Archives

Acruga evita posicionarse sobre a esixencia de acortellar os xatos de Suprema para o cebo

Sinatura do convenio de colaboración entre Acruga e a IXP Ternera Gallega A Asociación de Criadores de Raza Rubia Galega (Acruga) non se posiciona en relación á modificación no Regulamento de Ternera Gallega Suprema para esixir un cebo final dos xatos durante dous meses, nos que os animais deberán permanecer acortellados ou en cobertizos que os protexan das inclemencias meteorolóxicas. Diante da polémica xurdida entre partidarios e detractores, o presidente da entidade, César Dorado, prefire navegar entre dúas augas: “Haberá gandeiros aos que non lles gustará ese cambio e haberá outros aos que si; é moi complicado pronunciarse nun sentido ou noutro e eu non estou nin en contra nin a favor”, afirmou este xoves durante a sinatura dun convenio de colaboración co Consello Regulador das IXPs de Carne de Vacún de Galicia. César Dorado evitou deste xeito botarlle un capote a Ternera Gallega neste acto, que se celebrou na Facultade de Veterinaria de Lugo e no que estaban tamén presentes representantes da Asociación Gandeiros Galegos da Suprema e do sindicato UUAA, que en ámbolos casos xa mostraron publicamente o seu respaldo á medida. “Supoño que o que está buscando Ternera Gallega con ese cambio é que os tenreiros cando van ao sacrificio vaian algo mantidos e teñan algo de graxa”, argumentou César Dorado diante de Jesús González, o presidente do Consello Regulador, a entidade que promoveu a modificación no Regulamento da IXP aprobada no Pleno o pasado 9 de novembro.
Non queremos entrar en demagoxias nin en dialécticas que o único que fan é dividir; aquí estamos para sumar (Jesús González)
Jesús González, que inicialmente avanzara a súa intención de non falar do asunto, xa que o consello xa emitira unha nota sobre o tema, viuse obrigado a tomar a palabra para matizar ou “afondar” no dito por César Dorado: “O que busca o Consello Regulador é fundamentalmente mellorar a calidade do produto final; queremos canais máis engraxadas e homoxéneas, que teñan un mellor prezo de venda e iso pasa por mellorar a calidade do produto final”, asegurou. O presidente da IXP defendeu a medida como o resultado dun proceso de debate de máis de dous anos, recollido na Estratexia da Carne e no Manual de Manexo de Ternera Gallega Suprema, dous documentos elaborados coas aportacións do propio sector, e que conclúen que a disparidade na conformación e o engraxamento das canais prexudica a súa comercialización. “O Consello Regulador o que trata é de recoller as inquedanzas que hai no sector e, de acordo con esas inquedanzas, tomar decisións”, asegurou, polo que pediu “respectar esas decisións de acordo cos criterios democráticos”. “Non queremos entrar en demagoxias nin en dialécticas que o único que fan é dividir; aquí estamos para sumar”, concluíu. Novo peche do centro de recría da Granxa Gayoso Castro César Dorado tamén confirmou que o centro de recría de Acruga, ubicado na Granxa Gayoso Castro, propiedade da Deputación de Lugo, volve estar neste momento “inmobilizado” como consecuencia dun caso dubidoso de tuberculose nun dos animais.
Non é a primeira vez que se produce o peche do centro de recría, o que afecta ás subastas organizadas por Acruga
“É cousa de enfermidades; din que hai unha xovenca alí dubidosa e cando isto pasa cando vai o saneamento, inmobilizan a granxa, de maneira que non podes nin sacar para vida nin meter alí xovencas. É unha cousa que non ten moito máis que dicir;  a sanidade é así”, finalizou.  

Un de cada 5 euros que Ternera Gallega destine a promoción será para ‘vender’ a rubia galega

Acruga e Ternera Gallega quixeron escenificar este xoves a súa “unión” mediante a sinatura dun convenio de colaboración de 20 anos de duración que dá continuidade aos asinados no 2010 e 2022. O obxectivo é que toda a carne de calidade da raza rubia galega saia ao mercado correctamente etiquetada co nome da raza. “O convenio en si non ten unha contraprestación económica por ningunha das dúas partes, pero si establece que se destinará por parte do Consello Regulador un 20% dos seus fondos de promoción especificamente para promocionar a carne de rubia galega amparada pola IXP”, explicou Jesús González. O novo convenio ten como aspectos máis significativos que a carne procedente dos animais inscritos no Libro Xenealóxico da raza rubia galega, xa sexan tenreiros, vacas ou bois, sairán ao mercado obrigatoriamente con etiquetas diferenciadoras: Ternera Gallega Suprema-Carne de Rubia Gallega, Vaca Galega-Carne de Rubia Gallega e Boi Galego-Carne de Rubia Gallega.
O convenio ten unha vixencia de 20 anos pero cada 5 farase unha revisión sobre o seu funcionamento e os resultados acadados
O compromiso das dúas entidades, tanto de Acruga como sobre todo do Consello Regulador, será dar a coñecer as citadas marcas no mercado e entre os consumidores, facendo actividades divulgativas e promocionais conxuntas que fomenten a súa demanda e melloren a comercialización, con especial incidencia no caso da carne de Suprema como o “buque insignia do sector”, en palabras de Jesús González. A entrada en vigor deste convenio de colaboración será o 1 de xaneiro de 2024 e terá unha duración de vinte anos, aínda que cada cinco anos se farán revisións periódicas sobre o seu funcionamento e resultados acadados. 7.000 xatos ao ano comercializados por medio de Acruga Desde os seus comezos, a marca Ternera Gallega Suprema-Carne de Rubia Gallega experimentou un crecemento progresivo, constatándose o seu incremento practicamente durante todas as anualidades, pasando de 2.368 animais certificados en 2013 a preto dos 7.000 cos que se agarda pechar o presente exercicio.
En 2022 só se marcaron 488 canais de Vaca Galega-Boi Galego
Tamén se pretende consolidar a etiquetaxe da carne procedente de vacas e bois nacidos, engordados e sacrifcados en Galicia, que sexan da raza Rubia Gallega. Polo tanto, vaise tratar de dar máis visibilidade aos marchamos Vaca Galega-Carne de Rubia Gallega e Boi Galego-Carne de Rubia Gallega. No último exercicio a IXP de vacún maior só certificou 488 canais, que sumaron 214 toneladas de carne, destinadas principalmente ao sector da restauración. Prestixiar a Rubia Galega dentro de Ternera Gallega Dentro do acordo de colaboración entre Acruga e Ternera Gallega tamén se salienta a colaboración das dúas entidades para fomentar a produción de carne procedente de animais da raza rubia galega, nunha aposta por “defender o patrimonio xenético de Galicia e as nosas razas autóctonas, un dos eixes principais sobre os que xira o prestixio da carne de calidade galega”, afirmou Jesús González. Mentres, César Dorado agradeceu o “traballo” da IXP “en favor da nosa raza fronte a outras foráneas”, se ben, dado que Ternera Gallega marca tamén animais cruzados doutras razas, como a frisona, a asturiana, a limusín ou a blonde, Dorado precisou que a marca de Acruga contribúe a evitar enganos do consumidor: “Avanzamos hoxe na loita contra o engano de usar a nosa raza para vender outras que nada teñen que ver coa Rubia Galega”, asegurou.
Comprometémonos a dar un paso máis, poñendo no mercado a carne de rubia galega perfectamente identificada (Jesús González)
Para cumprir co convenio asinado, a IXP certificará que a carne procedente de tenreiros nacidos e criados nas explotacións gandeiras rexistradas no Consello Regulador, que superasen todos os controis que establece o Regulamento da Denominación en canto a súa orixe, trazabilidade, manexo, alimentación e benestar animal; mentres que Acruga validará que estean inscritos no Rexistro de Nacementos do Libro Xenealóxico da raza rubia galega que xestiona a entidade e que reúnan as características do estándar racial. Acruga conta con arredor de 1.400 gandarías activas, que teñen unha media de case 25 animais por explotación. No referido ao censo, na actualidade conta con máis de 32.500 animais inscritos no Libro Xenealóxico da raza, dos cales o 70% corresponde a reprodutores.

A Deputación de Lugo consigue un certificado europeo de benestar animal para a Granxa Gayoso Castro

A Voceira socialista do Goberno da Deputación de Lugo, Pilar García Porto, xunto ao Deputado de Recursos Sostibles, Roberto Fernández Rico, recibiu venres da man do Director de Actividade Agroalimentaria en Bureau Veritas, Jacobo de Nóvoa, a certificación de benestar animal Welfare Quality que vén de obter a institución provincial para a Granxa Gayoso Castro, en concreto para a explotación de produción e reproducción de raza Cachena e para a produción de leite de vacas de raza frisona na Granxa Experimental de Leite. A institución provincial vén de obter este selo de calidade avalado pola Comisión Europea, tras superar unha auditoría exhaustiva realizada por expertos autorizados polo Instituto de Investigación e Tecnoloxía Agroalimentaria (IRTA) e que se basea, non só nas características e estado das instalacións, senón na inspección e observación directa dunha mostra representativa dos animais da explotación, avaliando catro aspectos: boa alimentación; bo Aloxameno; boa Saúde; e comportamento axeitado. No acto de entrega, que tivo lugar neste último centro, García Porto subliñou que a certificación é “un avance importante na mellora continua da Granxa Gayoso Castro que estamos impulsando desde a Deputación, tanto a nivel da xestión administrativa interna, como tamén para seguir potenciando estas instalacións como un referente e como un motor do sector primario e da actividade económica da nosa provincia”, tendo en conta, sinalou, “o peso absolutamente fundamental que ten a actividade agrogandeira en Lugo”. Jacobo Novoa, director da Actividade Alimentaria en Bureau Veritas, afirmou que “estas certificacións Welfair® obtidas pola Deputación para a cría de vaca nodriza e de vacún de leite demostran o compromiso da institución pública polo coidado e benestar dos animais”. Destacou “a puntuación excelente obtida en varios dos criterios de avaliación da norma como a ausencia de sede prolongada e expresión de condutas sociais”. Xunto a García Porto e Fernández Rico, no acto estiveron a directora da Granxa Gayoso Castro, Sonia Verdes, e outros responsables das instalacións provincias.

