A Xunta presentou hoxe o que se pode considerar a súa declaración de principios para o sector lácteo. O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijoo, acompañado polo conselleiro do Medio Rural, José González, escenificou na Cidade da Cultura de Santiago a posta de largo dun Plan Estratéxico 2020 – 2025 que, asegurou, contén 125 medidas a prol do sector.
O Plan Estratéxico era esperado no sector, pois despois de ser anunciado ata en dúas ocasións por anteriores equipos de Medio Rural, finalmente foi executado no último ano nun proceso participativo que incluíu reunións con cooperativas, organizacións agrarias e investigadores, así como unha enquisa a gandeiros. Do Plan polo de agora só se coñece o que veñen de anunciar o presidente da Xunta e o conselleiro, pois a pesar de que hoxe se prometía a súa presentación, finalmente Medio Rural informa de que ata os próximos días non se fará público.
O avance presentado hoxe por Núñez Feijoo e José González deixa poucas sorpresas. Ou moitas, segundo como se mire. Feijoo incidiu en dúas claves principais: o fomento da industrialización do leite e as iniciativas lexislativas que lanzará nos próximos meses.
Industrialización e mercados
Galicia, segundo os datos da Xunta, transforma só o 51% do leite que produce, unha porcentaxe que o presidente da Xunta quere elevar ó 75% nos próximos anos. Para logralo, comprometeu apoios a tódolos proxectos industriais que se queiran desenvolver en Galicia, lembrando a liña de axudas do seu Goberno para ese fin, que xa facilitou apoios a proxectos como os de Inleit ou Entrepinares.
Feijoo aposta por reforzar o posicionamento dos queixos galegos a nivel estatal, así como por fortalecer ós lácteos galegos con ‘marcas paraugas’como Galega 100% e Galicia Calidade
O Goberno entende tamén que hai marxe para aumentar a produción de queixos e iogures, que en conxunto representan un 17% do leite transformado en Galicia, segundo a Xunta. En especial, Feijoo incidiu na necesidade de adaptar as denominacións de orixe de queixos para innovar en formatos e envases. Tamén avanzou que seguirá apostando pola marca Galega 100% e por unha maior introdución da marca Galicia Calidade en apoio ó sector lácteo.
Outro foco do traballo da Xunta será a regulación do leite de pastoreo, que será acreditado en función dunha normativa autonómica.
Terras e regulación dos xurros
As iniciativas lexislativas que adoptará a Xunta nos próximos meses centraron unha segunda parte do discurso. Fíxose o enésimo anuncio da Lei de Recuperación de Terras Agrarias, que o presidente da Xunta conta con que se poida presentar no primeiro trimestre do 2021, e abordouse o enfoque que lle dará á Xunta ó tema máis polémico do momento, o dos xurros.
A Xunta insiste na creación dun centro tractor para industrializar os xurros, unha iniciativa que atopa escasas simpatías no sector vacún, pois as granxas ven nas dexeccións unha oportunidade para o abonado, non un problema
A Administración galega mantén a súa aposta por crear un gran centro tractor para industrializar o procesado de xurros, unha iniciativa que atopa escasas simpatías no sector vacún, pois nas ganderías con base territorial, os xurros vense máis como unha oportunidade de abaratar a fertilización das terras que como un problema que obrigue a entrar en sobrecustos de xestión.
A creación do centro tractor para xurros acompañarase, segundo anuncia a Xunta, dunha normativa galega sobre a xestión de dexeccións gandeiras. A esa normativa hai que engadirlle por outra banda a que prepara o Goberno central, no foco da polémica nos últimos meses pola esixencia que quere implantar de usar tubos colgantes para aplicar o xurro.
Relevo xeneracional, formación e innovación
A Xunta aproveitou a presentación do Plan Estratéxico para facer tamén un repaso polos apoios que brindou nos últimos anos ó relevo xeneracional e á incorporación de persoas mozas ó agro. Esas medidas completaranse proximamente co xa anunciado Banco de Explotacións, que permitirá que explotacións sen relevo lle cedan terras e instalacións a emprendedores.
O apoio anunciado para asesoramento e investigación contrasta co “desmantelamento” de oficinas agrarias e centros como Mabegondo, do que acusan as organizacións agrarias á Xunta
Feijoo manifestou tamén unha aposta polo apoio á investigación, á formación e ó asesoramento ó agro que causou sorpresa no sector. O presidente da Xunta comprometeuse a fortalecer os servizos das 68 oficinas agrarias comarcais, que se completarán cunha oficina móbil para pequenos concellos. Declarou ademais o presidente da Xunta que quere impulsar a investigación e a formación en Galicia. O conselleiro do Medio Rural, pola súa banda, destacou que se facilitará que as persoas mozas que se incorporen se formen en escolas de negocios, “pois son empresarios”, subliñou.
Trala presentación do Plan, o Sindicato Labrego emitiu unha nota de prensa acusando de hipocresía á Xunta, xa que nos últimos anos sinala que se produciu un “desmantelamento” das oficinas agrarias comarcais. Desde o sector tamén se incide na retirada de apoios ó asesoramento agrario no actual Plan de Desenvolvemento Rural, así como no acusado declive de centros de investigación agraria como o de Mabegondo, polo que os anuncios de hoxe da Xunta xeraron incredulidade.
Organizacións de produtores, Interprofesional e Acordo Lácteo
Sobre as relacións entre granxas e industrias, Núñez Feijoo avogou pola negociación colectiva, para o que sinala que apoiará a transformación de cooperativas en organizacións de produtores (OP). Compromete asímesmo fondos públicos para as organizacións de produtores, se ben nos últimos anos, a única OP que intentou a negociación coas industrias en Galicia, Ulega (Unións Agrarias), careceu de axudas da Administración galega; en tanto a OP das cooperativas, Aprolac, mantense parada polas dificultades de negociar en conxunto coas industrias.
A Xunta quere que as relacións entre gandeiros e industrias se canalicen a través das organizacións de produtores, que ata agora tiveron un nulo resultado
O presidente da Xunta propuxo ademais incorporar ás cadeas da distribución á Interprofesional Láctea e reflotar o Acordo Lácteo asinado hai cinco anos en Madrid.
Pola súa banda, o conselleiro comprometeu tamén unha aplicación que lle permita ás granxas calcular os seus custos de produción, de cara a que eses datos sirvan de base para negociar prezos nos contratos coas industrias.
Todas estas medidas sectoriais complétanse con outras de carácter máis xeral, como o anuncio do presidente da Xunta de manter a liña de traballo de “impostos cero no rural”. Espérase que nos próximos días sexa consultable o documento do Plan Estratéxico do Sector Lácteo, coas 125 medidas comprometidas, se ben, visto o visto hoxe, o sector non agarda grandes sorpresas no Plan.