“Na Mariña a colleita de millo vai ser un desastre, non se recorda un ano tan malo coma este”

A costa de Lugo sufriu este verán unha seca extrema que vai deixar a moitas ganderías da zona sen o seu principal cultivo forraxeiro. Empresas como Agropres valoran se merece a pena colleitar nalgunhas fincas e adiantarán a recollida para tratar de salvar algo da produción

Parcela de millo en Barreiros, na comarca da Mariña, afectada pola seca

Parcela de millo en Barreiros, na comarca da Mariña, afectada pola seca

O cultivo de millo vén adiantado este ano na maior parte de Galicia e con resultados desiguais en canto a crecemento e produción esperada nas distintas zonas. A máis castigada está a ser a comarca da Mariña, onde a seca extrema fixo estragos este verán. No resto da comunidade, onde o millo tivera problemas de falta de auga o ano pasado, este ano as perspectivas non son malas.

As néboas e o barruzo desta fin de semana van axudar a aguantar verde o talo e completar a formación da espiga, mais non servirán xa para recuperar aquelas plantas que non medraron nin se desenvolveron por mor do estrés hídrico sufrido.

O descenso de precipitacións é unha tendencia que se aprecia nos últimos anos na zona. Os datos de marzo a agosto indican claramente que se está producindo unha caída significativa nas precipitacións acumuladas no período que coincide co cultivo de millo: 360 l/m2 no 2020, 332 l/m2 no 2021, 298 l/m2 no 2022 e 224 l/m2 en 2023 (datos de Ribadeo). 

Os resultados varían en función da data de sementeira e do tipo de terreo, con mellores perspectivas nas sementeiras temperás de finais de abrir e comezos de maio

A falta de chuvias trala sementeira tamén multiplicou os problemas de pragas, sobre todo os ataques de rosquilla, e dificultou o seu tratamento e control, un problema que se deu por toda Galicia, pero con maior intensidade na provincia da Coruña.

En zonas como Muxía, Santa Comba ou Mazaricos ao ataque da rosquilla nos estadíos iniciais do cultivo estase engadindo agora o do verme, que está a saltar das pradeiras para as fincas do millo e a provocar unha defoliación importante nas plantas.

Analizamos polo miúdo como está a situación nas distintas comarcas:

“Este é un ano difícil, de 195 hectáreas que labramos só hai 30 que se salvan”

Juanjo Fraga xestiona na Mariña dúas explotacións leiteiras que suman máis de 1.000 cabezas. Para alimentalas sementaron este ano unhas 195 hectáreas de millo na zona de Ribadeo e Alfoz pero a colleita vai ser moi inferior á habitual na zona.

“Este é un ano difícil, eu non recordo na Mariña ningún ano tan malo coma este. Nós teremos unhas 30 hectáreas boas que se salvan e moitas fincas nas que haberá que valorar se se recolle ou non”, indica.  

Juanjo é enxeñeiro agrónomo de formación e, ademais da menor cantidade de colleita, alerta das consecuencias en canto á perda de calidade do silo. “Con pouca produción, cando a espiga non se dá formado, a dixestibilidade pérdese e o silo non aporta amidón e enerxía”, explica.

Con pouca produción, cando a espiga non se dá formado, a dixestibilidade pérdese

Casa Barbeiro fixo nunha parte das fincas sementeira directa e nelas o resultado é semellante ao que se dá nas parcelas labradas ao xeito tradicional. “Temos parcelas sementadas coa máquina nova que teñen bo millo pero hai moitas outras nas que a planta ten un metro de altura e vai intentar facer espiga pero non vai chegar a ter grao”, asegura.

O culpable desta situación desastrosa foi o tempo. De xuño a mediados de agosto practicamente non choveu nada e non houbo tampouco na zona as néboas habituais, que aportan humidade. “Nas fincas botadas cedo a planta está alta e ten bo porte, pero está medio seca e non é capaz de espigar. Ao chover estes días polo menos a planta vai verde para o silo e con dixestibilidade, pero en xeral imos ter pouca produción, moitas plantas sen espiga e pouca dixestibilidade”, resume. Un consello habitual para evitar levar o talo seco é cortar máis alto, aínda que nun ano coma este de pouca produción iso reduciría aínda máis a cantidade de silo. 

