O Grupo operativo Carne de Vacún a Pasto vén de presentar os resultados do primeiro ano de estudo técnico-económico en 26 ganderías galegas, que revela grandes disparidades en canto a manexo e resultados pero do que se pode sacar unha conclusión: “As ganderías que mellor aproveitan o pasto son as que máis destacan tamén en termos de rendibilidade”, segundo explica Mar Pérez Fra, profesora da Escola Politécnica Superior de Enxeñería de Lugo e integrante deste grupo operativo de dous anos de duración, que rematará os seus traballos en setembro de 2024.
Deste grupo operativo forman parte a USC, as entidades de aconsellamento XAN e Celtia, a cooperativa de produtores de carne Almoga de Vilalba, a gandería O Igrexario de Ortigueira e José Manuel Caridad Regueiro, que se adica a cebar bois.
Temos o sector abandonado, en investigación trabállase moito en leite pero moi pouco en carne
O obxectivo dos traballos é identificar que modelos de manexo e alimentación do gando son máis rendibles e establecer pautas ás ganderías coas que lograr un mellor aproveitamento do pasto a través da mellora das técnicas de pastoreo aplicadas.
As ganderías familiares, máis eficientes
“As ganderías familiares son máis eficientes, xa que adican o 47% dos ingresos a pagar gastos, mentres que nas explotacións de maior tamaño, con maior porcentaxe de superficie arrendada e maior dependencia de man de obra contratada, a ratio de custos sobre os ingresos elévase ao 79%, polo que teñen unha menor marxe”, explica Ibán Vázquez, profesor de Economía Aplicada da USC e autor do estudo económico comparativo entre as 26 granxas analizadas.
As granxas familiares destinan o 47% dos ingresos a pagar gastos, mentres que nas de maior tamaño increméntase ata o 79%
Estes cálculos están feitos en base aos datos do 2022, logo dunha recollida individualizada granxa a granxa de distintas variables económicas (ingresos, custos, marxes) e produtivas (superficie, porcentaxe de arrendamento, número de cabezas, carga gandeira, sistema de pastoreo empregado, traballo anual e porcentaxe de traballo asalariado).
En base a estes parámetros, establecéronse dous grupos: Grupo 1, con ganderías de maior tamaño, con maior SAU e UGM e maior porcentaxe de fincas arrendadas e traballo asalariado, e Grupo 2, ganderías de menor tamaño e man de obra fundamentalmente familiar.
Das 26 granxas, 11 atópanse na provincia da Coruña, outras 11 na de Lugo, 3 en Pontevedra e 1 en Ourense. Todas elas empregan o pasto para alimentar ao seu gando, aínda que de distinto xeito: “o que predomina é o sistema de pastoreo continuo ou semicontinuo, pero mentres que nas de maior tamaño e intensificación teñen preferencia por este sistema, as granxas máis pequenas usan máis o sistema de limitación do pasto con fío dianteiro e fío traseiro”, explica Ibán.
Pretendemos ofrecer unha tipoloxía dos manexos máis rendibles na produción de carne con pastoreo
Das 26 granxas analizadas, 19 fan pastoreo en convencional, 3 están en ecolóxico e 4 no período de conversión e obsérvanse diferenzas claras de manexo dos animais no pasto, pois mentres as explotacións máis grandes manteñen unha media de 5,6 días ao gando na mesma parcela, nas ganderías máis pequenas redúcese a tan só 2 días. “Un maior número de días na mesma parcela indica unha peor xestión do pastoreo”, aseguran os autores do estudo.
Retorno económico do uso de concentrado
Os dous grupos de ganderías, tanto as de maior tamaño como as familiares, venden os seus becerros próximos aos 10 meses de vida e o peso medio é practicamente o mesmo (223 kg/canal no Grupo 1 e 222 kg/canal no Grupo 2).
Pero varía o xeito de lograr eses rendementos, xa que as ganderías máis grandes comezan o cebo un mes e medio antes (aos 5,3 meses de media) con respecto ás granxas familiares (6,8 meses de media) e empregan tamén unha maior cantidade de concentrado, en concreto 56 quilos máis (766 kg de penso por animal no Grupo 1 fronte a 710 no Grupo 2).
Dase a contradición de que as ganderías que empezan a cebar antes e usan un 8% máis de penso obteñen despois un menor prezo de venda nos xatos
En canto ao prezo de venda dos xatos, as ganderías familiares logran un maior prezo (5,1€ kg/canal no ano 2022) fronte ás explotacións de maior tamaño (4,8€ de media). “As que empezan antes o cebo gastan máis penso pero cobran ao final 30 céntimos menos por kg/canal”, explica Ibán.
