Archives

En España entran cada día 20 cisternas de leite e nata de Portugal e Francia

Evolución da importación de produtos lácteos desde a desaparición das cotas lácteas (Fonte: DataComex) O estancamento da produción láctea española e o mantemento de prezos elevados durante o ano 2023 (53,05 céntimos de media en España fronte aos 46,97 céntimos de prezo medio da UE no conxunto do ano) fixo que as importacións de leite líquido se dispararan no último exercicio, ao tempo que as de queixo tamén se mantiveron altas, contribuíndo a xerar excedentes nas queixerías españolas e galegas.  Os datos de comercio exterior do 2023 amosan un forte incremento de entradas de leite líquido e nata, que superaron a barreira das 200.000 toneladas, algo que non acontecía desde o fin das cotas lácteas no ano 2015. As case 550 toneladas diarias (20 cisternas) que entraron pola fronteira no 2023 supón case unha cuarta parte máis (23,5%) das que chegaron no 2022.
Por primeira vez desde o final das cotas lácteas, o ano pasado superáronse as 200.000 toneladas de leite e nata importadas
Pero malia a suba das entradas de leite, no conxunto dos 12 meses do 2023 o maior volume de importación de produtos lácteos en España corresponde ao queixo, seguido do leite e a nata, o leite en po, o soro e a manteiga. Importacións de produtos lácteos por categorías desde a desaparición das cotas lácteas (Fonte: DataComex) Sumando todas as categorías, o total de lácteos importados o ano pasado ascendeu a 945.758 toneladas, 74.457 máis que no exercicio anterior (un 8,5% máis), que sumado ao incremento do 2022 (123.823 toneladas, un 16,5% máis) supón un aumento do 25% nos últimos dous anos.
España volve aos niveis do 2015, con case un millón de toneladas de produtos lácteos importados
En conxunto, as perto dun millón de toneladas de produtos lácteos importadas o ano pasado superan levemente as cifras do ano 2015, se ben a distribución entre categorías variou substancialmente nestes anos, cun descenso do 40% nas importacións de leite e nata e un incremento en termos similares de queixo, manteiga e leite en po.   Entrada de 8,5 cisternas de leite diarias de Portugal e 7,4 de Francia Malia esta tendencia crecente á importación de produtos industriais máis elaborados, os maiores prezos medios pagados durante o ano 2023 en España con respecto ao resto de países europeos animaron no último ano as importacións de leite e nata. No conxunto do ano terían entrado case 40.000 toneladas máis que o ano anterior, no que á súa vez xa entraran 30.000 toneladas máis que no 2021. Desde o final das cotas lácteas a entrada de leite líquido en cisternas tíñase reducido a máis da metade, pero no 2022 volveu repuntar con forza, unha tendencia que continuou no 2023.
Leite Celta (Lactogal) cambiou nos seus cartóns o selo PLS, que certifica a orixe española da materia prima, polo marcado UE para facilitar traer leite de Portugal
As máis de 200.000 toneladas importadas equivalen a uns 20 camións diarios cruzando a fronteira, dos que 8 proceden de Portugal e 7 de Francia, é dicir, entre os dous suman tres cuartas partes do total.   Se nas importacións de queixo mandan Holanda e Alemaña, no que se refire á entrada de leite líquido, segue mandando Portugal, con 83.069 toneladas entre xaneiro e decembro do ano pasado, un 9% máis que en todo o 2022 (76.179) e case tres veces máis que no 2019 (30.338).
A entrada de cisternas de leite procedente de Francia incrementouse un 22% o pasado ano e as procedentes de Holanda case se duplicaron
Francia, recuperou o pasado ano o protagonismo perdido en canto ás cisternas de leite se refire, con 70.632 toneladas, un 22,3% máis que no 2022, favorecido polos menores prezos do leite en orixe no país veciño. Tamén se incrementou de xeito moi considerable a chegada de leite e nata desde os Países Baixos, pasando de 15.804 toneladas a máis de 28.657. Outros países con menor peso tradicionalmente nas importacións de leite tamén aumentaron as súas cifras no último exercicio. Así, aínda que con menores rexistros en comparación con Portugal, Francia ou Holanda, Irlanda e Italia tamén están a incrementar o seu peso no leite importado (Irlanda duplicou os seus envíos de leite e nata o ano pasado e Italia triplicounos).
Case a metade das importacións de leite francés producíronse nos meses da primavera
A rexión da Europa central, na que se atoparían países como Alemaña, Holanda e tamén Francia ou Irlanda, é a principal área produtora de leite europea, acaparando 2 de cada 3 litros muxidos na UE, e tamén a principal zona exportadora cara aos países deficitarios do sur de Europa, como é o caso de España. O importante incremento de produción nalgúns destes países en 2023 favoreceu as exportacións, e o diferencial de prezo a respecto do que se estaba a pagar en España polo litro de leite en orixe, que chegou a ser de 10 céntimos na primavera e se moderou até o entorno dos 5 céntimos no outono, incentivou as compras de leite da industria española nestes países. Por exemplo, na primavera entrou moito leite de Francia, con prezos sensiblemente inferiores aos que se estaban a pagar aquí. Case a metade das 70.632 toneladas de leite chegadas do país galo o ano pasado viñeron nos meses da primavera (de marzo a xuño foron 33.248 toneladas).
A caída da producción en Europa e a igualación nos precios podería frear as importacións en 2024
Pero neste momento a situación xa é distinta e podería limitar as importacións no 2024. Por un lado porque a condición excedentaria dos países centroeuropeos está a moderarse por unha caída na produción que está a ser acusada nos casos de Alemaña ou Holanda, que viñan de subidas do 3% o ano pasado. Doutra banda, porque os prezos estanse a igualar, máis aínda coas baixadas apuntadas pola industria en España para a renovación de contratos nesta primavera.