Roturar parcelas moi húmidas de cara ao ano que vén

Diante da situación vivida este ano e co temor de que o cambio climático acentúe estas anomalías, Juanjo tomou a decisión de preparar parcelas que eran moi húmidas e non se podían traballar porque era moi difícil entrar nelas para adicalas a cultivo de millo en anos sucesivos.

“Para a produción de millo dependemos da auga porque en fincas coa capa freática baixa estamos a expensas do que chova no verán. Normalmente sementamos escalonado e este ano as que sementamos tarde non van ter nada, excepto nas fincas que son húmidas, e o primeiro que sementamos colleu altura pero agora está secando dereito sen acabar a espiga”, conta.

Unha finca de 15 hectáreas máis da metade coméunola o verme; o avance é moi rápido, en 2 ou 3 días acaba con todo

Á falta de auga engádese este ano os ataques da fauna salvaxe e as pragas. “Temos o xabaril nas fincas boas, a seca nas intermedias e o verne nas frouxas. Primeiro foi a rosquilla e agora o verme defoliador. As pradeiras permanentes ventilóunolas todas e o millo dunha finca de 15 hectáreas en Ribadeo máis da metade coméunola. O avance é moi rápido, en 2-3 noites acaba con todo. O que fixemos para tratar de mitigalo un pouco foi aplicar tratamento metendo un tractor con roda estreita”, explica Juanjo.

“Nalgunha finca non merece a pena que entre a colleitadora”

Víctor Argul é técnico de Agropres, a empresa con sede en Barres que traballa fincas tanto no occidente de Asturias e os concellos da zona oriental da Mariña. A súa planta de mestura húmida traballa co silo de millo como materia prima principal e sementan 1.000 hectáreas para subministrala máis entre 700 e 800 hectáreas a maiores para ganderías da zona. “Este ano o rendemento vai ser baixo nun terzo das parcelas”, calcula Víctor.

“As sementeiras temperás, feitas na segunda quincena de abril, foron as que mellor aguantaron. Esas parcelas, se non tiveron cultivo antes, terán rendementos normais, pero as fincas que se sementaron despois notaron o déficit hídrico porque viñamos xa dunha primavera con pouca precipitación e arrastrouse esa falta de auga”, di.

Viñamos xa dunha primavera con pouca precipitación e arrástrase esa falta de auga

“Nas parcelas nas que houbo raigrás antes o resultado é nefasto por déficit de auga e abonado, porque agardouse por un corte máis de raigrás postergando a sementeira do millo e despois xa non choveu nada. Nalgunha finca non merecerá a pena que entre a colleitadora”, recoñece.

Colleita adiantada

Agropres colleitou xa algunha parcela de millo hai dúas semanas. “Eran fincas nas que o millo se estaba secando todo, pero no resto empezaremos tamén en breve, eu calculo que nunha semana ou 10 días nas parcelas que van máis adiantadas e despois a intención xa é non parar, ir de seguido”, avanza Víctor.

Tivemos que picar xa algunha parcela que se estaba secando toda

Tanto na Mariña como no occidente de Asturias houbo tamén bastantes ataques de rosquilla, aínda que ás fincas labradas por Agropres non lle afectaron moito. “Nós como aplicamos insecticida na liña de sementeira tivemos casos moi pequenos pero pola zona si que houbo bastante, e cara a Barreiros está habendo agora problemas coa oruga militar ou verme cogollero (Spodóptera frugiperda), que come as follas do millo”, describe.  

É unha praga contra a que pouco se pode facer, “unicamente tratar algo perimetralmente se a afección non é moi grave para tratar de frear ou ralentizar o seu avance”, di.

“Prevese unha suba no prezo de compra”

Coma Agropres, o Centro de Alimentación de Vacún (CAVI) da cooperativa Os Irmandiños, agora integrada en CLUN, tamén emprega silo de millo na súa ración húmida, aínda que neste caso engadindo tamén silo de herba.

