Adxudicadas 24 novillas de Rubia Galega e dous touros na poxa de outono de Adai

Adxudicadas 24 novillas de Rubia Galega e dous touros na poxa de outono de Adai

Novilla récord na poxa de outono de Adai, adxudicada en 3.650 euros.

O recinto gandeiro de Adai (O Corgo) acolleu a tradicional poxa de outono que organiza a Asociación de Criadores de Rubia Galega (Acruga). No evento, adxudicáronse 26 dos 27 animais que se presentaron á poxa, incluíndo as 22 novillas procedentes do centro de recría da Granxa Gayoso Castro, xestionado por Acruga nas instalacións da Deputación de Lugo.

A organización destaca que a poxa resultou un éxito, tanto pola alta porcentaxe de animais adxudicados como por participación e prezos. As 22 novillas do centro Gayoso Castro saíron a poxa a 1.950 euros por animal e adxudicáronse en 2.300 euros de media. A nota máis significativa protagonizouna unha novilla que, entre as participantes, presentaba a segunda puntuación máis alta no Libro Xenealóxico de Acruga. Foi adxudicada en 3.650 euros a un gandeiro de Castroverde (Lugo).

A poxa comezou timidamente coa presentación de tres touros pertencentes a gandeiros particulares. As poxas cubríronse no prezo de saída en dous dos casos, mentres que un dos exemplares quedou deserto. Tras este inicio, a poxa, na que participaban 55 gandeiros, animouse, e a primeira novilla de Acruga xa alcanzou os 2.550 euros, con todos os animais superando sobradamente o seu prezo de saída.

De feito, Acruga precisa que na poxa de outono de Adai nunca se alcanzou o prezo medio de 2.300 euros desta ocasión.

O presidente de Acruga, César Dorado, mostrou a súa satisfacción polos resultados ao termo da xornada: “Había demanda, pero o que de verdade influíu nos excelentes resultados de hoxe foi a calidade das novillas. Había un nivel altísimo, do mellor que trouxemos a Adai, e iso os gandeiros veno”.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información