A Xunta vén de presentar a Estratexia de dinamización do sector cárnico para o periodo 2022-2030, un documento de planificación para os próximos anos que busca lograr un sector máis profesionalizado, sostible, competitivo e internacionalizado.
Esta nova estratexia configúrase como unha folla de ruta que marca seis eixos para desenvolver ata o ano 2030, con 64 medidas e 174 accións, tal e como indicou o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, durante a presentación, que tivo lugar no Centro de Recursos Zooxenéticos de Galicia no Pazo de Fontefiz, no concello ourensán de Coles.
A Xunta remarca as posibilidades deste sector, situando a Galicia como rexión produtora de referencia no sector cárnico cun alto nivel de competitividade e sustentabilidade
Preténdese dispor dun sector organizado e profesionalizado para fomentar unha industria competitiva, líder en calidade, ademais de mellorar o posicionamento nos mercados nacional e internacional e promover unha cadea de valor máis transparente e equilibrada. A iniciativa pretende tamén fomentar unha sociedade concienciada coa importancia da produción cárnica galega e o seu valor nutricional, así como camiñar cara un sector máis sustentable que coide o medio ambiente e garanta o benestar animal.
Participación de todos os axentes da cadea
Alfonso Rueda, que acudiu acompañado polo conselleiro do Medio Rural, José González, explicou que para a elaboración da Estratexia de dinamización do sector cárnico levouse a cabo un exhaustivo traballo previo de análise, diagnose e diálogo co obxectivo de reforzar as posibilidades dun sector que “afronta unha situación moi complexa”, recoñeceu.
O sector da carne ten unha gran relevancia para Galicia, como demostra o feito de que achegue máis do 34% do valor da produción final agraria, que sume máis de 43.000 explotacións e 192 industrias de transformación e que empregue a uns 5.800 traballadores. “Estamos traballando xuntos e estamos acertando xuntos”, asegurou o presidente da Xunta.
Integrar as diferentes producións
A Estratexia presentada integra as necesidades das diferentes producións cárnicas que se dan en Galicia (vacún, porcino, avícola, ovino e caprino, cunícola e equino) nun documento de planificación común. Así, o resultado establece os eixes de actuación, os obxectivos, as medidas e as accións a desenvolver para mellorar o posicionamento competitivo do sector cárnico galego de aquí ao 2030.
As boas condicións de Galicia para a produción de pastos e forraxes supoñen unha vantaxe competitiva
“O sector cárnico galego conta con importantes puntos fortes, como as boas condicións da nosa comunidade para a produción de pastos e forraxes, o prestixio dos alimentos producidos en Galicia ou a potencia de selos de calidade líderes a nivel nacional. Pero ten que afrontar retos de futuro, como os relacionados coa mellora da viabilidade económica, social e medioambiental das explotacións e das industrias; coa elaboración de produtos transformados máis innovadores e adaptados ás novas demandas dos consumidores e coa optimización da comercialización nos mercados nacionais e internacionais co obxectivo de mellorar a capacidade de xeración de valor ao longo da cadea”, asegura o conselleiro do Medio Rural no propio documento.
O 13 de xaneiro convocaranse as axudas directas da Xunta ás explotacións
A do sector cárnico é a terceira estratexia que se desenvolve na comunidade por parte do Goberno galego para potenciar os distintos eidos produtivos, trala aprobación da Estratexia de dinamización do sector lácteo e a Estratexia de dinamización económica, territorial e turística das comarcas vitivinícolas.
O presidente da Xunta salientou que esta folla de ruta é un paso máis no apoio do Goberno galego ao sector que se suma á posta a disposición por parte da Xunta de 17 millóns de axudas directas para os gandeiros da carne o pasado verán, a través de anticipos das entidades bancarias, unhas axudas que se convocarán de xeito formal o próximo venres 13 de xaneiro.
Rebaixa do IVE
Alfonso Rueda indicou que, deste xeito, a Xunta ofrece seguridade e planificación a un sector fundamental no desenvolvemento económico de Galicia, e lamentou que o Goberno central non faga o mesmo e que, pola contra, contribúa a aumentar as incertezas que planean sobre o seu futuro deixando o peixe e a carne fóra da recente baixada do IVE malia ser “alimentos de primeira necesidade”.