Alternativas forraxeiras, os ases na manga para as ganderías de vacún de leite galegas

“Deberíamos lembrar que o que lle serviu ós nosos avós para resistir igual nos pode servir tamén nas granxas hoxe a nós”. Deste xeito convidaba a reflexionar a investigadora e doutora pola USC Ana Isabel Roca Fernández ós gandeiros que asistían a unha xornada sobre alternativas forraxeiras para o vacún de leite que se celebrou na Granxa Gayoso Castro, en Castro Ribeiras de Lea (Lugo). A investigadora pon o foco na situación que atravesan na actualidade as granxas, afanadas en reducir os custos de produción. “O campo galego precisa unha maior resiliencia e para iso as granxas deben facer un aproveitamento eficiente dos recursos forraxeiros”, explica. Facelo permitirá ás ganderías reducir os custos de alimentación e facer fronte a situacións inesperadas como as que se están a presentar co cambio climático ou que se derivaron da pandemia sanitaria ou o estoupido da guerra entre Rusia e Ucraína.
“Diversificar cultivos é unha estratexia forraxeira viable grazas á cal facer as granxas máis resilientes para producir leite de xeito eficiente”
E como lograr este mellor aproveitamento das forraxes nas granxas? A doutora Roca bota man do saber aprendido dos seus avós labregos, combinado coa súa formación académica e da experiencia que lle proporcionaron as estadías en países con sistemas produtivos e climas semellantes ó galego para facer unha recomendación clara: apostar por distintas alternativas forraxeiras para complementar as forraxes tradicionais. “Diversificar cultivos é unha estratexia forraxeira viable grazas á cal se consegue facer granxas máis resilientes para producir leite de xeito eficiente”, valora a experta.
En Galicia só o 4% das ganderías utilizan cereais de inverno producidos nas súas terras
Así, noutras zonas da Bretaña francesa, Nova Zelanda ou Irlanda, nas que a investigadora realizou estadías, están a apostar polo uso de alternativas forraxeiras para a alimentación do gando. Mentres que en Galicia tan só o 4% das ganderías de leite utilizan cereais de inverno producidos nas terras que xestionan. Pola contra, o 57% das granxas cultivan millo e o 52% empregan raigrás italiano.

Sota, cabalo e rei na ración do gando

A modo de exemplo gráfico e divulgativo, a investigadora fai unha comparativa da ración do gando e unha partida de naipes xogando á Brisca. A experta cualifica os cultivos de inverno coma os ases na manga dos que poden botar man as ganderías de vacún de leite. Recomenda así, deixar de optar só por gañar a partida da alimentación animal a base de empregar as figuras da sota, o cabalo e o rei. Senón recorrer ao emprego deles para paliar posibles situacións de déficit e condicións adversas. En base ao uso que os gandeiros fan dan forraxes nas explotacións galegas, a doutora Roca equipara a herba verde coa sota da baralla, mentres que o silo de herba sitúao coma o cabalo e o silo de millo coma o rei debido ao seu valor nutricional e o custo que supoñen para as ganderías o aporte destes alimentos, sendo, este un modelo de “xogo” fixo no cal non se teñen en conta ás alternativas. Seguindo coa comparativa entre os naipes e a alimentación do gando, o resto de trunfos da baralla constitúeno os pensos, con diferente fonte de materias primas, na ración das vacas. Cómpre ter presente que de media o custo do penso supón 5 veces ó da herba verde e 3 veces máis inversión económica que o silo de herba e de millo, de aí que a doutora Roca considere os pensos coma unha das estratexias menos adecuadas para gañar en resiliencia na granxa, ó estar suxeitos a maiores variacións nos prezos. Abonda ver como se dispararon os prezos dos pensos trala pandemia, pasando dun custo medio de 250 euros por tonelada a superar os 400 euros por tonelada na época postcovid. A investigadora recorda neste senso que en España adóitase empregar de media uns 400 gramos de penso por quilo de leite producido, mentres que noutros países da contorna con producións de leite semellante úsanse entre o 30 e o 40% menos de penso que o utilizado habitualmente en Galicia. A composición media das racións nas granxas de leite adoita estar composta basicamente por penso (33%), xunto con herba verde (15%), ensilado de herba (26%), ensilado de millo (14%) e forraxes secas (12%). Así, é que case non se empregan outras alternativas forraxeiras que poderían servir a modo de ases na manga para as ganderías á hora de reducir a dependencia que amosan dos pensos.

Os ases na manga para reducir custos na ración

Entre as alternativas forraxeiras que a experta recomenda empregar en Galicia atópanse cultivos de inverno, así como cultivos proteicos. “As alternativas forraxeiras poden xogar un papel importante na granxa na época de parada vexetativa da herba (no inverno), así como ante a seca do verán, cando logo dos partos da primavera as vacas están aínda en lactación”, argumenta a investigadora. Ademais, este tipo de cultivos son forraxes que xa teñen sido empregadas durante anos en Galicia, polo que a doutora Roca recomenda volver a botar man destas, posto que a maioría delas xa amosaron unha boa produción e atópanse ben adaptadas as condicións edafoclimáticas imperantes na rexión. Optar pola produción de forraxes de calidade na propia gandería é unha das practicas polas que a PAC contempla distintas liñas de acción, como as específicas para a xestión de pastos e a extensificación do vacún de leite, recollidas no DOG núm. 22 de 1 de febreiro de 2017. Á marxe disto, o Real Decreto 1075/2014 contempla tamén unha liña específica para a diversificación de cultivos, onde se poderían incluír estas novas alternativas forraxeiras, así como para a conversión e mantemento da agricultura ecolóxica. “As alternativas forraxeiras están chamadas a ser un piar básico da alimentación do gando vacún de leite no futuro e vano a ser”, reafirma a doutora Roca. As principais alternativas que se presentan son:

-Leguminosas forraxeiras

Teñen un bo crecemento invernal, o que facilita o seu ensilado. Ademais aportan un alto contido en proteína barata, no canto de mercar soia importada ou outras fontes de proteína, de xeito que ben sexa en monocultivo ou asociadas con cereais de inverno, permiten abaratar os custos de alimentación do vacún de leite. Por outra banda, este tipo de cultivos axuda a ofrecer unha ración máis equilibrada. “Coa asociación de leguminosas búscase paliar o déficit de proteína vexetal que a maior parte da granxas teñen debido á asociación entre raigrás italiano e millo”, detalla a investigadora. No caso de leguminosas pódese apostar por especies como a alfalfa, a veza, a esparcela ou a zulla. Tamén se poden empregar especies proteaxinoasas coma o chícharo, o faballón ou o chícharo tremoceiro.

-Gramíneas

Neste caso pódese optar por empregar o raigrás italiano híbrido. A doutora Roca recomenda sementar o raigrás italiano anual e realizar un ensilado nas épocas axeitadas para obter os mellores resultados.

-Cereais forraxeiros

Especies coma a avea, a cebada, o centeo, o trigo ou o triticale ofrecen un alto valor nutricional e son unha boa combinación para mesturar coas leguminosas. “Á hora de asociar leguminosas e cereais é recomendable empregar mesturas con chícharo polo excelente valor nutricional que este proporciona”, concreta a experta.
A doutora Ana Isabel Roca Fernández durante a súa participación na xornada celebrada na Granxa Gayoso Castro.

Estudos recentes con estas alternativas forraxeiras

A doutora Roca aproveitou para presentar en dita xornada, os datos obtidos en dous estudos realizados nos últimos anos sobre algunhas das alternativas forraxeiras, nas que testaron o tipo de forraxe e o método de aproveitamento. En concreto, compararon gramíneas (raigrás italiano), leguminosas (chícharo, faballón e veza) e cereais (avea, triticale e cebada), empregándoas tanto en verde como en ensilado e combinándoas. Entre as principais conclusións destes estudos convén mencionar que: -As forraxes en verde amosaron unha calidade excelente fronte ás ensiladas. -O uso de leguminosas resultou unha estratexia axeitada como alternativa ó raigrás italiano (a opción en combinación co millo pola que máis ganderías apostan na actualidade). As leguminosas son unha excelente alternativa para alimentar ó gando en produción de leite con altos requirimentos nutritivos nos 3 primeiros meses de lactación debido ó seu alto valor nutricional. -Recoméndase a introdución de leguminosas en monocultivo (tanto chícharo como faballón) polo seu alto contido en proteína bruta. -A avea en verde sería o único cereal recomendado pola súa calidade nutricional excelente. -A cebada sería o único que non se recomendaría para animais altamente produtivos, senón que sería mellor para as vacas secas. -Nas asociacións de leguminosas e cereais recoméndase o chícharo polo seu excelente aporte nutricional. -Destacaron o faballón, o chícharo, a veza e as combinacións de chícharo-veza, chícharo-triticale, a veza-cebada e veza-avea, pola súa excelente calidade nutricional.

Rotación con leguminosas nas ganderías: vantaxes e claves para o seu cultivo

A rotación con leguminosas é unha práctica realizada en Galicia por algunhas ganderías e que ofrece múltiples vantaxes, ó poder obter unha forraxe de calidade para o gando, así como polos beneficios que poden achegar estas especies para outras colleitas ou mesmo para a saúde dos solos. O aporte de nitróxeno é unha das principais vantaxes que asegura escoller leguminosas como cultivos forraxeiros, como apuntou o enxeñeiro agrónomo e gandeiro Miguel Fernández Labrada durante a súa participación nunhas xornadas realizadas na Granxa Gayoso, dependente da Deputación de Lugo, e nas que se abordaron alternativas forraxeiras para as ganaderías de vacún de leite. Un dos xeitos nos que proporcionar un aporte de nitróxeno ós solos é empregar as leguminosas como abono verde, é dicir, enterralas unha vez que acada o seu ciclo. “Cultivar unha leguminosa para enterrala vai aportar moito nitróxeno ao seguinte cultivo. Por exemplo o chícharo bravo, tamén coñecido como chícharo tremoceiro, así como a faba poden fixar 100 ou 150 quilos de nitróxeno no solo no período de inverno, de outubro a abril”, explica o enxeñeiro. Á marxe das leguminosas, como abonos verdes tamén se adoitan empregar crucíferas coma os nabos, pola súa acción bactericida; así como gramíneas que permiten enriquecer os solos con materia orgánica.
Optar polas leguminosas permite enriquecer os solos polo aporte de nitróxeno que proporciona e deixa dispoñibles nutrientes para outros cultivos
Por outra banda, a simbiose que logran as leguminosas coas bacterias rhizobium, que están naturalmente no solo, permiten un maior aproveitamento do nitróxeno. Como lembraba Fernández Labrada, o nitróxeno é un dos nutrientes máis importantes para o crecemento das plantas, máis necesario para lograr unha boa produción que outros nutrientes como pode ser o potasio ou o fósforo, presentes ambos nos fertilizantes complexos máis empregados. Nitróxeno fixado no solo e dispoñible en función dos cultivos empregados. Á marxe do aporte de nitróxeno que proporcionan, outra das vantaxes do uso de leguminosas é que son especies con raíces profundas, que adquiren nutrientes das capas máis fondas e achéganos á superficie, de xeito que enriquecen a capa superficial para outros cultivos. Ademais, as leguminosas protexen da erosión hídrica e compiten con outras sementes adventicias e conseguen mellorar a actividade biolóxica do solo. “As leguminosas tamén permiten un aporte de nitróxeno e doutros nutrientes dun xeito máis paulatino que cando se empregan fertilizantes químicos”, destaca.