Máis de 30.000 toneladas mensuais de queixo importado

Seguindo a liña fixada na última década, as importacións de queixo amosan unha clara tendencia ascendente nos últimos dous anos. Os datos de comercio exterior do 2023 consolidan o ascenso nas entradas de queixo a baixo prezo que xa se deran na segunda metade do 2022. As 363.039 toneladas de queixo importadas entre xaneiro e decembro de 2023 superan as dos 12 meses de 2022 (358.450), un ano no que xa se notara con forza o aumento na entrada de queixo barato procedente dos países centroeuropeos. Pero até agora as cifras mensuais situábanse normalmente por baixo das 30.000 toneladas de queixo de importación, unha cifra que no último exercicio se superou en 8 dos 12 meses: marzo, maio, xuño, xullo, agosto, outubro, novembro e decembro.
As entradas de queixo aumentaron un 1,3% con respecto ao ano anterior, no que as importacións xa subiran un 5,4%
Por países, case unha cuarta parte das toneladas importadas proceden de Holanda (88.677 toneladas, 13.000 máis que en todo o 2022) e outro 22% de Alemaña (79.412 toneladas,10.000 máis que as rexistradas no conxunto do 2022). O terceiro maior exportador de queixo cara España é Francia, con 59.749 toneladas o ano pasado, seguido de Italia (41.184), Bélxica (27.552), Dinamarca (24.047), Irlanda (8.751) e Portugal (7.615), que triplicou as súas exportacións de queixo a España nos últimos dous anos.
Portugal triplicou o queixo exportado cara España nos últimos dous anos
Outros países, como Rumanía ou Austria contribúen con cantidades inferiores, dunhas 1.000 toneladas/ano. Fóra xa da Unión Europea, o Reino Unido perdeu moita influenza nos últimos tres exercicios, a raíz do Brexit, pasando de case 14.000 toneladas no 2020 a unhas 4.000 o ano pasado.

“Cómpre avanzar na etiquetaxe da orixe do queixo para frear as importacións de lácteos”

A falta de leite, polo descenso de produción nos últimos meses, e os prezos, que se manteñen en niveis elevados pese á baixada xeralizada na renovación dos contratos desta primavera, están a levar ás industrias e cadeas de distribución asentadas en España a tirar das importacións para subministrarse. Cada día, máis de 30 cisternas de leite e nata cruzan a fronteira, principalmente de Francia e Portugal, pero tamén de Alemania e Holanda, entre outros países. Son cantidades significativas, que non se vían nos últimos anos.
A chegada de cisternas de leite e nata duplicouse con respecto ao ano pasado e a importación de queixos aumentou un 20%
O queixo segue a mesma tendencia. As máis de 50.000 toneladas importadas nos dous primeiros meses do ano supoñen un máximo histórico, xunto ó ano 2016. Cómpre ter en conta ademais que o volume importado de queixos nestes dous meses representa aproximadamente unhas 350.000 toneladas de leite equivalente. Ante esta situación, o sector chama a adoptar medidas. Falamos da situación con Román Santalla, responsable do sector leiteiro de UPA, a matriz estatal de Unións Agrarias, e secretario da Interprofesional Láctea (InLac), un órgano que reúne a produtores e industrias no que se fai un seguemento trimestral das importacións de leite e derivados, entre outras moitas funcións. “Estabámolo vendo. Ante o prezo que estaba mantendo aquí a materia prima, tanto a industria como a distribución recorren ao de sempre, ás importacións, xerando presión interna para tentar desmantelar o mercado”, cuestiona. Román pon o foco na importancia dunha etiquetaxe clara. “A etiquetaxe da orixe do leite, iniciada a partir da crise de prezos do 2015-2016, deu moi bos resultados. O leite que se vende hoxe é basicamente de orixe español, porque ninguén quere collerse as mans dicindo que está vendendo leite francés”, asegura.
Coa etiquetaxe da orixe do leite conseguimos que ninguén queira collerse as mans dicindo que está vendendo leite francés
Por iso, di, “é moi importante seguir avanzando tamén na etiquetaxe da orixe do queixo". "Quédanos un camiño longo aínda por andar nese sentido. Sabemos que hai unha valoración crecente dos produtos de proximidade por parte do consumidor”, argumenta. Altibaixos no prezo do queixo O queixo sufriu nos últimos meses unha serie de oscilacións no prezo, cun comportamento distinto en España con respecto ao resto de países europeos. “As queixerías españolas non lograron trasladar á distribución a suba de custos. Por iso están botando man ao leite spot para facer queixo industrial. O fluxo das cisternas de leite importadas vén basicamente para queixo e o leite desnatado úsase tamén moito para o produto industrial”, asegura Román.
As importacións de cisternas de leite veñen basicamente para queixo, non para envasar para consumo directo
“A suba do queixo en Europa foi espectacular nunha primeira fase, cunha suba fortísima, dun 35% de penalti, mentres aquí o queixo español, particularmente o galego, foi capaz de trasladar tan só un 10% de subida. Por iso as queixerías galegas estiveron en problemas. Pero nos últimos meses o queixo galego e español seguiu aumentando o prezo, ata lograr unha revalorización do 20-25% neste momento, mentres o queixo en grandes barras que vén de Europa e que despois se trocea aquí, sufriu unha baixada tremenda”, conta. “Non somos capaces de competir co queixo alemán” Román, que é tamén presidente da cooperativa Cobideza, que conta con queixería propia (Dona Cobiña), recoñece que “en España as queixerías non somos capaces de competir en prezo co queixo alemán”.
En España as queixerías non temos tecnoloxía nin volume para competir coas grandes fábricas alemás, onde desnaturalizan o leite e logran facer queixo a prezos irrisorios
“O queixo que vén a España é un queixo prefabricado. O que chega aquí son, por así dicilo, os 'despoxos' do leite convertidos en queixo, pero como se corta nunha máquina e se bota nunha hamburguesa ou nunha pizza, séguese usando. Primeiro desnaturalizan o leite, sácanlle até a última 'alegría', aproveitan a materia graxa e a proteína a tope e co que queda fan queixo. Son fábricas moi grandes que teñen capacidade para facer iso. O valor engadido sácanllo aos outros produtos e logran producir o queixo a prezos irrisorios. En España as queixerías non temos tecnoloxía nin volume para competir con iso”, admite. O sector español está posicionado no mercado sobre a base da calidade e orixe, pero advirte da necesidade de controlar as importacións e de etiquetar correctamente os queixos importados, así como os sucedáneos de queixo que, en ocasións, se etiquetan como queixo, un problema do que se vén advertindo desde hai anos.