En canto á marxe neta final resultante, é moi inferior nas ganderías máis intensivas, polo que precisan ir a un maior volume para ser rendibles, fronte ás granxas familiares, que duplican a marxe por cabeza, hectárea e traballador: 243 €/UGM no Grupo 1 fronte a 701€ no Grupo 2; 299€ por hectárea de SAU no Grupo 1 fronte a 847€ no Grupo 2; 5,6€ por hora traballada no Grupo 1 fronte a 13,2€ no Grupo 2.
“Se melloramos o pastoreo melloramos a rendibilidade”
O asesor Xan Pouliquen, coordinador do grupo operativo, tira unha conclusión clara destes datos: “se melloramos o pastoreo, melloramos a rendibilidade da explotación”. Por iso, di, a posibilidade de criar vacún de carne con pasto en Galicia representa unha oportunidade económica. “Non falamos de usar só pastoreo, senón de usar o máximo pastoreo posible”, aclara.
Pero “non se pode facer iso con calquera tipo de pasto ou de sistema de pastoreo”, indica. “Hai unha diferenza importante cando temos unha parcela grande onde os animais están 5 ou 10 días na mesma finca, algo que é unha práctica habitual en Galicia, ou cando metemos o gando nunha parcela con herba espigada, con respecto a un sistema organizado rotacional máis racional. Se facemos outro tipo de pastoreo somos capaces de sacar máis rendemento económico nas granxas”, asegura.
Neste tipo de pastoreo máis dirixido, “os animais non se moven practicamente do sitio e meten continuamente bocados de herba de grande calidade na boca, fronte a outros animais que andan por unha finca moi grande buscando que comer ou escollendo a herba que comen”, compara.
Ideas preconcebidas que son falsas
“Se hai tanta diferenza de beneficios entre granxas é porque non hai criterio técnico, e séguese funcionando un pouco con ideas preconcebidas, como por exemplo que os xatos pasteiros non teñen calidade, que a herba non aporta enerxía ou que non se poden criar becerros só a pasto, cando ningunha delas é verdade. O que haberá que ver é en que momento do ano se pode facer e de que maneira, porque hai épocas do ano en que a calidade da herba é superior á calidade do penso”, afirma Xan.
Non fai falta un acabado para que un gandeiro gañe máis cartos
“Os datos deste primeiro ano de análise dinnos que se facemos unha produción máis intensiva e de máis volume perdemos cartos fronte a se facemos unha produción mais extensiva en base a máis pasto”, asegura.
A clave está, di, na redución de gastos porque “o importante son os custos de produción, non é se vendes por uns céntimos máis ou por uns céntimos menos”. “Non fai falta un acabado para que un gandeiro gañe máis cartos. Cun bo pasto e movendo o gando todos os días pódense conseguir crecementos de máis dun quilo diario nos becerros sumando a un pasto de calidade o leite da nai”, conclúe.
“As vacas teñen que parir no momento adecuado”
Ruth Rodríguez, profesora da área de Produción Animal da Facultade de Veterinaria de Lugo, destacou que “o pasto é un dos recursos máis baratos que ten unha gandería, polo que canto máis pasto se poida empregar, máis se diminúen os custos e máis beneficios se van ter”.
“Estamos nunha das zonas do mundo con maior crecemento da vexetación. Producir en base a pasto é un sistema que eu cualificaría de resiliente, porque o pasto vainos abaratar moitísimo os custos de produción”, insistiu.
Non se poden ter xatos fóra nos meses de xaneiro e febreiro, cando non hai pasto para darlles
Esta veterinaria contou a súa experiencia en Nova Zelandia hai 9 anos para a realización da súa tese de doutoramento. “Traballaban con angus e levaban xa 60 anos agrupando partos e traballando co sistema de fío diante e fío detrás para pacer. Alí basean todo o seu sistema produtivo, tanto en leite como en carne, en que as vacas teñen que parir no momento axeitado para aproveitar o pasto. En realidade, os gandeiros alí son produtores de herba, non de gando”, destaca.
“Se concentras os partos podes aproveitar moito mellor o pasto e reducir moito os custos de produción. Non podes ter becerros grandes fóra nos meses de xaneiro e febreiro, cando non tes que darlles de comer. Para min esa é a clave da rendibilidade das explotacións”, defendeu.
