As primeiras xovencas do centro de recría da Deputación de Lugo parirán antes dos 2 anos

Explotacións de Cospeito, Guntín, Castroverde e Paradela recibiron o venres os primeiros 10 animais, que saíron con entre 620 e 680 quilos logo de 17 meses nas instalacións públicas da Deputación de Lugo

Primeiras xovencas saíndo do centro de recría da Deputación de Lugo en Castro

Primeiras xovencas saíndo do centro de recría da Deputación de Lugo o venres pasado

As primeiras xovencas criadas no centro público de recría que puxo en marcha a Deputación de Lugo na Granxa Gayoso Castro parirán antes de cumprir os dous anos de idade. As primeiras remesas de animais están a saír xa para as súas explotacións de orixe con 7 meses de xestación para cumprir o periodo de adaptación nas instalacións das granxas das que saíron antes de parir e comezar a producir leite.

As primeiras 10 xovencas abandonaron o centro xestionado por Recría Castro SL o pasado venres con destino a SAT Xerlea de Cospeito, Rosende SC de Guntín, Gandería Antonio Dopico de Castroverde e Gandería Acebedo de Paradela. Esta semana non sairán animais ao cadrar o venres (día fixado para a saída das xovencas cara as explotacións de orixe) festivo, pero a partir da vindeira semana abandonarán o centro todos os venres unha media de entre 6 e 8 animais a medida que vaian cumprindo os 7 meses de preñadas, segundo explica Rogelio Grille, xerente da empresa adxudicataria e director do centro.

Trala saída das primeiras 10 xovencas, a partir da vindeira semana abandonarán o centro cada venres entre 6 e 8 animais

Eses primeiros animais entraran nas instalacións a finais de xuño de 2018, no momento da súa posta en funcionamento, e marchan delas cunha idade de 21 meses. “A data prevista de parto é de 23,2 meses”, indica Rogelio. Cúmprese pois deste xeito o primeiro dos obxectivos marcados na posta en marcha deste centro público de recría, o primeiro destas características posto en marcha en España: lograr que os animais pariran antes dos 2 anos.

“Os obxectivos que nos puxemos son ambiciosos pero reais”, engade o director do centro. Outro que tamén se cumpre é que as xovencas saian con máis de 600 quilos de peso. As dez que abandonaron o centro o venres estaban entre os 620 quilos da que menos pesaba e os 680 da que máis. “A condición corporal coa que saíron para encarar o primeiro parto é moi boa, con 3,5 de condición corporal”, indica Rogelio.

Entran con 18 días de vida e saen con 21 meses

As becerras están en boxes individuais até os 2 meses

As becerras están en boxes individuais até os 2 meses

Igual que o venres é o día estipulado para que os animais que cumpren os 21 meses e 7 de xestación abandonen o centro, o martes é o día de entrada das becerras procedentes das explotacións. “A media de idade coa que están entrando é de 18 días de promedio pero hai gandeiros que teñen costume de mandalas un pouco antes e outros que lles agardan un pouco máis, varía sobre todo en función do espazo do que dispoñan nas explotacións para elas”, razoa o director do centro.

Na explotación faise unha proba de cartílago ao nacemento para determinar que os animais son negativos á enfermidade de BVD antes de seren enviados a Castro

As explotacións seleccionadas para enviar os seus animais tiveron que cumprir unha serie de requisitos sanitarios, como ser ganderías cualificadas sanitariamente con 5 anos sen ningún positivo nas probas de saneamento gandeiro. Con todo, antes de que as becerras saian da explotación o veterinario da ADS saca unha mostra de cartílago da orella ao nacemento para certificar que son animais negativos a antíxeno de BVD. Só cando chegan os resultados desa proba que garanten que son tenreiras libres da enfermidade poden ser enviadas ao centro de recría.

Cando chegan ás instalacións da Granxa Gayoso Castro colócanse en boxes individuais, nos que pasan os primeiros 60 días de leite. Ese periodo, no que as xatas tamén son vacinadas contra IBR, clostridios e problemas respiratorios, actúa tamén de periodo de corentena antes de pasar á seguinte fase, na que son agrupadas en casetas de dúas en dúas ou de tres en tres. “Con catro ou cinco meses volvemos a sangrar, antes non, porque interferirían os anticorpos maternais e os anticorpos vacinais”, indica Rogelio, que é veterinario de Seragro.

Destete aos 78 días

Entre os 2 e os 4 meses as becerreas están en parella ou en grupos de tres nas casetas

Entre os 2 e os 4 meses as becerreas están en parellas ou en grupos de tres nas casetas

O destete prodúcese aos 78 días pero as becerras continúan nos boxes en grupo, de 2 ou 3 animais, até os 120 días, idade na que xa baixan para a primeira nave, na que están en cama quente en lotes de 8 animais até os 180 días. A esa idade pasan a lotes máis grandes, de 30 animais, pero manteñen a cama quente até que teñen 240 días. É entón, xa con 8 meses, cando pasan aos cubículos, onde estarán o resto do tempo até abandonar o centro.

A alimentación trata de acelerar o crecemento a idades temperás con doses altas de leite e penso a discreción co obxectivo de que as xatas gañen tamaño e dobren o peso ao destete. A partir dese momento e até os 4 meses de idade, ademais do penso introdúceselles a palla. Despois a inxesta pasa a ser xa mediante carro mesturador con distintas doses de silo de millo, silo de herba e palla. “As racións vanse variando en función da idade, conforme van medrando”, explica Rogelio.

