Fala coa tranquilidade, o coñecemento e a madureza propias dunha persoa que levase toda a vida traballando con vacas e, ao mesmo tempo, coa ilusión dun rapaz de tan só 22 anos que está a facer o que lle gusta. Pablo Rodríguez é gandeiro por vocación, un mozo que está a labrar o seu futuro no rural, alí onde outros moitos da súa xeración non ven oportunidades.
“A explotación collina de meus avós, era unha gandería familiar, unha explotación de subsistencia con 12 vacas de leite e outras tantas de carne rubias. A explotación xa estaba a nome de miña tía pero no 2016 ela xubilábase tamén e non había quen seguira. Xusto nesa época eu estaba estudando, tiña 18 anos, e decidín collela eu. Os meus pais nunca se dedicaron a isto, viviamos en Quiroga, onde o meu pai tiña un taller e a miña nai traballaba na residencia de maiores. Eu vivín alí, en Quiroga, até os 18 anos, até que me vin para aquí a montar a explotación. Ao meu pai dáballe medo porque eu era un neno e o investimento non era pequeno, pero eu tiña claro que me quería adicar a isto desde pequeno, sempre me gustaron as vacas. Así que no 2016, con 18 anos e seis meses, incorporeime e pedín un Plan de Mellora, que me denegaron porque non eramos unha explotación prioritaria ao ser tan pequeniña. Pero volvín pedilo ao ano seguinte e ao segundo intento aprobáronmo. Fixen unha nave nova con 60 cubículos, unha fosa de purín dun millón de litros de capacidade e un silo de trincheira. E empecei”.
Así narra Pablo os seus inicios como gandeiro. Agora, con 22 anos, xa pensa en ampliar. “Este ano fixen obras no establo vello para as vacas secas e en 2 anos quero dobrar a nave de produción”, avanza. A nave que fixo xa foi pensada para iso e deseñada pensando na ampliación. Pablo ten todo o futuro por diante e quere que o seu establo de nova construción tamén teña esa capacidade.
Déixome aconsellar tanto polos técnicos como por outros gandeiros que levan máis tempo ca min, porque eu comecei a cegas nisto, os meus pais nunca se adicaron á gandería
Malia a súa mocidade, Pablo está á fronte da súa propia explotación, Gandería Xuíz SC, e trata de formarse e mellorar todos os días. “Aprendo moito dos veterinarios e doutros gandeiros, déixome aconsellar tanto polos técnicos como por outros gandeiros que levan máis tempo ca min, porque eu comecei a cegas nisto, os meus pais nunca se adicaron á gandería e a explotación dos meus avós era de simple subsistencia e o 90% do que facían non me servía para copiar, ao contrario, era contraproducente”, argumenta.
Gando mercado en Francia
Pero aquela pequena explotación familiar permitiulle non ter que comezar de cero. “Dos meus avós herdei as fincas, 20 hectáreas ao redor da explotación todas chas e boas de traballar. Era unha mágoa que quedaran sen aproveitar. E herdei tamén unhas poucas vacas que me axudaron a empezar. As 12 rubias que había vendinas e con iso comprei as primeiras 10 vacas de leite que merquei e que engadín ás 12 pintas que xa tiña tamén na casa”, conta.
Pablo ten hoxe 56 vacas en produción, ás que se engaden 18 secas e 32 becerras e xovencas de recría, que fan un total de 106 cabezas. “Comecei muxindo as 12 que tiña e merquei o primeiro mes outras 10 vacas recén paridas e logo todos os meses fun comprando unha ou dúas vacas, o 50% delas de Francia, Ganados Barreira Bascuas de Lugo foi quen mas trouxo, 7 ou 8 aínda este ano, e o resto en ganderías referentes desta zona, como Gandería Tío Andrés, de Sarria, ou de outras zonas de Galicia, como SAT Familia Martínez, da Coruña, a quen comprei os últimos catro animais”, indica.