“Podemos producir barato; é unha vantaxe competitiva”
Para Santiago Crecente, investigador do CIAM, o pasto é “a única oportunidade” que teñen as explotacións de vacún de carne galegas para poderen ser competitivas. “Non coñezo ningunha explotación que teña vacas nodrizas en Galicia que non faga un aproveitamento do pasto, sexa máis ou menos intensivo ese aproveitamento. Esa é unha vantaxe importante que temos en Galicia sobre outras partes do Estado. Temos a oportunidade de producir barato en base aos pastos que temos, que noutras comunidades non teñen”, lembra.
É unha oportunidade producir en base a pasto; outra cousa é producir exclusivamente en base a pasto
Pero Santiago defende que se debe suplementar aos becerros con concentrados na fase final de engorde. “O consumidor ten unha percepción negativa do concentrado, pero o penso non é algo malo. Os becerros cómeno ben, medran moi ben e permite un bo crecemento e engraxamento dos animais. Pero producir exclusivamente en base a concentrado non é o camiño”, defende.
Os concentrados, de por si, non son malos, outra cousa é a procedencia e o que iso implica sobre a sustentabilidade ambiental
Nos ensaios realizados en Mabegondo lograron ganancias de ata 2 quilos de peso vivo ao día cun período de finalización dos xatos de 2 meses ou 2 meses e medio. O investigador do CIAM asegura que ese cebo “pode facerse fóra mediante un acurralamento con sombra”, polo que “obrigar á xente a facer cortes é un erro”.
“Temos que chegar ao consumidor co produto que el demanda”
José Gómez Viaño, secretario executivo da IXP Ternera Gallega, admite que “todo o que sexa utilizar os recursos que temos na explotación é positivo” pero fai fincapé na necesidade de “producir o tipo de canal que o mercado demanda”.
“O produto que obtemos ten que ser vendible, non só se trata de producir, senón de chegar ao consumidor cun produto que el demanda. Non podemos esquecer que producimos para o mercado, non producimos por producir, por iso temos que pensar sempre no consumidor. Se reducimos custos pero tampouco conseguimos unha calidade axeitada non estariamos facendo o que o mercado nos pide”, argumenta.
Se reducimos custos pero tampouco conseguimos unha calidade axeitada non estariamos facendo o que o mercado nos pide
Gómez Viaño defende a necesidade de desestacionalizar os partos como xeito de favorecer a comercialización da carne e incrementar os ingresos das granxas. “Na produción de Suprema temos 15.000 becerros que nos saen ao mes en febreiro, marzo e abril fronte aos 8.000 que saen en setembro. Iso implica unha presión enorme sobre o mercado á hora de dar saída no inverno a ese número de animais. Xa sei que é imposible equilibrar completamente cunha distribución uniforme dos partos ao longo do ano, pero desviando só un 15-20% dos partos da primavera ao outono teriamos uns resultados económicos moito mellores nas ganderías”, asegura. Mais recoñece que “é certo que complica outras cuestións, como a alimentación, porque implica un manexo moi diferente”.
Distintas estratexias: venda ao destete antes dos 8 meses, cebo con penso ata os 10 meses ou dar só herba e alongar a idade de sacrificio até os 15 meses
Dentro das case 20.000 ganderías de vacún de carne existentes en Galicia conviven diferentes modelos de manexo e alimentación do gando, así como distintas estratexias de comercialización da produción.
Unhas 7.000 están dentro da IXP Ternera Gallega Suprema, polo que teñen que comercializar os seus animais antes dos 10 meses de idade. Todas elas fan, en maior ou menor medida, un aproveitamento do pasto. Hainas que teñen un manexo do gando totalmente extensivo e empregan o pastoreo como única fonte de alimentación para o gando, suplementando unicamente con forraxes ensiladas ou herba seca nos momentos de escaseza.
Outras, pola contra, fan un manexo máis tradicional, cos xatos na corte e botando as vacas fóra a pacer só polo día. Noutros casos combinan os dous sistemas, coas vacas sempre fóra acompañadas dos becerros até os 7 ou 8 meses e estabulando e cebando posteriormente os xatos nos meses finais antes do sacrificio, algo que o Consello Regulador quere estandarizar.
En Galicia existe unha grande disparidade de manexos, razas e cruces, o que leva a múltiples maneiras de producir en función das condicións da gandería e as preferencias do gandeiro
Outras, sen embargo, prefiren mandar os becerros ao matadoiro directamente desde o pasto, algo que seguirá sendo posible sempre que non teñan cumpridos os 8 meses de idade. E mesmo as hai que están fóra da IXP e prefiren alongar a idade de sacrificio até máis aló do ano de idade para favorecer o engraxamento natural dos animais, que despois son comercializados directamente a través de carnicerías ou clientes particulares.