Evolución das cifras de importacións

As entradas de leite e nata do exterior dobráronse en xaneiro deste ano, en comparación co mesmo mes do 2022, en tanto as importacións de queixos foron as máis altas dun mes de xaneiro en toda a serie histórica, con consecuencias sobre as queixerías galegas. Febreiro segue o mesmo camiño. Só no mes de febreiro chegaron do exterior 26.138 toneladas de leite e nata (tanto sen concentrar como concentrados), 25.710 toneladas de queixo, 3.000 toneladas de manteiga e 19.215 toneladas de suero de manteiga e lactosuero.
Chegan cada mes case 1.000 cisternas de leite e nata, o dobre que o ano pasado
Por países, o leite e a nata proceden maioritariamente de Francia, Portugal, Países Baixos e Alemaña, mentres que o queixo vén, por esta orde, de Holanda, Alemaña, Francia, Italia, Bélxica ou Dinamarca. Fonte: DataComex, Estatísticas de comercio exterior (Ministerio de Industria, Comercio e Turismo) En conxunto, as 51.500 toneladas de leite e nata importados en xaneiro e febreiro son máis do dobre das mercadas ao exterior nos primeiros dous meses do ano pasado.
O queixo que procede de Francia e Italia é un produto de maior valor engadido que o procedente de Alemaña ou Holanda
Prezos un 10% máis altos en España en febreiro O prezo medio do leite pagado en orixe na UE situábase no mes de febreiro en 53,3 céntimos, descendendo en marzo até os 51,8 céntimos. Dos principais países produtores de leite, España era o que mantiña en febreiro o prezo máis alto (58,5 céntimos), moi por enriba doutros países como Francia (50 céntimos), Alemaña e Portugal (54,1), Holanda (56) ou Italia (57,4). Do mesmo xeito, España tamén era en febreiro un dos países con maior caída na produción (-1,9% con respecto ao mes de febreiro do ano anterior). No lado contrario situábanse Bélxica (+5%), os Países Baixos (+4%), Alemaña (+2,3%), Dinamarca (+1%), Polonia (+1%) ou Portugal (+0,4%). En marzo, a produción repuntou en España, pero aínda se situou un 0,4% por baixo da do mesmo mes do ano anterior. Galicia, entre tanto, sitúase xa nunha senda de leve crecemento de entregas, con algo menos do 1% de suba no último mes en relación a marzo do 2022.
Nos últimos 12 meses a produción baixou en España un 2,6% mentres en Holanda se incrementou un 2,2% e en Alemaña un 0,7%
Estes dous factores, prezo e produción, están empurrando as importacións no que vai de ano. Así, as industrias lácteas e cadeas de distribución están compensando a menor produción de leite en España cun significativo aumento das importacións de lácteos. O queixo, produto refuxio A caída na cotización de produtos lácteos como o leite en po nos mercados internacionais no último ano está a facer do queixo un produto refuxio para os países excedentarios, como Alemaña. A produción de queixo na UE aumentou nos dous primeiros meses deste ano un 0,9% con respecto ao mesmo período de 2022; a de manteiga un 3,4% e a de nata un 3,8%.  A caída das exportacións a terceiros países está a derivar parte da produción europea ao mercado interno dos países do sur da UE, como pode ser España.
Alemaña produce moito máis leite do que consume e deriva parte da súa produción á fabricación de queixo para a exportación
A estratexia transformadora da industria láctea española é moi diferente á de países como Francia, Alemaña, Italia ou Holanda. As fábricas existentes en España están moito máis enfocadas ao envasado de leite líquido e moito menos á produción de queixos.

