O único que pretenden é dar a entender que se axuda a todo o mundo cando non é certoNa teoría, ao tratarse de dúas persoas menores de 40 anos, unha delas muller, deberían ter garantidos os apoios existentes destinados a facilitar o asentamento de mozos e mozas no rural, así como aquelas outras liñas de axuda destinadas a garantir a rendibilidade da explotación, máis tendo a consideración de prioritaria, como é o seu caso. Pero na práctica, di, a realidade é outra ben distinta. “O único que se pretende aquí é dar a entender que se axuda a todo o mundo, cando á hora da verdade son todo trabas, impedimentos e burocracia”, quéixase Jónathan. Un terzo menos no Plan de Mellora Logo de incorporárense, Jónathan e Silvia pediron un Plan de Mellora para faceren un novo establo con capacidade para 600 animais. En xaneiro do 2021 presentaron a solicitude da axuda, sobre un orzamento total de 358.000€. No mes de xullo veulles aprobada, cunha subvención concedida de 161.000€. Puxéronse mans á obra e fixeron a nova nave, na que acabaron gastando máis do orzamentado inicialmente pola suba dos materiais. "Todo o que se fixo no 2022 foi moito máis caro. De feito, a Xunta ao ano seguinte subiu os importes dos distintos módulos, pero a min colleume antes diso", quéixase. Cando a obra xa estaba rematada e certificada veulle unha inspección. Había un problema, pero non co obxecto da subvención e o destino dos cartos, nin coa construción realizada, senón co mantemento do emprego declarado na solicitude.
Dos 161.000€ que nos concederan acabamos cobrando ao final 107.000€ un ano despoisO traballador que tiña contratado marchou no mes de febreiro e non foi quen de reemprazalo até o mes de agosto. "É complicado atopar man de obra para traballar nunha granxa", xustifica Jónathan, que segue mantendo esa UTA a día de hoxe (a obriga era conservala cando menos 5 anos despois da certificación da obra). Pero nas bases da convocatoria establecíase que non podían pasar máis de 3 meses en caso de substitución do traballador e ao final o resultado daquel expediente foi que perderon 53.000 euros, un terzo do importe total concedido. “Dos 161.000€ que nos concederan acabamos cobrando ao final 107.000€ un ano despois e mentres non nos ingresaban os cartos cada 3 meses tiñamos que pagar 800 euros de intereses”, lembran. Denegación das axudas PEL Despois de rematar a obra da nova nave, Melenas SC precisaba incorporar algunhas melloras en canto a equipamento, entre outras un taximilk para dar o leite aos becerros e unhas arrobadeiras que facilitasen a limpeza automática do establo e o benestar dos animais. Para iso, quixeron aproveitar as axudas PEL para autónomos da Deputación da Coruña, con varias liñas, entre elas unha para investimentos en bens inventariables e outra para contratación de persoal. “O ano pasado, cando saíu a convocatoria de subvención para maquinaria, solicitámola, pero veunos denegada porque a empresa non podía ter máis de 5 anos de antigüidade e aínda que eu a herdei da miña nai fai 3 anos, como xa existía antes dixéronnos que non cumpriamos coas bases”, denuncia Jónathan. Pero non foi o único “chasco” que se levou coas axudas PEL. O ano pasado pediron tamén a liña de contratación de persoal e concedéronlles 15.700€, pero veulles aprobada no mes de setembro, sen tempo material para gastar eses cartos en só tres meses, polo que renunciaron á subvención.
Non é lóxico que ás granxas nos poñan un límite de 20.000 euros e para o resto de empresas sexa de 100.000Pero contrataron igualmente a un traballador e cando saíu a convocatoria deste ano volveron solicitar a axuda da Deputación destinada a fomento do emprego, coa "sorpresa" de que desta volta só lles concederon 4.300€, alegando a existencia dun tope máximo por beneficiario de 20.000€ en 3 exercicios e computando neste cálculo os 15.700€ aos que renunciaron no ano anterior. “É un absurdo”, di Jónathan, porque esa axuda non a cobramos. Ademais, quéixase de que para gandería o límite estea fixado nos 20.000 euros cando para o resto de empresas o tope máximo está establecido en 100.000, “cando moitas granxas temos feito investimentos moito máis elevados que calquera comercio e afrontamos gastos moi superiores na maioría dos casos”.