Ti colles os datos do Control Leiteiro e as de Francia están no 5% de graxa. Eles levan anos enfocando a xenética a producir sólidos e eu penso que o futuro vai por aí
Optou por mercar fóra parte dos animais porque considera que é un dos xeitos máis doados de mellorar a xenética do rabaño no aspecto relacionado coas calidades do leite. “Lévannos moitos anos de vantaxe niso. Ti colles os datos do Control Leiteiro e as de Francia están no 5% de graxa, e dan leite igual cas outras. Eles levan anos enfocando a xenética a producir sólidos e iso nótase, e eu penso que o futuro vai por aí”, considera.
Aposta polas calidades
Gandería Xuíz entrega o leite a Río. De marzo de 2019 a marzo de 2020 asinou a 29 céntimos, máis a prima de cantidade, que no seu caso eleva o prezo a 32 céntimos, ao que hai que engadir a prima por calidades e o IVE e esta primavera renovou por un ano máis nesas mesmas condicións.
“Río empezou a pagar o ano pasado a proteína, até entón non o valoraban. Eu penso que o futuro vai ser producir sólidos, todas as empresas van ir por aí e eu quero estar preparado porque a xenética non é algo que se poida cambiar dun día para outro”, razoa.
Eu penso que o futuro vai ser producir sólidos, todas as empresas van ir por aí e eu quero estar preparado porque a xenética non é algo que se poida cambiar dun día para outro
Por iso, Pablo está a focalizar a inseminación das súas vacas cara a produción de graxa e proteína. “O 95% da xenética que poño son touros americanos, gústanme máis, quizais sexa unha manía miña, e o outro 5% é de Fontao. Fíxome moito no TPI e no mérito neto dos touros e miro sólidos, porque penso que os tiros van por aí”, recalca.
Coa intención de mellorar o nivel xenético da súa cabana Pablo mercou o ano pasado, na III Poxa de Elite de Gando Frisón celebrada en Curtis en marzo do 2019, a medias co seu curmán Fernando, da Gandería Tío Andrés, de Sarria, unha becerra de 4 meses, Cundis Cisma Pinnacle, da explotación Cunordam SC, de Zas, por 3.700 euros. “Agora está preñada e extraímoslle tamén embrións para implantar”, conta Pablo.
Porcentaxe de detección de celos do 92%
Nesta explotación logran unha porcentaxe de detección de celos do 92,31% (“se está por enriba do 70% xa está moi ben”, matiza Pablo), un 54% de fertilidade e unha taxa de preñado do 47,16%, cunha media de 161 días en leite, empregando de promedio 1,8 doses.
Fan o control reprodutivo cada 15 días. “Traballo con Seragro, tamén me fan a podoloxía, e o mesmo veterinario que me fai a reprodución é nutrólogo e encárgase tamén da alimentación, así se non me empreñan as vacas non lle pode botar a culpa ao nutrólogo, porque é el mesmo, e así se teño que discutir discuto cun só”, di.
Poñen seme sexado tanto en vacas como en xovencas para seguir medrando
A primeira inseminación é sempre con sexado tanto en vacas como en xovencas e nestas últimas repiten tamén con sexado a segunda dose. “Quero medrar, gasto un pouco máis en seme pero sempre penso que me deberían saír máis baratas a min as xovencas que se as compro”, razoa.
Recría no centro da Deputación de Lugo
A recría tena sen embargo externalizada a través de Recría Castro, a empresa vinculada a Seragro que xestiona o centro público de recría da Deputación de Lugo. “Mándoas con 15 días, desde que lles fago a proba de cartílago. Fun dos primeiros en entrar no centro de recría de Castro, teño alí agora neste momento 32 animais e xa me comezaron a vir de volta criadas, de feito xa me pariu unha e teño agora outras tres na explotación próximas ao parto”, conta.
O 64% das vacas que ten agora en muxidura son primíparas e o resto de segundo parto
Até agora Gandería Xuíz aumentou o número de cabezas a base de mercar animais, pero a partir de agora queren seguir medrando con recría propia. “Cando me veñan as 32 becerras que teño agora no centro de recría xa case dobro con elas, por iso necesito aumentar as instalacións en dous anos para ter capacidade para elas, porque neste momento xa case teño completa a capacidade da nave”, explica.