A maioría dos gandeiros pon seme sexado

O protocolo que empregan no centro de recría de Castro para a inseminación establece que o animal debe pesar cando menos 400 quilos e medir 1,38 metros. “Estamos empezando a inseminar con 13 meses”, conta o responsable das instalacións. Por iso tratan de acelerar o crecemento nas primeiras fases para que as xatas alcancen canto antes a estatura e peso precisos.

Poñen as dúas primeiras doses de sexado e logo pasan a seme convencional

O prezo fixado para a estancia das tenreiras no centro é de 2,39 euros por animal e día. Ese custo inclúe a alimentación, tratamentos sanitarios, traslado desde a explotación e de volta a ela e inseminación con doses de seme convencional. Con todo, a maioría dos gandeiros optan por inseminar as súas xovencas con seme sexado, neste caso pagando o seu custo a maiores.

“Damos a posibilidade de sexado e case todos a escollen, pagan o custo da dose pero é a forma máis doada de lograr femias para a explotación porque nas xovencas é onde hai máis fertilidade”, conta Rogelio. Malia que esta baixa un pouco ao usar seme sexado, están a lograr medias de 1,7 doses por xata preñada. “O que facemos é poñer sexado as dúas primeiras doses e logo xa pasamos a seme convencional”, explica.

“Estamos ao máximo de capacidade, están entrando 30 becerras por semana procedentes de 56 explotacións”

Rogelio Grille á entrada das instalacións de recría da Granxa Gayoso Castro

Rogelio Grille á entrada das instalacións de recría da Granxa Gayoso Castro

O centro de recría da Granxa Gayoso Castro, inaugurado en xuño do ano pasado, atópase xa a plena capacidade. “Estamos xa sobrepasados, o obxectivo era ter entre 28 e 30 animais por semana e durante todo o mes de novembro estiveron entrando máis de 30 xatas cada semana”, explica Rogelio Grille. “Con iso cubrimos a nosa capacidade de atención para os vindeiros dous anos”, engade.

A maioría das ganderías que mandan os seus animais a Castro son de tamaño medio, cun promedio de 80 vacas

Nas instalacións hai hoxe uns 1.350 animais e para poder acoller a un maior número sería preciso realizar obras. “Habería que ampliar a zona para idades temperás, que non ten máis capacidade, pero sen grandes inversións poderiamos chegar a ter cabida para 2.500 animais”, conta o director do centro.

O seu funcionamento arrincou paseniñamente a medida que a empresa que resultou adxudicataria acometeu as obras comprometidas (ampliación de silos, almacén, obras na nave de recepción) pero o interese das ganderías da provincia disparouse logo dunha xornada de portas abertas realizada fai dous meses.

“Fomos medrando pouco a pouco a un ritmo que me gustaba para ir asumindo ese crecemento, pero todo se precipitou nos últimos dous meses nos que a demanda se disparou”, indica.

O prezo por día é de 2,39 euros, polo que o custo total por animal está por baixo dos 1.500 euros

Na actualidade mandan as súas tenreiras ao centro de recría un total de 56 explotacións, todas da provincia de Lugo. Teñen unha media de 80 vacas. “Hainas de 300 pero a maioría son de pequeno e mediano tamaño, hai máis de 40 vacas que de 300”, explica Rogelio.

As explotacións de maior tamaño xa tiñan moitas delas externalizada a recría en centros privados, algúns deles ubicados fóra de Galicia, aínda que o menor custo neste centro público está a facer que algunhas destas granxas que enviaban os seus animais a eses outros centros privados optaran por mandalas a Castro, onde o custo de recría sitúase por debaixo dos 1.500 euros por animal, moi inferior ao dos centros privados.

Externalizar a recría permitiu ás ganderías aumentar o número de cabezas

A apertura do centro de recría en Castro supuxo unha boa solución ante a falta de espazo en moitas granxas. “En xeral, permitiulles aumentar o número de cabezas porque ao sacar a recría quédalles máis espazo, tempo e comida para adicar ás vacas en produción, son os tres factores limitantes nunha explotación: as instalacións, a man de obra e a superficie destinada a forraxe e alimentación”, lembra Rogelio.

Ademais, engade, “a recría necesaria para aumentar mandámosllela nós a través do seme sexado e adiantando a idade de parto das xovencas, polo que a maioría das granxas van poder aumentar o seu rabaño en pouco tempo sen ter que mercar animais”, di.

Sete traballadores atenden o gando

A especialización produtiva (o gandeiro céntrase en producir leite e externaliza a recría nun centro especializado como é o de Recría Castro) equivale a un dobre modelo de produción intensiva (de leite na explotación e de xovencas no centro de recría) que busca sacar o máximo rendemento a cada un dos dous procesos.

O centro comezou a funcionar en xuño de 2018 logo dun investimento de 14 millóns de euros de fondos públicos

Ao traballar cun volume de animais como o que entra cada semana na Granxa Gayoso Castro é posible traballar con lotes homoxéneos que permiten facer un manexo idóneo e diferenciado que garante o seu crecemento e maximizar ao mesmo tempo as necesidades de man de obra.

No centro de recría traballan neste momento 7 persoas ademais de Rogelio, que leva a xestión e a parte veterinaria. Cinco deses empregados teñen turno de mañá e os outros dous fan o turno da tarde, un limpando cubículos e outro dando leite na toma da noite. No turno de mañá, as tarefas distribúense do seguinte xeito: unha persoa dá o leite; outra sérvelle de apoio, dá penso e palla e lava os boxes; unha terceira encárgase de facer os carros para a alimentación; outra persoa arranxa os cubículos e a quinta dálle apoio e fai outras tarefas como destetar ou cambiar lotes.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información