José Ramón Loza é o responsable de cultivos na zona e prevé que este ano haxa unha produción cando menos un 20% inferior. “A produción media por hectárea estará por baixo das 35 toneladas, cando o ano pasado pasamos das 42.000”, compara.

A planta que o CAVI ten en Vilamartín ensila unhas 700 ha de millo, 400 de xestión propia directa e o resto aportadas polos socios. Para encher os silos este ano haberá que recurrir á compra externa e José Ramón prevé que haxa unha suba no prezo, que o ano pasado situouse de media nos 58€/tonelada. 

Nós somos transparentes, pagamos o millo que entra na planta en función da calidade que ten

“Nós pagamos por fórmula, facemos unha analítica e pagamos en función da calidade que ten, en base á porcentaxe de amidón e materia seca, somos transparentes nese sentido. Un millo aceptable debería ter un 33% de amidón e un 33% materia seca”, detalla.

Unha porcentaxe, no caso do amidón, que non vai ser doada de acadar este ano en moitas parcelas da zona. “O que foi sementado en abril e principios de maior está relativamente ben pero as sementeiras de finais de maio e xuño sufriu moito a seca. Estes días choveu e reverdeceu un pouco pero o millo non vai medrar máis, pode servirlle para facer algo de espiga e retrasar algo a data de colleita; se non chovera teriamos que empezar xa case a apañar”, explica.

SAT Casa Carballo, en Pol, ten este ano un millo que supera os 4 metros de altura

SAT Casa Carballo, en Pol, terá este ano unha colleita histórica de millo

“Nós botámolo moi cedo e temos un millo moi bo, está moi alto, por enriba dos catro metros”

Na Mariña o ano pasado houbo boa produción mentres no resto de Galicia sufriron coa seca, e este ano foi ao revés. “Para nós é o mellor ano de todos de momento; a xente chámanos preguntando que variedade botamos”, conta Iago Villamide, da gandería SAT Casa Carballo, de Pol, máis cara ao interior de Lugo, entre a Terra Chá e Meira.

“Sementamos moi cedo e ata agora está moi bo, esperemos que non veña un setembro moi seco e empece a apertalo. Está moi alto, por enriba dos 4 metros”, describe.

O millo cada vez hai que botalo antes, pero se queres sacar herba ás veces é complicado

Esta gandería con case 500 animais en produción labra 140 hectáreas de millo e as 20 últimas van un pouco máis pequenas. “Sempre deixamos para o final as fincas mellores, nas que facemos tres cortes de herba, pero estamos vendo que o millo cada vez hai que botalo antes. Agora no inverno xa non chove coma antes e podes entrar antes nas fincas. Nós dúas cortas de herba sacámolas sempre e este ano a primeira fixémola xa en febreiro. Iso permitiunos empezar a sementar o millo a finais de abril coa segunda corta xa feita”, explica. 

A planta está na floración e quédalle como moito un mes; se o tempo vén como ata agora chegaremos ás 55 toneladas por hectárea

Iago prevé sacar este ano entre 52 e 55 toneladas por hectárea, cando o ano pasado a media estivo entre as 43 e as 45. “O ano pasado foi un ano moi xusto pero este ano se seguira o tempo como ata agora a colleita sería moi boa. Aquí estivo chovendo seguido ata hai 3 semanas. O millo xa está na floración, quédalle como moito un mes”, calcula.

Parque de maquinaria da cooperativa Aira recollendo fincas de millo a semana pasada en Taboada

Parque de maquinaria da cooperativa Aira recollendo fincas de millo a semana pasada en Taboada

“A campaña vén 15 días adiantada”

Máis ao sur de Lugo xa comezaron a colleitar. Estanse empezando a ensilar xa parcelas sementadas a finais de abril con ciclos curtos. Aínda que son fincas puntuais, Jorge Meiriño, técnico da cooperativa Aira na zona de Chantada e Taboada, asegura que “a colleita en xeral vai vir adiantada, incluso en parcelas que non sufran seca”.