Recomendacións para o cultivo das leguminosas

Algunhas das leguminosas máis empregadas polas ganderías galegas adoitan ser os trevos (branco, violeta, encarnado), a veza, alfalfa, así como os chícharos ou as fabas, entre outras. Unha das primeiras claves a ter en conta para o cultivo destas especies é proporcionar unha fertilización axeitada. “O aporte de nitróxeno non está recomendado para as leguminosas, agás cando non poida obtelo do aire, é dicir nos primeiros días trala sementeira ou logo dunha sega”, especifica Fernández Labrada. Nestes casos, o enxeñeiro agrónomo recomenda unha aplicación de 30 quilos por hectárea. Tamén cómpre ter presente que as leguminosas extraen máis minerais dos solos que o raigrás, especialmente Calcio, Magnesio e Fósforo. Un xeito de proporcionar estes minerais é empregando xurro de vacún de leite. Porén, debe aportarse na presementeira, evitando proporcionar xurro en coberteira, xa que o pisado que se precisa para abonar resulta contraproducente para moitas leguminosas, que logo teñen dificultades para continuar medrando. Ademais a aplicación directa do xurro sobre as leguminosas tampouco é recomendable, polas características destas especies. “O propio xurro pégase máis ás follas, impedindo a fotosíntese e se fai calor e vento pode chegar a crearse un ambiente moi acedo na folla e chegar a queimala”, concreta. Así, de querer aplicar xurro ás leguminosas é recomendable facelo con orballo ou previsión de choivas febles para que a auga o arrastre ata o solo e non quede na planta. Recomendacións de fertilización de leguminosas. Á hora de sementar as leguminosas, débese facer de xeito semellante ós procedementos seguidos con outras especies, aínda que recoméndase enterrar máis aquelas especies que teñan unha semente máis grande. Debe enterrarse sempre 1,5 veces o diámetro da semente. Na sega hai maquinaria que conta xa con rodos pensados para as leguminosas, posto que os acondicionadores de púas en V, pensados para romper os talos das gramíneas como o raigrás, resultan pouco axeitados para as leguminosas. “Usando estas V de ferro podemos chegar a perder case o 7% da biomasa de alfalfa. Por iso, se sementamos leguminosas puras é aconsellable non apertar case o acondicionador ou segar sen el”, explica.

Obter silos de leguminosas de calidade

Para conseguir ensilados de calidade con leguminosas é preciso ter en conta a capacidade tampón destas especies, que adoita ser alta, polo que tende a ser complexo lograr bos ensilados. A capacidade tampón ven determinada polo contido de azucres, polo que a máis azucres maior cantidade de ácidos se producirán. Tamén inflúe a alta cantidade de proteína que teñen as leguminosas, así como de Calcio e Potasio. “Para mellorar o ensilado pódense realizar mesturas con gramíneas e aportar ácidos, con conservantes químicos”, recomenda o enxeñeiro agrónomo. Outro dos aspectos a ter en conta para lograr silo de leguminosas de calidade é o risco de proliferación de clostridios, procedentes da contaminación por terra. Os clostridios consumen o ácido láctico e as proteínas do silo, pero que ademais de empeorar a calidade do ensilado supoñen unha ameaza para a saúde dos animais. “O clostridium crece en forraxes moi húmidos e con pH maiores de 4.2, polo que unha acidificación boa é básica”, concreta Fernández Labrada. Ó ser a presenza de terra un dos contaminantes do clostridios, cómpre traballar con apeiros altos, a máis de 6 centímetro do solo, e contar con prados ben nivelados. Tamén é importante ter as entradas ós silos sen terra.

A rendibilidade económica dos silos de leguminosas

O impacto económico e na alimentación das vacas que proporcionan os silos de herba é un dos factores que determina que sexan unha alternativa pola que apostar nas granxas. Para avalialo é preciso prestar atención a cuestións como a proteína e a enerxía que proporcionan ós animais e o custo que ten o cultivo. A estimación da inxesta de proteína e enerxía calcúlase coa capacidade de inxestión (FND), de xeito que a valores máis alto, a vaca síntese saciada antes e inxire menos quilos de silo ó día, co que a inxesta de nutrientes é menor. Por outra parte, se a forraxe é moi dixestible conséguese unha maior cantidade de nutrientes por cada quilo. Outro dato que será importante ter en conta é a fracción da fibra que a vaca non consegue dixerir (FAD), que debe ser o máis baixa posible. “Con silos con trevo podemos conseguir moi boas calidades e en especial con menor cantidade de fibra, de xeito que se poden aportar máis quilos na ración”, apunta o enxeñeiro agrónomo. Comparativa entre os silos de raigrás e leguminosas coma o trevo anual ou a veza. Compárase a proteína (PF), enerxía (UFL), capacidade de inxestión (FND) e dixestibilidade (FAD). Ademais de no aporte nutricional na ración, os custos de sementeira, fertilización e produción marcan a diferenza entre os silos con leguminosas ou só con raigrás. Un dos gastos máis elevados nos silos de leguminosas é a sementeira, mentres que se reduce de xeito notable o gasto en fertilizantes químicos. Tamén hai que ter presente que cos silos de leguminosas se consegue unha menor produción de materia fresca. “De elixir raigrás a trevo temos unha diferenza de 3.9 toneladas de materia fresca menos. Isto implica que cada tonelada producida custa 16 euros máis”, estima o experto. Así, nunha ración media na que se proporcionen 12 quilos de silo de herba, facelo cun silo de leguminosas suporá 19 céntimos máis por vaca e día. Coa diferenza de calidade que proporcionan as leguminosas o obxectivo sería conseguir un aforro de 435 gramos de penso, é dicir uns 17 euros por tonelada na fórmula ou que a vaca dea 0.2 litros máis, segundo os cálculos do enxeñeiro agrónomo. “Na miña opinión, é bastante fácil conseguir eses obxectivos. Se a FND é menor e a vaca pode comer máis silos, tanto de herba como de millo, e depender menos do penso. A maiores mellórase a dixestibilidade e calidade, polo que tamén pode conseguirse o aumento na produción de leite”, valora Fernández Labrada. Comparativa entre os custos de producir silos de raigrás ou trevo anual.

As leguminosas na nova PAC

A nova PAC tamén terá en conta ás leguminosas, de xeito que no ecoréxime P3, no que se aborda a rotación de cultivos con especies mellorantes, contémplase o pago de ata 85 euros por hectárea por facer rotación de cultivos na metade da superficie, incluír un 10% de especies mellorantes do cal, polo menos o 5% deben ser leguminosas. Ademais disto, o barbeito non pode supoñer máis do 20%. Tampouco será obrigatorio recoller as leguminosas, xa que o uso para abono verde tamén está aceptado. A nova PAC tamén contempla axudas para cultivos proteico (como a alfalfa, veza, avea ou chícharo tremoceiro...). Neste caso o pago é de 60 euros por hectárea, pero non se permite empregalo como abono verde.

Media de 2400 euros na poxa de xovencas da Granxa Gayoso Castro

A Granxa Gayoso Castro da Deputación de Lugo acolleu este luns unha poxa pública de gando na que se venderon por un prezo medio de 2.400€ un total de 9 xovencas preñadas de Rubia Galega, procedentes da nave que ACRUGA ten nas instalacións provinciais. O deputado de Recursos Sostibles, Roberto Fernández Rico, asistiu á venda deste rabaño composto por 10 xatas do centro de recría da institución provincial. A poxa foi en vivo, a man alzada, e con sistema ascendente, de xeito que comezou cun prezo de saída establecido para cada categoría que se foi incrementando a través de sucesivas poxas, en tramos de 50€. Adxudicouse o exemplar interesado ao prezo de remate ou prezo da última poxa realizada polo mellor ofertante. O prezo máis alto pagado foi de 2.800€. En total, a venda de todas as reses sumou 19.725€. As cotizacións superaron en todas as poxas, menos nunha, o prezo de saída fixado en 2.000 euros e a xovenca máis valorada, vendida en 2.800 euros, foi parar a unha explotación dá Fonsagrada, á que tamén irá outro dos exemplares poxados na mañá de hoxe. Tamén fixo dobrete un gandeiro de Ribadeo, mentres que o resto de exemplares foron a parar a gandeiros e gandeiras con explotacións en Castroverde, Friol, Baleira, Lalín e de novo A Fonsagrada.

“O Centro de Recría permite ás explotacións centrarse en producir leite, conseguindo granxas mellor dimensionadas”

