A UE calcula que a produción de leite manterase estable no 2024, con boa evolución do mercado

Existe incertidume sobre as marxes das ganderías para o ano próximo, pois se ben os gastos en alimentación reducíronse, fertilizantes e enerxía seguen en valores altos, en tanto os prezos do leite no campo baixaron

width="660"

A Comisión Europea lanzou un estudo sobre as perspectivas a curto prazo para os mercados agrícolas da UE no 2023 e 2024. Estas perspectivas teñen en conta a información macroeconómica máis recente e a evolución e expectativas dos mercados nacionais e internacionais. No sector lácteo, a principal conclusión é que espérase que a produción se manteña estable no 2024, cunha boa evolución do mercado.

Se ben os prezos do leite cru na UE non deixaron de baixar desde principios de ano, as entregas de leite mantéñense bastante estables, con perspectivas dun lixeiro descenso no segundo semestre, co que se pecharía o ano cun + 0,3 % en comparación co ano pasado. As condicións meteorolóxicas foron máis favorables que no 2022, o que axudou a reducir os custos de alimentación e contribuíu a unha mellor calidade dos silos. Esa mellora da alimentación axudou a aumentar o contido de sólidos lácteos do leite (+0,2 %) e apoia un incremento do 1 % no rendemento lácteo.

A mellora do rendemento lácteo por vaca fai que a penas se estea a notar a baixada de cabana gandeira que houbo este ano, motivada polo descenso de prezos do leite e o aumento dos insumos. A baixada da cabana podería rondar o -0,6 %, pero a produción manterase máis alta que o ano pasado. As entregas de leite na UE foron un 0,7 % superiores entre xaneiro e xullo, en comparación co mesmo período de 2022, cunha evolución moi dispar entre países, e calcúlase que o ano rematará cun +0,3 %.

Para o 2024, prevese que a oferta de leite da UE se manteña relativamente estable (+0,2 % interanual). Neste contexto, os altos custos da enerxía e dos fertilizantes, combinados coa diminución dos prezos do leite cru, a inflación alta na UE e en todo o mundo, e o aumento dos tipos de interese crean incerteza sobre as marxes dos produtores de leite en 2024.

O informe da UE evitou facer pronósticos sobre os prezos do leite, pero o debuxo que fai da situación é de estabilidade, xa que as entregas de leite estanse moderando e percíbese unha tendencia de mellora do mercado internacional.

O estudo sinala que a demanda mundial de produtos lácteos segue sendo relativamente escasa, cun mal comportamento do mercado chino, pero espérase que o descenso dos prezos dos produtos lácteos na UE, unido a unha alta dispoñibilidade de leite, favoreza a recuperación dalgunhas exportacións, especialmente de leite en po (+15%) e tamén de queixo (+1,5 %) e de soro de leite (+4,5 %).

Entre tanto, o consumo interno rematará este 2023 con estabilidade, segundo a previsión da UE, que sinala que categorías como leite líquido e nata mesmo poden rematar o ano cun aumento de vendas (+ 0,7%) polo menor prezo dos lácteos en comparación coa inflación das carnes. Nese aumento de vendas, hai que ter en conta tamén un trasvase das primeiras marcas cara as marcas brancas, máis económicas e cun aumento da demanda por parte dos consumidores.

Altas demandas de queixo

A produción de queixo da UE segue sendo a opción preferida na transformación do leite tamén no 2023. En consecuencia, a súa produción podería aumentar un 1 %. Isto, apoiado polos competitivos prezos de exportación da UE, podería contribuír ao crecemento das exportacións da UE (+1,5 %), mentres que o consumo interno (-6 %) probablemente seguirá limitado polas presións inflacionistas, que tamén afectarán as importacións, en particular de queixos de calidade superior.

Tamén se espera que a produción de soro de leite da UE creza máis no 2023 (+1,2 %). Isto débese ao aumento das exportacións da UE grazas á recuperación da demanda en China, mentres que o consumo interno podería baixar.

Pola súa banda, se ben a produción de leite desnatada en po da UE diminuíu lixeiramente entre xaneiro e xullo (en termos interanuais), as exportacións rexistraron unha forte recuperación, apoiadas principalmente pola forte demanda de Arabia Saudita e Marrocos.

Descenso no consumo de carne de porcino e vacún, suba na avícola

O informe da Comisión Europea aborda tamén o consumo de carne, que se prevé que caía un 1,5 % no 2023, debido á inflación dos prezos e a unha menor oferta no mercado.

Por especies, espérase que a produción de carne de vacún da UE siga diminuíndo no presente ano nun -3,1 %, debido a un axuste estrutural no sector da carne de vacún polas baixas marxes. As importacións da UE poderían descender debido á baixa produción en Reino Unido. Así mesmo, as exportacións da UE seguen combatendo cos altos prezos internos.

En canto á produción porcina, cómpre destacar que tamén está á baixa. Unha cabana reprodutora máis pequena, así como a peste porcina africana (PPA) provocan un descenso dun 6,6 % no 2023, a pesar da baixada dos prezos dos pensos. A demanda interna sostida e a menor demanda de China frean as exportacións da UE nun 16 % no 2023.

Pola contra, a produción avícola da UE podería beneficiarse dunha recuperación do 3,3 % en 2023 por ser unha das proteínas animais máis baratas dispoñibles. Doutra banda, os prezos das aves de curral da UE restan competitividade ás exportacións.

Por último, a cabana ovina da UE, historicamente baixa, fai que os sacrificios descendan un -1,8 % en 2023. A demanda sostida e os altos prezos internos favorecen máis importacións de Nova Zelandia e Reino Unido (+15 % en 2023).

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información