O Centro de Recría da Deputación de Lugo calcula que lle aforra ós gandeiros medio millón de euros anual

A Deputación reivindica que a instalación pública é unha alternativa máis competitiva que outros centros privados. Acordan unha suba de 16 céntimos das tarifas por animal e día debido ó incremento dos pensos e materias primas para alimentación do gando, así como polo aumento de custos de persoal

O Centro de Recría da Deputación de Lugo calcula que lle aforra ós gandeiros medio millón de euros anual

Primeiras xovencas do centro de recría da Deputación. // Foto de arquivo.

O Centro de Recría da Deputación de Lugo, pioneiro en España polo seu carácter público, aforroulle ós gandeiros da provincia medio millón de euros no 2020, con respecto aos custes dos centros privados. O dato deuno a coñecer o deputado de Recursos Sostibles, Roberto Fernández Rico, no Pleno ordinario do mes de xuño celebrado este martes, onde se aprobou unha actualización das tarifas deste centro.

Fernández Rico detallou que coa actualización aprobada hoxe as tarifas pasan de 2,39 euros a 2,55 euros por animal e día, un incremento de 16 céntimos. A revisión dos prezos débese en parte á suba dos custos de alimentación dos animais. “Hai que ter en conta que, segundo se acredita, os custes de alimentación aumentaron en máis dun 25% en moitos dos produtos consumidos polos animais e que a alimentación supón o 50% do gasto total da anualidade 2020, unha cifra maior canto maior ocupación teña o centro”, explica o deputado.

O outro factor que motiva esta suba é o custe do persoal -salarios e Seguridade Social-, que se ve incrementado polos cambios na normativa dende que se asinou o contrato no ano 2017, sobre todo debido á subida do Salario Mínimo Interprofesional.

A revisión do prezo do Centro de Recría “está xustificada tecnicamente, e é razoable, tendo en conta que supón un incremento do 6,69%, cando os custos de alimentación subiron máis dun 25% en moitos dos produtos consumidos polos animais”, argumenta.

Roberto Fernández Rico precisou que de producirse unha baixada dos custes da alimentación dos animais volverase a revisar á baixa a tarifa. Ademais, Rico subliñou que o Centro de Recría Público da Deputación de Lugo mantén tarifas altamente competitivas con respecto a centros privados, que teñen prezos medios de 3 euros por animal por día incluíndo o transporte, ademais das múltiples vantaxes en termos de calidade e benestar.

“Respondemos á súa demanda dándolles este servizo preto da casa, onde poden levar un control directo de todas as fases do proceso, e non como facían antes da apertura do Centro de Recría provincial, que tiñan que enviar os seus animais a outros centros a máis de 700 quilómetros de distancia onde non vían como era a recría e pagaban altos custes engadidos polo desprazamento”, asegurou o Deputado.

O Centro de Recría Gayoso Castro inclúe o transporte para retirar e entregar de novo os animais, coa seguridade que marcan os protocolos de actuación en instalacións que velan polo coidado, o benestar animal e a seguridade alimentaria. Neste momento, o centro ten máis de 2.000 xovencas, o que representa o 85% da capacidade das instalacións.

Un servizo público

“Este servizos público é útil e vantaxoso para o noso sector primario, prestando un servizo necesario, cubríndolle unha necesidade coma esta con redución de custes para que as explotacións sexan máis eficientes e competitivas”, recalcou o Deputado de Recursos Sostibles no Pleno. “Os propios gandeiros que teñen os seus animais nestas instalacións entenden a actualización das tarifas porque seguimos mantendo a diferenza cos centros privados”, afirmou.

O Deputado de Recursos Sostibles incidiu no funcionamento modélico do Centro de Recría Público da Deputación de Lugo. “Presta un servizo indispensable para as explotacións gandeiras desta provincia e o seu correcto funcionamento déixase notar no benestar dos animais, nun estrito control sanitario, no control reprodutivo e xenético dos mesmos e en conclusión, nunha mellora da competitividade e da calidade produtiva das explotacións lácteas da provincia”, reivindica.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información