O verme gris, unha ameaza para esta campaña do millo: claves para controlalo

O aumento destas larvas nas leiras provoca a seca das plantas e obriga a ter que volver sementar as zonas afectadas. Advirten sobre os danos que poden darse no tempo da colleita polos ataques serodios da rosquilla. Recollemos as recomendacións para afrontar esta praga

O verme gris, unha ameaza para esta campaña do millo: claves para controlalo

Planta de millo murcha tras un ataque de rosquilla.

Esta primavera moitas plantacións de millo están a verse afectadas a causa do verme gris (Agrotis segetum), coñecido tamén como rosquilla do millo, por ser unha das plantas das que se alimenta. Nalgunhas zonas está a causar auténticos estragos no cereal, obrigando mesmo a ter que volver sementar boa parte da parcela.

O verme gris é unha larva que adoita estar presente en Galicia e deixar danos puntuais nos cultivos, pero esta campaña está a rexistrase unha explosión da praga, o que provoca que algunhas plantacións se vexan seriamente afectadas, sobre todo aquelas que foron sementadas máis tarde. Ademais do millo, esta larva está afectando este ano tamén de xeito significativo a outros forraxes coma o xirasol ou cultivos como a cebola ou mesmo a pataca.

As plantacións nas que a sementeira se fixo máis tarde son as máis afectadas

Están a localizarse danos en toda Galicia, a excepción daquelas zonas máis frías, onde parece haber unha menor incidencia do verme. Nas comarcas coruñesas de Ordes ou Bergantiños detectáronse importantes danos en parcelas, o que obrigou a volver sementar. “Dende Oficinas Agrarias Comarcais de Coruña e Lugo infórmannos de que está habendo danos e chaman para preguntarnos como abordar a praga”, apuntan dende o Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo (Ciam).

Por que este ano hai máis vermes?

Os expertos coinciden en sinalar en que este ano se deron condicións moi favorables para que boa parte dos ovos sobrevivan e haxa unha explosión de vermes, que é a fase na que causa maiores danos ós cultivos. No caso do millo, o propio ciclo da praga é bastante parello ó do millo, polo que é un dos cereais máis afectados.

“O inverno suave que tivemos este ano é a causa de que se dera esta explosión de vermes”: Jesús Collar, investigador experto do Ciam

“O inverno suave que tivemos este ano é a causa de que se dera esta explosión de vermes”, explica Jesús Collar, enxeñeiro agrónomo do Ciam e un dos maiores expertos en Galicia sobre esta praga. Os vermes precisan de temperaturas cálidas para sobrevivir, entre 24 e 28 graos, así como un alto grao de humidade e sobrevive mesmo en zonas anegadas, o que está a deixar unha gran incidencia dende zonas de Mazaricos (A Coruña) ata Allariz (Ourense), como apuntan dende o Ciam.

verme gris millo rosquilla

Verme gris a carón dunha planta de millo.

“Outras primaveras rexístrase máis frío en marzo e abril e boa parte dos ovos ou os vermes nas primeiras fases acaban morrendo, mentres que este ano o calor propiciou que sobrevivisen máis individuos”, explica José Manuel Medeiros, enxeñeiro agrónomo e xefe de ventas na cooperativa AIRA.

Tamén hai que ter en conta que é unha praga moi explosiva, é dicir, cun rápido crecemento, o que provoca que tras detectar os primeiros danos, se non se trata poidan verse afectadas moitas plantas.

Danos máis alá do tempo da sementeira

O verme gris, a partir do terceiro estadio, vive enterrado no solo, a unha profundidade de entre 1 e 2 centímetros e aliméntase da parte central do millo nas primeiras fases de desenvolvemento do cereal. O ciclo do millo e o do verme coinciden no tempo, polo que a etapa máis susceptible para o cereal é tamén a de desenvolvemento do verme na terra.

“Nas plantas danadas polo verme gris durante o cuarto e quinto estadio os síntomas son facilmente recoñecibles: cortan ou roen o colo, perfórano internamente e ascenden pola cavidade do talo ata certa altura”, detalla un informe sobre a praga elaborado polo grupo de traballo fitosanitario de laboratorios do Ministerio de Agricultura. Deste xeito, as plantas aparecen murchas e acaban por secar se o ataque se produce precisamente nas primeiras fases de crecemento.

O millo é moi sensible ó ataque do verme mentres que non conta con 6 ou 8 follas, de xeito que acaba secando cando a rosquilla lle roe o colo

Mentres o millo se atopa en estado de plántula, é dicir ata que non se acada o peche do millo e o cereal non conta con 6 ou 8 follas, é a fase máis delicada e onde o ataque de rosquilla pode deixar máis danos, xa que fai secar a planta.