Sonia Verdes é veterinaria e dirixe a Granxa Gayoso Castro, dependente da Deputación de Lugo A Granxa Gayoso Castro, que leva o nome de quen fora presidente da Deputación de Lugo desde 1943 até o seu falecemento en 1946, foi fundada en 1942 nunha superficie de 300 hectáreas coa dobre finalidade de ser un centro de investigación do sector primario da provincia e de producir leite e carne para os centros benéficos daquela dependientes da Deputación. Oitenta anos despois, as instalacións agrogandeiras dependentes da Deputación de Lugo ubicadas en Castro Riberas de Lea albergan dous centros públicos pioneiros: un destinado á recría de becerras procedentes das ganderías da provincia e outro destinado á formación e experimentación dos alumnos de Veterinaria do Campus de Lugo. Sonia Verdes (Cospeito, 1973) leva un ano como directora da Granxa Gayoso Castro pero a súa vinculación co sector agrogandeiro vén de moito máis atrás. É veterinaria de formación e garda bos recordos da súa etapa visitando granxas e das conversas cos gandeiros aos que axudaba a mellorar a saúde das súas vacas. – Descríbanos a Granxa Gayoso Castro. Cantas hectáreas ocupa e que instalacións alberga? – A Granxa Gayoso Castro da Deputación de Lugo está enclavada nunha parcela de case de 300 hectáreas de terreo distribuídas a un lado e outro da estrada LU-113 en Castro Riberas de Lea, no municipio de Castro de Rei. Do total desa superficie, o Centro de Recría, o primeiro centro de recría público de gando vacún de leite creado en España, xestiona arredor de dous terzos, unhas 200 hectáreas.
O Centro de Recría xestiona dous terzos das 300 hectáreas coas que conta a Granxa Gayoso
Nas 80 hectáreas restantes a Deputación alberga unha explotación de recría de xovencas de Raza Rubia Galega que mantemos en colaboración con Acruga, unha explotación de Raza Cachena, unha explotación de gando cabalar e as instalacións da Granxa Experimental de Leite, o primeiro centro público de Galicia que une formación e investigación universitaria en torno ao sector lácteo, e que xunto co Centro de Recría, demostran o importante compromiso da Deputación de Lugo coa actividade agrogandeira e coas explotacións gandeiras da provincia. A maiores, a Granxa Gayoso conta tamén cunha pequena explotación apícola que utilizan para a realización de prácticas os alumnos dos ciclos formativos da familia profesional agraria que se imparten no Instituto de Educación Secundaria José Trapero Pardo de Castro. – Por cantos animais está formada neste momento a cabana gandeira e de que razas? – A Granxa Gayoso conta con dúas explotacións de gando vacún, unha explotación mixta de produción e reprodución de gando de raza cachena e de gando de raza frisoa, e unha explotación de recría de xovencas de raza Rubia Galega. A explotación de recría de raza Rubia Galega conta con arredor de 150 animais que se manteñen co obxectivo de ofrecer animais da raza de alto valor xenético para incorporar ás explotacións da provincia e de fóra dela. A Granxa Experimental de Leite acolle unha explotación de arredor de 45 vacas en lactación de raza Frisoa e polo que respecta á explotación de gando cabalar, conta con 15 exemplares e mantense para, en colaboración coa USC, desenvolver diferentes proxectos de investigación.
A explotación de recría de raza rubia galega conta con arredor de 150 animais, a granxa de produción de leite ten 45 vacas frisoas e temos ademais 20 nais de raza cachena e 15 cabalos
A Granxa Gayoso conta ademais cunha explotación de raza cachena onde se manteñen arredor de 20 nais e un semental desta raza, co obxectivo de contribuír ao fomento e mellora deste tipo de vacas de razas autóctonas que contribúen ao desenvolvemento de determinadas zonas do territorio onde non é posible outro tipo de actividade máis ca a actividade agraria e gandeira, ofrecendo así oportunidades ás persoas que viven no rural.  – O centro de recría cumpre máis de tres anos en funcionamento. Que balance fai? – O balance é moi positivo, xa que se está a conseguir o obxectivo que se buscaba dende a Deputación Provincial de ofrecer un servizo público dirixido á recría de xovencas, un servizo máis próximo, economicamente máis vantaxoso e que lles permite aos gandeiros e gandeiras de gando vacún de leite externalizar a recría para centrar a súa actividade na produción de leite, conseguindo granxas máis profesionais, mellor dimensionadas e cun mellor aproveitamento da súa capacidade produtiva e da base territorial.  – Con cantas becerras conta neste momento o centro de recría e a cantas ganderías pertencen? Sería factible unha ampliación en caso de ser necesaria para atender toda a demanda existente por parte de gandeiros da provincia? – Actualmente a ocupación é de arredor do 95% do total de 2.800 prazas das que dispón e acolle xovencas de explotacións de toda a provincia. A posta en funcionamento e a entrada de animais fíxose de xeito graduado atendendo a garantir ao máximo a bioseguridade xa que no centro mestúranse animais de distinta procedencia que veñen de diferentes granxas distribuídas por toda a provincia.
O Centro de Recría está ao 95% de ocupación, con 2.600 becerras e xovencas de máis de 60 ganderías
A día de hoxe, máis de 60 ganderías da provincia recrían os seus animais no Centro de Recría da Deputación, que conta con arredor de 2.600 animais. Polo de agora estase a atender a demanda existente xa que a capacidade do centro ronda os 2.800 animais. – Como está a afectar a suba dos insumos ao custo de alimentación e ao prezo medio final da recría? – Os prezos dos produtos agrícolas están a experimentar un importante incremento que están a padecer todas as explotacións da provincia e non só a explotación do Centro de Recría. O pasado ano revisáronse as tarifas que os gandeiros abonan ao Centro de Recría se ben supuxo só un pequeno incremento de 16 céntimos para os gandeiros, que abonan 2,55 euros por animal e día de estancia. Entre os obxectivos de manter un Centro de Recría Público está precisamente ofrecer un servizo de recría que permita aos gandeiros e gandeiras dotarse de xovencas de alto valor e cun custo menor ou o máis axustado posible, se o comparamos cos prezos que deben pagar pola recría en centros de recría privados. – Que innovacións se están a probar na Granxa Experimental de Leite? – A Granxa Experimental de Leite tenta ser un verdadeiro laboratorio vivo onde arredor de 500 alumnos do Campus de Lugo todos os anos poden realizar prácticas relacionadas co manexo dos animais, o status sanitario, podoloxía, alimentación, benestar, calidade do leite, tecnoloxías da produción e reprodución animal ou a mecanización agraria, entre outras.
A Granxa Experimental de Leite tenta ser un laboratorio vivo para que o alumnado de Veterinaria saia cun enfoque máis práctico de cara a asesorar no futuro aos gandeiros
Deste xeito, a Granxa Experimental de Leite permite abordar a docencia cun enfoque máis profesional e práctico co obxectivo de formar aos mellores profesionais que na súa vida laboral traballarán e asesorarán aos gandeiros e gandeiras, co obxectivo final de conseguir explotacións mais modernas, viables e sustentables, que contribúan a mellorar a calidade de vida no rural. Na Granxa Experimental de Leite estanse a desenvolver neste momento diversos proxectos de investigación en colaboración coa USC, relacionados coa produción e o benestar animal e a aplicación das novas tecnolóxicas á produción agrogandeira.
Estamos a traballar para definir liñas novidosas que no campo da mellora xenética poidan resultar de interese para a produción de leite
Dende a Granxa Gayoso Castro estamos a traballar para definir liñas novidosas que no campo da mellora xenética poidan resultar de interese para a produción de leite, sempre procurando aportar ou ofrecer medidas que se poidan aplicar e revertan en melloras para o sector. – Unha das queixas recorrentes das ganderías de leite é a dificultade para atopar man de obra. Que se podería facer desde as administracións públicas para resolver ese problema? – É un problema que vén de lonxe. A falta de relevo xeracional é unha constante dende hai anos nas explotacións de gando vacún. As administracións competentes deberían definir estratexias que contribuíran a promover o relevo xeracional nas explotacións co obxectivo de contribuír á xestión de boa parte do territorio que é medio rural. Dende a Granxa Gayoso e dende a Deputación provincial como administración sen competencias directas, co desenvolvemento de proxectos como o que supón a Granxa Experimental de Leite ou o Centro de Recría, estamos a contribuír á mellora da competitividade das explotacións e á calidade de vida das persoas dedicadas á actividade gandeira, de maneira que lles permita desenvolver un proxecto vital. Iso, sen dúbida, vai a contribuír a que exista relevo xeracional nas explotacións e no interese por traballar no medio rural.

"Queremos mellorar as condicións produtivas e sanitarias das instalacións nas que se fai a recría de xovencas de Acruga"

– Nos últimos anos realizouse un importante investimento en modernización das instalacións da Granxa Gayoso Castro, hai novas melloras previstas? – A posta en marcha da Granxa Experimental de Leite na Granxa Gayoso Castro supuxo unha importante mellora das instalacións e acolle na actualidade a explotación de leite coa que conta a Granxa Provincial e xunto co Centro de Recría, supón un importante compromiso da Deputación Provincial co sector agrogandeiro e coas explotacións gandeiras da provincia, desenvolvendo así un proxecto pioneiro en Galicia e en España.
A Granxa Gayoso Castro xestiona un orzamento de preto dun millón de euros para impulsar proxectos para a modernización e mellora da competitividade e viabilidade das explotacións gandeiras da provincia
A mellora das instalacións do gando de leite coa posta en marcha da Granxa Experimental da Deputación de Lugo vainos permitir, por exemplo, conseguir unha certificación en benestar animal na que xa estamos a traballar. O obxectivo é continuar mellorando as condicións produtivas e sanitarias e de benestar animal, non só do gando de leite, senón tamén das outras explotacións que acolle a Granxa Gayoso, nomeadamente a de recría de xovencas de Raza Rubia Galega. – En relación precisamente ao centro de recría de xovencas de Acruga. Cantos animais alberga e que usos se lles dá? A Granxa Gayoso Castro mantén en colaboración con Acruga unha explotación de recría de raza Rubia Galega que conta con arredor de 150 animais para satisfacer a demanda de xovencas desta raza, co obxectivo de conseguir animais de alto valor xenético que os gandeiros poidan incorporar ás súas explotacións, facendo así un esforzo para a promoción e mellora da raza, para a mellora das súas condicións sanitarias e produtivas apostando pola excelencia, que permita contribuír ao desenvolvemento dunha produción sostible e rendible, e así favorecer o mantemento do medio rural. – Que papel xoga a raza rubia galega no mantemento da actividade e o emprego nas zonas de montaña da provincia de Lugo? – A raza Rubia Galega está amplamente estendida, xa que é unha raza cun gran potencial produtivo e moi favorable para o desenvolvemento dunha produción sostible e rendible, que permite o aproveitamento sustentable de zonas e comarcas onde non é posible outro tipo de actividade máis ca agrícola e gandeira, e a súa promoción e mellora contribúe ao desenvolvemento desas comarcas, a fixar poboación, ao aproveitamento sustentable dos recursos, á ordenación do territorio e a xerar riqueza no medio rural. – Hai terreos ou instalacións aínda desocupadas ou infrautilizadas na Granxa Gayoso Castro? Que usos se lles poderían dar? – A superficie útil para o aproveitamento agrícola está dedicada á produción de forraxe para o gando tratando de aproveitar ao máximo a superficie dispoñible co obxectivo de cubrir as necesidades de forraxe previstas para a alimentación do gando da Granxa da Deputación.
Tratamos de aproveitar ao máximo a superficie dispoñible co obxectivo de cubrir as necesidades de forraxe da Granxa
Parte dos terreos dos que dispón a Granxa Gayoso están no entorno da Lagoa de Caque, moi próxima ás instalacións. Trátase dunha das lagoas mellor conservadas da comarca, que conta con ecosistemas de alto valor ecolóxico e polo tanto existen restricións para a súa explotación. Outros terreos de escaso valor para a produción agrícola tentamos aproveitalos en extensivo e actualmente acollen as explotacións de gando cacheno e de gando cabalar, para o que a Deputación fixo recentemente algunhas melloras. – En que fase está o proxecto para a creación dunha granxa de porco celta en colaboración con Asoporcel para subministrar machos e femias ás explotacións? – Dende a Deputación Provincial, en colaboración coa asociación de criadores de gando celta (Asoporcel) e a USC, estanse estudar as posibilidades de dotar á Granxa Gayoso dunha unidade de produción de porco celta, onde os alumnos do Campus de Lugo poidan realizar prácticas e ao tempo satisfacer a demanda de porcos celta que existe nas explotacións para a súa cría e produción. – Que orzamento destina anualmente a Deputación de Lugo á Granxa Gayoso Castro e ao apoio ao sector primario da provincia no seu conxunto? – A Granxa Gayoso Castro, dentro da área de Recursos Sostibles, xestiona un orzamento de preto de 1 millón de euros, para impulsar proxectos para o desenvolvemento de diversas actividades formativas e de investigación en torno á produción agropecuaria e vinculados particularmente ao sector lácteo e á recría de gando co obxectivo de que ese coñecemento poda reverter na modernización e na mellora da competitividade e viabilidade das explotacións gandeiras da provincia, que redunda directamente na procura do fortalecemento do sector primario como un dos sectores estratéxicos da provincia de Lugo.