“Está volvendo a entrar o queixo barato de Centroeuropa, desprazando aos queixos en barra galegos”

Larsa é unha das empresas que fabrica queixo en barra en Galicia, ao igual que Prado, Hoxe, Farelo ou Lorán Practicamente desapareceran dos liñais no último ano pero están a voltar con forza. Nas últimas semanas estanse a volver a ver nos supermercados queixos de importación, con prezos de venda ao público de 7 euros o quilo, que están a desprazar aos queixos en barra fabricados en Galicia, con prezos entre 2 e 5 euros máis caros e que non son capaces de competir cos de procedencia europea. Os prezos de compra de queixo de importación por parte das cadeas de distribución móvense neste momento arredor dos 4 euros, cando a simple compra da materia prima cos prezos actuais en Galicia xa excedería ese nivel.
Fabricar un quilo de queixo de barra a nós sáenos a 6,5 euros e agora mesmo está vindo de Alemaña e Holanda a 4 euros
“O prezo do leite aquí non está para competir. O aprovisionamento da materia prima e o transporte á fábrica suporía xa 5,5 euros, ao que habería que sumar outro euro do proceso de elaboración. Fabricar un quilo de queixo de barra a nós sáenos a 6,5 euros”, explican nunha queixería galega. Problema recorrente A entrada de queixo barato procedente de Europa é unha circunstancia coa que están acostumadas a ter que lidiar as queixerías galegas. Non é algo novo que as grandes industrias lácteas de Alemaña, Holanda ou Dinamarca utilicen as exportacións de queixo Edam ou Gouda a baixo custo para regular os seus excedentes mentres manteñen prezos elevados no seu mercado interno. Pero a competencia que supón esta práctica para os fabricantes galegos de queixo en barra e queixo loncheado case desaparecera no último ano e medio, sobre todo trala guerra de Ucraína, que levou a unha caída xeralizada da produción láctea en Europa por mor dos elevados custos de produción e ao repunte das cotizacións dos produtos industriais como a nata, a manteiga ou o leite en po, que monopolizaron durante meses a transformación láctea.  
Mentres a manteiga e o leite en po mantiveron prezos altos monopolizaron a transformación industrial en detrimento dos queixos
Pero o descenso que están a sufrir desde hai algúns meses estes produtos nos mercados internacionais están a volver a derivar os excedentes de produción dos países do centro e norte de Europa de novo cara aqueles tipos de queixo considerados comodities e que non están a sufrir caídas tan acusadas nas súas cotizacións. Aumento da produción no norte de Europa e falta de leite no sur A isto engádese o incremento de produción que se está a dar nos países do norte de Europa, con aumentos superiores ao 4% en Holanda e ao 3% en Alemaña, en contraposición co que acontece nos países do sur, como España, Italia ou Portugal, que non foron capaces de recuperar a súa produción e manteñen aínda niveis en negativo.
O incremento de produción en Alemaña, Holanda e Polonia estaría empurrando a exportación de queixos cara a países deficitarios coma España
“Aquí non está habendo tanta abundancia de leite e non priva que no outono teñamos falta del outra vez”, admite Benigno Pereira, de Queizuar, que lembra o que pasou no 2022. “Faltou leite case todo o ano, xa a partir de febreiro ou marzo, pero a caída máis forte foi de xullo a outubro. Andaba todo o mundo desesperado pelexándose por un litro de leite”, admite. A situación chegou a ser crítica no verán e os supermercados chegaron a notar a ausencia de produtos lácteos nos seus liñais. “Fomos esgotando os stocks porque en febreiro recolliamos medio millón de litros de leite á semana e en agosto só 300.000”, recoñece.
Aquí non está habendo tanta abundancia de leite e non priva que no outono teñamos falta del outra vez. Hai que buscar o punto de coherencia e de equilibrio nos prezos, mantendo o diálogo co produtor
A empresa que fabrica os queixos Bama mantén un acordo estable coa cooperativa Pico Sacro, coa que leva traballando 30 anos. Benigno defende que a industria e os produtores vaian da man e poidan manter as súas marxes de beneficio. “Nós non necesitamos un leite barato porque se os gandeiros non gañan cartos non producen. Eu son partidario de que os alimentos teñan un prezo digno. Todo o mundo está pendente da cadea de valor, pero ninguén está pendente da cadea de subministro; ninguén se preocupou de asegurar o aprovisionamento e as industrias imos pasalo mal. O que non pode ser é que unha granxa viable peche. Se non ten sucesión hai que buscar unha maneira para que esa explotación siga producindo”, afirma. Efecto en cadea Queizuar transforma neste momento 18 millóns de litros de leite ao ano, poñendo no mercado 2 millóns e medio de quilos de queixo, pero en 5 anos queren medrar até os 30 millóns de litros de leite transformados, logo dun investimento de 10 millóns de euros para incrementar a capacidade produtiva da súa factoría de Touro. A súa produción está centrada en queixos con denominación de orixe, polo que a entrada de queixo barato de Europa non lles afectaría directamente, aínda que si de xeito máis indirecto. “Afectar aféctanos a todos porque se dá un movemento acordeón. Xa nos están a chamar para preguntarnos cando imos baixar o queixo e canto”, recoñece Benigno.  
Xa nos están a chamar para preguntarnos cando imos baixar o queixo e canto
Larsa, Queixerías Pardo, ou a Cooperativa Hoxe estarían entre as máis prexudicadas pola competencia directa do queixo de importación. “O queixo barato desaparecera un pouco, pero está entrando outra vez. Iso aféctanos ás ventas. Estámolo notando desde principios de ano”, recoñece Lito Andión, xerente da queixería de Lalín. Hoxe é unha das empresas que fan queixo barra en Galicia. Fai 20 anos supuña o 80% da súa produción, que foron derivando cara a outro tipo de queixos. Na actualidade, a produción da cooperativa repártese ao 50% entre o formato industrial e os queixos con DOP. “A barra é moi variable no mercado e dependes do exterior para defender o produto; os outros teñen prezos máis estables”, admite Lito.  
A barra é moi variable no mercado e dependes do exterior para defender o produto
Outras queixerías máis industriais, como Entrepinares ou TGT, non se verían tan afectadas. A empresa de Valladolid, con factoría en Vilalba, mantén acordos estables con Mercadona que lle garanten a venda do produto, mentres que a compañía catalá propietaria das queixerías Ruta Xacobea e Ferrado Verde conta tamén con importadora, polo que tería capacidade para comprar fóra o queixo industrial cando está barato e compensar a caída de produción nas fábricas do Pino e Santa Comba, máis enfocadas á produción de queixos de denominación de orixe Tetilla e Arzúa-Ulloa.

