A estabilidade no tempo dá comezo á campaña de ensilado de herba en toda Galicia

As chuvias do mes de marzo retrasaron a entrada nas fincas e tiraron o raigrás que ía máis adiantado. A introdución de leguminosas, esixido pola PAC, está a facer que as explotacións aposten cada vez máis por un só corte nas pradeiras en rotación con millo

A estabilidade no tempo dá comezo á campaña de ensilado de herba en toda Galicia

Traballos de ensilado de pradeira na zona de Lugo.

As máquinas comezan a rumbar estes días por toda Galicia. A chegada do bo tempo, logo da inestabilidade vivida nas últimas semanas, está a lanzar ás explotacións agrogandeiras, ás empresas de servizos e aos parques de maquinaria das cooperativas de cheo á campaña de ensilado de herba.

Cun par de semanas de atraso con respecto a outros anos nalgunhas zonas, o corte da herba dará paso á preparación das terras para labrar o millo, que de momento iría no seu tempo. A previsión meteorolóxica fala de estabilidade para a vindeira semana, o que axudaría a axilizar os traballos e non acumular máis demoras.

A estratexia de sementar antes e con ciclos máis longos estase a estender como unha forma de tentar minimizar os efectos da seca no verán, mesmo en zonas de costa, como aconteceu o ano pasado na Mariña de Lugo, con mermas importantes na colleita de millo forraxeiro.

Cada vez máis explotacións apostan por facer un único corte de herba con leguminosas e adiantar a sementeira do millo

Cada vez máis as explotacións leiteiras que sementan millo están a apostar por facer un único corte de herba no mes de abril. Por un lado porque reduce o risco que supón ter que ensilar un primeiro corte en febreiro ou marzo en anos nos que a climatoloxía non axuda, coma este, e tamén porque deste xeito se reducen á metade os custos de ensilado.

A introdución de leguminosas nas mesturas, unha práctica fomentada desde Bruxelas a través da PAC, leva tamén en moitos casos a facer un só corte, xa que vezas, chícharos ou trevos non medran en condicións de humidade e baixas temperaturas e necesitan, polo tanto, a chegada do bo tempo para desenvolverse.

As mesturas gañan peso fronte ás pradeiras monofitas

Debido ao seu aporte en proteína na ración e aos seus beneficios agronómicos, as especies mellorantes estanse a abrir camiño nos últimos anos, ben en mesturas con gramíneas ou cereais de inverno para ensilado, ben como abono en verde para fixar nitróxeno atmosférico e aportar materia orgánica ao chan.

As especies mellorantes estanse a abrir camiño impulsadas pola PAC

O monocultivo de raigrás, habitual nas pradeiras galegas anos atrás, está deixando paso a unha variedade maior de especies, tanto a trevos e outras leguminosas (chícharos, vezas) como a brassicas como os nabos.

A entrada en vigor o ano pasado na PAC das esixencias de rotación de cultivos e as primas por introdución de especies mellorantes motivou cambios nas decisións de sementeira e nos cultivos escollidos para a rotación anual, o que provocou que houbera escaseza de semente e que esta se encarecera.

“A tendencia cada vez máis é ir a un só corte e nós apostamos por mesturas de cereal con leguminosa”

O parque de maquinaria de Irmandiños comezou xa a semana pasada a campaña de ensilado

O parque de maquinaria de Irmandiños comezou xa a semana pasada a campaña de ensilado

O peso do silo de herba na ración varía dunhas ganderías a outras, en función das distintas estratexias nutricionais seguidas e tamén da maior ou menor dispoñibilidade doutros ingredientes. Por iso, na zona da Mariña a campaña de ensilado da herba terá máis importancia este ano, debido á escasa colleita de millo lograda no pasado outono, o que obrigou mesmo a importar doutras zonas para cubrir as necesidades das explotacións e do CAVI de Irmandiños, o centro de mestura húmida que CLUN ten no municipio de Barreiros.

A cooperativa leva anos apostando por sementar en inverno mesturas de cereal con leguminosa nas terras que xestiona directamente e que traballa co seu parque de maquinaria. “Este ano aumentamos un pouco e botamos unhas 220 hectáreas, todo con estas mesturas nas que predominan as leguminosas, cun 51% de semente de chícharo e veza e despois avea ou triticale”, explica José Ramón Loza, responsable de maquinaria e cultivos na zona. 