O volume de recría do que dispón esta explotación é neste momento moi superior á taxa da reposición necesaria, debido á xuventude da súa cabana, onde o 64% das vacas que ten agora en muxidura son primíparas e o resto de segundo parto, o que lles permitirá destinar o excedente de recría que obteñen mediante o uso de seme sexado a incrementar o número de cabezas da explotación.
Extremar a hixiene na parideira
En canto á produción, a media da granxa é de 37,6 litros por vaca e día, cunha porcentaxe do 4,10% de graxa, do 3,45% de proteína e un reconto medio do ano de 109.000 células. Para obter estes resultados en canto a sólidos e calidade hixiénico sanitaria do leite, explica Pablo, inflúe, por un lado, “a xenética para a produción de sólidos das vacas de Francia” e, por outro, “o feito de que todas as vacas que teño son animais novos”.
Os bebedeiros límpanse todos os días
A maiores, Pablo coida a hixiene e prima a comodidade do gando. Ao dispor dunha nave nova, aberta e ventilada, os animais non sufren estrés por calor e os cubículos son amplos, cunha separación de 1,23 centímetros a centros con cama de area. “Recheo unha vez á semana as camas e límpoas e estíroas dúas veces ao día, o baño de pés fágoo cada 15 días e os bebedeiros, que teñen máis de 10 centímetros liñais por vaca, límpanse todos os días”, explica.
“Vixío tamén moito a hixiene no parto, procurando ter sempre limpa, enxoita e desinfectada a parideira. As primeiras 24 horas o xato está coa nai mentras non libra ben para evitarlle estrés e non acostumo ter problemas de metrite. Se o costro da nai é bo doullo á cría e senón toma do comprado. Logo doulle leite de vaca, sexa da nai ou de outra”, detalla.
Deseño das instalacións pensando no presente e no futuro
Un dos aspectos que hai que prever cando se deseñan unhas instalacións de nova construción son as ampliacións futuras, sobre todo cando se trata de explotacións con relevo ou de mozos que se incorporan. Pablo tivo iso moi en conta. Por iso separou a fosa de purín, permitindo deste xeito poder ampliar a nave para outras 70 vacas máis en produción a continuación da xa construída e despois poder duplicar esa estrutura do outro lado do corredor de alimentación, que agora queda nun dos laterais. Deste xeito, sería factible poder meter até 250 animais.
Poñer robots sen ter vacas dabondo para eles é absurdo e a sala permíteche ir medrando pouco a pouco
Pero aínda que a súa intención é seguir medrando, Pablo prefire ir pouco a pouco. Por iso, aínda que a nave está deseñada tamén para poder acoller robots sen ter que facer reformas, preferiu meter unha sala de muxido. “Puxen unha sala 2×4 Westfalia de Gea á que lle poido poñer 4 puntos máis, até chegar a 12. Aínda que o establo quedou deseñado para poñer robots e non o descarto no futuro, de feito é algo que teño en mente, poñer robots sen ter vacas dabondo para eles é absurdo. A sala permíteche ir medrando pouco a pouco até que teña vacas dabondo para instalar dous robots, porque deste xeito logras abaratar, porque o que é bombas de baleiro e outras partes da instalación serven para os dous robots, son compartidas”, explica.
Gañar superficie agraria para poder incrementar de xeito parello nos vindeiros anos o número de cabezas
Ubicada no lugar da Portela, pertencente á parroquia de Remesar, en Bóveda, pero xa case no límite con Paradela e O Saviñao, Gandería Xuíz SC dispón neste momento de 35 hectáreas de superficie agraria, 25 delas en propiedade (as que tiña a explotación do avó de Pablo) e outras 15 alugadas, que son de regadío e que se atopan na zona de Ribas, no mesmo concello de Bóveda, e en Probeiros, pertencente xa a Monforte. “Alugueillas a un veciño que botaba millo nelas para vender. Saquei o ano pasado alí 40.000 quilos por hectárea de millo forraxeiro, que sen regadío é imposible logralos aquí nesta zona a non ser que veña un verán moi chuvioso”, explica.
