SAT Casa Carballo, camiño das 450 vacas en produción

Os irmáns Jose e Iago Villamide están á fronte desta explotación ubicada en Torneiros, no concello de Pol, que traballa 170 hectáreas de superficie e conta cunha biocélula para producir compost para as camas do gando

Iago e Jose, xunto a un dos lotes de vacas en produción da súa granxa

Iago e Jose, xunto a un dos lotes de vacas en produción da súa granxa

Casa Carballo é unha SAT familiar ubicada nas Veigas, na parroquia de Torneiros, pertencente ao concello de Pol, que suma xa a terceira xeración de gandeiros. Á fronte están os irmáns Jose e Iago Villamide. Forman parte tamén da SAT os seus pais, José e María, aínda que xa están xubilados.

Están a muxir neste momento 360 vacas e contan cunhas 700 cabezas totais, pero queren seguir medrando. “Imos ver como nos podemos adaptar á normativa, porque o novo Real Decreto limita o crecemento de granxas como a nosa”, recoñece Jose.

Están a preparar unha ampliación para situarse en dous anos en 450 animais en produción. O proxecto inclúe facer outra nave con capacidade para 180 animais para aumentar ás vacas de leite e ter máis cómodas as vacas secas e as xovencas. “Queremos seguir mellorando tamén outras infraestruturas; imos facer outra fosa de xurro e un novo silo”, explica Jose.

Biocélula para poder seguir medrando

Cadro de mando do sistema de separación e hixienización do purín

Cadro de mando do sistema de separación e hixienización do purín

Jose incorporouse no ano 1999 e o seu irmán Iago no 2007. Desde entón non pararon de medrar, aínda que desde o 2014 a gandería estaba estabilizada entre 250 e 260 vacas en muxido.

 “Ao pasar de 300 cabezas adultas non nos daban licenza por carga gandeira, estabamos limitados”, explica Jose. Para poder seguir medrando víronse obrigados a instalar unha biocélula para tratamento do purín. “Ao poñer o separador xa cumprimos co estudo ambiental e puidemos seguir incrementando o número de cabezas e nos últimos dous anos aumentamos en 80 vacas en produción”, conta.

O custo do sistema achégase ao medio millón de euros

O sistema, de fabricación alemá, achégase ao medio millón de euros de investimento para unha granxa do tamaño desta explotación e para a súa instalación recibiron unha subvención do 35% por tratarse dun modelo innovador.

Incremento da recría

Zona onde están os lotes de recría na amamantadora

Zona onde están os tres lotes de recría na amamantadora, con cama tamén de compost

Casa Carballo está aumentando a recría coa intención de medrar sen ter que comprar animais. “Estamos poñendo seme sexado en todas as primeirizas e tamén en vacas de primeiro e segundo parto que nos interesan”, detallan.

O resto das vacas levan seme convencional e a partir da cuarta inseminación pasan ao touro. “Temos dous, un coas vacas repetidoras e outro coas xovencas inseminadas. É unha boa cousa, porque sempre salvan algunha vaca”, asegura Jose, aínda que a día de hoxe están logrando un índice de fertilidade moi alto.

Teñen dous touros, un para as vacas repetidoras e outro para as xovencas que non quedan preñadas

“Neste momento estannos empreñando moi ben as vacas. Eu achácoo un pouco a todo, a unha suma de distintos factores que fomos mellorando: por un lado, as camas están funcionando moi ben; por outro lado, facemos ración de preparto, que antes non faciamos e as vacas están parindo ben; e no establo de arriba, que é o máis baixo, cortamos a parede e metemos unha lona perforada para que ventile máis no verán”, enumera.

Zona exterior onde están as vacas secas, con cama fría de compost

Zona exterior onde están as vacas secas, con cama fría de compost

O seme que usan é tanto de Xenética Fontao como de ABS, que lles fai tamén os acoplamentos, mentres que os machos para sementais mércanllos de pequenos á gandería Mantoño Holstein.

Preferimos metelas un pouco máis tarde á amamantadora, non nos convence para xatas de 10 días

Contan con amamantadora pero os primeiros 20 días as becerras están en boxes individuais e aliméntanas cun taxi-milk pasteurizador. “Preferimos metelas máis tarde á amamantadora, non nos acaba de convencer para xatas pequenas, de 10 días”, di Jose.