A abundancia de choivas até agora ralentizou o crecemento das leguminosas, polo que houbo que agardar para que este tipo de pradeiras puidesen chegar ás máximas producións e calidades, sobre todo en canto a nivel de proteína no silo. “A produción sitúase de media entre 15 e 16 toneladas de materia verde por hectárea e en canto a proteína, pasamos normalmente do 16%, movéndonos entre o 16 e o 18%”, detalla José Ramón. 

Moitas explotacións da comarca necesitan unha boa colleita de herba para suplir a escaseza de silo de millo

Aínda que para o CAVI nas fincas de xestión directa só botaron cereal con leguminosa, o parque de maquinaria de Irmandiños tamén labrou en outono pradeiras de raigrás en parcelas de socios da cooperativa, en ocasións mesturado con veza e trevo para cumprir cos condicionantes da PAC. 

“Hai xente que fai dous cortes porque necesita máis forraxe, aínda que a tendencia cada vez máis é ir a un corte só, tamén no raigrás con trevo ou veza, para non retrasar a sementeira do millo. Nunha pradeira en raigrás podes estar en 10-11 toneladas por corte, polo que con dous cortes lograrías 20-22 toneladas e máis ou menos a mesma proteína que no cereal con leguminosa. O que gañas é máis quilos e outra diferenza con respecto ás nosas mesturas é que o raigrás tolera mellor as condicións de estrés por humidade, polo que se adapta mellor a terreos máis encharcadizos”, indica o responsable de maquinaria e cultivos de Irmandiños. 

O raigrás tolera mellor as condicións de estrés por humidade, polo que se adapta mellor a terreos máis encharcadizos que o cereal

Máis cara ao interior, na zona da Terra Chá, o raigrás segue a ser maioritario pero o encharcamento que viven aínda moitas fincas en concellos como Cospeito non permiten polo momento entrar coa maquinaria para segalo e ensilalo. O mesmo acontece en moitas parcelas da Pastoriza e tamén nalgunhas das principais zonas leiteiras da provincia da Coruña, pero a previsión meteorolóxica para os vindeiros días fala de altas temperaturas e algo de vento, o que axudará a enxugar o terreo.

Irmandiños comezou a ensilar a semana pasada (entre o xoves e o venres segaron e picaron 100 ha) e esta semana teñen tres máquinas traballando. “Xa metemos 80 hectáreas para o CAVI e o groso prevemos ensilalo a semana que vén”, explican. Despois comezaría xa a preparación das terras para labrar o millo. Prevén botar en total nesta campaña entre 1.200 e 1.300 hectáreas, contando as 350 que labran para o CAVI e as que sementan para os socios, o que supón un lixeiro aumento con respecto á campaña pasada. 

José Ramón insiste na necesidade de adiantar todo o que se poida a sementeira debido ao cambio nas condicións climatolóxicas, mesmo en zonas como A Mariña nas que as precipitacións non eran até o de agora un factor tan limitante. “O ano pasado foi terrible, o que se labrou cedo aínda se foi librando, pero no que se botou despois a colleita foi moi escasa”, lembra. 

“Hai que deixar secar un pouco as fincas antes de meterse, senón levas moita terra para o silo”

Ganxabar comezou a segar o segundo corte nas pradeiras permanentes este venres

Ganxabar comezou a segar o segundo corte nas pradeiras permanentes este venres

Jesús Otero, técnico de Ganxabar, a cooperativa de gandeiros das comarcas de Xallas e A Barcala, que contan con planta de alimentación en conxunto para o gando en Mazaricos, recomenda empezar o ensilado polas fincas máis enxoitas para permitir que as máis molladas vaian secando logo das chuvias das últimas semanas e permitan entrar coa maquinaria.

“Nós empezamos este venres á tarde cortando as fincas máis secas e que están a pradeira permanente e despois continuaremos polas que están a rotación con millo, que hai que deixar secar un pouco antes de meterse porque senón levas moita terra para o silo e iso complica o ensilado”, recoñece.

