Archives

Granja Comas: Producir leite a base de alfalfa nunha zona “vulnerable” co aluguer da terra en 600 euros a hectárea

Josep Comas, xunto ás vacas da familia na granxa ubicada a 3 km de Vic (Barcelona) Localizada no municipio de Santa Eugènia de Berga, a 3 km de Vic, na comarca de Osona, Granja Comas muxe case 200 vacas e apostou pola diversificación, transformando unha parte da súa produción de leite en iogures e outros derivados. Falamos con Jopep Comas e o seu fillo Guillem, que constitúe a cuarta xeración na masía familiar, para pescudar a historia da granxa e coñecer as limitacións que para unha explotación láctea supón estar nunha zona declarada vulnerable á contaminación por nitratos. “Pagamos uns polos outros. Osona é a comarca con máis sector gandeiro de Cataluña, pero o problema non son as vacas, senón os porcos. No noso municipio somos 2.400 habitantes, pero hai un matadoiro que sacrifica 15.000 porcos ao día”, explica Guillem.
Con tantos xurros as granxas de porcos o que necesitan son terras e iso compromete ás demais explotacións de vacún para poder crecer
"Con tantos xurros as granxas de porcos o que necesitan son terras e iso compromete ás demais explotacións de vacún para poder medrar”, asegura Guillem. Por iso, di, “a nosa filosofía non é crecer máis, porque para ampliar teriamos dificultades e as terras dispoñibles son limitadas".  Comparativamente con outras comarcas catalás, Osona aínda mantén unha importante presenza de granxas leiteiras, aínda que son menos da metade das que había fai 30 ou 50 anos, e as que quedan son dun certo tamaño, cun volume medio de entre 150 e 200 cabezas en muxido. Leite A2A2 Guillem dedícase á parte de transformación Diferenciación e valor engadido son os obxectivos que persegue esta gandería familiar. “Cremos nunha boa calidade e bo servizo. Eu penso que o que temos que facer as ganderías é diferenciarnos e transformar para dar valor engadido. Nós non temos intención de medrar máis en tamaño de explotación e buscamos que cun volume contido ao redor das vacas que muximos hoxe, entre 180 e 185, e das 400 cabezas totais que temos, xerar máis ingresos”, indica Guillem.
Buscamos xerar máis ingresos cun volume de explotación contido ao redor das 180-185 vacas en muxido e 400 cabezas totais
Coa intención de diferenciar os seus produtos no mercado, hai 5 anos empezaron a traballar a nivel xenético para lograr animais A2A2 e hoxe practicamente o 100% da cabana produce leite con betacaseína A2A2. “Nestas pequenas cousas é no que nos podemos diferenciar. As industrias téñeno máis difícil ao mesturar e homoxeneizar o leite, pero para que isto gañe valor é certo que os grandes se teñen que sumar, porque ao ser pequeniños tes unha capacidade xusta de comunicación”, recoñece. Terceira xeración de gandeiros desde 1920 A explotación recibe visitas de escolares e persoas que compran directamente na granxa A masía Mais Roure suma xa a cuarta xeración. Iniciou a granxa Ramón Comas en 1920, cando se instalou nesta antiga residencia de verán do bispado de Vic como masovero, cultivando a finca a cambio dunha parte da colleita. O seu fillo Manel enseguida comprou unhas vacas leiteiras para fornecer á próxima poboación de Vic, converténdose na primeira xeración de gandeiros da familia Comas. Josep e o seu irmán Ramón, continuaron co negocio en 1978, encargándose Ramón do traballo das terras e a parte agraria e Josep da atención da granxa e o coidado dos animais.
Atopámonos nunha fase de restructuración, tanto na xestión da granxa como na transformación, para gañar capacidade produtiva na parte de elaboración
Hoxe en día a cuarta xeración, representada por Guillem, o fillo de Josep, e por Elisabet, a filla de Ramón, está incorporada á empresa, aínda que centrada sobre todo na parte de transformación e venda. “Agora mesmo atopámonos nunha fase de restructuración, tanto da produción leiteira como da parte de transformación”, admite Josep. “Tanto o meu irmán coma min estamos xa na idade de xubilación e temos que buscar unha alternativa para a xestión da granxa. Necesitamos tamén un novo obrador para aumentar a transformación propia porque estamos capados polas infraestruturas coas que contamos”, indica. Transforman o 30% do leite que moxen No obrador traballan 5 personas para elaborar até 30 referencias diferentes En Granja Comas traballan en total 11 persoas para tender a explotación e o obrador. Ademais de Guillem, Josep e Ramón, contan con 8 empregados. A día de hoxe moxen unhas 185 vacas e producen entre 5.500 e 6.000 litros diarios de leite, dos que transforman o 30%. O 70% restante véndenllo á industria, concretamente a Pascual, que conta cunha fábrica na localidade barcelonesa de Gurb.
O excedente de leite véndeno a Leite Pascual, con planta de transformación en Gurb
O prezo de venda do leite na actualidade é de 55 céntimos, tras sufrir unha baixada de 5 céntimos na última renovación de contrato, o día 1 de maio. Pero a vixencia do contrato é de só 3 meses e temen novas baixadas. “Nos últimos anos investimos sobre todo en transformación, para darlle o valor engadido que merece o noso leite e non depender para iso dos demais. Na venda de leite hai monopolio da industria e sempre vai ser así”, afirma Guillem. Elaboración propia Os iogures son o principal produto de Granja Comas / Foto: Carles Palacio En 1992 a familia Comas construíu unha pequena queixería para empezar a elaborar produtos derivados a partir do seu leite para desta forma darlle maior valor engadido. “Empezamos elaborando requeixo, seguimos cos iogures naturais, os desnatados, e aos poucos fomos completando a gama con iogures con marmeladas, batidos, kéfires, flans, etc”, explica Josep. Na actualidade elaboran máis de 30 variedades de lácteos, como batidos, iogures, flans ou leite fresco, aínda que este é un produto máis residual debido ás dificultades de transporte e distribución.
Estamos a facer un bo produto e queremos defendelo
Comercializan directamente na granxa e venden en tendas gourmet, froiterías e supermercados. A rede de distribución complétase con cadeas como Aldi, para a que fabrican flans de marca branca, aínda que a súa presenza neste tipo de grandes superficies é “comedida”. “Tentamos cubrirnos as costas. O noso principal punto de venda é a tenda especializada e delicatessen que se quere diferenciar e coida o produto. Chegamos a toda Cataluña a través de distribuidores e repartimos practicamente a diario na provincia de Barcelona”, detalla Guillem. A parte comercial e de loxística é externa, a través de distribuidores e vehículos subcontratados. “Pedagoxía” do valor do local A intención da familia Comas é abrir tamén unha agrotenda na propia granxa para dar ao consumidor a posibilidade de atopar un produto de proximidade sen intermediarios. “Estamos a 3 km de Vic, onde viven 47.000 persoas; temos moi preto ao potencial cliente”, di Guillem.
Estamos a 3 km de Vic, onde viven 47.000 persoas; temos moi preto ao potencial cliente
Con ela queren facer tamén “pedagoxía”. “Queremos concienciar ao consumidor de que coa súa decisión de compra diaria ou semanal está a beneficiar ou prexudicar ao sector. Non é necesario comprar leite de marca branca, existen outras posibilidades”, afirma. Guillem defende a autosuficiencia alimentaria. “Hai que volver crer no produto local, ao que por culpa de políticas cuestionables non se lle está dando a importancia que realmente ten. Por que temos que importar o yogurt de Alemaña e o leite de Francia? Da globalización pódense aproveitar cousas, pero o alimento temos capacidade de xeralo nós aquí”, di. Incremento dos custos de produción As vacas secas e as xovencas saen a pacer todos os días Os custos de produción do litro de leite incrementáronse ata alcanzar en 2022 os 36 céntimos nesta explotación e a seca extrema que este ano sofre toda Cataluña non fixo máis que empeorar a situación. “Levamos dous anos moi secos. Vimos arrastrando xa un ano con pouca comida. Tivemos que comprar en Lleida bastante cantidade. Estes días caeu algunha pinga, esta semana 15 litros. A situación non está mellor, porque para a comida de primavera imos tarde e a produción foi menor, pero a ver se estas choivas arranxan algo, a ver se salvamos polo menos a alfalfa, que brota rápido, para facer un par de cortes”, indica Guillem.
A seca extrema que este ano sofre Cataluña empeorou a situación das ganderías
Os custos de transformación tamén se dispararon. “De luz pagamos o dobre, o cartón, o plástico, subiu todo. O ano pasado foi difícil a nivel de transformación de produto, porque tratabas de aguantar e non repercutir todo ao consumidor”, relata. Polo tipo de produtos que fabrican, aumentar a porcentaxe de leite que transforman faise máis complicado. “Para facer un quilo de queixo necesitas 10 litros de leite, pero cun só litro de leite fas 8 iogures”, explica. Alfalfa, o alimento principal O ingrediente esencial na dieta das vacas de Granja Comas é a alfalfa. A ración diaria de alimentación dos animais en muxido está formada por entre 16 e 17 quilos de alfalfa, silo de millo, palla e concentrado, que preparan nun carro unifeed con 4.500 quilos de comida diarios.
Case non usamos soia. A ración unifeed leva 16 quilos de alfalfa, palla e silo de millo
A alfalfa ensílana en microsilos, cun presecado longo para que perda humidade antes de facer as bólas. “Buscamos conseguir moita proteína, chegamos a un 18%, con máis dun 60% de materia seca”, explica Josep. “Cando hai anos bos de alfalfa practicamente non temos consumo de soia, só compramos fariña de millo para suplir a falta de enerxía”, indica. Aprovisiónanse na cooperativa Plana de Vic, que conta tamén con fábrica de penso. “A fariña de millo historicamente sempre estivo a un prezo razoable; o que nos custa caro é a proteína e por iso tentamos producila nós e autoabastecernos coa alfalfa”, recalca. Rotación de cultivos “Traballamos cun sistema de produción de círculo pechado, no que incluímos agricultura, gandería e elaboración. E o primeiro paso son os cultivos. A alimentación das nosas vacas é unha cuestión que coidamos moito”, insiste Josep.
En Granja Comas utilizamos un sistema de produción de círculo pechado e o primeiro paso é o cultivo propio da alimentación das nosas vacas
“Utilizamos un sistema rotativo de cultivos, que consiste en alternar os cultivos para que a terra sexa o máis fértil posible, evitando así as malas herbas, pragas e problemas ocasionados por sementar sempre a mesma forraxe. Principalmente traballamos con leguminosas (alfalfa) e gramíneas (sorgo, trigo, millo)”, detalla.
Facemos algo de sorgo e millo, pero estamos a deixar de cultivalo polo cambio climático
“Coa alfalfa podemos facer rotacións bastante longas, é un cultivo plurianual que nos dura 4 ou 5 anos, e para facer as rotacións metemos cereal, por exemplo trigo ou cebada. A alfalfa fixa o nitróxeno e esa terra xa nos serve para labrala directamente despois, sen ter que abonar. Aramos profundo e funciona ben con pouca auga. O millo ao necesitar moita auga estamos a deixar de cultivalo e todo o que podemos sementar con alfalfa témolo con alfalfa”, explica. Prezo disparado da terra Gran parte do traballo agrario realízano eles directamente. Traballan ao redor de 100 hectáreas, un terzo propias e dous terzos alugadas. “Hai algunhas que están lonxe, a 20 minutos da granxa”, recoñecen. “Todo o que se puido foise adquirindo a base de anos e de moito traballo, pero a terra está carísima na nosa zona”, indican. A competencia que exercen as explotacións de porcino, necesitadas de superficie agraria na que aplicar os xurros que xeran, contribuíu a elevar os prezos.
A hectárea págase na zona en arrendo entre 500 e 600 euros ao ano
O grupo aragonés Jorge, propiedade da familia Samper, unha das principais empresas europeas exportadoras de carne de porcino a China, mantén unha importante presenza na zona e lanzouse a comprar terras. “Desde entón disparáronse moito os prezos, chegando a máis de 60.000 euros a hectárea, e o custo de arrendo móvese entre 500 e 600€/ha ao ano e é secano, é dicir, dependes de que chova para ter boa produción”, explica Josep. Granja Comas non dispón de regadío, pouco habitual en Osona, a diferenza por exemplo do que acontece na zona de Lleida. Veráns calorosos Dispoñen de teitos aislados e ventiladores para aliviar o estrés por calor das vacas Santa Eugènia de Berga ten un clima de interior con oscilacións térmicas importantes. “Somos extremos. Onde estamos situados no inverno vai frío e no verán calor. Aínda que os invernos son cada vez menos fríos, chegamos a -7 graos de mínima, e no verán superamos os 30 graos e podemos chegar puntualmente aos 35”, explica Guillem.
A recría sae ao exterior ata o momento do primeiro parto, con dous anos de idade
Para reducir o estrés térmico das vacas dispoñen de ventiladores, teitos illados e cortinas para evitar o sol directo sobre os animais. As vacas en produción non saen fóra, pero o lote de secas e a recría sae a diario a un campo que conecta coas instalacións da granxa. Cruces cárnicos e cebo na propia explotación Na actualidade realizan a recría na propia granxa, aínda que Josep aínda lembra cando a substitución necesaria cubríase comprando xovencas en Francia e ás vacas da explotación poñíanlles cruces cárnicos para cebo. “Nese momento era rendible comprar en Francia, pero iso xeraba algún problema sanitario e as xovencas de importación subiron moito de prezo”, recoñece Josep.
A base xenética do rabaño é a raza holstein, aínda que están a valorar outras razas, como a montbeliard
Hoxe inseminan entre un 20 e un 25% con holstein para garantir recría propia con vocación leiteira e ao resto poñen limusín para lograr un cruzamento industrial para cebo, que realizan eles mesmos nun establo pertencente a un dos empregados da explotación. Desde hai dous anos recuperaron esa fonte de ingresos complementaria á produción láctea da explotación. “Decidimos aproveitar os machos. O meu tio e o meu pai facíano ao principio, hai máis de 30 anos, aínda que despois deixárono un pouco de lado para centrarse en producir leite”, explica Guillem.
Utilizan un 75% de cruzamento con limusin para dispoñer de tenreiros de engorde
“A xente que vén á granxa a comprar os nosos lácteos é susceptible de comprar tamén a carne. O que facemos é levar o tenreiro ao matadoiro e facer lotes de 7 quilos para venda directa a particulares e hamburguesas para algún colexio. O volume é moi baixo polo momento pero creo que pode ter un certo desenvolvemento porque a xente responde ben”, indica. A maior parte dos tenreiros son vendidos por agora á industria, a un prezo medio de 5,60 euros o quilo.

