.

2. Plan de vixilancia e control de parasitos internos e externos dos animais.

3. Protocolo de vixilancia do estado sanitario dos animais. “A detección temperá é fundamental, xa que tratar de forma rápida marca a diferenza”, explica a veterinaria.

4.Programa de mostraxe rutineira fronte ás enfermidades obxecto de control na granxa. “Deben incluírse tamén os animais de nova incorporación á gandería”, detalla Martínez Sanz.

5. Plans de vacinación que se realicen na granxa.

6. Plan dun uso racional dos medicamentos. “Nas ganderías está a facerse xa un uso moi controlado dos medicamentos”, apunta a veterinaria.

7. Plan de cumprimento e control de hixiene do leite nas ganderías.

8. Plan sanitario da ADSG, se o veterinario de explotación designado é distinto ao da ADS.

9. Plan sanitario en relación coas enfermidades de declaración obrigatoria ou que sexan de interese para a propia gandería, a comarca, provincia ou comunidade autónoma.

10. Visitas zoosanitarias. O veterinario da explotación debe realizar de maneira presencial o seguimento sobre as medidas recollidas no propio PSI e o Plan de Benestar animal da granxa. “O veterinario emitirá as recomendacións que considere oportunas á persoa titular da gandería sobre as deficiencias que observe ou o uso de antibióticos na granxa”, explican os técnicos.

As visitas zoosanitarias realizaranse unha vez cada 6 meses nas ganderías cun risco alto, cada ano nas granxas de risco medio e cada 18 meses nas que teñas un risco baixo. “A autoridade competente será a que determine o nivel de risco para cada gandería”, apuntan.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información