Europa prosegue a demanda pola non declaración de zonas vulnerables a nitratos en Galicia e noutras 6 comunidades

A Comisión considera que Galicia tiña que ter designado alomenos unha zona vulnerable a nitratos na Limia, dada a afección das augas que se percibe no encoro das Conchas

Europa prosegue a demanda pola non declaración de zonas vulnerables a nitratos en Galicia e noutras 6 comunidades

Vista da comarca da Limia. / Arquivo.

A decisión adoptada pola Comisión Europea en decembro do 2021 de iniciar un procedemento de infracción contra España pola xestión dos nitratos agrícolas continúa adiante. O Diario Oficial da Unión Europea vén de publicar a demanda da Comisión Europea ante o Tribunal de Xustiza da UE. Na demanda, a Comisión Europea subliña o xa advertido, Galicia e outras 6 comunidades tiñan que ter designado novas zonas vulnerables a nitratos, e ademais tíñase que ter mellorado a xestión das zonas xa designadas noutras 6 comunidades.

O proceso contra España arrancou no 2018, cando a Comisión Europea fíxolle ó Goberno español unha solicitude de información sobre a xestión dos nitratos agrícolas. No 2020, a Comisión, descontenta coas explicacións españolas, decidiu seguir adiante co caso e emitiu un dictame no que listaba as zonas con incumprimentos nas que consideraba que eran necesarias medidas.

No caso de Galicia, as afeccións centrábanse principalmente no encoro das Conchas (río Limia) e nas augas de escorrentía correspondentes. A Comisión entendía que era precisa a declaración dunha zona vulnerable a nitratos na Limia, así como novas zonas noutras 5 comunidades españolas.

O actual mapa de zonas vulnerables a nitratos en España deixa só libres na actualidade a Asturias, Cantabria e Galicia. En Asturias e Cantabria, a Comisión deuse por satisfeita coas explicacións dos respectivos gobernos autonómicos e considera que non é precisa a declaración de zonas vulnerables, pero no caso galego non é así.

Mapa de zonas vulnerables a nitratos en España.

Mapa de zonas vulnerables a nitratos en España.

Tralo dictame do 2020, Europa deulle un prazo a España para actuar, pero a reacción española foi vista como insuficiente en Bruxelas. Así, a Comisión Europea anunciaba en decembro do 2021 que abriría un procedemento de infracción ante o Tribunal de Justicia da UE.

Nos últimos meses, o Ministerio de Transición Ecolóxica avanzou na adopción de medidas, pois en maio deste ano fixo pública unha actualización do mapa das augas afectadas por nitratos e fosfatos de orixe agrogandeira. Entre esas zonas xa figura a comarca da Limia, o que lle deixa a Xunta un prazo máximo de tres anos para a declaración dunha zona vulnerable a nitratos na comarca ourensá.

Con todo, o procedemento de infracción iniciado por Europa continuou adiante e este verán formalizouse a presentación do mesmo ante o Tribunal de Justicia da UE, como recolle esta semana o Diario Oficial da Unión Europea.

Plan de acción en zonas vulnerables a nitratos
Coa declaración dunha zona vulnerable a nitratos na Limia, establecerase previsiblemente un rexistro estricto das aplicacións de xurros e abonos nas parcelas agrícolas, así como da saída de xurros das granxas e do seu destino.

Nos primeiros anos da zona vulnerable, a lexislación establece que a carga máxima de nitratos será de 210 Kg. por hectárea e que posteriormente pasará a 170 Kg. Só se autorizarán cargas maiores no caso de cultivos que esixan xustificadamente maior aporte de nitróxeno ou por excesivo lavado das precipitacións.

Queda por ver tamén se a Xunta decide limitacións sobre o establecemento de novas granxas ou ampliación das xa existentes. En Cataluña, por exemplo, a Generalitat ten prohibida a instalación de novas granxas de porcos en 66 concellos, así como a limitación do tamaño das granxas de vacún a 600 cabezas.

A cuestión das plantas de biogás
Unha das ferramentas que se está a plantear para a xestión dos xurros en Galicia é a das macroplantas de biogás, como a proxectada para Cerceda. No caso da Limia, Coren tiña unha planta de coxeneración eléctrica alimentada polos xurros que estivo operativa entre o 2007 e o 2014. No 2019, Coren anunciara a inminente reapertura da planta, pero polo de agora máis nada se volveu saber daquela intención.

Desde o sector agrario sinálase en todo caso que a planta de Sarreaus carece da capacidade suficiente para procesar un volume significativo de xurros. Outro problema é a xestión do dixestato sólido -que pode volver ó agro como abono- e da parte líquida tras o procesado dos xurros nas plantas.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información