Así funciona o primeiro centro de alimentación para vacún de leite creado en Galicia

A cooperativa Aira dispón desde o ano 2002 dunha planta en Sarria na que elabora racións secas e húmidas para unhas 2.000 cabezas de gando pertencentes a 36 explotacións da comarca

José Manuel López Pardo é o técnico responsable da planta

José Manuel López Pardo é o técnico responsable da planta

No lugar de San Xulián da Veiga, en Sarria, atópase a planta de mesturas para alimentación de vacún de leite da cooperativa Aira. Foi o primeiro centro deste tipo que comezou a funcionar en Galicia. Estes días apuran o traballo para encher os silos de millo que se empregarán ao longo do ano para a elaboración das racións para o gando. Visitamos as instalacións e coñecemos como traballan da man de José Manuel López Pardo, o técnico responsable da planta.

A campaña deste ano está a realizarse cunha colleitadora propia do parque de maquinaria da cooperativa Aira

“Comezamos a mediados de setembro para recoller o millo que seca antes en fincas máis lixeiras pero o gordo da campaña vén nas dúas primeiras semanas de outubro”, explica José Manuel. 

Este ano a recollida está a facerse con colleitadora propia do parque de maquinaria da cooperativa Aira. En anos anteriores realizábase a través de empresas de servizos da zona. Os silos máis grandes, que teñen 5 metros de alto, teñen capacidade para 2.800 toneladas de millo. 

Analízase toda a forraxe que entra. Sácanse mostras de todas as viaxes e segundo sae a analítica así se paga ao provedor

O transporte realízase en camións ou remolques tirados por tractores que, ao chegar, pasan todos pola báscula da planta antes de descargar nos silos. Nese momento realízase tamén unha toma de mostras para a súa análise. “Cóllense varias mostras de cada viaxe. Unha é para o laboratorio, ás veces mesmo enviamos a dous laboratorios distintos para contrastar, e outra mostra conxelámola. Segundo sae a analítica, así se paga ao provedor. Págase por tonelada de materia seca e calidade, no caso da herba en función das fibras e da proteína e no caso do millo dos amidóns e da fibra neutro-deterxente”, detalla José Manuel. 

15.000 toneladas de silo de millo e 7.000 de silo de herba

Centro mestura húmida Aira Sarria silo millo2Os silos máis grandes utilízanse para o millo e os máis baixos para a herba, para deste xeito avanzar máis rápido nos frentes, dado que empregan nas racións o dobre de silo de millo que de herba. “A proporción acostuma rondar máis ou menos os 20 quilos de silo de millo e os 10 de silo de herba. Móvense en total unhas 15.000 toneladas de silo de millo e entre 6.000 e 7.000 toneladas de silo de herba ao ano”, detalla. 

As racións levan dúas partes de silo de millo e unha de silo de herba

Contan para este ano con 380 hectáreas labradas a millo, cun rendemento medio de entre 40 e 42 toneladas por hectárea. “Está a ser unha boa campaña, a do ano pasado tamén o fora pero esta quizáis sexa un pouco mellor incluso”, afirma José Manuel. 

Os pagos aos provedores de forraxe realízase según calidade en base ás mostras que se toman para as analíticas

A forraxe págase segundo calidade, para o que se toman mostras para analíticas a todas as descargas

No caso do silo de herba recollen normalmente un único corte nunhas 300 hectáreas de superficie. “Depende moito do manexo de cada socio, pero normalmente os segundos cortes utilízanos nas explotacións para facer algo de silo para a recría ou as vacas secas ou fan antes un corte de limpeza, pero o que vén para nós é normalmente o corte principal”, indica.

Na planta de San Xulián da Veiga elabóranse diariamente entre 75 e 80 toneladas de mestura húmida e entre 5 e 6 de mestura seca

Isto permítelles traballar con forraxes de alta calidade. “Na herba, sempre que o tempo o permite, tratamos de traballar con porcentaxes de materia seca por enriba do 30%, para non transportar auga e reducir os lixiviados nos silos. O mesmo que no millo, onde procuramos traballar co 35% de materia seca”, salienta o responsable da planta. 