“Que veña queixo de importación é un atranco para poder retribuír como até agora o leite aos gandeiros”

Lito Andión, no interior da queixería da cooperativa Hoxe en Lalín Países de centroeuropa, como Alemaña e Holanda son os grandes produtores de queixo barato en Europa. No caso de Alemaña, o leite procede en ocasións de Polonia, aínda que a empresa fabricante sexa alemá. “Ata agora o leite que sobraba neses países ía para manteiga e nata, pero ao caer o prezo deses produtos inúndannos a nós con queixo”, explica Lito, que asegura que o feito de que veña queixo de importación é un atranco para poder retribuír como até agora o leite aos gandeiros. Ofertas imposibles Para poder manter o seu queixo barra nos supermercados e a restauración as empresas galegas vense obrigadas a facer promocións imposibles, posto que ese queixo que teñen almacenado e ao que queren dar saída foi fabricado con custos de produción elevados. “É certo que o prezo agora baixou, pero non somos os queixeiros os que máis baixamos o leite. Nós tentamos aguantar os prezos”, indica o xerente de Hoxe, con prezos no campo que se achegan neste momento, trala renovación de contratos, aos 53 céntimos. Tamén Queizuar está a producir neste momento con custos elevados, logo de pagar o leite de marzo a 60 céntimos. Cando o prezo comezou a dispararse, a empresa de Touro chegou a un acordo coas súas granxas provedoras para aplicar unha decalaxe dun mes tanto nas subidas como nas baixadas de prezo para poder retribuír deste xeito ao produtor acorde ao prezo de venda acadado polo produto elaborado no mercado.
O ano pasado sufrimos un aumento de custos do 55% e só logramos repercutir a metade diso no prezo de venda do queixo
“As cadeas de distribución empézanche a pedir que baixes pero nós aínda temos uns custos moi altos e un oco por cubrir do ano pasado que non recuperamos aínda porque non trasladamos ao prezo do queixo todo o incremento de custos que tivemos”, explica Benigno.   Queizuar tivo o ano pasado un aumento de custos do 54,7% (incluída a suba do 60% no prezo do leite en orixe) pero só logrou subir o prezo de venda do queixo aos supermercados o 27%, un desfase que se deixou notar na conta de resultados da empresa. O salvavidas das denominacións de orixe Benigno Pereira, nas instalacións de Queizuar en Touro Benigno leva 34 anos no sector e é un claro defensor das denominacións de orixe, “aínda que teñan que ir evolucionando co mercado”, di. “Hai que seguir apoiando os produtos de calidade diferenciada porque son os que poden dar un pouco de estabilidade nos prezos. As denominacións de orixe son un paraugas defensivo”, asegura.
Francia fai outro tipo de queixos aos de Alemaña e Holanda, que non compiten cos galegos
O responsable de Bama é partidario de imitar o modelo italiano. “Alí o leite que producen méteno en queixos e produtos de valor e o brick impórtano de Alemaña e Austria”, explica. O consumo de queixo no mes de marzo “portouse ben”, di, polo efecto da Semana Santa, pero pasado ese momento que supón unha maior saída de produto, abril pode ser máis complicado. “Seguimos estancados nun consumo medio de 7 quilos por habitante e ano cando o promedio en Francia é de 22 quilos e en Italia de 18”, compara Benigno.
Desde que os prezos do queixo aumentaron consúmese máis peza grande ao corte na charcutería en detrimento do queixo enteiro de tamaño estándar
Outra tendencia que se está a notar no consumo a raíz da suba de prezos motivada pola inflación e da perda de poder adquisitivo da poboación é a recuperación da venda de queixo ao corte en detrimento das pezas individuais. “Consúmese máis a peza grande que se compra en porcións na charcutería que a peza pequena enteira porque o queixo de tamaño estándar, de 750 gramos, pasou de custar 7€ a custar 9 ou 10 euros e a xente segue gastando os mesmos 7€ e levando menos cantidade”, explica Lito.  
https://www.campogalego.gal/importacions-lacteas-espana-disparanse-no-contexto-dun-mercado-en-fraxil-equilibrio/