As altas temperaturas e o alto grao de humidade rexistrados están ocasionando que as plantacións que foron sementadas máis tarde estean a ter máis danos. “As plantacións que se fixeron a mediados de maio están a ter máis danos”, explica Juan Valladares, investigador do Ciam.

Recomendan controlar a praga nas leiras de millo para evitar que os ataques serodios, que afectan ás raíces secundarias, rematen por tumbar as plantas cando estean próximas á colleita

Máis alá dos danos que pode causar o verme nas primeiras fases de crecemento do millo, tamén é importante manter baixo control a praga, xa que tamén pode causar danos no desenvolvemento da planta que rematen por condicionar a colleita. “Os ataques serodios de rosquilla afectan xa non á parte do talo senón ás raíces secundarias, que serven de ancoraxe da planta”, explica Medeiros.

raices afectadas por verme gris

Raíces dunha planta de millo sá e unha planta afectada por ataques de rosquilla.

“Se os ataques de rosquilla son máis tardíos aféctanlle ás raíces sostén e cando a planta está alta pode acabar tumbada polo vento”, confirma Collar. Así, os ataques tardíos de rosquilla poden provocar que a planta caia antes de que chegue a criar espiga ou a madurar, obrigando a ensilar antes de tempo, como ten ocorrido xa noutras campañas.

Mentres que os ataques cando o millo é máis pequeno son fáciles de detectar, xa que as plantas acaban murchando, cando se trata de ataques serodios a planta non presenta danos aparentemente, polo que é moi importante revisar a terra para comprobar a presencia de vermes.

Medidas para atallar a praga

Ó tratarse dun verme que permanece enterrado, os expertos coinciden na importancia de revisar os cultivos para coñecer a afección real da praga. “Cómpre remexer a terra preto da planta para comprobar a cantidade de vermes que hai”, explican os investigadores.

Unha vez constatada a presenza da praga recomendan tratar para evitar que siga causando danos tanto inmediatos como con ataques serodios. Recollemos algunhas das recomendacións e consideracións a ter en conta para atallar a praga:

-Tratamentos

-Os tratamentos autorizados e máis comúns para atallar a praga son insecticidas piretroides coma Delta EC Deltametrin ou Lambda cihalotrin.

-Tamén hai tratamentos biolóxicos, moi empregados para cultivos de horta xa que carecen de prazos de espera de seguridade que gardar. “Dentro do Bacillus thuringiensis a variedade aizawai é a máis eficaz para o verme gris. Tamén a variedade Kurstaki pode resultar útil”, explica Collar. Como recoñece o experto, estes tratamentos ademais de ter un custo máis elevado, tampouco teñen gran eficacia se o verme se atopa nos estados finais das fases da súa evolución.

-Hai expertos que apuntan tamén ó emprego de nematodos entomopatóxenos, como a Steinernema feltiae, que para os tratamentos de solo poden ser moi efectivos.

-Aínda que non hai consenso entre os expertos, Collar apunta que incorporar solucións granuladas pode ser tamén unha alternativa nas primeiras fases da praga. “Se cando se comeza a preparar a terra para o cultivo se realiza un control previo e se comezan a ver larvas é recomendable empregar estes granulados para atallar xa a presenza da praga”, concreta. Mentres, outros técnicos recoñecen que estas solucións non lles resultaron efectivas.

-Método de aplicación

-É recomendable empregar abundante caldo de auga para a súa aplicación, xa que así conséguese chegar mellor onde se atopa o verme. “Adoitamos empregar entre 800 a 1.000 litros por hectárea”, explica Juan Valladares.

-Debe aplicarse en días nubrados e sen choiva, para evitar que a auga remate arrastrando o produto.

-Recoméndase aplicalo insecticida nas últimas horas do día, xa que é unha solución que se degrada coa luz e dado que o ciclo de actividade do verme tamén é nocturno. “É un insecticida por contacto, polo que se busca que o verme estea en contacto con el cando sae a comer polas noites”, explica Collar.

-Se hai moita cantidade de vermes recoméndase tratar aínda que o millo xa teña máis de 8 follas, para evitar que se produzan ataques serodios que afecten ás raíces secundarias e ó ancoraxe da planta adulta.

-Aproveitar para aplicar un abono foliar. “Se é preciso entrar na finca para aplicar o insecticida pode ser moi acertado aproveitar para aplicar un abono foliar, cuxo custe por hectárea é baixo e axuda moito ó desenvolvemento do millo”, aconsella Medeiros.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información