“Este ano adiántanse os ciclos. Contra o que se podía pensar, o tempo estivo estable e non houbo estrés de temperatura. As fincas que se empezaron a ensilar a semana pasada son parcelas de mediados e finais de abril sementadas con ciclos curtos que están cumpridos e que se estaban empezando a secar, por iso se están segando”, explica.

Este ano púidose sementar un pouco antes e o tempo estivo bastante estable, sen altibaixos de temperatura

“Outros anos despois había un parón, pero este ano empezamos e xa non imos parar, segundo o que estivemos revisando. Temos xa unhas 150 hectáreas previstas para meter para esta semana de 4 ou 5 granxas. Iremos despacio pero non se vai parar e en torno ao 10 de setembro xa se vai estar traballando forte”, avanza Jorge.

“Temos previsto arrincar o 28 de agosto”

En Sarria a evolución do cultivo avanza tamén algo por diante do que é habitual na zona. “Nós temos previsto arrincar o 28 de agosto, empezaremos 4 ou 5 días para recoller o que secou, que é pouca cousa, e logo pararemos unha semana, porque o forte da campaña non comezará ata mediados do mes que vén, en torno ao 10-15 de setembro. O ano pasado xa viñera adiantado unha semana e este ano aínda máis, outros 8-10 días antes con respecto ao ano pasado, porque houbo moitas sementeiras temperás e o verán foi máis caloroso do habitual e pouco chuvioso”, explica José Manuel Lópea, responsable da planta de mestura húmida de Aira en Sarria.

Esperamos unha colleita un 10% inferior á do ano pasado

“A colleita o ano pasado fora boa, con cerca dos 40.000 quilos de media, pero con moita variabilidade das terras boas ás que non o son tanto, e este ano esperamos unha colleita algo inferior, arredor dun 10% menos. De Lugo para baixo nótase moito a escaseza de precipitacións”, afirma.

A cooperativa Aira ensila cada ano na súa planta de mestura húmida de San Xulián da Veiga entre 15.000 e 16.000 toneladas de millo, procedentes dunhas 400 hectáreas. Delas, 300 hectáreas atópanse na zona de influencia da planta e mercan a maiores millo doutras zonas de Galicia para completar os silos, procedente de fincas na zona de Meira, Pol, Cospeito e Xinzo.

Parcela de regadío no concello de Bóveda, no val de Lemos

Parcela de regadío no concello de Bóveda, no val de Lemos

“As sementeiras tardías xa non desarrollaron, esas quedaron polo camiño”

Ao sur de Sarria, xa no entorno de Monforte de Lemos, o millo atópase xa nunha zona límite. A viabilidade do cultivo está asegurada unicamente polo regadío do Val de Lemos, que leva décadas sen ser modernizado, mentres que son poucas as ganderías que se arriscan a botalo en parcelas de secaño.

Pablo Rodríguez, da gandería Xuíz, de Bóveda, sementou este ano unhas 40 hectáreas. “Na nosa zona todo ía ben ata o mes de agosto, no que a calor esta apertando moito. Fixo aire e chegamos varios días a 37 e 38 grados e iso quéimao todo. Se segue a calor xa veremos se dá aguantado”, di.

De Bóveda para abaixo, cara a Monforte, en secaño xa non bota millo ninguén, o que o sementa faino en regadío

Na zona de regadío Pablo logra habitualmente colleitas de entre 45 e 50 toneladas por hectárea pero nas outras non pasa das 35 y este ano serán menos. “As sembras tardías xa non desarrollaron, esas quedaron xa polo camiño porque espiga non vai ter, e moitas veces non vale moito a pena colleitalas porque levas só o toco para o silo”, argumenta.

Pablo e outras ganderías da zona están á espera de que a Xunta poña en marcha un polígono agroforestal anunciado para incrementar a súa base territorial. “Esta é unha zona boa para o millo e se modernizaran o regadío poderiamos obter boas producións. Agora regamos todo por manta; este ano non houbo restrición de auga pero é un sistema menos eficiente. Habería que decantarse polos aspersores ou polo rego por goteo”, defende.