Prezos medios de 2.350 euros na poxa de xovencas de Acruga en Pedrafita

O recinto gandeiro de Pedrafita do Cebreiro (Lugo) acolleu este martes, despois de dous anos sen celebrarse, a tradicional poxa de xovencas preñadas da Asociación Nacional de Criadores de Gando Vacún Selecto Raza Rubia Galega (Acruga), que se pechou cos cinco exemplares vendidos e un prezo medio de 2.350 euros. Esta media tan elevada debeuse en parte á alta cotización que alcanzaron dúas das xovencas, adxudicadas en 2.600 euros, moi por encima do prezo de saída, fixado en 1.950 euros. Un total de 17 gandeiros procedentes de distintos municipios da provincia de Lugo retiraron tarxeta para poder tomar parte na poxa, o que desde Acruga cualifican como un bo número de posibles compradores. As dúas primeiras xovencas preñadas, procedentes do rabaño de elite do centro de recría da Granxa Gayoso Castro, adxudicáronse en 2.050 e 2.100 euros, adquiridas ámbalas dúas por un produtor con gandería en Sarria (Lugo). As tres seguintes poxas lograron as máximas cotizacións, moi por encima do prezo de saída. O terceiro e quinto exemplar da poxa, adxudicados en 2.400 e 2.600 euros, levounos un gandeiro de O Corgo (Lugo), mentres que a cuarta xovenca, adxudicada tamén en 2.600 euros terá como destino unha gandería de Becerreá (Lugo). O presidente de Acruga, César Dorado, mostrouse satisfeitos cos resultados da poxa. "Estabamos seguros de que se ían a vender. A pesar da mala situación do sector, seguimos tendo moita demanda de gandeiros que queren comprar xovencas do centro de recría. Tanto daqueles que se queren incorporar á raza Rubia Galega como dos que xa contan con ganderías e necesitan de xovencas preñadas", valora Dorado. Á cita tamén asistiu o Deputado de Recursos Sostibles, Roberto Fernández Rico, e o de Cooperación e Asistencia aos Concellos, Xosé María Arias, xunto co alcalde de Pedrafita do Cebreiro e Deputado de Medio Ambiente, José Luis Raposo.  A Deputación de Lugo mantén unha estreita colaboración con Acruga, á que achegou 1,4 millóns de euros entre 2014 e 2022 con dúas liñas de axuda. Por unha banda, con axudas directas ás ganderías lucenses polo primeiro parto das femias reprodutoras inscritas no rexistro xenealóxico; e por outra banda, a institución provincial mantén unha colaboración directa con Acruga para a recría e mellora xenética dos animais nas instalacións da Granxa Gayoso Castro. Próxima poxa A próxima cita organizada por Acruga na que se poderán mercar xovencas preñadas de alta calidade e xenética será o 19 de abril, en Becerreá, unha poxa que se tivo que aprazar o pasado marzo, por mor do paro do transporte.

Prezos medios de 2.213 euros para as xovencas de Acruga da poxa da Granxa Gayoso

Só dúas semanas despois da feira de Adai (O Corgo, Lugo), na que se rexistraron boas vendas, altas cotizacións e sen poxas desertas, a Rubia Galega continúa á alza e logra na poxa celebrada este mércores no centro de recría da Granxa Gayoso Castro adxudicar 26 dos 27 animais presentados. As xovencas conseguiron un prezo medio de 2.213 euros, o que supera en máis de 200 euros o prezo do pasado ano, que foi de 2.011 euros. Con estas cifras, dende a Asociación de Criadores de Raza Rubia Galega (Acruga), encargada da organización da cita, en colaboración coa Deputación de Lugo, califican a poxa de “éxito rotundo”. A primeira das poxas da mañá foi a única que quedou deserta e só cinco das xovencas se adxudicaron polo precio de saída, mentres que o resto subiu dos 2.000 euros. A maior cotización foi para un exemplar de 25 meses de idade, preñada de cinco meses, adquirida por un gandeiro de Pedrafita do Cebreiro (Lugo) por 2.700 euros. Un total de 37 gandeiros retiraron a tarxeta necesaria para poder participar na poxa, a maioría deles da provincia de Lugo, aínda que tamén estiveron presentes responsables de ganderías de varios municipios da Coruña, como San Sadurniño, Zas, Mazaricos e Melide. De feito, un gandeiro deste último municipio adquiriu un total de seis xovencas. Outros catros exemplares irán a parar á mesma gandería, neste caso en Ribadeo (Lugo), e tamén houbo un gandeiro de Sarria (Lugo) que mercou tres animais na xornada de hoxe. O resto de exemplares irán a ganderías de varios municipios lucenses, de practicamente tódalas comarcas. Na poxa o presidente da Asociación de Criadores de Raza Rubia Galega, César Dorado, estivo acompañado pola directora da granxa Gayoso Castro, Sonia Verdes; o deputado de Recursos Sostibles da Deputación de Lugo, Roberto Fernández, entre outras autoridades. "Estes bos resultados avalan o traballo que se está a facer neste centro de recría. Os gandeiros saben recoñecer a calidade e as boas calidades dos exemplares que presentamos ás poxas, e o feito de que hoxe se venderan 26 dos 27 animais, unhas semanas despois de Adai, demostra que estamos no certo e que imos polo bo camiño", sinala Dorado. 

Sesión sobre Acruga

Acruga celebrará mañá, día 3, unha nova actividade na Granxa Gayoso Castro. Neste caso trátase dunha sesión informativa para profesionais do sector cárnico que será impartida por responsables e técnicos deste colectivo. O obxectivo é informar aos interesados da actividade, vantaxes, proxectos e datos da asociación. A charla, que tamén conta coa colaboración da Deputación de Lugo, terá lugar no aulario da nave de prácticas da granxa experimental deste centro de recría a partir das 12.00 horas. 

Acruga organiza mañá unha poxa con 28 xovencas preñadas

A Asociación de Criadores de Raza Rubia Gallega (Acruga) celebra mañá unha nova poxa de 28 xovencas preñadas. A poxa terá lugar a partir das 12.00 horas no centro de recría da Granxa Gayoso Castro, en Castro de Ribeiras de Lea, que conta coa colaboracion da Deputación de Lugo. Unha hora antes, todos os asistentes que desexen poxar por algún destes exemplares poderán retirar a tarxeta necesaria para participar en dita poxa. Todos os exemplares proceden do rabaño seleccionado no centro de recría, grazas ao traballo de mellora da raza que realizan neste centro a Deputación de Lugo e a propia Asociación de Criadores de Raza Rubia Galega. As poxas arrancarán cun prezo de saída de 1.950 euros, con axudas á compra de Caixa Rural Galega de 200 euros por exemplar. Todos estes animais contan cunha boa xenética e rondan os 25 meses de idade, aínda que hai exemplares de 21 ata os 40 meses. Todas as xovencas están preñadas de entre cinco e oito meses.

Atender a demanda

Acruga volve a celebrar unha subasta apenas unhas semanas despois da realizada en Adai, no municipio do Corgo, na que todas as xovencas deste centro de recría se venderon superando por moito os prezos de saída. De feito, os 22 exemplares procedentes deste centro alcanzaron un prezo medio de 2.300 euros, e un dos animais subiu a súa cotización ata os 3.650 euros. Desde Acruga o seu presidente César Dorado sinalaba que: "Dados os resultados de Adai, desde a asociación temos a obriga de poñer a disposición dos gandeiros máis exemplares e satisfacer a demanda existente". Na pasada edición desta subasta no centro de Recría da Granxa Gayoso Castro, adxudicáronse 22 animais, que obtiveron un prezo de saída de 2.011 euros. Os exemplares da poxa de mañá forman parte do rabaño de elite criado neste centro, grazas á estreita colaboración de Acruga coa Deputación de Lugo. Ambas partes asinaron un convenio no ano 2007 co obxectivo común de recuperar e mellorar a xenética e facilitar a promoción e a expansión da raza, cubrindo a demanda de gandeiros de rubia e tamén a de novos criadores que apostan pola súa incorporación a esta raza.

Charla Informativa

A actividade de Acruga na granxa Gayoso Castro non rematará coa poxa de mañá. Responsables e técnicos desta asociación estarán de novo nas instalacións deste centro de recría o vindeiro venres, día 3, para a partir das 12.00 da mañá ofrecer unha charla informativa aberta a todos os gandeiros do sector cárnico. O obxectivo é informar da actividade, vantaxes, proxectos e datos da Asociación de Criadores de Rubia Gallega. A charla, que tamén conta coa colaboración da Deputación de Lugo, terá lugar no aulario da nave de prácticas da granxa experimental deste centro de recría.

Vendidas 55 reses frisoas e cachenas nunha poxa da Granxa Gayoso Castro

A Deputación de Lugo vendeu por máis de 50.000 euros as 55 cabezas de gando bovino da Granxa Gayoso que presentou en poxa pública. A institución provincial vendeu 28 frisoas e 27 cachenas a través deste procedemento de concorrencia, que tivo lugar nas propias instalacións da Granxa, en Castro Ribeiras de Lea, e que foi a primeira poxa deste tipo que se celebra desde a chegada da pandemia. O prezo máis alto pagouse por unha vaca frisoa, pola que abonaron 3.150 euros. Da raza cachena, a poxa máis elevada foi a dunha vaca con cría ao pé, pola que chegaron a pagar 1.410 euros. Entre os exemplares máis cotizados, un macho pinto polo que pagaron 2.600 euros. A poxa foi en vivo, a man alzada, e con sistema ascendente, de xeito que comezou por un prezo de saída que se foi incrementando a través de sucesivas poxas, en tramos de 10 euros, ata que quedou un único participante, ao que se lle adxudicou o exemplar interesado ao prezo de remate ou prezo da última poxa realizada polo mellor ofertante. En total participaron máis de 25 persoas. Os prezos de saída variaron en función das características dos exemplares. O prezo de saída máis baixo foi de 105 euros e o máis alto, de 705 euros.

