As entregas de leite na UE no mes xaneiro de 2023 están un 1% por enriba das entregas de xaneiro de 2022, segundo recolle o Observatorio Lácteo da UE no seu último informe. Por países, a produción aumentou un 3,6% en Alemaña, un 4,7% nos Países Baixos, un 1,6% en Polonia e un 0,9% en Dinamarca; mentres descendeu un 1,4% en Francia e España, un 2,4% en Irlanda e un 3% en Italia.
No resto de zonas produtoras, EEUU incrementou a súa produción un 1,3% o pasado mes de xaneiro a respecto dun ano antes, mentres Nova Zelandia sofre un descenso dun 2% e Australia dun 6,1%.
En canto aos prezos pagados en orixe, o prezo medio europeo en febreiro foi de 54,75 céntimos, o que supón un descenso dun 2,8% con respecto ao mes de xaneiro (56,31) e máis dun 5% con respecto a decembro, no que os prezos tocaron teito na UE con 58,36 céntimos.
Os prezos tocaron teito na UE en decembro con 58,36 céntimos e desde entón acumulan dous meses de forte caída
O prezo de España en febreiro (58,16 céntimos), atópase entre os máis altos entre os principais países produtores da UE, só superado por Alemaña (58,65) e sensiblemente máis alto que en Francia (49,02) ou Polonia (46,40), mentres Italia sitúase en 57,17; Portugal en 54,37; Países Baixos en 56 e Dinamarca en 57,36 céntimos.
O prezo da leite spot en Italia segue baixando ata os 46,3 céntimos o litro a semana pasada (19/03/2023).
Sobre os custos de produción, o Observatorio Lácteo Europeo fala dunha diminución dos custos de alimentación e enerxía das granxas (-3,2% e -0,6% respectivamente) na semana 11 en comparación coas 4 semanas anteriores.
Caída dos produtos lácteos industriais
En canto ás cotizacións dos produtos lácteos industriais, neste mes de marzo prodúcese un descenso xeralizado:
- Prezos da manteiga na UE: 495 €/100 kg, -0,1% nas últimas 4 semanas
- Prezos UE leite desnatado en po (SMP): 256 €/100 kg, -2,9% nas últimas 4 semanas
- Prezos UE leite enteiro en po (WMP): 350 €/100 kg, -0,5% nas últimas 4 semanas
- Prezos do queixo cheddar UE: 449 €/100 kg, -1,4% nas últimas 4 semanas
A nivel internacional, Oceanía mantén prezos máis competitivos en manteiga e leite entero en po (WMP), mentres que EEUU ofrece prezos máis baixos en leite desnatado en po (SMP) e queixo cheddar.
A última poxa Fonterra, celebrada esta semana (GDT 21/03/2023) finalizou cun descenso do 2,6% no índice xeral de prezos. Baixan os prezos de todos os produtos: manteiga (-3,0%), AMF (-3,8%), cheddar (-10,2%), LDP (-3,5%) e LEP (-1,5%).
Exportacións de produtos lácteos da UE
As exportacións de manteiga da UE a China diminuíron un 38% no mes de xaneiro, mentres aumentaron un 97% aos EEUU. En canto ás exportacións de queixo, reducíronse a Xapón (-35%) e aumentaron a Suíza (+2%) e EEUU (+2%).
En xaneiro de 2023, as exportacións de leite desnatado en po (SMP) da UE subiron a China (+69%) e baixaron a Indonesia (-58%) e Iemen (-57%). As exportacións de leite enteiro en po (WMP) da UE reducíronse a Omán (-24%), China (-54%) e Senegal (-57%).
Oferta e demanda internacional
As exportacións de produtos lácteos de EEUU de queixo e LDP aumentaron en xaneiro de 2023 (+16% e +15%, respectivamente), mentres as exportacións de manteiga e WMP diminuíron (-13% e -44%).
En canto a Nova Zelandia, todas as súas exportacións aumentaron: manteiga (+11%), queixo (+9%), SMP (+65%) e WMP (+1%).
As importacións de manteiga por parte de China caeron un 22%, mentres as de queixo aumentaron un 9%
No lado da demanda, as importacións chinesas de queixo (+9%), soro de leite en po (+72%), caseínas (+1%) e lactosa (+29%) aumentaron en xaneiro de 2023 a respecto do mes de xaneiro de 2022, mentres que as importacións de manteiga (-22%), LDP ( -29%), WMP (-80%) e leite condensado (-80%) baixaron.