“Estar nunha zona declarada como vulnerable limítanos no noso traballo”

A ameaza da declaración de zonas vulnerables á contaminación por nitratos planea sobre varias comarcas galegas, como A Limia en Ourense e O Deza en Pontevedra. A Xunta tratou de atrasar esta decisión, que tería importantes consecuencias sobre o funcionamento das ganderías existentes, a súa futura ampliación e o establecemento de novas explotacións nestas áreas. A multiplicación nos últimos anos de granxas intensivas porcinas nestas zonas agrava un problema que sofren desde hai anos en Cataluña, onde un terzo do seu territorio está baixo vixilancia continua e a actividade agrogandeira fortemente condicionada. Do mesmo xeito que ocorre no Deza, na comarca de Osona conviven granxas porcinas con explotacións lácteas. “Sufrimos as consecuencias dun problema creado por outros, polas granxas de porcos que hai instaladas nesta zona”, explica Josep.
A burocracia está a comernos, fainos perder moito tempo
A área na que está situada Granja Comas está declarada zona vulnerable á contaminación por nitratos desde o ano 2009, o que lles supón restricións á hora de fertilizar os seus campos, cunha redución de 220 a 170 unidades de nitróxeno por hectárea como máximo, e unha infinidade de controis. “Padecemos moita burocracia, que nos fai perder moito tempo e non nos facilita en nada o traballo”, quéixase. O 45% dos municipios cataláns declarados vulnerables O 45% dos municipios cataláns están declarados como vulnerables á contaminación por nitratos de orixe agrícola. A Generalitat de Cataluña designou desde o ano 1998 un total de 13 zonas vulnerables, o que representa un 33,8% da superficie total de Cataluña. Traballar nestas zonas supón un control exhaustivo de períodos de aplicación, doses empregadas, momentos de sementeira e parcelas utilizadas, cun calendario estrito de abonado. Ás granxas instaladas nestas zonas vulnerables esíxenselles prácticas agronómicas específicas que exceden as recollidas no novo Real Decreto de Nutrición Sostible de chans agrícolas. “Hai anos que usamos cisterna con tubos colgantes para aplicar o xurro”, exemplifica Josep. Valorando o paso a ecolóxico Aínda que críticos coa forma de aplicar a norma e a burocracia que iso conleva, a familia Comas coida as súas terras “por convencemento”. “Tratamos de traballar ben a terra, de ser sostibles, de xerar o mínimo impacto sobre o medio ambiente e creo que o logramos”, asegura Guillem. “Practicamente non usamos abono químico de ningún tipo, unicamente o xurro que xera a propia granxa, que utilizamos para abonar as terras da explotación”, explica. Este modelo de economía circular compleméntase coa súa aposta polo cultivo de alfalfa, unha leguminosa que lles axuda a fixar nitróxeno atmosférico no chan e reducir as necesidades de abonado.
Practicamente non usamos abono químico de ningún tipo, unicamente o xurro que xera a propia granxa
Este tipo de prácticas respectuosas co medio ambiente, primadas na nova PAC, entran tamén dentro dos preceptos da agricultura ecolóxica, á que están estudando se se incorporan. “Plantexámolo, pero o tema burocrático e o custo da certificación bótanos para atrás. Aínda que se vemos que o mercado o valora, daremos o paso, porque o que facemos a día de hoxe non é moi distinto, teriamos que facer unicamente pequenos cambios”, indica Guillem. “Neste momento estamos a valorar se merece a pena ou non dar o paso, freamos un pouco a decisión porque cando entras en ecolóxico tes que comprometerte a estar unha serie de anos, agora son 5 anos como mínimo, e isto supón algún problema para os arrendamentos das terras, xa que hai propietarios aos que ese tipo de alugueiros de longa duración bótaos para atrás”, explica Josep.

Convocadas as axudas para investimentos en transformación e comercialización de produtos agrarios e gandeiros

Instalacións de Oviganic Ibérica en Monforte de Lemos, beneficiada con esta mesma liña de axudas o pasado ano O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica este venres a orde da Consellería do Medio Rural pola que se convocan este ano un total de 30 millóns de euros en axudas para os investimentos en transformación e comercialización de produtos agrarios. Estas achegas están cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) e buscan incentivar os investimentos en activos fixos materiais para a creación, ampliación e modernización das instalacións situadas en Galicia destinadas á transformación e comercialización de produtos agrarios. No caso das subvencións, consistirán en axudas para a execución deses proxectos, mentres as garantías para préstamos consistirán en garantías do 80% do risco inherente a cada empréstito formalizado destinado a financiar os investimentos. Estas axudas teñen carácter plurianual para facilitar a execución dos proxectos de maior investimento. Dos 30 millóns de euros de presuposto total, para o exercicio do 2023 están consignados 12 millóns de euros, para o 2024 a cantidade reservada é de 14 millóns e para o 2025 a contía ascende aos 4 millóns de euros.
O prazo de presentación das solicitudes desta convocatoria será dun mes contado a partir deste sábado
O prazo de presentación de solicitudes para subvencións desta convocatoria será dun mes contado a partir de mañá sábado, día seguinte ao da publicación desta orde no DOG. Porén, os solicitantes terán un prazo de tres meses para presentar a preceptiva licenza de obras no caso de que o investimento inclúa a construción de novas superficies cubertas ou a ampliación das existentes, así como para a presentación do informe favorable de avaliación ambiental. Mentres, o prazo para solicitar préstamos garantidos finalizará o 30 de marzo deste ano. Máxima puntuación para as cooperativas galegas Poden optar a estas achegas os empresarios individuais ou sociedades que realicen actuacións como a construción, adquisición e mellora de bens inmobles, así como a compra de terreos ata un valor inferior ao 10% do total dos gastos subvencionables. Tamén se sufragará a compra de maquinaria e equipamentos novos, a adquisición de programas informáticos e de patentes ou licenzas relacionadas cos procesos produtivos. O fin último é crear novas industrias agroalimentarias ou mellorar as xa existentes. Do mesmo xeito que na pasada convocatoria, apoiaranse as asociacións de produtores que se unan para levar a cabo investimentos en común. Así, nos criterios de valoración concederáselles a máxima puntuación no apartado de beneficio a produtores ás cooperativas agrarias galegas ou ás sociedades participadas maioritariamente (máis do 50%) por cooperativas agrarias galegas ou por asociacións e organizacións de produtores da nosa comunidade.

Clausura dos dous primeiros cursos do Centro de Transformación Agroalimentaria A Fusquenlla, en Moeche

A Nave do Mercado de Moeche acolleu este xoves o acto oficial de clausura dos dous primeiros cursos impartidos ata o momento no Centro de Transformación Agroalimentaria A Fusquenlla, situado no recinto feiral de San Ramón, en Moeche (A Coruña). Nestes cursos participaron un total de 33 persoas co obxectivo de formárense na preparación de conservas e zumes, ademais de aprender o manexo do equipamento dispoñible nas instalacións. O Centro de Transformación Agroalimentaria A Fusquenlla é un proxecto promovido conxuntamente polos concellos de Moeche, San Sadurniño, Cerdido e Valdoviño que ten como obxectivo converterse en espazo de referencia en toda a contorna para a transformación e conservación de elaborados a partir de produtos da terra, como son as hortalizas, a froita ou o mel. Agárdase que o centro, integrado na rede de coworking da Deputación da Coruña, bote a andar no ano de maneira autoxestionada polas persoas usuarias en colaboración cos concellos de xeito que poidan ofrecerse máis cursos. Polo momento contan xa con 43 persoas en lista de agarda. No acto de clausura destes primeiros cursos contaron coa asistencia dunha representación de todas as Administracións implicadas no proxecto: os concellos de Moeche, San Sadurniño, Cerdido e Valdoviño, a Deputación da Coruña e a Consellaría do Medio Rural. Todas elas ratificaron o seu compromiso de seguir apoiando esta iniciativa pioneira na comarca. Instante do acto de clausura celebrado este xoves. // Imaxe: César Galdo.