O Centro de Recría da Deputación de Lugo supera o 85% da súa capacidade con 2.150 xatas de 62 explotacións

O Centro de Recría de gando vacún de leite que a Deputación de Lugo ten nas instalacións provinciais da Granxa Gayoso Castro, en Castro de Rei, acolle na actualidade 2.150 xatas, o que supón máis do 85% da súa capacidade. Recibe exemplares de 62 explotacións diferentes de gandeiros de toda a provincia, dende Monterroso ou Monforte a Trabada pasando por Pol, Castroverde, Cospeito ou Castro de Rei. Coa tendencia que se está producindo agora mesmo, agárdase chegar ao 100% da capacidade nos próximos 8 meses. Os animais pasan 21 meses no centro provincial e permiten un aforro de 300 euros por xata aos gandeiros, xa que o prezo da recría é de 2,39 céntimos ao día. Está tarifa inclúe todos os gastos: transporte, tratamentos de fertilidade, alimentación, control sanitario e revisións veterinarias. Outro aspecto positivo que relatan os gandeiros experimentados no centro de recría é o pulo das súas explotacións dende a súa incorporación ao centro. Ao non recriar nas súas instalacións, poden dedicarlle o 100% do espazo á produción leiteira. Cómpre sinalar que é o primeiro centro público en España que recría gando vacún de leite mediante a xestión directa da Deputación e a colaboración de reputados expertos da Universidade de Santiago. Mediante este proxecto a institución provincial lucense aposta polo sector primario, impulsando o seu futuro a medio e longo prazo, dende unha visión global e estratéxica do territorio e dende o coñecemento da súa realidade e das súas oportunidades. Este centro pioneiro contribúe a reducir notablemente os custes para os gandeiros ao evitar a recría no exterior de Galicia, reactivando así a economía lucense e contribuíndo a que as explotacións da provincia sexan máis rendibles e sostibles.

Tío Ramón SC, unha gandería que enfoca todo o seu manexo ao robot de muxido

Miguel López na súa explotación, ubicada en Armeá de Arriba, no concello de Láncara Gandería Tío Ramón SC, ubicada no lugar de Vilela de Arriba, na parroquia de Armeá de Arriba, pertencente ao Concello lugués de Láncara, é unha explotación familiar que Miguel López herdou de seus pais, Gerardo e Pilar, cando no ano 2010 se incorporou á actividade agraria. Contaban cun establo antigo, co gando trabado tras unha reforma acometida de tipo canadense, onde collían 40 vacas. Pero aquela "non era unha instalación de futuro e para min só requería dun traballo moito máis laborioso", indica Miguel. Por iso fai tres anos decidiu construír xunto á súa muller, Shaila Pérez, unha nova nave onde poder desenvolver un novo sistema produtivo baseado no muxido robotizado. O cambio de modelo obrigounos a modificar por completo o manexo que facían para adaptalo ás esixencias do robot. Pero esa nova aposta, na procura de comodidade e posibilidades de crecemento, viuse recompensado cun considerable aumento da produción. Nesta explotación móvense agora arredor dos 40 litros de produción por vaca e día, 10 litros máis que no establo vello. "Melloramos o 100%, porque pasar de 30 a 40 litros cámbiao todo. Hoxe se non te pos ao día é complicado", asegura Miguel.
Os primeiros anos é complicado, mentres non vas empezando a pagar letras. Na nosa situación un céntimo ou dous repórtanos moito
En canto ás calidades, "varían moito do inverno ao verán", explica, sitúandose en inverno en medias de 3,85% de graxa e 3,30% de proteína e caendo no verán a niveis de 3,70% de graxa e 3,20% de proteína. Tío Ramón entrega o leite a Lactalis, que non valora a calidade tanto coma outras industrias. "É algo que se nota, porque na nosa situación un céntimo ou dous repórtanos moito", di Miguel. Nave nova Para unha gandería familiar coma esta renovar por completo as súas instalacións supón un importante desembolso económico, que neste caso se situou nos 500.000 euros de investimento. "Os primeiros anos é complicado, mentres non vas empezando a pagar letras", recoñecen. Fixeron un establo totalmente novo, construido pola empresa de Sarria PMCela, con 89 cubículos (67 para animais en produción e 22 para vacas secas) máis un pozo para o purín. Hoxe o establo non está aínda ao 100%, xa que suman un cento de cabezas totais das que unhas 63 son vacas en produción.
Noto que aquí as vacas dúranme máis que antes cando as tiña na outra corte. Unha vaca de 5 partos vexo que aquí ten unha boa condición
A comodidade das novas instalacións non só se nota á hora de traballar, senón que tamén o perciben os propios animais. "Noto que aquí as vacas dúranme máis que antes cando as tiña na outra corte. Unha vaca de 5 partos vexo que aquí ten unha boa condición", explica Miguel. "Lactalis veu facer aquí un curso de benestar animal para técnicos e controladores de toda España", conta. Adaptación a un novo xeito de traballar O 3 de agosto do 2017 Miguel cambiou as súas vacas desde a corte vella para as novas instalacións. Comezou aí un período de adaptación a un xeito de traballar totalmente distinto. "O cambio foi duro, tanto para os animais como para min. A produción no establo vello era baixa e desde o principio xa aumentamos, pero antes muxiamos con circuito e as vacas viñan de estar presas, así que non estaban acostumadas a circular como require o robot. Tardamos un ano en habituar ben a todas as vacas, porque é certo que a adaptación das primeirizas é exemplar, pero as vacas necesitan un parto aquí no robot para habituarse e ás que colleu o cambio ao robot coa lactación xa iniciada non acabaron de adaptarse de todo até o seguinte parto", explica Miguel.
As nosas vacas viñan de estar presas e non estaban acostumadas a circular como require o robot; tardamos un ano en habitualas ben a todas
A nave xa foi deseñada para o robot e todo nesta explotación xira agora arredor del. "A maneira de traballar cambia e pasas a facer todo en función do robot: alimentación, xenética, manexo. Hai xente que se plantexa poñer os robots e pensa que así non vai ter que volver á corte, pero non é así. Hai que estar pendente igual, pero se tes todo equilibrado non tes problemas", asegura. Criterios distintos para a selección xenética Tío Ramón logra medias diarias de 2,8 e 2,9 muxiduras por vaca e non ten especiais problemas de rexeitamento. "Teño o mesmo número de circulacións no robot pola noite que polo día, iso quere dicir que está funcionando ben. Non está sobrepasado de animais, polo que non temos problemas de retrasos, só meto algunha pola mañá", conta. A selección xenética do rabaño tamén variou a raíz da introdución do robot. "Nós entramos aquí cos animais que tiñamos e había moitos que non valían para o robot por ter ubres fondos ou tetos mal colocados, pero polo momento fomos descartando poucos deses animais. Temos que mellorar moito por aí, polo que un dos aspectos que agora miramos á hora de recriar e de escoller os touros son eses aspectos estruturais de ubres e patas. Logo hai que seguir pola velocidade de fluxo de leite. Teño 4 vacas de fluxo moi lento que non volverei inseminar porque cada unha delas tarda o mesmo que dúas vacas das outras. Con este sistema vai todo enfocado ao robot, incluso a xenética. Teño vacas que valerían perfectamente para muxir en sala, pero para o robot non se adaptan", xustifica.
O meu foi o primeiro robot Monobox de GEA montado en Galicia. Decanteime por este modelo porque me permitía colocar manualmente as pezoneiras a algunhas vacas que teño cunha configuración de ubre que non se adapta ao robot
Poder aproveitar esas vacas foi un dos criterios que o levaron a escoller o modelo de robot polo que finalmente se decantou, un Monobox de Gea que foi o primeiro instalado en Galicia. "Fora velo a Córdoba nunha viaxe organizada a Covap e decanteime por el porque me permitía colocar manual ou separar un cuarterón, algo que con outros modelos doutras marcas de robot non podía facer". Deste xeito, di, puido seguir mantendo algunhas vacas das que tiña que pola súa configuración de ubre doutro xeito non valerían para o robot. "Eu podía seguir tendo contacto coa vaca á hora de muxirse e colocar manual nestes casos", explica. Optimización da man de obra Dispoñen de 49 hectáreas de superficie e Miguel fai boa parte do traballo agrario Atender unha explotación con 60 cabezas, como tiña antes, tendo que muxir dúas veces ao día cun circuito e facer o resto de traballos da gandería unha persoa soa non era viable e esa falta de man de obra dispoñible foi o que fixo que Miguel se decantase pola instalación do robot e, malia que lembra como duro o tempo de adaptación, hoxe está satisfeito. "Aínda que pasei uns meses malos, a miña calidade de vida agora cambiou e teño maior liberdade e flexibilidade. Antes tiña uns horarios para muxir que tiña que cumprir. E botaba dúas horas muxindo pola mañá e outras dúas pola noite máis o tempo de limpar", di. Non ter que estar no establo a unha hora fixa para muxir, por exemplo polas tardes, permítelle atender mellor o traballo agrario e centrarse máis durante as campañas en tarefas como o ensilado. "Fago a recollida da herba eu na maioría das fincas, agás nunha de 9 hectáreas nunha soa peza que temos a 3 quilómetros de aquí, para a que chamo a unha empresa que me vén cunha colleitadora e que me facilita moito o traballo. Para extender o abono tamén chamo. Vou facendo os traballos agrícolas según poido, pero se hai unha campaña complicada na que non dea abasto contrato algunhas tarefas", indica.
Aínda que pasei uns meses malos durante a adaptación, a miña calidade de vida cambiou e agora teño maior liberdade e flexibilidade. Antes botaba catro horas ao día muxindo e  tiña uns horarios que tiña que cumprir
Tío Ramón dispón de 49 hectáreas de superficie total, moitas delas en alugueiro. Malia que nesta zona hai problemas para conseguir base territorial, dado que aínda quedan explotacións de leite e abundan as de carne, no seu caso contan con superficie dabonda e mesmo lles sobra para as necesidades actuais da gandería logo de externalizar a recría. "Levamos unha finca de 20 hectáreas nunha peza que era onde tiñamos as xatas na que imos meter unhas vacas rubias, porque xa era dunha explotación de carne que pechou por xubilación", conta Miguel. Carro propio e achegador automático Dispoñen dun achegador autónomo para incentivar que as vacas pola noite tamén acudan ao robot Nesta zona do concello de Láncara, tirando xa cara a Becerreá, un dos problemas recurrente son os danos que provoca o xabarín. "O ano pasado botei unha finca de 3 hectáreas de alfalfa e destrozáronma por completo. Para o millo tamén nos afecta bastante, este ano ao lado da casa nunha finca dunhas dúas hectáreas tivemos mermas de entre o 20 e o 25% por culpa do porco bravo. Nesta zona o xabarín teno moi doado, porque é xa unha zona de montaña e hai moito monte. Por aquí bótase aínda bastante millo, os destrozos non son para un só, tócannos repartidos", di.
Estamos nuns 13 quilos totais de concentrado. Se das moito penso no pesebre a vaca está satisfeita e non acude ao robot
Nesta explotación sementan todos os anos entre 12 e 13 hectáreas de millo. A colleita deste ano foi desigual. "Onde é bo terreo recollimos máis ou menos a mesma cantidade que o ano pasado, pero nas fincas máis deficientes houbo unha diferenza de entre 10 e 12.000 quilos menos por hectárea", recoñece. Xa no establo antigo a alimentación das vacas en produción era con carro mesturador, polo que o único cambio que sufriron nese sentido foi adaptar a ración ás necesidades do robot. "Se das moito penso no pesebre a vaca está satisfeita e non acude ao robot", explica. A ración de leite está formada por entre 13 e 14 quilos de silo de herba, 22 de silo de millo e 8 de concentrado, máis os 5 de punteo do robot. Para as secas a mestura leva silo de herba, palla e 2 quilos de penso. Dispoñen de carro propio. Cubículos con carbonato Tío Ramón introduciu tamén un achegador de comida automatizado como un complemento necesario que axuda ao funcionamento homoxéneo do robot tanto polo día como pola noite. "Ao pasar achegando a ración pola noite incentiva que as vacas se levanten a comer e, xa de paso, vaian ao robot a muxirse tamén", argumenta Miguel. Outra das modificacións que esta gandería fixo cando se mudou para a nave nova foi cambiar o material dos cubículos, aínda que foi un cambio que non lles gustou e enseguida volveron atrás. "Botei area durante un tempo, pero non son moi partidario dela polos efectos secundarios que ten, como os problemas no purín, o desgaste do robot ou os gastos en limpeza. Usei só tres camións de area e volvín ao carbonato, que xa usaba nas camas no establo vello. Na última analítica que fixen nas terras dábame un PH de 5,9 e iso é grazas ao carbonato", razoa.
Usei só tres camións de area e volvín ao carbonato, que xa usaba no establo vello. Na última analítica dábame un PH de 5,9 nas terras e iso é grazas ao carbonato
En materia de confort do gando o que si notaron foi a mellora no comportamento térmico das instalacións. A altura da nave e a súa situación, na parte alta da parcela, favorece a súa ventilación no verán. "O proxecto inicial era facer a nave na parte baixa da parcela, pero non ma autorizaron por distancia a núcleo rural, ao que había menos de 100 metros, e a un regato. Ao estar alto é un establo moi ventilado. Iso é bo, porque se hai moscas no robot a vaca tampouco vai, nese caso habería que colocar un ventilador para que estea fresca e incentivar que vaia", indica Miguel.