Tralo reagrupamento na amamantadora, permanecen no seu lote (teñen tres en función da idade) ata que cumpren coas condicións para ser destetadas. “Imos destetando por peso e condición corporal, se van moi ben e comen xa penso, que teñen dispoñible desde que nacen, destetámolas entre os 60 e os 70 días de vida pero se vemos que van retrasadas témolas un pouco máis, como máximo ata os 3 meses”, explican.   

Nótase moito no crecemento a diferenza de estar en cama quente ou en parrillas

Neste momento están logrando xatas de boa talla e estanas inseminando con 12 e 13 meses. “Nótase moito a diferenza de estar en parrillas a estar en cama quente, nas parrillas frean o crecemento”, asegura Jose.

Teñen un establo alugado en Fonfría, pertencente á antiga SAT Os Picos, onde lles caben unhas 120 cabezas e que destinan á etapa intermedia de recría, a partir dos 7 meses. Unha vez preñadas e confirmadas, volven para as instalacións de Torneiros, onde teñen saída ao pasto.

Man de obra e relevo xeracional

A granxa conta con 4 empregados, que se centran nas tarefas de muxido e a atención do gando

A granxa conta con 4 empregados, que se centran nas tarefas de muxido e a atención do gando

A granxa funciona habitualmente con  6 persoas, 4 empregados e eles dous, aínda que nalgún momento poden contar con algún reforzo puntual para cubrir libranzas ou vacacións.

Jose e Iago encárganse de todo o traballo agrario, de facer as racións para o gando e da inseminación, mentres que o traballo dos empregados céntrase en muxir e atender as becerras de recría.

Se non tivesemos relevo por detrás seguramente non nos meteriamos a novos investimentos e ampliacións

Aínda que os dous irmáns son persoas aínda novas, están xa a pensar en dar entrada aos seus fillos na explotación para garantir a súa continuidade. “Eu penso que un dos problemas que se dá moitas veces para o relevo das granxas é que os pais non permiten que os seus fillos entren a tomar decisións mentres que están eles e iso é un erro, porque se os fillos acábanse apartando porque sinten que non son tidos en conta e acaban buscándose outra cousa na que traballar fóra da explotación, iso despois leva a que cando o pai se xubila xa non teña quen colla a granxa”, razoa José.

Sala de 28 puntos

A granxa conta con 4 empregados, que se centran nas tarefas de muxido e a atención do gando

A granxa conta con 4 empregados, que se centran nas tarefas de muxido e a atención do gando

Moxen tres veces ao día, ás 6 e media da mañá, ás 2 e media da tarde e ás 9 e media da noite. Hai 10 anos que se pasaron aos tres muxidos para aumentar produción e mellorar o benestar do gando. Están a muxir neste momento unhas 360 vacas, con medias de produción de 39 litros por vaca e día, cun 3,90% de graxa e un 3,35% de proteína.

Habitualmente hai tres persoas en cada turno de muxido, dúas na sala e unha máis metendo vacas e facendo camas. “Antes tiñamos só dúas persoas, unha na sala e outra metendo os lotes, pero facíase algo xusto para o que estaba muxindo, porque temos unha sala de 28 puntos”, detalla Jose.

Hai ano e medio substituíron os podómetros por colares en todos os animais para ter máis datos e mellorar a detección de celos

Os animais en produción están repartidos en 5 lotes: un de primeiro parto; outro de vacas adultas; un terceiro lote de vacas preñadas que están para secar e vacas retrasadas que non empreñaron, onde teñen un dos touros; o cuarto de vacas paridas de menos de 2 meses;  e o último de vacas que é necesario tratar.

Secado selectivo

Separan as vacas dous días antes de secalas e cámbianlles a alimentación pola ración de secas

Separan as vacas dous días antes de secalas e cámbianlles a alimentación pola ración das secas

As limitacións crecentes ao uso de antibióticos leváronos a introducir o secado selectivo. “Antes poñiamos antibiótico e tapón a todas as vacas e agora só poñemos o selador interno. O antibiótico só o levan os casos problemáticos, que representan arredor do 1% das vacas”, explica Jose.

Para favorecer a baixada no leite un par de días antes do secado sepáranas para unha zona aparte na que lles reducen a alimentación, pasándoas á ración de secas. Logo fan muxiduras alternas, unha si e unha non.

“É algo máis complexo de levar a cabo e non tes tantas garantías. Nós antes, cando poñiamos antibiótico, nunca unha vaca perdemos por problemas no secado; agora hai veces que si, porque no cambio as vacas sufren estrés e se teñen unha pequena infección dalles mamite e fiebre e xa non logras recuperar a vaca”, din.