Actividades para o 2023

De cara a 2023, o centro de transformación agroalimentaria ten marcados dous obxectivos prioritarios. O primeiro é organizar a súa xestión, na que xa se leva traballando varios meses sobre un modelo de autoorganización onde sexan as produtoras e produtores quen se ocupen da xestión do día a día da Fusquenlla. A idea é crear unha asociación que xestione o centro en colaboración cos concellos de forma que os municipios asuman os gastos fixos e as entidade os custos asociados ó uso das instalacións. Agardan que no proxecto se impliquen máis concellos da zona, posto que tanto entre os usuarios que xa participaron nos cursos como nas persoas en lista de agarda para novas formacións atópanse veciños de todo o norte da provincia da Coruña. Está previsto organizar dous novos cursos en 2023 para atender tanto as peticións rexistradas nos últimos meses como as que poidan producirse a partir de agora. Ademais, animan a que aquelas persoas que teñan interese nestas formacións se anoten no formulario dispoñible na portada da web do proxecto afusquenlla.gal.

Casa Baltar, unha gandería que apostou polo doce de leite para valorizar a súa produción

Alfonso e Álvaro, coas vacas e o produto que elaboran a partir do seu leite A unión de Alfonso Fernández e de Álvaro Pérez deu lugar hai tres anos a unha iniciativa novidosa en Galicia na transformación láctea: a produción de doce de leite. É un produto cun 80% de leite crúa e un 20% de azucre, que se fabrica en Casa Baltar, nunhas instalacións anexas á propia explotación, e se distribúe xa por toda España. A idea de facer un produto lácteo que servira para valorizar o leite que producían na granxa levaba tempo rondándolle na cabeza a Alfonso e acabouse materializando cando coñeceu a Álvaro, un enxeñeiro de industrias lácteas uruguaio que decidiu no 2010 retornar á terra do seu pai, natural da Coruña. “A min dábame nostalxia non poder comer un doce de leite coma o que estaba acostumado a tomar no meu país”, explica Álvaro, afincado en Lalín, e que estaba a buscar granxas provedoras naquela zona. Nunha conversa fai tres anos Alfonso plantexoulle facer algo na súa granxa e el automaticamente pensou naquel sabor que marcara a súa infancia.
A maquinaria tivemos que mandala deseñar, porque aquí non existía
Coa axuda de Álvaro Sepergo, un experto uruguaio en industrias lácteas, puxeron a andar o proxecto. O plantexamento inicial era o dunha produción pequena pero cando decidiron a compra dos equipos o fabricante ofreceulles a posibilidade dun maior volume sen que o custo se encarecese en exceso. Esa maior capacidade produtiva permítelles agora non estar limitados no crecemento. Neste momento elaboran 800 litros por día 3 ou 4 veces á semana, que representan uns 400 quilos de doce de leite por día de fabricación, pero poderían incrementar a produción ata chegar a triplicala a medida que vaian atopando saída no mercado. “Temos capacidade para facer uns 100.000 quilos de doce de leite ao ano e neste momento estamos arredor dun 35%”, explican. Unha gandería familiar que foi medrando O establo actual foi construido no ano 2003 Na casa de Alfonso sempre houbo gando. “Meu pai cando foi para a mili no ano 1950 tiña 8 vacas pero cando volveu, despois de pasar 24 meses, tiña xa unicamente 4 e cando eu collín a explotación, con 27 anos, había unhas 23 vacas”, conta.
O meu pai cando foi para a mili tiña 8 vacas pero cando volveu quedábanlle 4
Para poder medrar tiñan que facer unhas novas instalacións e o 11 de marzo de 2004, o mesmo día dos atentados en Madrid, comezaban con 36 vacas na actual ubicación. “Cheguei a ter 370 cabezas, nos anos 2011 e 2012 estabamos cun montón de animais pero subiu o penso e quedamos sen marxe. Nese momento tiña que vender animais para poder pagar”, lembra.    Tecnificar a producción “Dar o salto a transformar é complicado”, di Alfonso, porque “o gandeiro ten que atender a explotación e non lle queda tempo para nada máis, e atopar xente non é doado”. “Eu levo desde o ano 2003 partindo da base de que a granxa ten que funcionar coma unha empresa para que sexa viable, sen que teña que estar eu continuamente”, afirma.
Preferimos contar cunha veterinaria en plantilla; desta maneira apostamos pola prevención e por anticiparnos aos problemas
Casa Baltar é hoxe unha gandería robotizada e profesionalizada. A xestión do establo e o control dos animais lévao Carmen, veterinaria de formación, mentres que para o coidado das fincas e o traballo agrario contan cun empregado de orixe portugués que leva anos na granxa. En total a explotación dá traballo a 5 persoas e a fábrica a outras 5. Robot de muxido Hai dous anos puxeron un robot da marca SAC con dúas unidades de muxido. “Iso é unha marabilla”, asegura Alfonso. “Antes muxiamos tres veces ao día, ás 5 e cuarto de mañá, á 1 e cuarto da tarde e ás 8 e cuarto da noite, con dous turnos de traballo para os empregados e toda man de obra foránea, porque de aquí non atopas”, di.
É un equipo moi compacto, con dúas unidades de muxidura en moi pouco sitio
Alfonso destaca o menor custo desta marca de robots. “O custo total das dúas unidades de muxido foi de 217.000 euros, porque eu xa tiña unha sala informatizada e non necesitei pulseiras para as vacas, porque xa as tiña”, explica.
A media de produción por vaca móvese entre os 42 e os 44 litros ao longo do ano
“Este aparato é moi práctico e en calidade-prezo é un equipo mais barato que un Lely ou un Gea e máis eficiente”, considera. Coas 105 vacas actuais en produción, o robot fai neste momento medias de 3,5 muxiduras por vaca e día, cun 20% de tempo libre. A mala conexión eléctrica da zona, con continuos microcortes de luz, sobre todo a mediodía, obrigounos a dispoñer dun SAE. Reducción do número de cabezas Casa Baltar chegou a muxir 150 vacas pero reduciu considerablemente o número de cabezas para non ter que seguir sobredimensionando as instalacións e adaptarse á capacidade dos robots, polo que neste momento o lote de produción está estabilizado arredor dun cento de animais.
Queremos autoabastecer a nosa propia fábrica, non andar por aí regalando o leite. A industria se quere leite que o produza
Esta decisión veu motivada tamén por un cambio de filosofía: de producir volume de leite para a industria a autoabastecer a propia planta de transformación de doce de leite. “Vendiamos cada día 6.200 litros de leite e agora só 3.500. Queremos autoabastecer a nosa fábrica e vender unicamente o excedente, non andar por aí regalando o leite. A industria se quere leite que o produza”, afirma Alfonso. Valorizar a produción Patricia, unha das empregadas, na planta de elaboración anexa á granxa A fábrica de doce de leite consome de momento só unha cuarta parte da produción da granxa pero o obxectivo sería chegar a transformar todo o leite que sae da explotación, “con outro produto se é necesario”, indica Álvaro.
A fábrica de doce de leite consume de momento só unha cuarta parte da produción da granxa
El anima a outras granxas a facer o mesmo porque considera que “Galicia ten o capital humano necesario para dar valor ao leite que produce”. “Eu vexo unha oportunidade clarísima nas explotacións nas que hai dúas xeracións da mesma familia incorporadas, a dos pais e a dos fillos. Por que os rapaces novos non poñen en marcha un proxecto de transformación?”, di.   Diferenzas na produción de leite en Uruguai e Galicia Álvaro retornou a Galicia no 2010. Canso de pasar varias crises en Uruguai e de gastar os aforros decidiu probar sorte en España. En Uruguai asesoraba a grandes explotacións de carácter agrícola e gandeiro. As diferenzas entre os dous lados do charco, di, son notables. “Aló a xente que ten propiedades no campo ten moito diñeiro, son empresarios que van as fins de semana nada máis, non son gandeiros que traballan coma os de aquí. En Uruguai as explotacións teñen unha parte agrícola dedicada a cultivos como millo, trigo ou soia, en función das cotizacións do momento, e unha gandería asociada de 150 ou 200 vacas de leite que son a caixa, o que dá a liquidez para pagar os salarios dos empregados todos os meses”, explica.
En Uruguai non existe a PAC e tes que ser rico para sacar un crédito, polo que a estratexia das granxas consiste en buscar custos de produción baixos
As medias de produción por vaca en Uruguai son máis baixas que nas granxas intensivas galegas, con arredor de 27-28 litros na primavera. O gando sae a pacer todo o ano, con pastos que inclúen especies leguminosas como a alfalfa, cos conseguintes problemas de meteorismo. “O sistema de produción uruguaio é moi parecido ao de Nova Zelandia e alí a clave está no dominio do pastoreo, aquí na habilidade do nutrólogo que fai a ración”, asegura Álvaro. Cambios na alimentación para producir máis sólidos Rechean os cubículos con carbonato con serrín intercalando area unha vez cada catro para que non apelmace tanto Máis alá de reducir o número de cabezas, ata o momento en Casa Baltar non fixeron cambios cabana gandeira, de raza holstein, nin na súa alimentación en busca dunha maior porcentaxe de sólidos no leite que producen, pensando na súa transformación, aínda que recoñecen que sería un aspecto positivo. “Se tivesemos un gando que producise máis graxa e máis proteína teriamos maior rendemento”, recoñece Álvaro. Sen embargo, considera que “para o produto que nós facemos o tipo de vaca que temos no establo sérvenos e simplemente con algún axuste na dieta, introducindo máis fibra, por exemplo,  seguramente poderiamos incrementar facilmente un par de décimas a graxa nos meses do verán, que é cando cae un pouco”, di
No noso produto é moito máis importante a graxa que a proteína
Os altibaixos estacionais provocan que teñan que variar lixeiramente as proporcións de ingredientes e os tempos de elaboración. “A graxa no inverno está en 3,8% pero no verán pode baixar ata un 3,6 e a proteína mantense máis estable, arredor do 3,4%. Pero para o noso produto é moito máis importante a graxa que a proteína porque mellora moito a textura e a suavidade”, explica. Recría e vacas secas con saída ao pasto Casa Baltar ten a recría repartida entre unha ala construída no ano 2017 anexa á nave de produción actual e o antigo establo. “Paren e están 15 días nos boxes, de aí pasan á amamantadora ata o destete, aos 90 días, que é cando as levamos para a nave vella, onde as temos con cama quente divididas en 5 lotes por idades. Alí facemos o periodo intermedio de cría, ata o momento da inseminación, que xa as traemos de volta e facemos aquí”, conta Alfonso.
Aquí as vacas dúrannos moito e podemos vender moita recría
“Traballamos con sexado e poñemos moita carne pero aínda así sóbrannos moitos animais e vendemos moitas xovencas porque as vacas dúrannos moito, porque ao ter a Carmen están moi controladas e porque procuramos ter as cousas ben, como as ten que ter calquera que queira ter vacas, porque quen teña unha granxa ten que tela ordenada; é a única maneira de que funcione porque está todo moi axustado e a xente que compra leite anda sempre tensando a corda. Non afogan ao gandeiro para que poida seguir producindo pero téñente sempre coa auga ao pescozo”, asegura.
Eu non quero unha subvención, quero que me paguen o meu, que para iso traballo
Da Administración di, “eu non quero unha subvención, quero que me paguen o meu, que para iso traballo”. “Imos para unha época na que cada vez hai menos leite e menos quen a produza, porque hai menos animais e moitos menos gandeiros, e unha vaca en dous anos fala ou cómprala no momento a golpe de talonario, pero un gandeiro non”, engade. Traballan 85 hectáreas A gandería manexa unha superficie dunhas 85 hectáreas pero unicamente botan millo en 4. O resto téñeno a pradeira permanente para silo de herba e herba seca. “O millo mércoo porque nesta zona non podes asegurar produción, nesas 4 hectáreas boas que teño saco 50.000 kilos, pero no resto sería moito menos e dependería do ano. E despois está unha cousa que desmoraliza moito, que é o cocho. Así que eu o millo prefiro compralo”, afirma Alfonso.
Para encher os silos da granxa merca todos os anos o millo picado directamente da finca aos mesmos proveedores en Sarria e en Xinzo de Limia
Na ración empregan uns 20 kilos diarios de silo de millo por vaca, polo que para cubrir as necesidades da granxa precisan dunhas 700 toneladas. O prezo deste ano, posto no silo, situouse nuns 75€ por tonelada.
Na ración preferimos traballar con materias primas; o penso só o usamos no robot
Casa Baltar é socia dunha CUMA que lles fai o carro mesturador diariamente. Tamén se encarga do ensilado da herba. O resto dos traballos, como botar o purín ou sementar, fano eles mesmos. 