Recría externalizada e vacas por leasing

Vacas na parideira da explotación Fai só 10 anos Gandería Tío Ramón era unha desas explotacións abocadas ao peche. Atendida polos seus pais, con instalacións antigas e sen relevo, quizais a día de hoxe non existise de non ser por unha serie de circunstancias que fixeron que Miguel se replantexase o seu modo de vida e o seu futuro. Traballaba de ebanista e non tiña pensado adicarse á actividade agraria pero quedar no paro, unha enfermidade do seu pai, e a súa posterior xubilación, fixéronlle cambiar de plans, unha decisión que serviu para salvar a explotación familiar e da que unha década despois non se arrepinte. Desde entón, Miguel foi adaptando e modernizando a granxa para mellorar a súa viabilidade e tomando decisións para redimensionala. Non ten en mente medrar, porque iso implicaría ter que instalar outro robot e o investimento é elevado, pero si completar a capacidade máxima do robot actual (muxir 65 vacas) para deste xeito obter o seu máximo rendemento.
Probei a facer eu a recría e non me saían unhas xovencas como eu quería e paríanme con 26 meses. Agora mándoas ao centro de recría da cooperativa Aira e á Granxa Gayoso Castro
Iste obxectivo levouno tamén a externalizar a recría e mesmo a decantarse polo aluguer de vacas en producción. "Probei a facer eu a recría e non me saían unhas xovencas como eu quería. As xatas tiñámolas nunha finca de aluguer a 7 quilómetros daquí. Atendíamas un tío meu que vive alí ao lado. Pero paríanme con 26 meses. Coa intención de adiantar esa idade empecei a mandalas ao centro de recría da Granxa Gayoso Castro. Agora paren antes dos dous anos, son catro meses de alimentación que aforro e catro meses de produción de leite que gaño. Se miras ben iso, non considero que me saia tan caro. O que fago é encalostrar ben as becerras e mandalas aos 15 días, tras facerlles a proba da orella, e volven próximas ao parto. Comecei a recibir xovencas xa en xaneiro, viñeron xa 8. Agora mando tamén algunha ao centro de recría da cooperativa Aira para deste xeito dar apoio tamén a esta iniciativa. Xa comprara antes a un particular algunha xovenca que viña deste centro e tamén me gusta como veñen. Empecei no mes de marzo a mandar algunha becerra tamén para alí", explica Miguel. Tío Ramón pon só seme sexado nas primeirizas e naquelas vacas que destacan por produción. "Só crío das mellores vacas para mellorar a xenética. Ao resto póñolles cruce. No novo establo as vacas dúranme máis e non necesito máis de 20 xovencas ao ano", explica Miguel.
Este ano trouxo 5 primeirizas de Alemaña e optou pola fórmula do pago mensual para non ter que facer fronte de golpe ao desembolso económico que lle supuña 
Fai uns meses optou tamén polo leasing para incrementar o número de cabezas sen aumentar o endebedamento da explotación. "Tiña moitas vacas secas e non quería ter o robot por baixo do seu rendemento. Facíanme falta 5 vacas e optei polo aluguer, porque mercar de golpe esas 5 vacas de boa xenética supoñía un desembolso grande", conta. Miguel contactou coa empresa catalana Cipsa Pecuaria, especializada en importación de gando vacún baixo a fórmula do leasing e trouxo 5 xovencas a punto de parir de Alemaña. Aínda que unha delas tivo unha produción moi alta xa no primeiro parto, Miguel considera que "hoxe por hoxe o gando que vén de fóra non é mellor que o que temos aquí". Sen embargo, a fórmula do pago mensual permitíalle ir facendo fronte aos 60 euros de cota mensual por vaca coa súa propia produción.

As primeiras xovencas do centro de recría da Deputación de Lugo parirán antes dos 2 anos

Primeiras xovencas saíndo do centro de recría da Deputación de Lugo o venres pasado As primeiras xovencas criadas no centro público de recría que puxo en marcha a Deputación de Lugo na Granxa Gayoso Castro parirán antes de cumprir os dous anos de idade. As primeiras remesas de animais están a saír xa para as súas explotacións de orixe con 7 meses de xestación para cumprir o periodo de adaptación nas instalacións das granxas das que saíron antes de parir e comezar a producir leite. As primeiras 10 xovencas abandonaron o centro xestionado por Recría Castro SL o pasado venres con destino a SAT Xerlea de Cospeito, Rosende SC de Guntín, Gandería Antonio Dopico de Castroverde e Gandería Acebedo de Paradela. Esta semana non sairán animais ao cadrar o venres (día fixado para a saída das xovencas cara as explotacións de orixe) festivo, pero a partir da vindeira semana abandonarán o centro todos os venres unha media de entre 6 e 8 animais a medida que vaian cumprindo os 7 meses de preñadas, segundo explica Rogelio Grille, xerente da empresa adxudicataria e director do centro.
Trala saída das primeiras 10 xovencas, a partir da vindeira semana abandonarán o centro cada venres entre 6 e 8 animais
Eses primeiros animais entraran nas instalacións a finais de xuño de 2018, no momento da súa posta en funcionamento, e marchan delas cunha idade de 21 meses. "A data prevista de parto é de 23,2 meses", indica Rogelio. Cúmprese pois deste xeito o primeiro dos obxectivos marcados na posta en marcha deste centro público de recría, o primeiro destas características posto en marcha en España: lograr que os animais pariran antes dos 2 anos. "Os obxectivos que nos puxemos son ambiciosos pero reais", engade o director do centro. Outro que tamén se cumpre é que as xovencas saian con máis de 600 quilos de peso. As dez que abandonaron o centro o venres estaban entre os 620 quilos da que menos pesaba e os 680 da que máis. "A condición corporal coa que saíron para encarar o primeiro parto é moi boa, con 3,5 de condición corporal", indica Rogelio. Entran con 18 días de vida e saen con 21 meses As becerras están en boxes individuais até os 2 meses Igual que o venres é o día estipulado para que os animais que cumpren os 21 meses e 7 de xestación abandonen o centro, o martes é o día de entrada das becerras procedentes das explotacións. "A media de idade coa que están entrando é de 18 días de promedio pero hai gandeiros que teñen costume de mandalas un pouco antes e outros que lles agardan un pouco máis, varía sobre todo en función do espazo do que dispoñan nas explotacións para elas", razoa o director do centro.
Na explotación faise unha proba de cartílago ao nacemento para determinar que os animais son negativos á enfermidade de BVD antes de seren enviados a Castro
As explotacións seleccionadas para enviar os seus animais tiveron que cumprir unha serie de requisitos sanitarios, como ser ganderías cualificadas sanitariamente con 5 anos sen ningún positivo nas probas de saneamento gandeiro. Con todo, antes de que as becerras saian da explotación o veterinario da ADS saca unha mostra de cartílago da orella ao nacemento para certificar que son animais negativos a antíxeno de BVD. Só cando chegan os resultados desa proba que garanten que son tenreiras libres da enfermidade poden ser enviadas ao centro de recría. Cando chegan ás instalacións da Granxa Gayoso Castro colócanse en boxes individuais, nos que pasan os primeiros 60 días de leite. Ese periodo, no que as xatas tamén son vacinadas contra IBR, clostridios e problemas respiratorios, actúa tamén de periodo de corentena antes de pasar á seguinte fase, na que son agrupadas en casetas de dúas en dúas ou de tres en tres. "Con catro ou cinco meses volvemos a sangrar, antes non, porque interferirían os anticorpos maternais e os anticorpos vacinais", indica Rogelio, que é veterinario de Seragro. Destete aos 78 días Entre os 2 e os 4 meses as becerreas están en parellas ou en grupos de tres nas casetas O destete prodúcese aos 78 días pero as becerras continúan nos boxes en grupo, de 2 ou 3 animais, até os 120 días, idade na que xa baixan para a primeira nave, na que están en cama quente en lotes de 8 animais até os 180 días. A esa idade pasan a lotes máis grandes, de 30 animais, pero manteñen a cama quente até que teñen 240 días. É entón, xa con 8 meses, cando pasan aos cubículos, onde estarán o resto do tempo até abandonar o centro. A alimentación trata de acelerar o crecemento a idades temperás con doses altas de leite e penso a discreción co obxectivo de que as xatas gañen tamaño e dobren o peso ao destete. A partir dese momento e até os 4 meses de idade, ademais do penso introdúceselles a palla. Despois a inxesta pasa a ser xa mediante carro mesturador con distintas doses de silo de millo, silo de herba e palla. "As racións vanse variando en función da idade, conforme van medrando", explica Rogelio. A maioría dos gandeiros pon seme sexado O protocolo que empregan no centro de recría de Castro para a inseminación establece que o animal debe pesar cando menos 400 quilos e medir 1,38 metros. "Estamos empezando a inseminar con 13 meses", conta o responsable das instalacións. Por iso tratan de acelerar o crecemento nas primeiras fases para que as xatas alcancen canto antes a estatura e peso precisos.
Poñen as dúas primeiras doses de sexado e logo pasan a seme convencional
O prezo fixado para a estancia das tenreiras no centro é de 2,39 euros por animal e día. Ese custo inclúe a alimentación, tratamentos sanitarios, traslado desde a explotación e de volta a ela e inseminación con doses de seme convencional. Con todo, a maioría dos gandeiros optan por inseminar as súas xovencas con seme sexado, neste caso pagando o seu custo a maiores. "Damos a posibilidade de sexado e case todos a escollen, pagan o custo da dose pero é a forma máis doada de lograr femias para a explotación porque nas xovencas é onde hai máis fertilidade", conta Rogelio. Malia que esta baixa un pouco ao usar seme sexado, están a lograr medias de 1,7 doses por xata preñada. "O que facemos é poñer sexado as dúas primeiras doses e logo xa pasamos a seme convencional", explica.