O Centro Veterinario de Meira é quen lles leva tanto a parte de calidade do leite como a parte de reprodución

Por iso Jose considera que as restricións no uso de medicamentos en moitas ocasións están a levar ás ganderías a mandar prematuramente ao matadoiro vacas que doutro xeito se tratarían para tentar curalas.

“Como cada vez tes menos alternativas para darlles, moitas veces cando xorde un problema xa non te arriscas a gastar nelas. Cando nós podiamos ter un pequeno botiquín, nada máis detectar un caso xa o tratabamos, agora hai que agardar a facer un antibiograma e que veñan os resultados e pérdese un tempo que é fundamental para atallar a enfermidade, tanto no caso de mamites en vacas como no de diarreas en xatas pequenas”, afirma Jose.

Baixada de 7 céntimos en abril

As xovencas preñadas saen ao exterior nunha finca a carón do establo

As xovencas preñadas saen ao exterior nunha finca a carón do establo

Casa Carballo entrega desde hai catro anos o leite ao Grupo Lence, despois de estar moitos anos en Lactalis e un ano en Reny Picot. Renovaron contrato coa empresa lucense en abril, por 3 meses, cunha baixada de 7 céntimos, e esperan que non se produzan novas baixadas en xullo.

“A ver como se presenta a segunda metade do ano pero non hai razóns para que o leite siga baixando, porque no resto de España está habendo moi pouca produción pola seca. É necesario que o prezo suba algo porque as marxes son moi axustadas e non animan a facer investimentos. Para iso necesitamos tamén estabilidade, pero neste momento non hai garantía do que vai pasar”, di Jose.

Compost nos cubículos, na recría e nas vacas secas

Mesturan o compost con carbonato cálcico e bótano cunha encamadora

Mesturan o compost con carbonato cálcico e bótano cunha encamadora cada 4 días

Até fai tres anos utilizaban como material de recheo dos cubículos unha mestura de palla e carbonato pero neste momento usan o compost hixienizado que obteñen do separador e a biocélula.

Inicialmente instalaron un sistema con capacidade para 400 cabezas pero non lles daba abasto e o material non saía coas condicións idóneas para botalo nos cubículos, o que lles xerou moitos problemas de mamites. “Perdemos unhas 150 vacas e o resto quedaron tocadas. Son animais aos que lles custa empreñar e xa non se recuperan de todo para as seguintes lactacións”, asegura Iago.

As camas de compost agora estannos funcionando moi ben, estamos entre 100.000 e 120.000 células, pero ao primeiro tivemos moitos problemas de mamites

Recoñece que os problemas iniciais fixéronlles dubidar do uso do compost como material para as camas do gando, pero substituíron a biocélula por unha de maior capacidade e neste momento están moi satisfeitos co resultado. Tanto que están a empregar o compost nos cubículos das vacas en produción e tamén na cama libre da recría ou das vacas secas.

“O material bota entre 24 e 26 horas dentro do tambor a máis de 60 grados de temperatura e sae completamente hixienizado. Desta maneira logramos un produto inerte que non apelmaza e que fai moi boa cama”, afirma Iago.

Da planta o compost sae a unha temperatura de 60 grados, cunha humidade do 40% e o que fan é estendelo para que acabe de secar. Despois mestúrano con carbonato de calcio para darlle un pouco máis de peso e que non tiren tanto cos pés as vacas. Ao botalo coa encamadora a mestura aínda se seca máis. “Recheamos os cubículos cada 4 días e xa non temos que facerlle máis nada, nin sequera hai que movelo, as vacas cos pés xa se encargan diso. A palla co carbonato tiñamos que mollala e apelmazaba moito máis”, contan.

Vantaxes a nivel agronómico

Zona de almacenaxe do compost que despois utilizan para rechear os cubículos e na cama das vacas secas e a recría

Zona de almacenaxe do compost que utilizan para rechear os cubículos e na cama das vacas secas e a recría

O material compostado pode usarse como abono orgánico nas fincas, cun alto poder fertilizante e maior nivel de asimilación que o xurro sen tratar, pero o feito de que, por normativa medioambiental, non se poida almacenar ese material compostado sobrante ao aire libre nas fincas fai que neste momento non estean a empregar eses excedentes como abono.

Pero Jose asegura que mesmo a parte líquida resultante do proceso de separación e compostado contén un poder fertilizante maior que o do purín en si. “Vémolo na herba, que medra moito máis, a planta asimila moito mellor ese nitróxeno unha vez que o xurro pasou varias veces pola biocélula”, di.