“A vida útil e a facilidade da distribución, ao non ser necesaria refrixeración, foi un dos motivos que nos fixo decantarnos por este produto”

O doce de leite é un produto xurdido en Suramérica da unión do leite das vacas que levaron os colonos españois coa cana de azucre autóctona dos nativos. Hoxe é un dos sinais de identidade culinarios imprescindibles en toda América latina, especialmente en países do sur como Arxentina, Uruguai ou Brasil, pero presente tamén con outros nomes ao longo de todo o continente (manjar de leche en Chile, cajeta en México, fanguito en Cuba ou arequipe en Colombia e Venezuela), onde cada cultura deulle un nome adaptado á súa tradición culinaria. A Europa foi chegando da man dos emigrantes suramericanos. Pero o descoñecemento do produto en España foi unha dificultade engadida mesmo á hora de poñer en marcha o proxecto de Casa Baltar. “Cando fomos pedir o crédito a directora do banco descoñecía o que era o doce de leite, así é difícil que che presten os cartos”, conta Álvaro. 
Casa Baltar produce uns 35.000 quilos de doce de leite ao ano
Ademais de tomarse só (untado nunha torrada, por exemplo) ou mesturado cun iogur, o doce de leite é un ingrediente fundamental en xeadería e repostería (como ingrediente principal en xeados ou como recheo en alfajores, crepes, biscoitos ou brazos de xitano). O consumo aquí é menor que en países de América Latina pero “consumo hai”, di Álvaro. “Sorprenderíache a cantidade de doce de leite que se consome nas cidades da Coruña e Vigo, aínda que se demandan formatos pequenos. En Suramérica unha familia de tres fillos xa che mercaría un formato grande, pero en Europa o consumo é menor”, explica. As dificultades para abrir mercado En Casa Baltar comezaron a fabricar o seu doce de leite xusto na pandemia e trataron de ir gañando clientes a base de chamar por teléfono e enviar probas do produto. Unha vez pasada a covid están a retomar o contacto directo, as visitas e a presenza en feiras, como Alimentaria en Barcelona ou Biofach, a feira de produtos ecolóxicos celebrada en Nuremberg (Alemaña) a finais do pasado mes de xullo. Neste momento venden xa por toda España (desde Canarias ou Baleares a Madrid ou o Levante) e algo tamén en Portugal. “Transformar faino calquera, a tecnoloxía está aí e o coñecemento tamén, só hai que pagalo, pero o complicado é abrir mercado, iso non se logra dun día para outro”, recoñece Álvaro. “Hai que estar preparado para manexar o mercado e aí é onde falla todo o mundo, porque se non das a marxe suficiente, por moi bo que sexa o teu produto, non entras. O pescozo de botella é sempre o mercado e a man de obra”, asegura. Están a medrar a un ritmo dun 40% anual pero Alfonso quéixase das grandes superficies e as cadeas de supermercados polas trabas e condicións que poñen aos produtores.  Por iso optaron por dirixirse a tendas de produtos artesáns, confiterías e pastelerías, xeaderías ou establecementos de restauración que elaboran os seus propios postres. Tamén a unha tendencia crecente trala pandemia, a de cociñar e facer postres na casa. Formatos e texturas diferentes para distintos usos Para adaptarse ás distintas necesidades dos seus clientes, contan con diferentes formatos (unitario de 370 gr, familiar de 1,2 kg, uso profesional de 7 kg e topping de 1,3 kg) e diferentes texturas en función do destino final: variedade clásica para consumo directo, materia prima para xeadería, recheo para repostería e xirope para botar por enriba en creperías, doces ou xeados.
Contan cunha liña ecolóxica dirixida a xeaderías e pastalarías que traballan unicamente con produtos ecolóxicos
Contan tamén con liña gourmet, para tendas que demandan unha presentación máis coidada, e liña ecolóxica, con leite que mercan a Casa Grande de Xanceda. Esta última liña estalles a permitir o acceso ao mercado europeo. “Cando estivemos na feira en Alemaña démonos conta de que alí o feito de consumir produtos ecolóxicos estase a converter nunha sinal de estatus social, porque ter un BMW ou un Mercedes agora case o pode ter calquera, pero alimentarse todos os días con produtos ecolóxicos é unha sinal de distinción”, afirma Álvaro. A futuro, están pensando xa nunha liña dietética, con estevia en vez de azucre, e unha liña con proteína para deportistas. “Se hai demanda faremos o desenvolvemento”, avanzan, porque “unha industria non se pode manexar igual que un establo, a base de experiencia; aquí as decisións baséanse en cálculos e números, por iso lle custa tanto ao gandeiro esta outra faceta”, considera. Facerse un oco pola vía da diferenciación e a calidade Dentro do mercado en España existen máis elaboradores de doce de leite pero ningún dos competidores de Casa Baltar conta con granxa propia. “Tratamos de facer un produto confiable e non temos perda de clientes; o que proba, repite. Nós non somos os primeiros en facer doce de leite en España, nin sequera en Galicia, e en Madrid e Barcelona  hai dúas fábricas moi grandes con máis de 40 empregados que fan doce de leite. Pero traballan con leite en po, non co leite fresco recén saído da vaca”, puntualiza Álvaro.  
La Mulata na Coruña e os monxes de Sobrado tamén elaboran doce de leite en Galicia
A nivel de calidade e sabor Casa Baltar sobresae sobre outros doces de leite, pero no gremio das pastelarías en ocasións prefiren traballar con produtos máis industriais, que empregan graxas de orixe vexetal en vez da que contén de xeito natural o leite. “A margarina é máis doada de estender que a manteiga e nalgunhas confiterías priorizan iso á calidade”, quéixase Alfonso. Proceso artesán a base de evaporar a auga do leite Álvaro, xunto á marmita onde o leite ferve 6 horas para que evapore a auga despois de engadirlle o azucre O leite sae directamente do muxido ao tanque de almacenamento, sen desnatalo nin sometelo a ningún tipo de proceso. “Ao contar coa planta de transformación na propia granxa, o leite non sofre ningún tipo de alteración por transporte ou cambio de temperatura, polo que mantén todas a súas propiedades e unha moi baixa acidez”, explica Álvaro.
Ao leite engádeselle un 20% de azucre e bicarbonato e férvese durante 6 horas para evaporar a auga e concentrar os sólidos
Nese tanque pulmón, que conta con dobre parede, o leite quéntase por medio de vapor de auga e engádeselle bicarbonato e azucre. Unha vez estabilizada a mestura envíase a unha paila ou marmita onde comeza o proceso de evaporación da auga e concentración dos sólidos, até chegar ao 50% de concentración. Ao ferver reacciona a caseína (a proteína do leite) co azucre e cambia a cor (reacción de Maillard).
O leite contén un 83% de auga e o resto son sólidos
O resto do proceso é cuestión de tempo, ata que, en función do destino final, a mestura chega ao momento óptimo para o envasado segundo os grados brix a acadar. “A máis tempo, máis cor, e a máis fructosa, tamén. O proceso é sinxelo, pero ten a súa técnica”, admite Álvaro.
Usan unha encima para desdobrar a lactasa do leite no produto destinado a xeadería
O produto destinado a xeadería, por exemplo, comercialízase nun formato máis grande, de 7 kg, e ten unha concentración maior, tanto de sabor como da cor, e fabrícase cunha técnica lixeiramente diferente que permite que o xeado non se desconxele rapidamente. Non precisa frío nin no transporte nin na almacenaxe A necesidade de refrixeración é habitualmente un dos condicionantes para a distribución e comercialización dos produtos lácteos, sexa leite, iogures ou queixos, directamente por parte dos productores, pero que non existe neste caso. “Non precisa frío, nin no transporte nin na almacenaxe, esa foi tamén unha das razóns por decantarnos polo doce de leite cando estabamos estudando un produto derivado no que transformar a produción da granxa”, explica Alfonso.
O investimento total nas instalacións de fabricación a carón da granxa, que teñen 220 metros cadrados, foi de 300.000€
O produto envásase según sae da marmita, a 85 graos centígrados, en botes de cristal ou en recipientes termoselados, en función do uso que vaia ter. O feito de pasar fervendo a 100 grados durante 6 horas fai que non sexa necesaria nin a pasteurización previa do leite nin o autoclavado posterior e que a súa data de caducidade sexa moi ampla. Esas características do producto facilitan tamén a súa venda no mercado exterior. “Estamos habilitados para poder exportar fóra da UE. Iso permítenos, por exemplo, dar o gran salto a EEUU, que é o mercado infinito”, asegura Álvaro.

Innolact, Coren, Oviganic Ibérica e Aceites Abril, principais beneficiarios das axudas para a industria agroalimentaria