“Abro pasto novo cada 12 horas e este ano non din penso”
A de Abel Fernández López, granxa O Igrexario, de Ortigueira, é unha das ganderías participantes no estudo. “Empecei no 2016 en Ternera Gallega Suprema e para min o pasto é outro concentrado máis. O aporte máis importante que dou ao gando é ese, porque é o recurso máis económico que teño na granxa e non poido desperdicialo”, destaca.
Para min o pasto é outro concentrado máis
Na zona norte da costa da Coruña, na que está a gandería de Abel, hai pasto case todo o ano. “Non ten sentido non usalo, outra cousa é como o xestionamos e como conseguimos unha canal comercializable. Eu este ano mandei todos os xatos sen penso. Pero se che coincide que teñen que saír no inverno igual tes que dar penso, porque non sempre tes a mesma calidade de pasto”, matiza.
Eu como gandeiro só me dedico a manexar custos porque o prezo de venda dos xatos non o poño eu
Abel trata de sacar ao pasto todo o rendemento que pode, para o que fai un manexo no que move dúas veces ao día ás vacas na parcela. “Ábrolles pasto novo cada 12 horas, polo que eu case estou encuadrando no campo, porque case non se moven do sitio”, di.
“Eu como gandeiro só me dedico a manexar custos e cando estamos nunha época coma esta, de custos de produción altos, temos que aproveitar o pasto como principal recurso que temos. Logo, á hora de comercializar, é un xogo entre dous, o que quere a industria e o que podo dar eu de maneira rendible”, conclúe.
“Sacrifico aos 8 meses, cando aínda conservan a graxa do leite”
David López García é un gandeiro da Mariña que ten as vacas pacendo os 365 días do ano, logrando machos co nivel 2 de graxa e femias con 2-3 de graxa. “Sacrifico aos 7-8 meses, ao destete, cando aínda non perderon a graxa que lles aporta o leite materno. Logro animais de 180 kg canal, aí é cando son rendibles; porque despois xa hai que gastar neles”, afirma.
En relación ás críticas da IXP pola menor calidade dos becerros pasteiros, David argumenta que “o problema vén cando os xatos se destetan e quedan outro mes e medio ou dous meses no prado ata que se mandan ao matadoiro, porque aí é cando perden toda a graxa”, di.
Os meus becerros comen a terceira parte do penso que come un da corte
“Non se pode meter todo no mesmo saco e dicir que os becerros do pasto son malos. Non é comparable todo Galicia. Os que temos esa oportunidade non tiñamos a necesidade de meternos en gasto estabulando e cebando. O que conta é a clasificación da canal; o que conta é o resultado colgado, non como se logra ese resultado, porque se os temos estabulados pero están mal estrados, chove dentro ou o comedeiro está baleiro, de pouco vale telos estabulados. Coas tolvas fóra e o penso a libre disposición a partir dos 4 meses, evitas pneumonía, rotura de patas, sacar esterco e moito traballo. Os meus becerros comen a terceira parte do penso que come un da corte”, explica.
“A min éme imposible cebar a pasto cando non o teño”
Erik Paisán Fernández é un gandeiro de Pereiro de Aguiar, onde as condicións para o pasto non son as mesmas que na Mariña de Lugo ou en Ortegal. “A min éme imposible cebar a pasto cando non o teño, nos meses de agosto, setembro e outubro pola seca e no inverno polas xeadas”, conta.
O seu sistema de manexo inclúe a estabulación dos xatos. “Temos fóra vacas e becerros ata os 6-7 meses con tolvas para que logo non estrañen o penso cando os metemos dentro. Eu non podo pacer o mesmo que fan David ou Abel, porque se teño o becerro mamando na vaca fóra ata os 8 meses en pleno mes de agosto, quedas sen a vaca e o becerro”, asegura.
Xan Pouliquen, coordinador do grupo operativo Vacún de Carne a Pasto, recoñece que as condicións para o pastoreo non son as mesmas en toda Galicia pero que é posible facer melloras tanto no manexo do gando como nas especies sementadas para preservar a pradeira durante máis tempo. “O sistema de pastoreo imperante en Ourense é nefasto, catrastrófico. Mellorando ese sistema podemos reducir a seca e ter pasto un mes máis”, asegura.