Ternera Gallega aclara que para o cebo de xatos é suficiente con acondicionar un alpendre

O Consello Regulador insiste na necesidade de acortellar e cebar os xatos entre os 8 e os 10 meses para mellorar o seu engraxamento e apunta ao uso de forraxes producidas na explotación, como silo de millo ou herba seca, para reducir a necesidade de mercar penso

cebadeiroOs cambios no Regulamento de Ternera Gallega Suprema aprobados no Pleno do Consello Regulador o pasado 9 de novembro están a xerar un intenso debate no sector entre ganderías que ceban os xatos na corte antes de mandalos ao matadoiro e as que os mandan directamente do prado.

Diante da disparidade de opinións e as dúbidas xeradas en relación ás novas condicións para a marcaxe dos animais, a IXP emitiu este luns unha nota informativa na que trata de aclarar algúns aspectos, como o tipo de instalación que se esixirá para o acortellamento dos becerros ou a súa alimentación durante os dous meses de finalización.

En relación co acortellado, o Consello Regulador explica que “é suficiente con que os tenreiros poidan estar nun recinto pechado protexidos das inclemencias climatolóxicas, co cal na maioría dos casos chega con acondicionar algunha palleira vella existente na explotación ou con facer un simple cobertizo que dispoña dunha parede que protexa aos xatos do vento dominante e un tellado a unha soa auga”.

Este tipo de instalacións que respectan a liberdade dos xatos para nada prexudican o benestar animal nin significan un elevado gasto para os gandeiros

“Este tipo de instalacións básicas respectando a liberdade dos xatos para nada prexudican o benestar animal nin significan un elevado gasto para os gandeiros e, en cambio, melloran o ritmo de crecemento e engorde, obtendo canais máis uniformes, susceptibles de acadar un mellor prezo de venda. Ademais, esta finalización dos tenreiros axuda a obter un maior grao de engraxamento e favorece a tenrura e as características organolépticas da carne certificada”, defende o órgano de goberno da IXP, que encabeza Jesús González, que foi reelixido presidente tralas eleccións celebradas no mes de febreiro.

Uso de pastos e forraxes

O Consello Regulador defende os diferentes sistemas produtivos existentes en Galicia e “sempre vai apostar pola alimentación das vacas e dos xatos con pastos e forraxes obtidos na mesma explotación”, di, definindo como facer a finalización dos becerros: “durante un mínimo de dous meses antes do sacrificio, mantendo aos tenreiros acortellados ou en cobertizos protexidos das inclemencias climatolóxicas e utilizando os recursos alimenticios da propia explotación (silo de millo, cereais, etc), complementados con pensos vexetais cando sexa necesario”.

Sen lugar a dúbidas o pastoreo é un sinal de identidade do noso sector

Aclara ademais que “este engorde final farase nas explotacións onde naceron e se criaron os tenreiros”, podendo seguir utilizando durante eses dous meses “as forraxes na súa alimentación”.

Produción en ecolóxico

En canto á produción en ecolóxico, o Consello Regulador lembra que vén de aprobar recentemente un acordo de colaboración co Consello Regulador de Agricultura Ecolóxica de Galicia (CRAEGA), co apoio da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, que se vai poñer a andar ao longo do 2024.

Ao longo do 2024 a Ternera Gallega Suprema Ecolóxica sairá ao mercado cunha etiqueta única

Este acordo ten como obxectivo principal a comercialización de Ternera Gallega Suprema Ecolóxica, ou sexa carne que cumpre as condicións para saír ao mercado amparada polos dous consellos reguladores, cunha etiqueta única.

“Iso é posible porque o propio CRAEGA tamén permite a finalización dos xatos, ao entender que se obtén unha carne de mellores cualidades organolépticas e non se vulneran os requisitos específicos da produción en ecolóxico”, asegura Ternera Gallega.

Obxectivo final: recuperar a tradición produtiva para acadar mellores prezos de venda

O Consello Regulador da IXP defende a medida adoptada na necesidade de lograr maior uniformidade nas canais comercializadas dentro do selo de Suprema. “Fai xa varios anos que a industria cárnica galega e a distribución comercial viñan manifestando a existencia dunha certa disparidade no caso das canais certificadas como Ternera Gallega Suprema, tanto no seu peso como na súa conformación e grao de engraxamento”, insiste.

Ante esta realidade, di, “no marco da Estratexia do Sector Cárnico e do Manual de Produción de Ternera Gallega Suprema, púxose enriba da mesa para o seu debate a necesidade de facer un engorde final dos tenreiros para obter canais algo máis engraxadas e homoxéneas, que favorecese a súa comercialización e permitise acadar mellores prezos de venda”.

O acordo tomado vai na liña de recuperar, respectar e manter a nosa tradición produtiva

Coa decisión adoptada, “non se vulnera a tradición que lle deu sona á produción en Galicia”, xa que, argumenta, “historicamente e de forma maioritaria as vacas son as que saen pacer todos os días, mentres que os xatos quedan na corte. Pola mañá, antes de saír danlle de mamar ás crías e despois regresan pola tarde para volvelos aleitar. Ese é realmente o sistema tradicional de produción de carne en Galicia. En consecuencia, o acordo tomado vai máis na liña de recuperar, respectar e manter a nosa tradición produtiva”, conclúe Ternera Gallega.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información