O Diario Oficial de Galicia (DOG) vén de publicar a resolución da Consellería do Medio Rural cos beneficiarios das axudas para os investimentos en transformación e comercialización de produtos agrarios. A amplicación das plantas de dúas industrias lácteas, Innolact (Castro de Rei), e Oviganic (Ibérica), en Monforte, son dous dos principais proxectos apoiados. En total, 81 empresas do sector agroalimentario recibirán preto de  37 millóns de euros, que están cofinanciados co Fondo Europeo de Desenvolvemento Rural (Feader). A Xunta asegura que o obxectivo principal é fomentar a creación de industrias de transformación en Galicia así como a modernización e ampliación das xa existentes.  Entre as principais beneficiarias están empresas do sector lácteo como Innolact (Quescrem), Oviganic Ibérica, Clesa, Celega, Entrepinares, Leche Celta, Aira, Queinaga, Queizuar, Queserías Sarrianas, Queserías Prado ou Dairylac; do sector cárnico como Coren ou Matadero del Sar; e de outros sectores, como Aceites Abril, Piensos Sil, Alibós ou Granja Campomayor.  Coren, por partida dobre Como novidade este ano, a Xunta deu prioridade ás asociacións de produtores que se uniron para levar investimentos en común. Deste xeito, concedéuselles a máxima puntuación no apartado de "beneficio a produtores" dos criterios de valoración ás cooperativas agrarias galegas ou ás sociedades participadas maioritariamente (máis do 50%) por cooperativas agrarias galegas ou por asociacións e organizacións de produtores da comunidade.
A Xunta di que primou este ano os proxectos presentados por agrupacións de produtores e cooperativas galegas
Un ano máis, entre as que máis reciben atópase a cooperativa Coren, con subvencións por partida dobre: para a súa planta de vacún de Lugo (Novafrigsa) 3 millóns de euros e a de porcino do Porriño (Frigolouro) 929.000 euros. Ao igual ca Coren, a cantidade máxima (3 millóns de euros) recíbena tamén Innolact, Aceites Abril e Oviganic Ibérica. Tras eles aparece Piensos del Sil (1,9 millóns de euros);  Matadero del Sar (adicado a porcino e situado en Laíño, Dodro), 1,5 millóns de euros; Acolact (Clesa), case un millón e medio; Queinaga e Inleit, 1,4 millóns; Celega, 1,3 millóns; e Entrepinares, máis dun millón. Proxectos a levar a cabo até 2024 Aínda que na listaxe de beneficiarios non se especifica o destino final da subvención nin o proxecto que vai ser desenvolvido por cada empresa, as actuacións obxecto de subvención esténdense, nalgún caso, ata o ano 2024.  Esta orde de axudas busca incentivar os investimentos en activos fixos materiais para a creación, ampliación e modernización das instalacións situadas en Galicia destinadas á transformación e comercialización de produtos agrarios. No caso das subvencións, consistiron en axudas para a execución deses proxectos, mentres as garantías para préstamos consistiron en garantías do 80% do risco inherente a cada empréstito formalizado destinado a financiar os investimentos, explica a Consellería. Para iso, foron suxeito de subvención actuacións como a construción, adquisición e mellora de bens inmobles, así como a compra de terreos ata un valor inferior ao 10% do total dos gastos subvencionables. Tamén, estas achegas sufragarán a compra de maquinaria e equipamentos novos, a adquisición de programas informáticos e de patentes ou licenzas relacionadas cos procesos produtivos.
LISTAXE DAS PRINCIPAIS BENEFICIARIAS E OS IMPORTES RECIBIDOS: 
  • Innolact (Quescrem) 3.000.000€
  • Oviganic Ibérica 3.000.000€
  • Novafrigsa (Coren) 3.000.000€
  • Aceites Abril 3.000.000€
  • Piensos Sil 1.942.444,06€
  • Matadero del Sar 1.595.040,54€
  • Acolact (Clesa) 1.470.761,96€
  • Queinaga 1.448.873,22€
  • Inleit 1.418.280,61€
  • Celega 1.363.094,86€
  • Gesuga (xestión subprodutos): 1.154.008,45€
  • Entrepinares 1.067.432,06€
  • Frigolouro (Coren) 928.797,66€
  • Alibós (castaña) 820.189,78€
  • Ecocentro SC (ovos ecolóxicos, Melide) 759.042,38€
  • Queizuar (Queixos Bama) 719.981,13€
  • Leche Celta 686.504,27€
  • Aira 570.501,67€
  • Granja Campomayor 569.935,66€
  • Casa Quiroga Hortofrutícola 483.848,01€
  • Queserías Sarrianas 475.793,30€
  • Leche Galicia (Lactalis) 471.780,00€
  • Sopregal (xamóns e embutidos, Vilalba) 443.183,98€
  • Cogal 373.317,97€
  • Queserías Prado 370.600,08€
  • Dairylac 354.390,86€
  • Naturleite 312.686,81€
  • Clun 303.236,89€

A listaxe completa pode consultarse no seguinte enlace do DOG.

