A Granxa Experimental de Leite da USC, en Castro, funciona xa ao 100% da súa capacidade

A Deputación de Lugo inviste preto de 150.000€ en actuacións na Granxa Gayoso, entre elas a adxudicación do mantemento do robot de muxido e os traballos de ensilado de herba

Foto de arquivo da inauguración da Granxa Experimental de Leite da USC nas instalacións da Granxa Gayoso Castro

Foto de arquivo da inauguración da Granxa Experimental de Leite da USC a finais do ano pasado

A Deputación de Lugo investirá preto de 150.000€ en diferentes actuacións para o funcionamento e mellora da Granxa Gayoso Castro. A Xunta de Goberno da institución provincial aprobou, por unha banda, a licitación do contrato para a prestación dos servizos de control sanitario, leiteiro e mantemento do robot de muxido para o centro experimental de leite. Tamén quedou adxudicado o servizo de ensilado de 80 hectáreas de herba para alimentar aos animais durante todo o ano e deuse luz verde ao último paso administrativo para acometer a reparación das cubertas de varias naves afectadas polo mal tempo.

A produción media que se acada na Granxa é de 37 litros por vaca

A Deputación licita por un importe de preto de 40.000€ e un prazo de dous anos de duración o contrato dos servizos referidos ao robot de muxido da Granxa Experimental de Leite, unha actuación importante porque estas instalacións provinciais que se abriron a finais do ano pasado xa están a funcionar ao 100% da súa capacidade, cunha produción media de 37,9 quilos de leite por vaca ao día. Estas instalacións provinciais acollen tamén a 500 alumnos e alumnas que están a completar prácticas do grao de Veterinaria no Campus de Lugo.

Ensilaxe de 80 hectáreas de pradeiras

Por outra banda, a Xunta de Goberno tamén aprobou a adxudicación do servizo de ensilado de 80 hectáreas de herba, uns traballos que servirán para almacenar a cantidade suficiente de forraxe co que alimentar aos animais das instalacións provinciais durante todo o ano.

Cun investimento de 20.800€, e un prazo de execución cunha duración máxima de 48 horas dende a data de inicio, poderase alimentar ás 2.230 xatas que ten o Centro de Recría e tamén as vacas cachenas de propiedade provincial co fin de impulsar a recuperación desta raza, os exemplares de Raza Rubia Galega froito da colaboración coa Asociación de Criadores de Raza Rubia Galega (Acruga) e a varios cabalos da Granxa Gayoso Castro e que serven tamén para as prácticas do alumnado de Veterinaria da Universidade de Santiago.

Reforzo da estrutura das naves

Nas vindeiras semanas, ademais, poderán comezar os traballos de reparación das cubertas de varias naves do complexo da Granxa Gayoso Castro afectadas polo mal tempo. A Xunta de Goberno sacou adiante o Plan de Seguridade e Saúde das obras, o último trámite administrativo para que a empresa pública Tragsa poida comezar as obras de reparación da cuberta destas instalacións, que consistirán no seu reforzo estrutural e que contarán cun investimento de 88.375€.

Estas obras son necesarias logo dos danos causados polo mal tempo, que afectou ás cubertas e á estrutura dalgunhas edificacións desta finca provincial. A instalación danada estaba en uso e hai que reparala para poder seguir levando a cabo as actividades propias da Granxa con normalidade.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información