As plantas asimilan moito mellor o xurro tras pasar polo separador; a herba medra moito máis

A capacidade de almacenamento de xurro da gandería aproxímase aos 4 millóns de litros neste momento, pero teñen previsto a construción doutra fosa para ampliar en 2 millóns de litros máis para deste xeito poder gardar o purín para os momentos de demanda dos cultivos.

Mesturarlle carbonato cálcico ao compost responde tamén ao interese de mellorar o pH das terras sen ter que encalar despois á hora de facer os cultivos. “Hai máis de 20 anos que non encalamos, antes porque usabamos carbonato nas camas e agora porque llo botamos ao compost. Usamos unha bañeira cada mes e medio e temos un pH do 7 nas terras”, explica Iago.

Placas solares

Ao non usar o compost como abono, neste momento teñen adaptado o funcionamento do sistema de tratamento do purín ás necesidades de compost da granxa, con paradas de 10 minutos cada 10 minutos. Deste xeito logran reducir tamén o consumo eléctrico do sistema, que está a metade do tempo en stand by.

Para abaratar a factura da luz, Casa Carballo conta con 60 kilowatios de potencia instalada, que montaron en dúas fases. A primeira, de 25 Kwh, está destinada a venda de enerxía, mediante un contrato asinado no ano 2007 a prezo fixo e cunha vixencia de 25 anos. “Fanche falta uns 14 anos para amortizar o investimento e despois cada tres meses de facturación un vai para pagar impostos”, explica Jose. A outra instalación, de case 40 Kwh, foi montada hai 5 anos e está destinada a autoconsumo da granxa.

“Temos reservas extra de comida para 10 meses; iso danos moitísima tranquilidade”

Van facer un novo silo para meter a colleita de millo deste ano

Van facer un novo silo para meter nel en outubro a colleita de millo deste ano

Casa Carballo traballa unha superficie de 170 hectáreas. Unha parte delas son en propiedade e outra parte arrendadas, de ganderías que van pechando. Deste xeito conseguiron ampliar nos últimos anos a superficie agraria a medida que ían medrando en número de cabezas mesmo a un ritmo superior ao que ían precisando.

“Dispoñemos neste momento de comida extra para 10 meses. Acabamos de abrir o silo de millo do ano pasado e o que estamos gastando de herba é de hai dous anos. Esas reservas que temos almacenadas dannos moita tranquilidade para poder medrar e son unha garantía en caso de que veña unha colleita mala”, din.

Nunhas 135-140 hectáreas fan rotación millo-raigrás e as restantes están centradas da produción de herba. “Hai fincas nas que non compensa botar millo porque igual che dan só trinta e pico mil quilos de millo e se as deixas a herba vanche dar outras dúas cortas e a esas dúas cortas vaslles sacar outros vinte e pico mil quilos de herba sen ter o gasto que ten o millo.

Hai fincas nas que non compensa botar millo porque se as deixas a herba vas ter case a mesma produción con moito menos gasto

Fan eles todo o traballo agrícola, agás colleitar e picar o millo para o silo. Dispoñen dun amplo parque de maquinaria completamente equipado. Teñen segadoras rotativas, xuntadores e remolques para recoller a herba; grada rotativa, grada rápida e sementadora para botar o millo; cisternas con inxectores para botar o purín, telescópicas, carro mesturador, etc.

Están a apostar por máquinas de última xeración, como tractores con sistema de autoguiado ou unha sulfatadora equipada con sistema GPS que permite optimizar as pasadas e reducir o volume de fitosanitarios utilizado.

Adiantar a sementeira por mor da seca

Labran unhas 140 hectáreas a millo, que rotan con raigrás

Labran unhas 140 hectáreas a millo, que rotan con raigrás

Dispoñer de parque de maquinaria propio permítelles recoller o raigrás no seu momento óptimo, mellorando deste xeito a calidade do silo. “O de herba estanos dando un 30% de materia seca e un 15% de proteína. O silo de millo saíunos o ano pasado bastante seco, cun 38% de materia seca e un 36% de amidón”, detalla Jose.

A campaña de ensilado de herba deste ano foi “moi boa” nesta gandería, que fai 2 cortes nas fincas que rotan con millo, e mesmo 3 nas parcelas que son mellores. “Sempre faciamos tres cortes en todas, pero este ano preferimos botar o millo un pouco antes. Aquí nesta zona é bastante seco e hai pouco solo, polo que necesitamos que cando vén a calor no verán o millo estea xa ben criado”, explica Jose.