SAT Seixas, unha aposta por valorizar o leite facendo xeados

Manuel Arias, xunto ás vacas de SAT Seixas que producen o leite para os xeados Xeou! A xestión do persoal e as dificultades para atopar man de obra é un dos maiores retos aos que se enfrontan a maioría de explotacións leiteiras a medida que van medrando e gañando volume. No caso de SAT Seixas, esas necesidades de persoal aumentan, xa que ademais de producir leite baixo o sistema de tres muxiduras diarias, transforman unha parte del en xeados que ademais fan chegar ao consumidor a través da súa propia rede de establecementos. Manuel Arias, un dos socios desta SAT formada na actualidade por dúas familias e que moxe entre 220 e 240 animais, recoñece que nunha gandería desta dimensión o labor de xestión acaba absorbendo tanto tempo ou máis ca o traballo cos animais. "Son moitas cousas, hai que estar pendente de moitas frontes", asegura. Pero non esquece os seus inicios, non hai tantos anos, e séguese considerando ante todo gandeiro.
Eu fun criado na época que che dicían vai traballar fóra que aquí non fas nada
Manuel é de Aldosende, en Paradela, onde comezou producindo leite "con 8.000 quilos de cuota e unha vaca de cada cor". "Eu fun criado na época que che dicían vai traballar fóra que aquí non fas nada. Pero eu fun para fóra e non me gustaba. E por unha serie de circunstancias, porque enfermaron o meu pai e a miña avoa case xuntos, volvín", conta. A produción e o número de cabezas foi aumentando e as instalacións quedaban pequenas. "Cheguei a muxir case 80 animais alí", lembra. "Pero era eu só coa axuda da miña nai, non tiña man de obra externa nin tiña para onde medrar e vinme tan agobiado e saturado que busquei unha alternativa, a de facer unha sociedade, e xurdiu a oportunidade de facela aquí", explica.
En Paradela era eu só e máis a miña nai. Chegamos a muxir 80 vacas, pero non tiñamos persoal nin para onde medrar. Vinme tan saturado que busquei a alternativa de facer unha sociedade
Crearon a SAT no 2004 e entre o ano 2007 e 2008 comezaron a traballar xa nas novas instalacións construidas no lugar das Seixas, na parroquia de Bembibre, pertencente ao concello de Taboada, onde hoxe traballan entre 8 e 10 persoas dependendo da época do ano. "Estamos a tres muxiduras e facemos turnos tratando de que a xente estea o máis cómoda posible e saiba cal é o seu horario e o calendario de libranzas, vacacións e fin de semana para que poida organizar a súa vida", indica Manuel. Esa é unha das claves, ao seu xuízo, para lograr estabilidade no persoal. A tres muxiduras desde o 2010 Sala de muxido da explotación, con 20 puntos e sistema traseiro A organización do traballo na explotación faise en función dos horarios de funcionamento da sala, para facer as tres muxiduras, que escomezan ás 5:30, 13:30 e 21:30 horas. Comezaron con este sistema no ano 2010 e hoxe están contentos cos resultados que acadan pero, en base á súa propia experiencia, non o recomendan en explotacións de menor tamaño ou con problemas para dispoñer de man de obra. "Cando nós comezamos a facer tres muxiduras muxiamos soamente 120 vacas e este sistema non se adapta ben en explotacións pequenas. Foi unha decisión tomada a destempo naquel momento, un pouco porque estaba de moda, pero nós non estabamos preparados para aquel cambio e tivemos moitos problemas", admiten.
Cando puxemos en marcha as tres muxiduras non estabamos preparados e tivemos moitos problemas
Pero, malia as dificultades, decidiron non volver atrás e "a base de lombo e de ser metódicos" foron mellorando e perfeccionando un sistema que agora lles dá bos resultados. "Hoxe estamos contentos porque as vacas están mellor e ao estar moitas máis horas na granxa tes tamén moito máis control sobre ela". O primeiro turno entra ás 5 da mañá para facer o muxido das 5 e media e acaba a súa xornada laboral á unha da tarde, cando entra o seguinte reemprazo, o que se encarga da muxidura do mediodía. O terceiro dos turnos arrinca ás 9 da noite e remata ás 2 da madrugada, o que fai que haxa persoal na granxa de xeito ininterrompido durante 21 das 24 horas do día.
Muxir tres veces conleva máis gastos pero as vacas están mellor e ao estar máis horas na granxa tes máis control sobre o gando
Isto leva aparellado que o control e a vixiancia sobre o gando sexa moito máis exhaustivo en aspectos como a detección de celos e enfermidades ou a atención aos partos, permitindo, por exemplo a inxesta da primeira toma de costro por parte das becerras antes das catro horas inmediatamente posteriores ao nacemento, momento a partir do cal deixa de ser tan efectiva a nivel de inmunización. Para reducir o tempo de espera das vacas para muxírense, establecen lotes de 70 animais como máximo, de maneira que o resto do gando permanece descansando ou alimentándose namentras non chega a súa quenda. Muxir máis veces as vacas non significa exprimilas máis, considera, xa que "a nivel de saúde de ubre están moito mellor e non se ve comprometida a súa lonxevidade". De feito, SAT Seixas ten animais que destacan tanto polas súas medias de produción diaria como tamén polo seu número de lactacións e produción vitalicia. "Temos animais con 6 ou 7 partos", destaca Manuel. Nave de produción de SAT Seixas. Nas camas empregan area e fanas unha vez ao día Con todo, neste momento teñen exceso de recría e non aproveitan moito as vacas. Tamén por iso fan secados longos, de até tres meses, buscando que os animais que moxen teñan todos altas producións e que logo descansen e se recuperen para encarar o seguinte parto e facilitar tamén deste xeito que as vacas volvan quedar preñadas á primeira.
Para reducir o tempo de espera para muxírense, establecen lotes de 70 vacas como máximo
O paso das dúas ás tres muxiduras diarias tamén fai posible un incremento de produción dos animais. "Nós temos vacas que nos controis leiteiros chegaron moi preto dos 80 litros e iso con dúas muxiduras é impensable", afirman. Ese aumento de produción permite compensar o incremento de gastos en man de obra ou consumo eléctrico, algo para o que tamén instalaron placas solares e un variador de frecuencia, pero Manuel defende que "as salas de muxido cantas máis horas estean funcionando máis rendemento se lle saca". A deles é de muxido traseiro con 20 puntos. Problema este ano co silo de millo SAT Seixas ten un déficit importante de superficie agraria e cultiva fincas a 20 quilómetros de distancia A produción media da gandería na actualidade é algo máis baixa do habitual por culpa do silo de millo. "Agora mesmo debemos andar nos 42-43 litros pero esa non é a nosa produción media. Normalmente andamos entre os 43 e os 45 litros e nalgún momento chegamos a picar incluso os 48 litros pero neste momento estamos moi baixos porque temos un silo de millo horrible este ano e non sabemos moi ben por que. Penso que foi que o ano pasado secou moito a planta e logo comezou a chover e tivemos que agardar moito para poder ensilar e seguramente a planta chegou ao silo moi pasada e non debeu fermentar ben porque o silo non ole a ácido láctico como debería e as vacas comen pero non hai produción", explica Manuel. En canto a calidades, están entre 3,50% e 3,70% de graxa e en 3,45% de proteína e entregan a produción a Naturleite.
Normalmente andamos entre os 43 e os 45 litros de produción media e temos vacas que se aproximan aos 80 litros; iso con 2 muxiduras é impensable
SAT Seixas manexa arredor dunhas 120 hectáreas de terreo, insuficiente para poder cubrir as necesidades de alimentación do seu gando, polo que priorizan a produción de forraxe para silo de raigrás. "A herba producímola toda nós, silo de millo ás veces mercamos algo e facemos tamén grao de millo húmido con millo que mercamos porque nos facilita moitas cousas e os animais están mellor. Tes unha seguridade, porque sabes que o tes aí para todo o ano", indica Manuel. Fan grao húmido co millo que traen de León pero no último ano o prezo disparouse de repente 30€ por tonelada Acostumaban traer entre medio millón e un millón de quilos de millo para grao húmido, co que logran un silo de calidade con entre un 30 e un 35% de amidón, aínda que o ano pasado trouxeron menos polo encarecemento dos cereais. "Compramos en León e subiu de repente 30€ a tonelada, así que metemos menos grao húmido e suplimos con fariña de millo, xa que tiñamos pechado prezo a longo prazo", conta Manuel. Este tipo de materias primas, como a fariña de millo, a colza ou o bagazo de cervexa, mércanas a través de CAP Coruña, tentando ter unha estabilidade de prezos a longo prazo.
Aquí ao lado temos un monte comunal de 500 hectáreas que non está a nada. Se a Administración nos axudara podiamos coller aí 100 hectáreas para cultivar e dese xeito facer tamén un cortalumes natural
Das 120 hectáreas sementan a millo unhas 70 ou 80, dependendo do ano, porque algunhas son moi pesadas e en función de como veña o tempo non logran laborealas a tempo. Na maioría fan rotación de cultivos, habitualmente con wester, pero levan dous ou tres anos probando unha mestura de raigrás inglés con italiano que lles está a dar bos resultados. "Medra moi ben, non é tan precoz como o wester pero case, e a calidade é moi distinta, seguramente os silos sexan mellores sobre todo en proteína", aseguran. A falta de superficie é unha eiva importante nesta explotación, que precisaría dobrar as terras de cultivo de millo das que dispoñen para seren autosuficientes.
Botamos unhas 70 ou 80 hectáreas a millo pero necesitariamos outras tantas
"Ogallá tiveramos máis superficie para poder producir máis millo, e é un dos obxectivos que temos, pero é moi difícil, porque estamos nunha zona na que está todo moi esparcido e é moi complicado obter hectáreas de calidade, logras cachiños pero pezas grandes non é doado. A ver se agora coa Lei de Recuperación da Terra Agraria podemos facer algo nalgún monte, porque temos un monte comunal aquí ao lado de 500 hectáreas e non está a nada. Podiamos aí coller 100 hectáreas xuntas e beneficiarnos todos, porque ao mesmo tempo que nós lograbamos terra, faciamos un cortalumes natural e a Xunta non tiña que estar desbrozando. Pero para iso tennos que axudar a Administración, porque nós tal como está a lexislación de montes comunais non podemos facelo", piden. A falta de superficie dispoñible na zona obrígaos a cultivar parcelas en Monterroso, a case 20 quilómetros de distancia da granxa. Dúas terceiras partes da superficie da explotación é alugada. Fan o carro tres veces ao día Mercan directamente as materias primas para aforrar custos e pechar prezos estables a longo prazo Ao igual que moxen tres veces, tamén elaboran a ración unifeed de alimentación outras tantas. Para iso dispoñen de carro mesturador propio, o que lles permite maior flexibilidade. "Para as vacas en produción facemos unha única ración pero tres veces ao día. Doutro xeito tería que vir o carro unha vez soa e deixarche todo feito e facer para os lotes de xovencas e secas aínda que tiveran comida, así imos facendo segundo van comendo", defende.
Para o manexo diario da granxa preferimos ter carro propio porque nos parece moito máis eficiente e operativo
En canto aos traballos agrarios, din, "cada vez facemos menos porque cada vez estamos máis volcados coa granxa, así que facemos o imprescindible e o resto contratamos fóra". Traballan co parque de maquinaria da cooperativa Aira. "Tratamos de sacar dous cortes de herba e un de millo e iso obríganos a ter que facer todo tremendamente rápido. Ás veces temos aquí traballando 10 tractores ao mesmo tempo; ti non podes ter 10 tractores. É totalmente inviable. Polo tanto, para conseguir esa rapidez temos que contratar", xustifican.
Cada vez facemos menos traballo agrario porque ás veces temos aquí traballando 10 tractores ao mesmo tempo, e unha granxa non pode ter 10 tractores propios porque é totalmente inviable
As producións de millo nesta zona do sur da provincia de Lugo son bastante inestables e dependen moito da climatoloxía. "Poden variar un 25% dun ano a outro, están entre 30.000 a 40.000 quilos por hectárea dependendo de como veña o ano", explica Manuel. Por iso, tentan garantir un bo ensilado de herba. "Procuramos meter sempre a herba moi tenra, facendo dous cortes. Iso permítenos ir xogando un pouco coa herba e co millo na ración en función das cantidades que teñamos dunha cousa ou da outra", indica. Neste momento ás vacas de leite estanlles a dar 30 quilos de silo de millo, 11 de silo de herba, 0,3 de palla, 8,3 de bagazo de cervexa, 6,2 de colza, 4 de fariña de millo e 2 de núcleo. Reorganización das instalacións para ser máis eficientes Pretenden reunificar a recría e reubicar as vacas secas para traballar máis cómodos SAT Seixas está inmersa na actualidade nunha serie de obras de ampliación e mellora, para o que tiveron que solicitar informe de impacto ambiental. Non buscan sen embargo aumentar o número de cabezas, senón reconfigurar a explotación para facer o traballo de xeito máis doado e eficiente. "Agora mesmo non queremos medrar máis, estamos reorganizando todo para que a xente traballe máis cómoda e ser máis eficientes, é dicir, coas mesmas horas facer máis traballo, e perfeccionar o sistema, porque temos moitas cousas que mellorar aínda, evidentemente, porque fomos medrando a un ritmo tan alto que non nos paramos nos pequenos detalles, que é o que queremos facer agora", recoñece Manuel.
Teñen a recría repartida entre Taboada e Paradela, pero pretenden agrupala para mellorar o manexo e aforrar tempo e man de obra
Pretenden agrupar, por exemplo, a recría, que agora está dividida entre as instalacións das Seixas e o establo vello que tiña Manuel en Paradela. "Están aquí en Taboada até que son inseminadas e unha vez preñadas mandámolas para alí, onde son alimentadas con veza, pero unha vez que reagrupemos aquí toda a recría faremos varias racións diferenciadas no carro", avanza. En canto á fase de lactación, teñen as tenreiras en boxes, primeiro individuais e logo xa en grupos de tres. "Eu non son moito de amamantadora, prefiro os boxes, pero o que estamos facendo agora é xa reagrupalas de tres en tres antes do destete e logo xa van pasando a grupiños máis grandes en esterco. En Aldosende témolas en cubícolos e traémolas de volta para aquí dous meses antes de pariren", explica. Xuntan en boxes de tres prazas as becerras antes do destete e deste xeito conseguen que medren máis Para destetar non se basean tanto na idade senón en como come o animal, de maneira que se trata case dun destete individualizado a medida que van estando preparadas. "Miramos que coman un mínimo de catro quilos de concentrado ao día e aí é cando empezamos a destetar", explican. "Saen impresionantes, estamos cubrindo con 12 meses e eu xa digo sempre de broma que calquera día imos ter que empezar a inseminalas nos boxes polo tamaño co que saen", bromea Manuel.
Queremos empezar a dar ás becerras tres tomas de leite noso pasteurizado e empezar a xuntalas moito antes porque agrupadas medran moitísimo máis
"Neste momento damos dúas tomas de tres litros e medio cada unha pero outra das cousas que queremos pasar a facer é dar tres tomas do noso leite, en vez de lactoreemprazante. Aos tres días xa lles poñemos unha presa de penso e auga desde o primeiro día porque vaste dando conta de que a medida que van comendo máis, medran máis e crecen antes. Até que comen 2 quilos témolas con ese penso e despois desde os 2 ata os 4 quilos cambiámoslles a outro tipo de concentrado pero seguimos co leite. Eu penso que o maior segredo para que medren a esa velocidade está no leite. Antes destetabamos cando comían dous quilos de penso, agora non, agora agardamos ata os 4 quilos", detallan.
A mellora na recría permitiulles adiantar varios meses a produción das xovencas e mellorar as súas medias de leite ao primeiro parto
Fan un destete progresivo e están adiantando o reagrupamento dos animais. "Para destetar o que facemos é sacarlles unha toma e despois a outra, así non sinten nada o cambio cando lles sacamos o leite. Antes tamén tiñamos o costume de primeiro destetar e despois xuntalas, pero agora estámonos dando conta que é un erro, que é mellor xuntalas primeiro e logo destetar, medran máis así, se as xuntas antes, e estamos buscando a forma de adiantar ese agrupamento incluso", explican. A mellora na recría permitiulles adiantar varios meses a súa produción, mellorar as medias do primeiro parto e "non ter nunca xovencas paradas e coméndoche durante dous ou tres anos".
Medramos moi rápido até agora pero ultimamente xa estamos poñendo moito seme de carne porque non queremos medrar máis
Desde a súa creación SAT Seixas estivo volcada en aumentar o seu número de cabezas para poder acadar unha dimensión suficiente como para rendibilizar os investimentos realizados e facer viable o sistema de tres muxiduras diarias, pero agora o obxectivo é estabilizar a granxa. "Até agora inseminabamos todo con frisón e poñiamos sexado nas xovencas pero xa non queremos medrar máis e estamos xa case desbordados de recría, así que o que estamos facendo agora é poñendo sexado nas primeirizas e azul belga no resto, agás que sexa unha vaca que nos interese criar dela. Nalgunha xovenca que non nos interesa tamén poñemos carne, nese caso angus, por facilidade de parto. Ultimamente estamos traballando moito co sexado e seguramente acabemos poñendo só sexado para cubrir o reemprazo e carne no resto, porque os machos frisóns teñen moi pouco futuro", consideran. O "segredo a voces" dos xabaríns Danos provocados polo xabarín nunha das fincas de millo de SAT Seixas Desde hai uns anos, esta gandería pon cara en primeira persoa a un problema xeralizado no agro galego: o dos ataques da fauna salvaxe. Os xabaríns destrozan ano si e ano tamén boa parte dos cultivos nesta explotación de Taboada, que xa probou todos cantos métodos había sen lograr resultados satisfactorios. "Probamos de todo: fixemos un investimento importante en pastores e pechamos todo con 25 pastores, pero iso era insostible, primeiro porque non era eficaz e logo porque tiñas que estar todos os días revisando os peches e repoñéndoos", din. Como aquilo non era solución ao ano seguinte probaron a pechar con malla de ovella unhas cantas fincas. "Ese ano funcionou moi ben, supoño que porque as outras estaban abertas e éralles máis cómodo ir ás outras, pero a medida que as fomos pechando todas xa empezaron a entrar por todos os lados. Logo puxemos malla de cadros pensando que esa non a furarían, pero entraban por abaixo. Usamos petardeiras, foguetes, cans, pero nada resulta efectivo. Ao xabarín non hai forma de controlalo, é un animal que se vai adaptando según lle vas poñendo atrancos, e cando o millo está en estado leitoso debe ser como unha droga para el e é imposible frealo a non ser que se fagan batidas razoables", defenden en SAT Seixas.
Hai Tecores que están colaborando con nós, facendo batidas cando hai danos, pero hai outros que non e aí é onde tiña que actuar a Xunta
Pero quéixanse de que non sempre atopan a receptividade agardada entre os cazadores. "O primeiro que fixemos foi falar con eles e o único que recibimos foron burlas e ameazas, pero desde que destapamos publicamente o problema, hai xente que empezou a colaborar con nós, cos gandeiros. Eu penso que nos últimos anos fixemos algo moi interesante, xa que fomos capaces de desmantelar ese segredo a voces que había aí oculto. Pero aínda hai outra xente que segue sen colaborar. Nós aquí temos fincas en cinco Tecores distintos e hai cazadores que en canto hai destrozos van e fan batidas, e iso minimiza os danos e fai que sexan asumibles, pero hai outros presidentes que levan décadas no cargo e que semella que seguen incrustados nas leis franquistas, pensan que todas as fincas son deles e non fan nada por axudar para evitar os destrozos. Aí é onde a Xunta tiña que tomar medidas e mirar a forma de buscarlles relevo para que entrara xente nova con outra mentalidade na directiva deses Tecores e con ideas adaptadas ás novas necesidades para poñerlle fin a este pesadelo que sufrimos as explotacións", defende Manuel, que calcula que "tranquilamente nos últimos anos podemos levar uns 600.000 euros de perdas e de gastos que se ven, porque hai outros que non cuantificas, como a terra que entra nos silos ou as vacas que enferman por clostridium. Os gastos son terribles. O ano pasado, por exemplo, foi horrible", din.
Calculan uns destrozos dunhas 20 hectáreas por ano, o que suporía máis de medio millón de euros en perdas desde que leva funcionando a SAT
Este ano nesta explotación optaron por mandar burofaxes aos cotos pero algúns deles actuaron unicamente para cumprir o expediente. "Viñeron facer unha batida con 5 persoas soamente para cubrir quilómetros e quilómetros de monte. Non podes vir nese plan", quéixanse. Ante a falta de colaboración están valorando dar un paso máis e presentar denuncias contra os Tecores e piden á Xunta, á que tamén se dirixiron con distintos escritos e peritación de danos, que se tome en serio o problema e actúe. "A solución aos danos da fauna salvaxe pasa pola ordenación do territorio. Con fincas de millo de só 2.000 metros cadrados rodeadas de monte é imposible resolver o problema", asegura Manuel. "Pídesenos que sexamos competitivos nestas circunstancias e cobrando os prezos do leite máis baixos de toda Europa. E aínda así en Galicia somos capaces de ser unha potencia producindo leite. Imaxínate que poderiamos facer se as condicións fosen outras", evidencia.