Avances na Unión Europea para que as importacións agrícolas e gandeiras cumpran as mesmas esixencias

O ministro de Agricultura, Pesca e Alimentación, Luís Planas, trasladou hoxe o apoio de España á Comisión Europea para impulsar a aplicación das denominadas "cláusulas espello" nas negociacións comerciais con terceiros países co obxecto de que se esixan aos produtos importados de fóra da Unión Europea os mesmos estándares de calidade e seguridade alimentaria que aos producidos en Europa. Planas recalcou que esta reciprocidade é unha prioridade política para España e que responde ademais a unha demanda dos agricultores, gandeiros e os cidadáns europeos en xeral no Consello de Ministros de Agricultura da Unión Europea (UE) celebrado hoxe en Bruxelas. Este asunto foi incluído na orde do día no primeiro consello baixo a presidencia de quenda de Francia, que ten entre as prioridades do semestre avanzar na aliñación das políticas comerciais e agrarias da UE. O ministro asegurou que España sempre defendeu o multilateralismo no comercio internacional, baseado en regras, aberto, transparente e con acordos comerciais estables e engadiu que para España é un asunto prioritario que os produtos que se importen, cumpran as mesmas esixencias e estándares que as producións no ámbito comunitario.

Dificultades dos sectores agrícola e gandeiro

O Consello de Ministros abordou de novo a situación do incremento de prezos dos custos de produción dos produtos agrícolas e gandeiros, como a enerxía, os fertilizantes e a alimentación animal e que afecta o conxunto de países da Unión. Trátase dunha situación moi preocupante que se prolonga xa no tempo, segundo o ministro, que compromete a rendibilidade das explotacións, de maneira especial no sector gandeiro, polo que reiterou a necesidade de que a Comisión Europea arbitre unha acción coordinada para facer fronte á situación. Planas mantivo unha reunión bilateral co novo ministro de Agricultura e Alimentación alemán, Cem Özdemir, con quen tratou entre outros asuntos os plans estratéxicos da Política Agraria Común (PAC) e, de maneira particular, os mecanismos e instrumentos de xestión dos mesmos en países cunha organización política descentralizada como é o caso de España e Alemaña.

Que logrará a etiquetaxe en orixe dos lácteos ante unha balanza comercial negativa de 1,9 millóns de toneladas?