Enganan á xente, se é unha axuda extraordinaria por xato sacrificado para compensar o baixo prezo da carne non debería estar sometida á normativa 'de mínimis'“Enganan á xente, porque a Consellería anunciou esta axuda xusto antes das eleccións para gañar votos, pero á hora da verdade moitos gandeiros non a imos poder cobrar; a maioría de gandeiros están contando con eses cartos pero non saben aínda o que implica unha subvención de mínimis. Se fixeche algunha obra no establo con subvención, xa non a cobras por que te pasas”, di Jónathan, que considera que esta axuda excepcional para compensar os baixos prezos da carne en orixe, que se dá polo número de animais sacrificados por cada explotación, “debía estar fóra de todo isto”. Trala súa experiencia co Plan de Mellora, unha axuda que convoca a Xunta pero que se financia a través dos fondos da PAC, así como co resto de subvencións dependentes doutras Administracións e que tamén se financian en boa parte con fondos comunitarios, Jónathan redefine o concepto de burocracia como “burrocracia”. “Ao final prefiren mandar os cartos de volta a Bruxelas antes que darllos a un gandeiro de aquí que produce alimentos, crea emprego e coida o territorio”, conclúe.
É necesario que cada gandeiro escolla o sistema máis axeitado para a produción de becerros na súa zona para obter uns canais con alto valor comercial a un custe de produción rendible“É preciso que cada gandeiro escolla ben o sistema máis axeitado para a produción de becerros na súa zona e/ou condicións particulares para obter uns canais con alto valor comercial a un custe de produción axeitado”, insiste. “Para conseguir unha boa calidade do canal é necesario realizar un bo acabado dos becerros cun mínimo de dous meses de suplementación con penso, deste xeito obteremos uns canais máis homoxéneos e de mellor calidade”, afirma o Manual, na liña do aprobado polo Pleno do Consello Regulador da IXP. Considérase imprescindible unha finalización dos becerros
Sexa cal sexa o sistema produtivo, os animais deben rematar o seu período de cría suplementando a alimentación con penso dous meses antes do sacrificio“En animais da raza rubia galega, criados seguindo as especificacións da IXP, comprobouse que unha alimentación exclusiva en base a pasto e ensilado de herba non permite acadar un nivel medio dunha clasificación 2 de graxa. Deste xeito, para que animais de 10 meses de idade teñan graxa no seu canal, é necesario forzar a súa alimentación”, xustifica.
Un maior contido graxo da carne mellora a súa calidade organoléptica, xa que produce unha maior intensidade de sabor, xugosidade e tenrezaTendo en conta os resultados acadados nos ensaios levados a cabo no CIAM, “na carne daqueles animais que consumiron pastos e forraxes observouse unha proporción máis elevada de ácidos graxos saudables, como por exemplo o ácido linolénico, fronte aos que consumiron cereais, que presentaron un maior contido de ácidos graxos saturados”, indica o Manual. Un dos factores que máis inflúe na calidade organoléptica da carne é o tempo de maduración do canal na cámara de refrixeración. Aínda que é algo alleo ao gandeiro e ao sistema de manexo, é importante telo en conta pola gran influencia na terneza da carne. Ao longo do proceso de refrixeración ten lugar o abrandamento da carne, debido á degradación progresiva das fibras musculares. Recoméndase un mínimo de 7 días en cámara para obter unha diminución significativa nos parámetros de dureza da carne.
A industria require canais con certo grado de engraxamento para evitar o endurecemento da carne na cámaraA industria require canais con certo engraxamento, pois a cobertura graxa do canal protéxeo do frío nas condicións da cámara de refrixeración. A graxa actúa como illante térmico e a temperatura post-sacrificio baixa máis lentamente, protexendo ao canal do fenómeno coñecido como acurtamento das fibras por frío, que dá lugar a un endurecemento da carne. Dentro da Ternera Gallega Suprema os becerros que manifestan unha mellor conformación son os criados en sistemas de alimentación con dietas máis intensivas, principalmente aqueles que inclúen concentrados na dieta. Do mesmo xeito, os que presentan un maior engraxamento son os becerros acortellados.
Os sistemas de produción con acortellamento de becerros permiten obter uns maiores niveis de engraxamentoO nivel de engraxamento depende da dieta, fundamentalmente do nivel de enerxía inxerida, pero sendo o engraxamento unha característica dos animais adultos (aqueles que chegaron á madurez sexual), “os canais dos animais de Ternera Gallega Suprema adoitan ter niveis de engraxamento baixos ou medios, incluso nos sistemas que utilizan máis cantidade de concentrados”, recoñece o Manual.