Gandería Xuíz ten previsto ensilar a principios de setembro o millo labrado o 15 de abril, un ciclo 600. “O resto, o que foi botado a finais de maio, que é un ciclo 400, virá cara o día 20 de setembro”, explica.

Colleitadora da cooperativa Cobideza traballando este luns nalgunhas parcelas de ganderías da zona

Colleitadora da cooperativa Cobideza traballando este luns nalgunhas parcelas de ganderías da zona

“No Deza este ano as perspectivas son boas”

Ao igual que na comarca de Lemos, no Deza a colleita depende moito do ano. E na comarca pontevedresa este non se prevé malo. “Hai fincas que están moi boas, con boas perspectivas de colleita. A rosquilla e o taladro non atacaron moito e de momento non hai verme tampouco. Choveu esta fin de semana e de momento vai ben a cousa, pero aínda pode vir moita calor en setembro”, explica Kiko Mosquera, da cooperativa Cobideza, que labra unhas 400 hectáreas de millo para as ganderías socias.

Pode vir aínda moita calor en setembro, pero de momento vai ben

O xoves e venres da semana pasada o parque de maquinaria de Cobideza comezou xa a segar as primeiras parcelas. “O millo era da altura da colleitadora e ía en bo estado”, describe. “O ano pasado fora regular tirando a mal pero este ano de momento vai ben a cousa; palla polo menos vai haber”, asegura.

O forte da campaña prevese desde mediados de setembro ata a primeira semana de outubro, “un pouco antes que o ano pasado porque se sementou tamén antes”, xustifica Kiko. “Ensilouse máis cedo a herba e botouse antes o millo, e despois choveu algo en maio e xuño, non pasou coma o ano pasado, que non caera nada”, lembra.

“O principal problema que está a haber na zona de Muxía, Santa Comba e Mazaricos é o verme”

Na zona do Xallas, outra das grandes áreas que acaparan o groso da produción de millo en Galicia, foi un verán no que non choveu moita cantidade, pero choveu bastantes veces, polo que a nivel climatolóxico non houbo demasiado problema. Sen embargo, está habendo contratempos en relación a determinadas pragas.

A cooperativa Ganxabar, que xestiona a alimentación en conxunto para 8 granxas da zona, botou 850 hectáreas de xeito escalonado, por tramos, e o primeiro silo está previsto facelo na segunda semana de setembro. “De momento parece que o cultivo este ano vén algo adiantado, pero vai depender como veña o tempo de aquí en diante”, explican.

Vai un pouco máis adiantado, pero se chove nestas semanas iso sempre retrasa un pouco a recollida

En canto aos rendementos agardados, espéranse producións “correctas”, similares ao ano pasado, no entorno das 45 toneladas por hectárea de media. “Non foi un ano seco, medrou bastante rápido e de momento presenta moi ben. Está bastante adiantado pero se chove nestas semanas iso sempre retrasa un pouco a recollida”, indica Jesús Otero.

“Nunca acordamos tanto ataque de rosquilla coma este ano”

Na provincia da Coruña as pragas castigaron con forza este ano o cultivo de millo. “En xeral houbo moitísimo problema coa rosquilla, nunca acordamos tanto ataque, no momento inicial leváronse plantas por diante e houbo que resementar bastante. Na zona de Mazaricos houbo granxas que tiveron que volver labrar máis do 10% da superficie, aínda que non foi algo xeralizado nin afectou a todas as explotacións por igual. Esas fincas tratáronse con herbicidas e houbo que volver a labralas con ciclos máis curtos, polo tanto as producións neses casos van ser menores”, detalla Jesús.  

Agora non é recomendable entrar a tratar contra o verme porque destrozas o millo e con dron non está permitido, o único que se pode facer é tratar á man polo exterior

Superado ese problema inicial, “neste momento o principal problema é o verme”, di. “Se ten para escoller vai primeiro á pradeira pero cando acaban na pradeira saltan ao millo. Na zona de Muxía, Santa Comba e Mazaricos está habendo bastante ataque, e onde entra afecta de xeito moi importante á planta, porque come toda a folla e afecta tamén á mazorca”, explica.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información