Xeou!, xeados da Ribeira Sacra con ingredientes naturais e entre o 40 e o 60% de leite

Montse co xeado de fresa recén sacado da mantecadora Nun pequeno obrador debaixo da oficina da granxa, a carón da sala de muxido, SAT Seixas transforma desde xuño de 2019 unha parte do leite que producen as súas vacas en xeados artesáns. O proxecto busca valorizar o seu leite, unha materia prima de primeira calidade que non sempre as industrias valoran como deberían. "Desde neno vin os abusos constantes das empresas. Estaban os meus pais que non sabían nunca a que prezo ían cobrar o leite. Pasaron corenta e pico anos e as cousas están máis ou menos igual, coa única diferenza de que agora obrígannos a asinar un papel coas condicións que eles nos impoñen", denuncia Manuel. Levado un pouco por iso e tamén pola ilusión que sempre tivo de facer algo co leite das súas vacas, Manuel á súa muller, Montse, decidiron poñer en marcha unha iniciativa para levar dalgún xeito até o consumidor final o seu leite. Cando comezaron a darlle voltas a como darlle un valor engadido ao seu leite decantáronse polos xeados fronte a outros produtos como os queixos ou os iogures, porque pensaron que ese outro mercado podía estar xa máis saturado.
Desde neno vin os abusos constantes das empresas. Os meus pais non sabían nunca a que prezo ían cobrar o leite. Pasaron corenta e pico anos e as cousas están máis ou menos igual, coa única diferenza de que agora obrígannos a asinar un papel
Aínda que neste momento a porcentaxe de leite que transforman é pequena, aspiran a poder incrementala. "Ogallá puideramos transformalo todo", din, aínda que prefiren de momento "seguir a pequena escala para poder mimar o produto e ofrecer un xeado gourmet de calidade". "Nós queriamos levar até o consumidor o que nós producimos, porque o consumidor cando vai ao supermercado merca algo que non se parece en nada ao que producimos os gandeiros. Aquí mimamos o produto, coidámolo e chegamos ao cliente cun produto de calidade", aseguran. Aproveitar o Camiño de Santiago Xeou! conta con tendas propias en Portomarín, Palas de Rei e Arzúa Os seus xeados son desde fai dous anos o emblema de SAT Seixas, unha explotación que non parou de innovar desde a súa creación hai 15 anos. Neste momento contan con tres xeaderías propias en Portomarín, Palas de Rei e Arzúa, onde comercializan tanto xeados como leite pasteurizado. No canto de decantarse por instalar os establecementos nas cidades, optaron por aproveitar que o Camiño de Santiago non pasa lonxe de Taboada. Bembibre está tamén moi preto do embalse de Belesar e das ladeiras do río Miño onde se producen os viños da Ribeira Sacra da subzona de Chantada. A súa idea sempre foi vender só nos seus establecementos, pero están a ter demanda por parte de distintos puntos de venda que queren contar tamén cos seus xeados.
Os seus xeados son desde fai dous anos o emblema desta explotación que non parou de innovar desde a súa creación hai 15 anos
A explotación e o proxecto de transformación e comercialización do leite en forma de xeados son proxectos independentes pero que se poden axudar e complementar mutuamente. "Aquí non temos grandes industrias, temos o sector primario e o turismo. E pensamos en diversificar deste xeito, porque nos prezos do leite nunca temos garantía e se iso nun momento falla estarían as tendas dos xeados", razoan. O Camiño de Santiago era unha ruta que antes da actual pandemia movía milleiros de visitantes cada ano, e este ano estaría ateigado en pleno ano Xacobeo, pero o coronavirus frustou esas espectativas, así que neste momento é ao revés; o respaldo apórtao a gandería.
Tal como está o sector turístico e co investimento acabado de facer, o respaldo neste momento apórtao a gandería
Malia ao parón polo coronavirus, están convencidos do éxito de iniciativas coma esta. "En Galicia temos tantísimo potencial e tan mal explotado que é una mágoa. O Camiño de Santiago aporta moitísimas posibilidades. Cando abrimos no verán do 2019 en Portomarín, foras o día que foras desde as 4 da tarde ás 9 da noite vías a praza da vila ateigada de turistas e peregrinos. Temos aí un potencial que é terrible e témolo moi mal explotado, penso que Galicia está de moda e a esa xente que nos visita temos que ofercerlle produtos gourmet galegos", defende Manuel. Sen colorantes nin produtos químicos Os xeados fanse con leite e froita natural no seu momento óptimo de maduración Pero máis alá da afluencia de clientes, condicionada pola covid-19, Manuel e Montse están satisfeitos coa acollida que están a ter os produtos Xeou. "Os nosos clientes valoran a calidade que lles estamos ofrecendo, algo que non fan as industrias, que só se preocupan de meter leite nun cartón e cadrar os seus números a base de apertar e baixarlle o prezo ao gandeiro", di Manuel, que lembra a cara de satisfacción dos peregrinos xaponeses cando probaban o seu leite fresco pasteurizado.
Esa cremosidade e esa textura que diferencia os nosos xeados dalla o leite fresco recén muxido. Tan só pasteurizamos o leite por seguridade, pero é o único tratamento que lle facemos
"Dependendo do tipo de sabor, entre o 40% e o 60% dos xeados que facemos é leite", aclara Montse, que se encarga da parte de transformación e venda na xeadería e leva a xestión da granxa. "Elaboramos con leite recén muxido que é o que lle dá esa cremosidade e esa textura ao noso produto. Unicamente pasamos o leite por un proceso de pasteurización, é algo ao que nos obriga a normativa sanitaria. Logo mesturamos ese leite con produtos naturais, tratando de buscar tamén a orixe no resto dos ingredientes, como pode ser a fresa, a mandarina ou a avelá", explican. 30 sabores diferentes Un dos top venda é precisamente o xeado de avelá con chocolate. "É tamén o que máis traballo nos dá, facemos nós a pasta de avelá e é un sabor que non atopas noutros xeados", aseguran. Elaboran cada día xeados dun sabor diferente e van producindo segundo o consumo. "É un produto natural que é importante que se consuma canto antes e que non sufra cambios de temperatura. Se fas algo distinto é mais doado vendelo", razoa Manuel. O proceso é relativamente sinxelo. Co leite que vén do tanque de frío unha vez pasteurizado fan unha base sobre a que engaden o puré co sabor que toque ese día, elaborado con froita madura para que o azucre sexa natural, ao igual que o que aporta a lactosa do leite. Esa mestura de leite e froita pasa entón á mantecadora que tras un proceso de case unha hora devolve a crema inicial en forma de xeado. "Non hai segredos, o noso xeado non leva colorantes nin engadidos químicos. A xente sorpréndese porque os nosos xeados non teñen a cor que o consumidor está acostumado a ver nos xeados industriais. Por exemplo, o noso xeado de limón sabe a limón pero non é amarelo, é branco, porque o zume de limón é branco e non amarelo, e para que o xeado saia amarelo hai que botarlle polvos e nós non llos botamos", aclaran.
A xente sorpréndese porque os nosos xeados non teñen a cor que o consumidor está acostumado a ver na televisión. O noso xeado de limón é branco, porque o zume de limón é branco. Para que saia amarelo hai que botarlle polvos e nós non llos botamos
Neste momento contan xa cuns 30 sabores diferentes. "Unha vez que aprendes a técnica de facer os xeados, o resto é cuestión de ir probando e innovando nos sabores, nas mesturas de sabores e na formulación", indican. Nin Montse nin Manuel tiñan experiencia facendo xeados e tiveron que formarse. Viaxaron varias veces a Italia, onde fixeron cursos acelerados na Carpigiani University, preto de Bolonia, onde está a mellor escola de xeladería do mundo e visitaron xeaderías e feiras especializadas como a SIGEP. En Galicia contaron tamén coa axuda de Bico de Xeado, a empresa vinculada á Cooperativa Agraria Provincial da Coruña, outra das ganderías que nos últimos anos apostaron polos xeados para valorizar o seu leite. Formación para que as ganderías se animen a transformar Para aprender a elaborar xeados desprazáronse a Italia, onde realizaron varios cursos Para poñer en marcha o seu proxecto fóronlles concedidas dúas subvencións por parte da Xunta de Galicia, que "son positivas porque arrincar sempre é moi difícil", recoñece Manuel, que sen embargo considera que "tería sido moito máis útil que esa formación que nós nos tivemos que buscar pola nosa conta nola tivera facilitado a Administración, é dicir, que houbese algún programa de formación en Galicia que axudara ás explotacións que queremos transformar o noso leite a levar adiante o noso proxecto".
As subvencións están ben, pero axudaba tanto que houbera onde formarse. Nós idea de elaborar xeados non tiñamos e tivemos que ir aprender a Italia
Manuel opina que aí é precisamente onde está o futuro, a sustentabilidade e a rendibilidade para as ganderías polo que desde a Administración se debería apostar por estas iniciativas e non tanto por grandes proxectos industriais de multinacionais foráneas que se asentan en Galicia buscando materia prima barata. En SAT Seixas a maiores das entre 8 e 10 persoas que atenden a granxa, o primeiro ano chegaron a ter outras 5 persoas para elaboración dos xeados e comercialización nas súas tendas, postos de traballo que serven para crear riqueza e asentar poboación no rural.
Xestionar unha explotación é moito máis complicado que facer xeados
É o hábitat no que Manuel se sinte cómodo. Montse é madrileña e cando el ía vela aló "desde La Bañeza xa ía agobiado pensando en onde ía aparcar", di. Animan a outras granxas a dar o paso que eles deron porque malia tratarse dun mundo que require de certo grao de especialización, Manuel considera que "xestionar unha explotación é moito máis complicado ca facer xeados" e destaca o mérito dos gandeiros e gandeiras de Galicia, que nos últimos anos foron capaces de facer competitivas as súas granxas nun escenario de prezos baixos e déficits estruturais no sector, que seguen sen corrixirse. Unha vez máis, e pese a ter que atender moitas frontes, Manuel demostra ser "gandeiro por riba de todo".