A xestión das terras é por conta dos donos das fincas

Picado do millo, realizado este ano con colleitadora e remolques do parque da cooperativa Aira

Picado do millo, realizado este ano con colleitadora e remolques do parque de maquinaria da cooperativa Aira

A diferencia de instalacións similares, como o Centro de Alimentación de Vacún de Irmandiños, a planta de Aira en Sarria non realiza a xestión das terras dos socios. “Nós non xestionamos as fincas, trabállanas os propietarios e nós mercámoslles a colleita”, explica José Manuel. Con todo, saben dun ano para outro con que hectáreas contan e fanlles as recomendacións de cultivo, ademais de decidir a época de recollida, pero os gastos de sementeira ou os tratamentos son por conta dos donos das parcelas. 

Traballan con porcentaxes de materia seca do 30% no caso da herba e do 35% no caso do millo

Os provedores non teñen por que ser socios consumidores da mestura, é dicir, ganderías ás que se lles serven racións de alimentación, aínda que se prioriza a entrada de forraxe procedente destas explotacións. “No caso da herba, chéganos coa dos socios que consumen a mezcla húmida, pero o millo non nos chega o dos clientes aos que servimos a ración e mercamos no entorno de Sarria, en Meira e en Pol, onde hai xente que se adica a plantar millo para vender”, explica José Manuel. 

Servizo diario ás explotacións

Cargando un dos camións que se encargan do reparto da mestura húmida ás explotacións

Cargando un dos camións que se encargan do reparto da mestura húmida ás explotacións

Cando máis traballo hai na planta é nas épocas de facer os ensilados tanto de herba como de millo e o resto do ano mantense un plantel fixo para elaborar as racións e servilas ás granxas. Un traballador é o encargado de desensilar, outro de fabricar as racións e dous máis do transporte.  

A planta traballa os 365 días do ano e a actividade na nave onde se realizan as mesturas comeza cedo. Antes das 7 da mañá comezan a saír as primeiras racións húmidas que os dous camións de reparto levan ás ganderías. Son dous vehículos compactos con báscula que descargan directamente en comedeiro e que levan unhas 10 toneladas de comida en cada viaxe. 

A partir das seis e media da mañá comezan a elaborarse na planta as racións húmidas que os dous camións de reparto levarán ás ganderías 

Unha vez se acaban de facer as racións húmidas límpase o carro e fanse as mesturas secas, que cambian o silo de millo e o silo de herba por alfalfa, palla e feno de avena como forraxes principais. 

Coa mestura húmida o radio de acción no que se sirve ás ganderías é de 10-12 quilómetros arredor da planta. Trátase dun servizo diario e a media por explotación está arredor das 2-3 toneladas, en función do tamaño e número de cabezas a alimentar. Co reparto da mestura seca chegan a lugares máis distantes, como Becerreá ou Chantada e mesmo teñen servido tamén á Granxa Gayoso Castro.

Racións secas e húmidas

Zona de elaboración das mesturas dentro da planta

Zona de elaboración das mesturas dentro da planta

“Facemos racións secas e racións húmidas. Nas racións húmidas hai dúas, unha para ganderías con muxido automatizado, na que temos en conta na formulación o punteo de concentrado que fai o robot, e outra estándar para explotacións que moxen en sala”, detallan.

Fan unha ración específica para seis explotacións que dispoñen de robot de muxido

En canto a mesturas secas, a variedade é maior, xa que ademais de racións para vacas de leite, tanto para robot como convencional, fan tamén preparados para novillas, para vacas secas e para preparto.

“A mestura seca a vantaxe que ten é de transporte e almacenamento, xa que podes levar o camión enteiro, dado que ten días de caducidade similares aos dun penso, polo que as racións secas de lactación usámolas para levar a ganderías que están máis lonxe”, explica José Manuel. 

Encarecemento das materias primas

Traballan en base a ensilados propios para reducir a dependencia da compra de insumos externos

Traballan en base a ensilados propios para reducir a dependencia da compra de insumos externos

A base principal das racións húmidas é o silo de millo e de herba que empregan como forraxes. Antes empregaban tamén alfalfa, pero desde hai un par de anos deixaron de usala polo seu alto custo e substituírona por máis silo de herba e de millo de colleita propia.

“Miramos bastante o prezo dos insumos. Ás veces un produto entra ou non na ración por tema de custos. Traballamos en base aos nosos propios ensilados e acabamos de equilibrar as racións co resto de materias primas”, explica José Manuel.