"Estamos ao máximo de capacidade, están entrando 30 becerras por semana procedentes de 56 explotacións"

Rogelio Grille á entrada das instalacións de recría da Granxa Gayoso Castro O centro de recría da Granxa Gayoso Castro, inaugurado en xuño do ano pasado, atópase xa a plena capacidade. "Estamos xa sobrepasados, o obxectivo era ter entre 28 e 30 animais por semana e durante todo o mes de novembro estiveron entrando máis de 30 xatas cada semana", explica Rogelio Grille. "Con iso cubrimos a nosa capacidade de atención para os vindeiros dous anos", engade.
A maioría das ganderías que mandan os seus animais a Castro son de tamaño medio, cun promedio de 80 vacas
Nas instalacións hai hoxe uns 1.350 animais e para poder acoller a un maior número sería preciso realizar obras. "Habería que ampliar a zona para idades temperás, que non ten máis capacidade, pero sen grandes inversións poderiamos chegar a ter cabida para 2.500 animais", conta o director do centro. O seu funcionamento arrincou paseniñamente a medida que a empresa que resultou adxudicataria acometeu as obras comprometidas (ampliación de silos, almacén, obras na nave de recepción) pero o interese das ganderías da provincia disparouse logo dunha xornada de portas abertas realizada fai dous meses. "Fomos medrando pouco a pouco a un ritmo que me gustaba para ir asumindo ese crecemento, pero todo se precipitou nos últimos dous meses nos que a demanda se disparou", indica.
O prezo por día é de 2,39 euros, polo que o custo total por animal está por baixo dos 1.500 euros
Na actualidade mandan as súas tenreiras ao centro de recría un total de 56 explotacións, todas da provincia de Lugo. Teñen unha media de 80 vacas. "Hainas de 300 pero a maioría son de pequeno e mediano tamaño, hai máis de 40 vacas que de 300", explica Rogelio. As explotacións de maior tamaño xa tiñan moitas delas externalizada a recría en centros privados, algúns deles ubicados fóra de Galicia, aínda que o menor custo neste centro público está a facer que algunhas destas granxas que enviaban os seus animais a eses outros centros privados optaran por mandalas a Castro, onde o custo de recría sitúase por debaixo dos 1.500 euros por animal, moi inferior ao dos centros privados. Externalizar a recría permitiu ás ganderías aumentar o número de cabezas A apertura do centro de recría en Castro supuxo unha boa solución ante a falta de espazo en moitas granxas. "En xeral, permitiulles aumentar o número de cabezas porque ao sacar a recría quédalles máis espazo, tempo e comida para adicar ás vacas en produción, son os tres factores limitantes nunha explotación: as instalacións, a man de obra e a superficie destinada a forraxe e alimentación", lembra Rogelio. Ademais, engade, "a recría necesaria para aumentar mandámosllela nós a través do seme sexado e adiantando a idade de parto das xovencas, polo que a maioría das granxas van poder aumentar o seu rabaño en pouco tempo sen ter que mercar animais", di. Sete traballadores atenden o gando A especialización produtiva (o gandeiro céntrase en producir leite e externaliza a recría nun centro especializado como é o de Recría Castro) equivale a un dobre modelo de produción intensiva (de leite na explotación e de xovencas no centro de recría) que busca sacar o máximo rendemento a cada un dos dous procesos.
O centro comezou a funcionar en xuño de 2018 logo dun investimento de 14 millóns de euros de fondos públicos
Ao traballar cun volume de animais como o que entra cada semana na Granxa Gayoso Castro é posible traballar con lotes homoxéneos que permiten facer un manexo idóneo e diferenciado que garante o seu crecemento e maximizar ao mesmo tempo as necesidades de man de obra. No centro de recría traballan neste momento 7 persoas ademais de Rogelio, que leva a xestión e a parte veterinaria. Cinco deses empregados teñen turno de mañá e os outros dous fan o turno da tarde, un limpando cubículos e outro dando leite na toma da noite. No turno de mañá, as tarefas distribúense do seguinte xeito: unha persoa dá o leite; outra sérvelle de apoio, dá penso e palla e lava os boxes; unha terceira encárgase de facer os carros para a alimentación; outra persoa arranxa os cubículos e a quinta dálle apoio e fai outras tarefas como destetar ou cambiar lotes.

O centro de recría da Deputación de Lugo xa alberga 1.100 xatas de 50 ganderías

O responsable de Recursos Sostibles da Deputación de Lugo, Roberto Fernández Rico, participou esta tarde nunha xornada de portas abertas das instalacións provinciais da Granxa Gaioso Castro, xunto á Deputada de Medio Rural e do Mar, Mónica Freire; a presidenta de Seragro, Noelia García; a vicepresidenta de Seragro, Noelia Mouzos; e o xerente da empresa Seragro, Rogelio Grille. Á cita acudiron un cento de gandeiros que aproveitaron a ocasión para coñecer de preto o funcionamento das instalacións, e conversar cos seus homólogos que xa teñen experiencia neste centro. Con esta iniciativa, déuselle a oportunidade aos gandeiros da provincia de observar como se traballa cos animais dende a súa chegada ata a súa partida, reparando ao detalle no coidado que desenvolven as persoas que se ocupan deles. Ademais, puideron visitar cada un dos espazos que integran o centro da man de expertos e profesionais. Polo momento, son máis de 1.100 xatas de 50 explotacións gandeiras as que se están a recriar no que é o primeiro centro de recría público de gando vacún. Isto suponlle un aforro económico duns 400 euros aos usuarios por animal, pois a recría nestas instalacións é máis barata. En concreto, o custo medio na Granxa Gaioso Castro é duns 1.500 euros de media fronte aos 1.900 que pode supor este proceso en centros privados. O prezo da recría é de 2,39 euros ao día, e inclúe todos os custos de alimentación, transporte, control sanitario, tratamentos de fertilidade e revisións veterinarias. Segundo os propios gandeiros que xa están a recriar as súas xatas en Castro de Ribeiras de Lea, ademais dese aforro económico, tamén se senten beneficiados na súa calidade de vida, pois poden investir o tempo que dedicaban á recría a outras labores. Outro aspecto positivo que relataron os gandeiros experimentados no centro de recría foi o pulo das súas explotacións dende a súa incorporación ao centro. Ao non recriar nas súas instalacións, poden dedicarlle o 100% do espazo á produción leiteira. Teñen preferencia os gandeiros profesionais e entidades asociativas con explotación aberta e operativa na provincia de Lugo. No caso de que haxa vacantes, poderán acceder aqueles outros gandeiros de toda Galicia que cumpran as condicións de profesionalización, rexistro e actividade. Os interesados poden solicitar información no 650-664-776, en info@recriacastro.es ou en www.deputacionlugo.gal.

Centro pioneiro en España

Trátase do primeiro centro de recría público de gando vacún de leite en España cunha xestión de rigoroso control público por parte Deputación de Lugo, coa colaboración de reputados expertos da Universidade de Santiago. Na actualidade, a nivel nacional existen catro centros de recría: en Pantón (Lugo), Mazaricos (A Coruña) e en Mallén (Zaragoza) privados; e un cuarto en Guipúscoa, construído en terreos da Deputación Foral pero tamén de xestión privada.

Instalacións

O Centro de Recría esténdese nunha superficie de 86.000 m2 nas instalacións da Granxa Gaioso Castro, situada na localidade de Castro de Ribeiras de Lea, no concello de Castro de Rei. Conta con 13 naves, cunha capacidade media para 200 animais cada unha, supoñendo un total de 3.000 becerras. As naves contan con 2.200 cubículos, 2.200 camas de goma EVA, 2.200 cornadizas automáticas, 208 bebedoiros e un sistema de limpeza automática de arrobadeira. Ademais, hai 270 casetas individuais destinadas aos animais ata que cumpren os 2 meses; outras 105 colectivas, para que estean entre os 2 e os 6 meses; e para a última fase, cóntase con 13 naves de recría. O Centro de Recría tamén conta cunha manga para o manexo do gando de 700 metros de lonxitude, unha das máis largas de España, 12 silos para a forraxe e 5 esterqueiras para a almacenaxe de residuos. Ten a planta de biogás máis grande de Galicia que proporcionará 300 Kw de enerxía co tratamento de 32.000 m3 de xurros, estercos e residuos vexetais, permitindo que as instalacións, non só sexan autosuficientes e que os custes enerxéticos, polo tanto sexan de cero euros, senón que tamén se producirán excedentes de enerxía. Outra das vantaxes da planta é o incremento do valor agronómico dos xurros e do esterco, pois transformaráos en dixestato, mellorando a capacidade de fertilizante e a redución da emisión á atmosfera de 400 toneladas de CO2 anuais.