Pablo botou este ano unhas 29 hectáreas de millo, 12 na Portela, onde ten a explotación e 17 na zona de Ribas e Probeiros. Nas 12 hectáreas que están ao lado da explotación labrei o día 6 de maio e as outras en dúas tandas, o 10 e o 29 de maio, porque había fincas máis húmidas. Agarda lograr rendementos algo inferiores ao ano pasado, xa que “o frío non axudou nada para o millo este ano e houbo problemas coas malas herbas, que non foron doadas de controlar este ano tampouco, aínda que agora o millo xa cubriu a terra. A maiores, o problema é o xabarín, que aquí hai moitísimo”, di.
O millo córtoo a 50 centímetros do chan, perdes 2.000 quilos por hectárea pero dunha fibra moi pouco dixerible que non che aporta nada
Coas 35 hectáreas que ten hoxe, Gandería Xuíz cubre perfectamente as necesidades do seu gando, pero, pensando en ampliar, Pablo quere ir xa aumentando tamén a superficie agraria da que dispón. “Aquí no pobo van quedar fincas de explotacións que están pechando e a Xunta anunciou que vai aportar 200.000 euros para preparar 160 hectáreas que están no Banco de Terras aquí en Bóveda. Eu estaría interesado en coller algunha e supoño que SAT Lixeiro, que é unha explotación importante que hai nesta zona, tamén”, indica.
Calidade das forraxes e do ensilado
Ao contar polo de agora con superficie dabonda, prefire primar a calidade das forraxes aínda a costa de perder cantidade. “Céntrome moito na calidade do ensilado, o millo pícoo alto, a 50 centímetros do chan, para ter boa dixestibilidade. Perdes volume de silo, podes perder en torno a 2.000 quilos por hectárea, pero son 2.000 quilos dunha fibra moi pouco dixerible que non che aporta nada”, considera Pablo.
En canto á herba, fai dous cortes. “Procuro dar unha corta a comezos de abril e outra en maio, en función do tempo, para lograr proteína e dixestibilidade. Todo isto transmítese ao pesebre e logo ao leite”, afirma.
Procuro gañar proteína no silo de herba porque todo iso transmítese ao pesebre e logo ao leite
Para gañar proteína no silo de herba emprega unha dobre estratexia de fertilización. “Fago fincapé no abonado. Boto purín en setembro-outubro e logo xa non volvo botar para que estea ben desfeito na terra e o ensilado non teña cinza. Despois, 25 días antes de ensilar meto nitróxeno para gañar proteína, pero procuro ter as fincas ben abonadas de antes con purín, porque senón con nitróxeno só pouco se fai”, asegura.
Contrata o carro e parte dos traballos agrícolas
Pablo aproveitou parte da maquinaria que tiña o seu avó, igual que fixo coas vacas e coas fincas e polo de agora prefire contratar certos traballos e non ter que investir en maquinaria. “Botar o purín e o ensilado contrátoo e arar tamén. Logo segar a herba e xuntar fágoo eu e pasar a grade rápida para botar o millo tamén, e sementar seméntamo meu primo”, explica.
De momento priorizo investir na nave e nas vacas máis que gastar os cartos en maquinaria
“De momento priorizo investir na nave e nas vacas máis que gastar os cartos en maquinaria. Herdei dous tractores do meu avó e merquei eu un de segunda man. Eran dous tractores pequenos, pero un ten pala e faime moito servizo”, di.
Tamén lle ven o carro mesturador da cooperativa Lemos todas as mañáns para facerlle a ración das vacas en produción, que están comendo 27 quilos de silo de millo, 13 de silo de herba e 13 quilos de penso. Ás vacas secas failles a ración cada 4 días con 5 quilos de penso e 6 quilos de herba seca ou palla. “Primeiro gasto a herba seca que recollo eu e cando a acabo compro palla”, explica Pablo, que aplica esa mesma lóxica de aforro de custos a todas as súas decisións na granxa.
Parabéns Pablo