O Sindicato Labrego Galego (SLG) advirte da falta de cumprimento da sentenza favorable ás 10.000 granxas de carne que quedaran fóra das axudas autonómicas ós sectores agrarios desfavorecidos na crise da Covid 19. Inicialmente a Xunta deixara fóra ás ganderías de menos de 10 vacas, pero tras un proceso xudicial iniciado polo Sindicato Labrego, unha sentenza recoñeceu o dereito destas granxas a cobrar a axuda.
“Dende o Sindicato solicitamos no mes de outubro do ano 2023 unha xuntanza coa Consellaría de Medio Rural para debater como vai aplicar a Xunta de Galicia a sentenza favorable ao SLG onde se recoñece que as granxas de carne de menos de 10 vacas teñen dereito a cobrar a axuda”, sinalan. “Varios meses despois aínda non observamos resposta a dita solicitude, polo que, como avanzamos a pasada semana, estamos comezando a asumir que a Xunta de Galicia non ten intención ningunha de cumprir o ditado pola Xustiza”, agregan desde a agrupación.
Deste xeito, sinalan que se “non recibimos contestación da Xunta verémonos na obriga de pedir a execución da sentenza. É a nosa responsabilidade facer que o ditado pola Xustiza se cumpra e que se garantan os dereitos desas máis de 10.000 granxas que quedaron excluídas de dita axuda por estratexias do conselleiro”.
Antecedentes da sentenza
As bases da orde sinalaban como un dos criterios para poder solicitala “ter un mínimo de 10 vacas nutrices. Este feito supuxo que, na práctica, esta axuda só a percibiran 4.621 granxas das case 19.000 que poderían ter sido beneficiarias. Isto implicou, por exemplo, que quedaran fóra desta axuda case a metade das 8.000 granxas de Tenreira Galega Suprema”, apuntan desde o SLG.
Tras a denuncia desta discriminación, e a demanda contra esta Orde e a Consellería do Medio Rural por parte do Sindicato Labrego, “en abril do 2022 o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia resolveu a favor da demanda do SLG e sentenciou anular o inciso 5.4 do texto, recoñecendo o dereito de todas as persoas titulares de explotacións de vacún de menos de 10 vacas -que non sexan de autoconsumo e teñan declarados ingresos pola actividade- a ser beneficiarias das axudas reguladas na Orde impugnada”, explican.
A Consellería do Medio Rural recorreu ao Tribunal Supremo ao non estar conforme coa sentenza pero “en Outubro do 2022 o Tribunal Supremo rexeitou o recurso da Consellería, mantendo en firme a sentenza favorable ás esixencias do SLG”, afirman.