O Manual deixa a porta aberta a facer o remate dos xatos con penso na pradeira, mediante o seu acurralamento, sen necesidade de acortellarCon todo, o Manual encargado pola Xunta abre a porta a que este aporte de concentrados poida facerse na pradeira. “Nos sistemas extensivos, ou incluso en algúns semiextensivos, é recomendable dispor de instalacións nas que poder realizar un acabado dos becerros os meses previos ao sacrificio. Se non se dispón delas, aconséllase realizar dito acabado acoutando o espazo dispoñible para os becerros, favorecendo así a iniciación no consumo de concentrados ou cereais para un correcto acabado previo ao sacrificio”, indica. Para este acurralamento na pradeira, o Manual recomenda a separación efectiva mediante peches de malla. “Os peches de malla son útiles cando se quere facer un cebo de becerros en parcelas, pois no momento do destete os animais tenden a buscar as nais e un peche de fíos pode non ser dabondo para mantelos recluídos”, argumenta. Instalacións para cebar os xatos
Os xatos cebados en interior disporán dun mínimo de 2,2 metros cadrados de espazo por animalA partir dos 6 meses de vida, os animais estabulados conxuntamente non superarán as 40 cabezas. Para os menores de 6 meses, o número de animais por lote non superarán os 50. Coa nova lexislación aprobada fai un ano e que entrará en vigor entre 2025 e 2030 en función do tamaño da explotación e do seu sistema produtivo, os emparrillados estarán prohibidos se cubren o 100% da superficie. Polo menos a zona de descanso deberá manterse libre de parrillas, debendo tratarse dun chan uniforme cun material para a cama que permita ter limpos e enxoitos aos animais. A pendente do chan non poderá superar o 5% para cumprir cos requisitos fixados pola IXP no seu Protocolo de Benestar Animal. Máis da metade da carne amparada pola IXP Tenera Gallega pertence á categoría Suprema (53% das canais e das toneladas certificadas no ano 2021).
A categoría Suprema supón a metade da produción dentro da IXP Ternera GallegaO documento destaca que “as ganderías de Suprema desenvolven un importante papel na xestión e mantemento da paisaxe e na prevención de incendios forestais nunha gran parte do territorio de Galicia, especialmente nas áreas de montaña”. Sistemas de manexo e rendementos
O sistema intensivo co becerro acortellado permite obter canais e carne de gran calidade, así como elevados pesos ao sacrificio
Para que os becerros poidan consumir suficiente cantidade de penso nos dous meses de finalización é imprescindible iniciar a adaptación con tres meses de antelación dispoñendo de comedeiros selectivos no pasto“O principal problema deste sistema é o reducido engraxamento dos canais ao tratarse de dietas menos ricas en enerxía que utilizando concentrados, por iso é necesario a suplementación con pensos durante os dous meses anteriores ao sacrificio”, asegura o Manual, que tamén establece que “para que os becerros poidan consumir suficiente cantidade de penso nos dous meses de finalización é imprescindible iniciar a adaptación a este alimento con tres meses de anterioridade, dispoñendo de comedeiros selectivos no pasto”. “Desta maneira conseguiremos canais mellor conformadas e cun grado de engraxamento superior”, conclúe. Outra opción pola que optan algunhas ganderías en extensivo é vender os becerros ao destete, como pasteiros, con destino posterior a cebadeiros, aínda que neste caso os xatos perden a certificación de Suprema ao cambiar de explotación. Limitar o acceso do gando aos cursos naturais de auga O Manual fai fincapé tamén noutros aspectos, como os de carácter sanitario e de bioseguridade. Neste sentido, recomenda “limitar o acceso do gando a cursos naturais de auga (fontes, regatos, ríos, etc)”, facendo fincapé “na limpeza e desinfección dos bebedoiros” e na necesidade de “asegurar un subministro constante de auga”, que debe ser potable ou estar clorada. A auga é un elemento esencial para o desenvolvemento de todas as funcións vitais do gando bovino, sendo especialmente necesaria no período de lactación. As necesidades diarias sitúanse entre 5 e 15 litros nos becerros, de 15 a 35 litros nas xovencas e de 30 a 60 litros nas vacas adultas, en función da época do ano e o estado do pasto. En canto á inxesta de alimento, como norma xeral unha vaca come cada día entre o 1-3% do seu peso vivo expresado en kg de materia seca. A modo de exemplo, unha vaca de 600 kg necesitará cada día entre 9 kg (cando están secas) ata 15 kg de materia seca (en pico de lactación) de forraxe en función do seu estado produtivo.