O decreto que obrigará á etiquetaxe en orixe do leite e dos produtos lácteos a partir de xaneiro é un dos poucos froitos visibles dun acordo lácteo que o sector gandeiro considera fallido. Unións Agrarias presentou hoxe un balance do acordo lácteo e aproveitou para trasladar propostas de traballo. Unha das prioridades para a organización pasa por aproveitar a oportunidade da etiquetaxe en orixe dos lácteos, de xeito que haxa unha campaña institucional que promova a calidade e garantías sanitarias da produción española. A balanza comercial de España en leite presenta un déficit de case 1,9 millóns de toneladas de leite equivalente, segundo os cálculos de Unións Agrarias. No 2017, importáronse lácteos por un volume de 3,4 millóns de toneladas de leite e exportáronse por volume de 1,5 millóns de toneladas. Esa diferenza de 1,9 millóns de toneladas poderíase recurtar en teoría con aumentos progresivos da produción das ganderías españolas, se ben o sector é consciente de que non é tarefa fácil.
A baixada da importación de leite e produtos lácteos en cisternas é o gran obxectivo da etiquetaxe en orixe. Máis difícil será competir cos queixos importados
O principal obxectivo céntrase en reducir as importacións de leite en cisternas, así como de produtos lácteos para a súa transformación industrial en España. Tamén se espera que a entrada de leite e outros lácteos envasados queden retratados ante os consumidores pola ausencia da mención á orixe española nas etiquetas. Máis complicado preséntase o panorama nos queixos, que copan as dúas terceiras partes das importacións españolas en leite equivalente. Os liñais de queixos das grandes cadeas da distribución están dominados polos queixos europeos, unha competencia en prezo e variedade de oferta ante a que o sector queixeiro español de vacún vese impotente. Tres anos do acordo lácteo Este mes cumpriuse o terceiro aniversario do acordo lácteo e tamén se cumpre outro aniversario, o do ano que hai que non se reúne a comisión de seguemento do acordo, que en principio ía ter reunións trimestrais, con participación das industrias, cooperativas, cadeas de distribución e organizacións agrarias firmantes. Unións Agrarias urxe ó Ministerio de Agricultura a reactivar a comisión de seguemento do acordo e marca tres temas prioritarios.
"O leite no supermercado non debería baixar de 68 céntimos e temos tódolos días ofertas no entorno dos 55 céntimos" (Roberto García, Unións)
O primeiro, o xa falado da campaña para promover o leite en orixe. O segundo, a abordaxe da situación da cadea de valor do leite, “cuns grupos de distribución que seguen usando o leite como produto reclamo e cunhas industrias que están aumentando beneficios a conta dos gandeiros”, cuestiona o secretario xeral de Unións, Roberto García. E un terceiro punto, a negociación de prezos do leite no campo en liña coa tendencia á alza que se está a rexistrar en Europa. O balance que fai Unións Agrarias dos tres primeiros anos do acordo lácteo é claramente negativo, marcados pola banalización do leite nos supemercados e por uns prezos do leite no campo que non se corresponden -din- cos beneficios das industrias. “O prezo do leite no supemercado non debe baixar de 68 céntimos e estamos vendo ofertas tódolos días no entorno dos 55 céntimos”, cuestionan. A organización agraria apunta tamén á revalorización que experimentou a graxa láctea nos últimos anos, da que considera que se beneficiaron as industrias en moita maior medida que os gandeiros. Unións agarda que nos próximos meses as organizacións de produtores cobren peso real na negociación do leite no campo, unha vez que se publique o decreto de reforma do Paquete Lácteo. “É unha mágoa que aquí en Galicia teñamos unha Consellería que en lugar de apoiar ás organizacións de produtores, se adica a boicotear a Ulega -a organización de produtores impulsada por Unións Agrarias-, deixándonos tódolos anos á marxe das axudas que convoca para OPs”, critica Roberto García.

España compra ao resto da UE tres veces máis produtos lácteos dos que lle vende

A balanza comercial de España co resto de países da Unión Europea está claramente desequilibrada no sector lácteo, cunhas importacións que máis que triplican as exportacións españolas. Así se evidencia no último informe do Observatorio do Mercado Lácteo da Comisión Europea, no que se analiza o mercado intracomunitario de produtos lácteos entre xaneiro e abril. Deste xeito, e tomando como referencia os datos de Eurostat, España exportou durante os primeiros catro meses deste ano un total de 43.193 toneladas de produtos lácteos, pero importou nada menos que 135.273 toneladas, cun saldo comercial negativo para España de 92.080 toneladas, que incluso é maior que no mesmo período de 2017. E é que aínda que de xaneiro a abril aumentaron as exportacións españolas ao resto da UE en queixos (25.942 toneladas, un 14% máis) ou de soro de leite en pó (11.332 toneladas, un 2%), non compensaron o incremento das importacións doutros países da UE, fundamentalmente de Holanda, Alemaña ou Francia. Así, as compras ao exterior de queixos, onde a balanza comercial de España é máis deficitaria, medraron un 8% ata as 96.501 toneladas no primeiro cuadrimestre do ano. Tamén medraron de forma significativa as importacións de manteiga (+18%) e de leite en pó enteiro (+20%). Así se reflicte no seguinte cadro: Balanza comercial -en toneladas- de España con el resto de países de la UE entre enero y abril de 2018: Fuente: Eurostat (COMEXT) - Based on Export flow

Oportunidades de mercado para o leite galego: elaboración de máis queixo, sobre todo para a exportación, e de leite en po e manteiga

O profesor de Economía e Política Agraria da Universidade de Santiago, Jorge Santiso, aseguraba na última na xornada organizada pola asociación Terra e Leite que a industria láctea galega debe aproveitar esta situación para producir máis leite en pó e manteiga para cubrir a demanda interna e reducir as importacións do resto da UE. En canto ás alternativas de mercado para o leite galego, Jorge Santiso fixo un repaso pola situación dos distintos derivados lácteos: -Non é posible reducir máis as importacións de cisternas de leite doutros países porque prácticamente xa non as hai. -En canto á redución do déficit de queixos (España importa moito máis queixo do que exporta), Santiso asegurou que “seguir aumentando as exportacións pode ser un obxectivo asumible; pero reducir as importacións parece mais dubidoso pola presión dos países exportadores, por competencia en prezos ou polas pautas de consumo consolidadas”. -A opción máis realista para o profesor Jorge Santiso é a aposta por transformar o leite galego en produtos industriais -sobre todo leite en poo e manteiga- tanto para o mercado exterior como para o mercado interno español.
Jorge Santiso: “Existe a posibilidade de substituír estas importacións de leite en po e manteiga por produción galega”
“A fabricación de leite en po e manteiga é residual no sector lácteo español, o que fai que haxa un déficit estrutural de leite en poo dunhas 50.000 toneladas anuais, que en equivalente en leite líquido son unhas 500.000 toneladas”, explicou Santiso. Neste sentido, destacou que existe a posibilidade de substituír estas importacións por produción galega, e ademais, existen oportunidades adicionais de exportación. Pero para apostar por esta estratexia de diversificación do sector lácteo galego coa transformación en produtos lácteos industriais, Jorge Santiso subliñou que “este mercado que non se pode abordar sen unha estratexia de colaboración entre produtores e industria, só posible asumindo retos de organización”.