As fariñas cos correctores veñen da fábrica de pensos de Taboada e o resto de insumos mércanse desde a central de Aira para obter mellores prezos

A fábrica de Aira en Taboada sírvelles as fariñas para o concentrado, xa que a planta de Sarria non conta con muíño, e o resto de produtos, como son a cascarilla, a soia, a colza e a melaza, son mercados tamén en conxunto pola central de compras da cooperativa pero almacenados e dosificados para as racións xa en San Xulián da Veiga.

Ao longo do ano o prezo da ración que se serve ás ganderías non é uniforme, senón que se axusta en función do custo das materias primas necesarias para elaborala e da porcentaxe de materia seca que leve en cada momento, sobre todo tendo en conta a humidade dos silos.

Ao longo do ano o prezo da ración non é uniforme, senón que se axusta en función do custo das materias primas ou a porcentaxe de materia seca que leve

A suba das materias primas para alimentación animal que se está a producir neste ano está a afectar de maneira importante ao custo das racións que se elaboran en Sarria, que tiveron que axustarse desde principios de ano xa dúas veces ante a escalada de prezos dos cereais e da soia e a colza.

“A suba inflúe a todos, tanto ás ganderías que mercan a ración unifeed feita como ás que compran o penso e a elaboran despois eles. No caso da mestura húmida o golpe non é tan grande, xa que se traballa con porcentaxes de materia seca totais do 50%, e a suba pode ser de 5€/tonelada cando un penso pode subir 10 ou 15€ de golpe”, evidencia José Manuel. 

“As explotacións con alimentación deficiente viron aumentada a súa produción”

Centro mestura húmida Aira Sarria4A planta de San Xulián da Veiga está a piques de cumprir 20 anos. Foi impulsada no seu día pola cooperativa Cogasar, fusionada no 2018 con Agris, Icos, Coelplan e Aira para consitituír o que hoxe é Aira.

“A idea xurdiu a raíz dunha viaxe á Seu d’Urgell, en Lleida, onde a Cooperativa Pirenaica tiña implantado este servizo para vacas de leite nun sitio de montaña e con explotacións pequenas”, explica José Manuel, que formara parte desa expedición e foi o encargado de replicar o sistema, adaptándoo ás condicións galegas. 

Daquela nós aquí non tiñamos o servizo de carro e estabamos barallando se poñer carros comuneiros ou optar por este sistema

“Daquela nós non tiñamos servizo de carro mesturador aos socios e estabamos pensando en implantalo, pero a este sistema viámoslle vantaxes, como a redución de man de obra nas explotacións e tamén de investimentos, xa que co carro tes que ensilar igual na casa e precisas espazo para os silos e almacéns, mentres que deste xeito non se precisan esas instalacións nas ganderías e logras unha redución deses gastos fixos”, indica.   

Nestas dúas décadas as explotacións foron a menos, moitas pecharon e outras unificáronse, pero hoxe alimentamos unas 2.000 cabezas de gando

Pero a gran vantaxe é a calidade das racións. “A calidade da alimentación era moito máis dispar dependendo da gandería da que se tratara. Con este sistema buscabamos maior uniformidade. As explotacións máis pequenas, nas que a alimentación era máis deficiente, viron aumentada a súa produción moitísimo”, destaca José Manuel. 

Unha planta pioneira

Vista xeral da planta ubicada en San Xulián da Viega, no concello de Sarria

Vista xeral da planta ubicada en San Xulián da Viega, no concello de Sarria

Aquela mellora animou a moitas explotacións da comarca a pasarse ao sistema de cátering para alimentar o seu gando. “Houbo un boom inicial, supoño que polo efecto novidade tamén, e chegamos a servir a 85 ganderías. Hoxe estamos nunhas 36 e hai un grupo de explotacións que están desde os comezos, aínda que unha ducia daquelas explotacións iniciais fusionáronse para constituír Prolesa e a propia evolución do sector nestes anos fixo tamén que houbese máis baixas que altas”, explica. Con todo, o número de animais alimentados desde a planta de San Xulián da Veiga achégase ás 2.000 cabezas. 

Seguindo o exemplo da planta de Cogasar en Sarria, noutras comarcas leiteiras de Galicia tamén se crearon centros similares, como o CAVI de Irmandiños en Barreiros ou as instalacións de Ganxabar en Mazaricos, que seguen a ser a día de hoxe os tres centros de xestión de forraxes en conxunto existentes na comunidade. 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información