A condición corporal das vacas non é estática ao longo do ano, debendo ser recuperada en épocas de menor demanda nutricionalO crecemento do becerro durante a xestación non é lineal, senón que se acelera nos últimos meses, polo que é importante que nese período a vaca estea ben alimentada. No momento do parto a vaca non debe estar moi delgada (cunha condición corporal media, de 2,5 sobre 5), xa que senon terá unha baixa produción de leite, un maior risco de certas enfermidades metabólicas e unha demora na reaparición dos celos. Tampouco debe estar moi gorda, pois aumentan as complicacións no parto, así como o risco de certas enfermidades metabólicas. Xestión da superficie forraxeira
Non se debe entrar a pacer unha finca até que a altura da herba non sexa de 20 cm e debe sacarse o gando ao chegar aos 10 cmA calidade do pasto presenta un máximo valor na primavera, diminúe co espigado das gramíneas no verán, e volve aumentar co rebrote de outono. O ideal é poder adaptar os momentos de máximas necesidades dos animais cos momentos de máxima calidade dos pastos. Debido á estacionalidade climática que presenta Galicia, o crecemento da herba non é homoxéneo ao longo do ano. Existen marcadas diferenzas nas distintas zonas de Galicia, dependo fundamentalmente do nivel de seca no verán (máis acusado no sur de Lugo e Ourense) e do frío do inverno (máis acusado na montaña lucense e ourensá), o que obriga ás explotacións a conservar unha parte da herba, fundamentalmente a que sobra en primavera.
Nas zonas de climatoloxía suave será dabondo con reservar o 25% da superficie de pasto para facer forraxe“Nos lugares de invernos suaves e veráns máis húmidos será suficiente reservar arredor dun 25% da superficie dispoñible para gardar en forma de forraxe, mentres que naquelas localizacións con invernos duros e veráns secos pode ser necesario reservar ata o 50% da superficie”, estima o Manual. O momento de realizar o ensilado é un dos puntos máis importantes a ter en conta para conseguir forraxes de alta calidade. Debe facerse antes do espigado das gramíneas, xa que este provoca unha baixada notable da calidade nutritiva das plantas. A herba debe estar ademais ben seca, cun grao de humidade entre o 10 e o 15% para evitar a proliferación de fungos.
O ensilado debe facerse antes do espigado das gramíneas, posto que o nivel de proteína das plantas cae á metade e tamén descende a súa dixestibilidadeO silo de herba para vacas de carne debería chegar ao 12% de proteína cun 65% de dixestibilidade, pero se a herba se ensila espigada o nivel de proteína cae até o 6-7% e a dixestibilidade ao 50%, co que esa forraxe non chegaría para cubrir as necesidades nutricionais dos animais e perderán condición corporal. En canto á herba seca, para conseguir que sexa de boa calidade deberá facerse do rebrote dunha pradeira que foi pacida ou segada para silo na primavera. Se se fai coa herba xa espigada, a calidade da forraxe non será óptima e deberá empregarse unicamente como suplemento, propón o Manual. Efectos do cambio climático
É necesario un cambio de estratexia na conservación das forraxes, pasando de facer silo para o inverno a facer silo para suplementar a alimentación durante a seca do veránO cambio nas temperaturas irá acompañado dunha modificación nas precipitacións. Se ben non se espera unha forte redución da chuvia total, si que se prevé unha notable variación na súa distribución ao longo do ano. Deste xeito espéranse uns invernos húmidos, como é habitual, pero uns veráns moito máis secos e cálidos en toda Galicia.
A mellor época para sementar pradeiras é a finais do verán para que a xerminación teña lugar coas primeiras choivas do outono“Nas zonas secas do sur de Galicia, para a implantación de praderías, empregaranse de forma predominante mesturas compostas por dactilo e festuca, deixando o raigrás inglés en menor proporción. En canto ás leguminosas, serán maioría aquelas especies anuais (trevo subterráneo, migueliano, persa, vesiculoso). Pola contra, en zonas húmidas do centro e norte predominará o raigrás inglés e as leguminosas plurianuais de clima húmido (trevo branco, violeta, persa)", salienta.
O ideal sería que os becerros, soamente co leite, pastos e forraxes, presenten unha ganancia media de peso vivo previa ao destete superior a 1 kg/díaAsí mesmo, afirma que “cómpre ter unhas praderías e forraxes de calidade para poder aproveitar o potencial leiteiro das vacas, e para que cando os becerros empecen a pastar o fagan cun alimento de calidade”. “O ideal sería que os becerros, soamente co leite, pastos e forraxes, presenten unha ganancia media de peso vivo previa ao destete superior a 1 kg/día”, calcula. Razas recomendadas En canto ás razas, seis de cada 10 canais certificadas son cruces, cunha presenza importante da raza rubia galega dentro dos animais puros, sobre todo como vacas nutrices. O Manual considera que “a elección da raza é un elemento máis que pode incidir na rendibilidade da explotación”. Debido “á súa superioridade produtiva”, o documento recomenda “utilizar preferentemente” as razas rubia galega, limusina, blonde de Aquitania e Asturiana de los Valles “nas zonas onde se poida dispoñer de praderías de boa calidade”.