Ademais, o paso da maquinaria cando o chan mantén aínda moita humidade acaba facendo moitas rodeiras, algo que é contraproducente desde o punto de vista agronómico. “As que están a pradeira permanente non interesa estropealas e nas que van ir a millo esa compactación do chan tampouco convén”, afirma.

Ganxabar ensila sempre a herba tras dous días de presecado

O corte actual, que é o segundo, “vai no seu momento”, afirman, polo que “se se fai un bo presecado a calidade do silo vai ser boa”. Acostuman ter a herba tirada 2 días, o mesmo que farán desta volta. “Cortamos o venres e empezaremos a meter o domingo”, explican.  

Se a climatoloxía axuda, na pradeira permanente farán aínda dous cortes máis, un a mediados de maio e outro a finais de xuño. Fixeron xa un primeiro corte de limpeza que ensilaron en febreiro, e despois aproveitaron uns cantos días que viñeron de bo tempo para abonar, fai agora xusto 40 días.  

“O corte que imos facer agora está abonado de fai 40 días, como despois veu frio non houbo temperatura para que a herba disparara, polo que nin está pasada nin se deitou coa auga dos últimos días”, aseguran.

A herba vai no seu tempo; a calidade do silo vai ser boa

Nas instalacións do centro de forraxes, Granxabar ensilará este ano unhas 600 hectáreas de herba, sumando a pradeira permanente e as mesturas de raigrás con leguminosas (tanto trevos como veza), que empezarán a segar a partir do día 15.

A maiores, os socios de Ganxabar sementaron outras 100 hectáreas de cultivos mellorantes para abonado en verde, que a partir da próxima semana empezarán tamén xa a triturar para despois incorporar á terra, coa idea de empezar xa a labrar o millo nas vindeiras semanas. “As fincas que se poida vanse botar xa este mes a millo. Zonas como Landeira levarán un ciclo 600 e despois a maioría irán con ciclos entre 450 e 500”, explica Jesús.

“A herba está bastante retrasada por culpa dos encharcamentos e a falta de temperatura”

Pradeira para ensilar na zona de Chantada

Pradeira para ensilar na zona de Chantada

O parque de maquinaria da cooperativa Aira, un dos máis importantes de Galicia, ensila na comarca de Chantada tres veces máis herba que millo. Jorge Meiriño é técnico da cooperativa na zona e explica que a campaña vai este ano cuns 15 días de retraso con respecto ás datas habituais.

“Estamos aínda empezando a ensilar cando outros anos xa levabamos un par de semanas cortando. Por agora non vai adiantada a herba, está retrasada por culpa dos encharcamentos e a falta de temperatura nas últimas semanas”, di.

Non se deron feito nin sequera os primeiros cortes de principios de marzo, non o permitiu a climatoloxía

Ao non estar aínda a forraxe para segar, as precipitacións caídas en marzo non lle fixeron mal nin van prexudicar a calidade dos ensilados. “A herba que ten moita folla calquera auga a deita pero despois recupérase rápido. O problema dáse só cando está encañada, antes de espigar, que se a tira xa non se levanta”, aclara Jorge.

Este ano empregáronse máis trevos anuais para cumprir coa PAC

No sur de Lugo o máis habitual é facer un só corte de ensilado. “Aquí a practica de dous cortes de herba e despois millo apenas se fai, as xeadas afectan ao crecemento da forraxe no inverno e despois xa non dá tempo a facer dous cortes, porque se agardas polo segundo sementarías o millo moi tarde e nesta zona non convén porque despois aféctalle a seca no verán. Aquí case todo o mundo vai xa a un corte só, agás a xente que non sementa millo, que adianta o primeiro corte e fai dous”, explica o técnico de Aira.

A cooperativa fixo este ano tres mesturas diferentes para os seus socios para cumprir coa PAC no 10% das parcelas nas que era necesario sementar especies mellorantes. Unha das opcións consistía en veza (70%) e avea (30%); outra era unha fórmula cun 45% de raigrás e un 55% de trevo encarnado e veza; e a terceira levaba 20 kg/ha de trevo violeta e 15 kg/ha de raigrás italiano.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información