Unións Agrarias valora moi positivamente o posicionamento de Ternera Gallega a prol da diferenciación, a revalorización e a procura de novos mercados para as carnes amparadas pola IXP. A organización agrogandeira súmase ás valoracións feitas polo Consello Reitor e agarda que a nova normativa sirva de punto de inflexión e de inicio dunha nova época.
A organización agraria non entende determinadas posicións que tacha de “demagóxicas” respecto da diferenciación entre Ternera Gallega Suprema (TGS) e Ternera Gallega (TG) porque non se sosteñen nos datos e nos modelos de cría e manexo, definidos de xeito exhaustivo na nova normativa aprobada no pleno do pasado novembro por 10 votos a favor e só 1 en contra.
En ningún caso se pretende que a carne amparada baixo a categoría Ternera Gallega Suprema obtida nas explotacións con vacas nais se pareza á carne procedente de cebadeiros e etiquetada como Ternera Gallega. Ao revés, o que se busca é mellorar a calidade e diferenciar máis TG Suprema con respecto a TG, para que así mellore a súa comercialización e poida subir o prezo en orixe que perciben os produtores.
O acordo que se tomou só afecta aos tenreiros e concretamente durante dous meses, durante os cales se poden seguir utilizando as forraxes na súa alimentación, complementados con cereais ou pensos vexetais, de ser necesarios, como xa se dixo.
O 60% da carne amparada pola IXP Ternera Gallega comercialízase actualmente en Galicia. Unha tendencia que se debe romper, coa vista posta na apertura de novos mercados, como o HORECA ou enclaves xeográficos con tirón turístico e maior poder adquisitivo, que permitan impulsar unha suba dos prezos das carnes galegas vinculada á súa diferenciación e calidade singular.
A calidade e a singularidade dunha carne caracterizada polo seu manexo e modo de cría tradicional, vinculado ao pastoreo ao aire libre e á alimentación do becerro a base de leite materna, son bazas que o sector non debe deixar pasar para conseguir reposicionar no mercado a carne de tenreira galega. Un produto que xa goza de excelente fama alén das fronteiras galegas, onde Unións Agrarias considera prioritario procurar novos nichos de mercado.