As Morenas Galegas son razas autóctonas que non sufriron un proceso de selección, considéranse moi rústicas e recoméndanse en zonas de montePola contra, “en zonas de monte con herba de baixa calidade ou onde se utilice a matogueira como fonte de alimentación” destaca que “as Morenas galegas (cachena, caldelá, frieiresa, limiá e vianesa) presentarán unha mellor adaptación debido á súa maior capacidade de consumir este tipo de pasto”. Manexo reprodutivo
É necesario planificar os partos para desestacionalizar a produción e mellorar a rendibilidade das explotaciónsEn consecuencia, conclúe o documento, “é necesario desestacionalizar a época de partos dunha parte das explotacións cara os meses de outono (setembro, outubro, novembro e decembro) para conseguir un dobre obxectivo: por un lado asegurar un fluxo continuo e homoxéneo na oferta de animais de Suprema ao mercado ao longo de todo o ano e, por outro, mellorar a rendibilidade das explotacións derivada da posibilidade de obter uns maiores prezos de venda”.
A primeira cubrición das xovencas realizarase en torno aos 16-18 meses de idade, tendo lugar o parto aos 25-27 mesesO documento asegura que “a observación dos celos é fundamental para descartar patoloxías reprodutivas que supoñen perdas económicas directas e indirectas nas explotacións” e propón o uso de tratamentos hormonais que sincronizan a ovulación, “permitindo desta maneira programar os partos homoxeneamente ao longo do ano, evitando así unha agrupación excesiva dos mesmos nos meses de primavera”, di. Esta práctica non está permitida, sen embargo, en produción ecolóxica. No caso de utilizar a monta natural, unha práctica habitual sobre todo nas ganderías extensivas de maior tamaño, os partos tenden a acumularse nos meses de primavera. Segundo os datos facilitados pola IXP, nos meses de primavera nacen uns 9.500 becerros ao mes, mentres que nos meses de outono o número de nacementos baixa até os 4.900 ao mes.
Para evitar a concentración de partos en primavera coa monta natural é necesario separar o touroNas explotacións que dispoñen de semental, recoméndase ter un touro por cada 30-40 vacas, cando se trate de monta continua ao longo do ano. “Na maioría dos rabaños de Ternera Gallega Suprema emprégase a monta natural sen agrupación de partos, deixando o touro todo o ano coas vacas. Isto representa, a priori, unha vantaxe de cara a un manexo máis sinxelo, pero ten graves inconvenientes”, asegura o Manual, que engade ao problema da concentración de partos un peor aproveitamento do pasto, “derivando nunha falta de pasto de calidade cara aos últimos meses antes do destete, cando o becerro aproveita mellor a herba”. O momento idóneo para os partos A agrupación de partos, considera o documento, “é unha medida primordial para adaptarse ás condicións do mercado así como aos requirimentos nutricionais do gando, de xeito que coincida o pico de produción de herba con momentos de altas necesidades do rabaño”.
Débese planificar a produción, concentrando os partos en función dos períodos de mellor produción forraxeira así como do prezo de venta dos becerrosO momento idóneo dos nacementos dentro desta planificación varía en función da zona. “Na costa ou en áreas non montañosas cun clima máis favorable poden agruparse os partos en outono, co inconveniente de que as máximas necesidades do rabaño terán lugar no inverno pero coa vantaxe de que os becerros disporán de abundante herba de calidade canto teñen entre 7 e 9 meses de idade”, sen que isto exclúa a necesidade de suplementalos igualmente con penso, defende o Manual.
Nos sistemas extensivos o momento do parto inflúe no ritmo de crecemento dos becerros, pois depende do valor nutritivo da herba que pacen e inflúe na produción de leite das naisPola contra, insiste, “os partos de primavera son moi frecuentes en explotacións extensivas con monta natural pero economicamente non son tan rendibles porque as necesidades máximas do rabaño preséntanse nos meses do verán e o outono, cando hai pouca dispoñibilidade de pasto, mentres na primavera a vaca parida ve estimulada a súa produción láctea cando o becerro aínda non é capaz de consumila na súa totalidade”, asegura.