A importación de leite baixou á metade os dous últimos anos

O mercado lácteo español continúa a ser deficitario, produce máis do que consume, pero os aumentos das entregas de leite que se experimentaron nos últimos anos nas granxas, tras o fin das cotas, estanse a notar na balanza comercial. Durante o 2017, España importou a metade de leite sen concentrar que no 2015, 149.000 toneladas polas 312.000 do 2015, con datos xaneiro-novembro. A nota negativa da balanza continúa no mercado de queixos, pois España incrementou un 12% as importacións nos dos últimos anos, chegando ás 265.000 toneladas, polas 236.000 do 2015. A redución da importación de leite sen concentrar revela menores compras das industrias lácteas ó exterior, se ben desde o sector agárdase a que saia adiante a normativa que obrigará a etiquetar a orixe dos produtos lácteos, de cara a evitar confusións no consumidor e a baixar aínda máis as compras foráneas de leite. En derivados lácteos, a balanza comercial continúa prácticamente sen cambios nos últimos anos, coa excepción dos queixos, que aumentaron a súa cota un 12% e seguen a dominar as vendas na gran distribución. Manteiga, lactosueros e leites e natas concentrados mantéñense en cifras similares ás de antes do fin das cotas. Exportacións As vendas ó exterior das industrias lácteas aumentaron de xeito sensible nos dous últimos anos, se ben principalmente en produtos de baixo valor engadido. En leite e nata sen concentrar pasouse das 185.000 toneladas do 2015 a 256.000, e en produto concentrado de 41.000 hai dous anos a 65.400, sempre con comparatativas do periodo xaneiro-novembro, pois os datos de decembro do pasado ano están aínda sen procesar. En queixos, as vendas ó exterior aumentaron en 15.000 toneladas, a metade do que medraron as importacións. Exportáronse 90.000 toneladas no 2017 polas 75.000 do 2015. Galicia Fronte ó que sucede no resto do Estado, as exportacións galegas baixaron en case tódalas categorías de produto nos dous últimos anos, salvo en queixos, que representan unha parte minoritaria das vendas galegas ó exterior. Durante o último ano, exportáronse 1.500 toneladas polas 980 de hai dous anos. A parte positiva da balanza comercial galega é a reducción das importacións de leite. No 2017, entraron na comunidade 62.000 toneladas de leite e nata sen concentrar (periodo xaneiro-novembro) polas 158.000 do mesmo periodo do 2015. Tamén baixou a entrada de lactosoros e manteiga, aínda que aumentou lixeiramente a de soro de manteiga e a de leite e nata concentrados.

Bruxelas sobe os prezos de referencia para as importacións de polo

A Comisión Europea ven de acordar o día 27 modificar o  Reglamento (CE) n° 1484/95 relativo á fixación dos prezos representativos nos sectores de carne de aves de corral, dos ovos e da ovoalbúmina.

Deste xeito a Comisión eleva os prezos de referencia por segunda vez  menos de catro meses para as importacións de produtos avícolas procedentes de Brasil e Arxentina, e en menor medida de Thailandia e Chile. En concreto, Bruxelas sobe os prezos de referencia para as importacións de canais de polo conxelado e de peitugas de polo. Pola contra, baixa os de muslos de polo.

A entrada de carne de polo conxelada a moi baixo prezo procedente deses países, especialmente de Brasil, é unha denuncia recorrente das organizacións agrarias.

Deste xeito, os prezos quedan como seguen:

Designación de la mercancía

Precio representativo

(en EUR/100 kg)

Garantía contemplada en el artículo 3

(en EUR/100 kg)

Origen (1)

Canales de pollo, presentación 70 %, congeladas

125,5

0

AR

Canales de pollo, presentación 65 %, congeladas

150,6

146,2

0

0

AR

BR

Trozos deshuesados de gallo o gallina, congelados

327,9

232,8

349,8

277,5

0

20

0

7

AR

BR

CL

TH

Pechugas de pollo, congeladas

213,4

0

BR

Muslos de pollo, congelados

134,5

3

BR

Trozos deshuesados de pavo, congelados

372,2

516,1

0

0

BR

CL

Preparaciones de gallo o gallina, sin cocer

254,6

10

BR

Fonte: Comisión Europea