Este ano preferimos facer unha corta menos de herba e botar máis cedo o millo por se vén a seca

Comezaron a sementeira arredor do 20 de abril nas primeiras parcelas que labran e remataron un mes despois nas 30 hectáreas nas que fixeron unha terceira corta de herba, nas que acabaron de botalo na semana do 20 de maio.

“O millo quere abono”

O primeiro corte de herba fano a principios de marzo, aínda que este ano adiantárono a finais de febreiro. Despois cada 40 días fan outro. Para os primeiros cortes abonan só con purín e para o terceiro utilizan un NAC 27.

O consumo de abono é, sen embargo, moito maior na sementeira do millo. “O millo necesita abono. A planta para dar 50.000 quilos ten un consumo para ese crecemento e hai que aportarlle esas necesidades. Como o prezo do abono está sendo moi alto, houbo moitas ganderías que este ano mercaron abonadoras para aplicación localizada para botar menos quilos, pero eu penso que iso non funciona de todo. Quizais para que arranque e enraice ao principio si, pero despois a raíz ten que buscar para que cando chegue a seca teña máis superficie”, razoa Jose.

Empregamos uns 600 quilos de abono por hectárea e logramos uns 50.000 quilos de produción

Casa Carballo o que fai antes de arar é abonar con purín e despois complementar cun abono químico nitroxenado de liberación lenta 25-9-9. Nas fincas que non levan purín botan un abono NPK 8-24-16 ou 8-24-8 e algo tamén de liberación lenta. “Até hai poucos anos botabamos entre 800 e 1.000 quilos de abono por hectárea, pero agora baixamos a uns 600 quilos e esa cantidade faille falta”, asegura.

“Levabamos 4 anos moi bos de produción, logrando entre 48.000 e 50.000 quilos por hectárea, pero o ano pasado sacamos sobre 10.000 quilos menos por hectárea con respecto ao habitual. Aquí apertou moito a seca”, lembra Jose.  

Pesan os rendementos para ter control da produción das fincas

Báscula á entrada da explotación, pola que pasan todos os insumos que entran á granxa

Báscula á entrada da explotación, pola que pasan todos os insumos que entran á granxa

Casa Carballo ten instalada unha báscula á entrada da granxa pola que pasan todos os insumos que entran na gandería. Tamén as forraxes que eles mesmos producen. “É unha maneira de levar control da produtividade das terras. É algo que che axuda a tomar decisións porque ás veces lévaste sorpresas”, recoñece Jose.

A báscula montárona xa fai bastantes anos despois dunha visita a varias explotacións en Cataluña. “Dixéronme este é o aparato máis rendible da granxa, pero só llo vas notar os tres primeiros meses. E aquí pasou iso”, di.

Compra directa das materias primas en porto

Silos para a colza e a soia, que mercan directamente no porto

Silos para a colza e a soia, que mercan directamente no porto

Esta gandería de Pol foi das primeiras en mercar directamente os cereais e elaborar os seus propios concentrados. “Comezamos tendo muíño hai máis de 20 anos pero dábanos algo de alerxia o po. Agora seguimos traendo directo do porto a soia e a colza, pero a fariña de millo traémola xa moída e mesturada cos correctores”, conta Jose.

Sempre mercan cun ano de antelación, tratando de pechar prezos que lles permitan un aforro económico. Pero, ademais do abaratamento logrado, un dos principais aspectos que destacan é o de “saber o que estás metendo na ración”.

Dispoñen de carro mesturador propio e elaboran ata 5 racións diferentes para o gando. Aínda que elaboran só unha para os distintos lotes de produción, fana dúas veces ao día para subministrala fresca aos animais. Leva 30 quilos de silo de millo, 15 de silo de herba, 6,5 kg de fariña de millo e correctores, 2,5 kg de colza e 3 kg de soia.  

Fan unha ración única para as vacas en muxidura dúas veces ao día

A maiores fan unha ración para vacas secas, outra de preparto, e dúas para a recría, unha para xatas ata 12 meses e outra para xovencas xa preñadas. Este ano van facer tamén herba seca nas fincas nas que non botan millo para substituír a palla nas racións das vacas secas e xovencas.

“Na ración das secas agora mesmo xa estamos a un 50% de palla e outro 50% de herba seca e nas xovencas xa non estamos metendo palla. Nós mercamos a palla a 90€ pero xa subiu moito porque hai moita escaseza”, admite.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información