Feijóo quere transformar na comunidade tres de cada catro litros de leite producidos en Galicia

Alberto Núñez Feijóo, xunto a Carmen Lence, visitando a planta de Leche Río no Ceao (Lugo) O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, avanzou este luns que a nova estratexia do sector lácteo, que a Xunta presentará este mércores, pretende impulsar a I+D+i e a profesionalización da industria láctea galega co obxectivo de chegar a transformar o 75% do leite que se produce na comunidade. A intención do Goberno da Xunta é, pois, acabar cun dos males endémicos do sector lácteo galego: o da escasa transformación na nosa comunidade. Na actualidade, e malia a instalación nos últimos anos en Galicia de industrias como Entrepinares ou Inleit, parte significativa do leite producido sae da nosa comunidade sen se transformar.  Estímase que na actualidade 4 de cada 10 litros producidos polas ganderías galegas marcha en cisternas a transformarse a industrias de fóra da comunidade, levando con el o valor engadido, e que, do leite industrializado en Galicia, o 60% é envasado como leite líquido, o que menos valor xera, mentras outro 15% é transformado en queixos, unha porcentaxe que en países como Francia se achega ao 50%.  
Estímase que na actualidade 4 de cada 10 litros producidos polas ganderías galegas marcha en cisternas para transformarse fóra da comunidade, levando con el o valor engadido
Durante unha reunión cos directivos do Grupo Leche Río, Feijóo anunciou tamén que esta semana se aprobarán os Orzamentos da Xunta para o vindeiro ano, cos que o Goberno galego pretende "inxectar capacidade económica aos sectores produtivos para reactivar a economía e para facer un investimento excepcional co obxecto de manter o emprego”, abundou. Aumentar a produción de queixo No tocante á nova estratexia do sector lácteo que se presentará o vindeiro mércores, Feijóo subliñou que esta iniciativa contará con cinco eixes: produción, industria, mercados, cadea de valor, formación e innovación. “E aspirará ademais a aumentar o peso das denominacións de orixe protexidas de queixo na transformación industrial”, resaltou, asegurando que para iso poranse en marcha campañas de promoción das catro DOP (Tetilla, San Simón, Cebreiro e Arzúa-Ulloa) e a adaptación dos formatos e envases ás demandas do consumo.
Un dos obxectivos é aumentar o peso das denominacións de orixe de queixo na transformación industrial do leite
Así mesmo, no eido da I+D+i e da profesionalización da industria, o presidente da Xunta destacou melloras na formación no referido á tecnoloxía industrial, loxística e seguridade alimentaria; e o impulso dun proxecto de investigación do sector coas universidades para reducir a pegada de carbono. Logo de lembrar que esta estratexia forma parte do Plan de reactivación e dinamización do rural, que xerará un impacto económico de máis de 560 millóns de euros, o responsable do Goberno galego destacou o compromiso do Grupo Leche Río co rural, reflectido nas máis de 450 explotacións coas que traballan: “Tenacidade, esforzo e inconformismo son as cualidades que definen a esta empresa”, concluíu. Máis información - Promesas para o sector lácteo: a Xunta anuncia 125 medidas.

Obradoiros de transformación de lácteos

O Centro de Promoción Rural EFA Fonteboa ( A Coruña) en colaboración coa Axencia Galega de Calidade Agroalimentaria (Agacal) impartirá nos próximos meses dous obradoiros sobre a transformación de lácteos.

Nos talleres abordarase tanto a elaboración de diferentes tipos de queixos como de sobremesas lácteas. Ademais, están programadas visitas a empresas agroalimentarias do sector. O primeiro dos cursos celebrarase do 17 ó 21 de febreiro e o segundo será do 2 ó 6 de marzo. Os talleres impartiranse nas instalacións do Centro de Formación e Experimentación Agroforestal Pedro Murias (Lugo).

As persoas interesadas en participar nos obradoiros poderán formalizar a inscrición, así como solicitar máis información, no correo electrónico efafonteboa(arroba)fonteboa.es ou no teléfono 981 733 051.

 

Oito iniciativas de desenvolvemento rural premiadas por Agader

A Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader), dependente da Consellería do Medio Rural, vén de facer pública a lista de iniciativas de desenvolvemento rural distinguidas este ano cos premios Agader. Son un total de oito proxectos, que recibirán 10.000 euros cada un para reinvestir na correspondente iniciativa. Os premios entregaranse o 14 de setembro nun acto na Cidade da Cultura. As iniciativas galardonadas foron as seguintes: - Veigas de Sabugueiro (Vilar de Santos, Ourense), unha empresa orientada a utilizar un recurso natural abundante en Galicia -o sabugueiro- para facer produtos como licores, marmeladas ou cervexa. O proxecto foi premiado no apartado agrogandeiro. - Cooperativa Levinred (Leiro, Ourense), que desenvolveu unha marca de cosmética natural cuxo elemento principal é o viño tinto artesán. Recibiu a distinción para persoas mozas menores de 40 anos. - Trasdeza Natur (Silleda, Pontevedra), un proxecto que transforma produtos de horta ecolóxicos con técnicas de deshidratado natural e empregando tecnoloxía solar. O xurado outorgoulle o galardón na categoría de innovación tecnolóxica. - Iniciativa para a recuperación de terreos abandonados no concello de Miño. O proxecto está volvendo a poñer en produción terras en desuso para cultivo de tubérculos como patacas ou cebolas. Recibiu o premio na categoría de loita contra o abandono. - Turisa Galicia (Silleda, Pontevedra) gañou no apartado de turismo polos servizos de rutas personalizables que ofrece na Ribeira Sacra. - ‘Mulleres de seu’, un proxecto da cooperativa Clun que consiste nunha serie de accións formativas, encontros e xornadas de traballo dirixidos a favorecer a integración das mulleres nas cooperativas logrou o galardón na categoría de iniciativas encabezadas por mulleres. - Asociación de familiares de enfermos de alzheimer de Ourense, que recibiu o premio no apartado de interese social polos seus obradoiros de estimulación terapéutica e apoio psicolóxico ós coidadores. - Festival da Luz (Boimorto, A Coruña), que recibiu o premio no apartado cultural.

Asaja prevé a exportación de carne e lácteos galegos a Indonesia

A organización agraria Asaja participa estes días nos actos relacionados coa visita a Galicia dunha delegación comercial de Indonesia. A delegación do país asiático está na comunidade co obxectivo de pechar un proxecto para producir un cruce de vaca rubia galega cunha raza propia de Indonesia, unha iniciativa na que traballa a empresa galega Indogal. Desde Asaja prevén tamén que os contactos permitan a exportación de carne e de lácteos de Galicia para Indonesia, segundo indican en nota de prensa. A delegación comercial de Indonesia está formada por representantes políticos, económicos e relixiosos. Entre eles está o xeneral Wiranto, exministro de Defensa, así como o número dous do Ministerio de Agricultura, Syukur Irwantoro, segundo informa Asaja. Os representantes do país asiático realizaron visitas a industrias alimentarias galegas e segundo Asaja, teñen intención de comezar a importar produtos cárnicos de inmediato, en tanto que tamén se prevé a adquisición de lácteos no curto prazo.

Freshcut, especializada en purés de froitas e cremas de verduras, aumenta a súa facturación un 45%

Freshcut, unha empresa galega do grupo Frutas Nieves, está a consolidarse no mercado cunha oferta centrada en froitas e hortalizas de cuarta e quinta gama, é dicir, froitas e hortalizas troceadas e envasadas, listas para o consumo (cuarta gama), ou xa transformadas en produtos elaborados como purés e cremas de verduras (quinta gama). A firma facturou durante o 2015 máis dun millón de euros, o que supón unha suba nas súas cifras de negocio dun 45%, e no 2016 quere aumentar un 100%. Actualmente, as vendas oriéntanse tanto a empresas de catering de toda España, que traballan con escolas, hospitais e centros da terceira idade, como a grupos de distribución, cos que Freshcut ten presenza en Galicia, Asturias, País Vasco e Madrid. A nivel internacional, parte da produción expórtase a Francia, Portugal e Andorra. De cara ó futuro, a empresa quere tamén entrar nos mercados do norte de Europa e de Centroamérica. Lanzamento da quinta gama A expansión da empresa, fundada no 2012 e ubicada en Vigo, aséntase no lanzamento dos produtos de quinta gama, purés de froitas variadas e cremas de verduras. O maior éxito de Galifresh sitúase nas compotas, das que se produciron 2 millóns de tarrinas no 2015. No primeiro trimestre do 2016, prosegue o crecemento, con 734.000 unidades. Compotas Galifresh. En canto ás cremas de verduras, desde a súa introdución no mercado, hai 7 meses, xa se superaron as 100.000 unidades. Os produtos, comercializados baixo a marca Galifresh, non teñen aditivos nin azucres engadidos e tamén están libres de glute e lactosa. A empresa conta cun departamento de I+D+i que continúa traballando para lanzar novos produtos nos próximos meses, con innovacións en sabores e texturas. Freshcut prima cando é posible a adquisición de produto galego, principalmente en hortalizas (calabacín, cenoria, calabaza, etc.). En froitas traballa con laranxa, plátano, pera e mazá. A firma viguesa distínguese tamén por fomentar a integración de persoas con diversidade funcional, que representan un 80% dunha plantilla de 29 persoas. Cuestións ambientais, como a pegada ecolóxica da súa produción, é outro dos aspectos nos que está a traballar.

Axudas para a transformación de produtos agrarios

A Consellería do Medio Rural vén de convocar axudas para a comercialización e transformación de produtos agrarios con cargo ó Plan de Desenvolvemento Rural 2014-2020. Os proxectos subvencionables deben cumprir unha serie de requisitos, como o de sumar un investimento total superior a 30.000 euros. Serán gastos subvencionables, entre outros, os seguintes:

– Construción, adquisición e mellora de bens inmobles. A compra de terreos ata un valor inferior ao 10 % do total dos gastos subvencionables.

– Compra de maquinaria e equipamentos novos, ata o seu valor de mercado.

– Adquisición ou desenvolvemento de programas informáticos así como adquisicións de patentes, licenzas, dereitos de autor e marcas rexistradas relacionadas cos procesos produtivos.

As porcentaxes máximas de axuda serán do 50 %. Os investimentos obxecto de axuda deberán ter unha execución mínima do 20% ao longo do 2016.

Axudas para a transformación de produtos agrarios e forestais

Estas axudas teñen por finalidade incentivar os investimentos en activos fixos materiais para a creación, ampliación e modernización das instalacións situadas en Galicia destinadas á transformación e comercialización de produtos agrarios e forestais. Neste caso, os investimentos no sector vitivinícola quedan excluídos, xa que para este sector hai unha orde específica de axudas -publicada no DOG o pasado 7 de xaneiro.

O orzamento en 2015 para estas axudas ascende a 8,65 millóns de euros con cargo ao Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (FEADER)

Beneficiarios

Poderán optar a estas axudas as empresas que vaian realizar investimentos en transformación e comercialización de produtos agrarios, así como as microempresas dedicadas á serradura de madeira. En concreto serán subvencionables os investimentos en activos fixos materiais para a creación, ampliación e modernización das instalacións situadas en Galicia; tales como a construción, adquisición e mellora de bens inmobles -excepto a compra de terreos- e a compra de maquinaria e equipamentos novos, incluídos os programas informáticos e os soportes lóxicos.

Os investimentos obxecto da axuda deberán ser executados, pagados e xustificados na súa totalidade con data límite do 10 de outubro de 2015, xa que con esta convocatoria péchase o PDR 2007-2013. Os investimentos que, con similares obxectivos, se pretendan realizar a partir de 2016 serán cubertos polo novo PDR, actualmente en tramitación.

O prazo de presentación de solicitudes para esta convocatoria será até o 16 de febreiro. 

Máis información nesta ligazón: http://www.xunta.es/dog/Publicados/2015/20150115/AnuncioG0165-020115-0005_gl.html