A nutróloga e enxeñeira agrónoma Ana Rama Andrade asegura que é posible mellorar a calidade do silo de herba co que contan a maioría das explotacións gandeiras. Nas últimas Xornadas Técnicas de Vacún de Leite organizadas por Seragro deu algúns consellos para logralo.
Comezou definindo que se considera unha herba de calidade, desde tres puntos de vista: calidade nutricional, conservación e calidade hixiénica. “Nutricionalmente un silo de herba busca aportar proteína á ración; polo tanto, canta máis proteína teña o silo mellor, pero como mínimo un 16%; con niveis de fibra non demasiado altos, de arredor do 38-44% de fibra neutro deterxente (FND), porque a medida que esas porcentaxes son máis elevadas perdemos inxestibilidade e dixestibilidade, é dicir, capacidade de comer quilos de silo e de dixerilos por parte do animal; e con unha materia seca de entre o 24 e o 30%, aínda que non hai unha materia seca ideal, xa que en función de como sexa a herba vai ser máis interesante que vaia máis ou menos húmida, porque esa humidade vainos axudar a compactar a herba e un silo ben compactado vai ser moito máis estable unha vez aberto, porque xa sabemos que o osíxeno é o inimigo dos silos”, asegurou.
Cando a herba se pasou un pouco necesitamos que vaia máis húmida para lograr que quede ben compactada no silo
A humidade define a fermentabilidade dun silo. “Que un silo estea ben fermentado váinolo dicir o valor de pH que aparece nas analíticas que facemos habitualmente. Realmente non hai un nivel de pH ideal, porque depende da materia seca que teña o silo, pero moveríase, no caso do raigrás, entre un 4 para os silos máis húmidos e un 5 para os máis enxoitos. No caso de silos de leguminosas, eses valores deberían ser inferiores xa que fermentan peor”, aclarou Ana.
Canto máis húmido é un silo máis baixo debe ser o pH para que a fermentación sexa correcta
A conservación vese prexudicada por dúas cousas: por un exceso de humidade e polo contido de cinzas, que define a calidade hixiénica dun silo. “Niveles de cinzas superiores ao 10% indican que hai contaminación por materiais estranos (cañotas do millo, terra, restos do triturado da herba no inverno, etc)”, advirte. Ademais, as cinzas son a principal fonte de clostridium nos silos de herba.
As cinzas deben estar por baixo do 10%, pois son a principal fonte de clostridium nos silos de herba
As analíticas realizadas polo Servizo de Alimentación de Seragro durante os anos 2022 e 2023 a 1.589 mostras de silo de herba mostraron niveis medios de cinzas superiores ao 10% en 939 mostras, con niveis medios de proteína do 14% e unha materia seca do 30%.
Son nutróloga e sei de primeira man que a calidade da herba da maioría das explotacións é mellorable
“O silo ideal non é o mesmo para todas as granxas: unhas necesitan un silo de herba con máis fibra para non depender tanto da palla e outras moitos kilos por necesidades de alimentación, polo que un silo de herba nova co 20% de proteína pode que non sexa o mellor para todas as explotacións”, afirma Ana.
Pero matiza: “o que si que teñen que ser todos os silos é aptos para o consumo, é dicir, que non teñan terra, que non estean demasiado mollados e que non teñan niveis de ácido butírico que os fagan tóxicos para os animais”.
A disculpa do tempo
Á hora de ensilar, ás veces hai circunstancias que non están nas mans do gandeiro para facer un bo silo, como por exemplo a climatoloxía, aínda que Ana recomenda aproveitar os días que veñen bos para ensilar, aínda que a herba sexa algo máis pequena, en vez de agardar e que despois se pase por non vir tempo para ensilar. “Ás veces non é que non haxa bo tempo para ensilar, senón que non vos gusta a herba que tendes cando fai bo tempo”, díxolle aos gandeiros presentes na súa charla.
Se non temos paredes débense facer silos anchos e non silos altos tipo pirámide de Exipto
“Este ano, dos 61 días dos meses de marzo e abril houbo sitios nos que choveu 35 días pero noutros só 20. En Santa Comba, por exemplo, o 2023 foi un mal ano para ensilar en marzo pero a primeira semana de abril fixo bo tempo”, aclarou.
Recomendacións para a sementeira da pradeira tralo millo
Nas fincas de rotación con millo, a nutróloga de Seragro considera imprescindible “desfacerse das cañotas do millo dalgún xeito antes de sementar a herba, porque non van desaparecer por si soas no inverno”, asegura. “Hai que eliminalas, porque é unha fonte importante de contaminación nos silos de herba”, afirma.
As cañotas do millo hai que eliminalas, porque son unha fonte importante de contaminación nos silos de herba
Os tocos do millo débense eliminar sempre antes de aplicar o cal ou o xurro na parcela. Pódese optar por desbrozalas ou por fresalas. “Débese encalar e despois botar o purín por enriba, enterralo para evitar as perdas de nitróxeno por volatilización e labrar a herba, por esta orde”, aclara.
En canto ao laboreo, recomenda empregar un subsolador para romper a sola de labor, facilitando a drenaxe das fincas, e garantir que se traballan ben os últimos 15-20 centímetros superficiais para romper e enterrar os tocos do millo.
Encalar en outono para facilitar a absorción do nitróxeno na primavera
“O momento de encalar é este, porque o efecto do cal non é inmediato, como o do abono, pode tardar de 3 a 4 meses en función do produto que utilicemos, e así xa o deixamos incorporado para cando abonemos a pradeira na primavera e labremos despois o millo”, indica.
“Se queremos que o nitróxeno que botemos en marzo para ensilar a herba faga efecto temos que facer o encalado con antelación porque se non corriximos o pH a planta non vai ser capaz de aproveitar o abono que lle botemos”, engade.
O momento idóneo para encalar é este, ao labrar a pradeira, porque o seu efecto non é inmediato, como o do abono
“Nas fincas nas que labremos leguminosas temos que ter en conta que non imos poder abonar no inverno, polo que temos que ser más xenerosos coas doses de purín no momento da sementeira da pradeira”, propón Ana.
Cando botamos o xurro en herba que está moi grande e despois non conseguimos que se lave porque non chove, teremos risco de que haxa enterobacterias (como Escherichia coli, Mycobacterium, Salmonella) no silo, que dan lugar a unha gran perda de propiedades e enerxía da forraxe ensilada.
Cando abonamos con mineral para o segundo corte non é necesario agardar 10 días a que a herba rebrote para botalo, como acontece no abonado para o primeiro corte, porque xa hai normalmente máis temperatura ambiental.
Sementeira e trituración invernal da herba
Para a sementeira da herba podemos facer un só pase ou dous, en función da maquinaria da que dispoñamos, pero tendo claro que “debemos adaptar a velocidade de traballo á máquina que temos”.
“Se traballamos a terra coa fresadora o ideal son velocidades de traballo baixas, entre 4 e 6 km por hora se queremos que quede ben, aínda que a fresadora ten un defecto, que é que crea suela de labor, sobre todo as que teñen as cuchillas cun ángulo de 90 grados”, explica.
Debemos adaptar sempre a velocidade de traballo á máquina que teñamos
Na grade rotativa tamén se precisan velocidades de traballo lentas, mentres que na grade rápida pódese traballar a velocidades superiores a 10 km/h. Aconsella sempre pasar un rolo para aplanar a superficie e evitar segar terróns no momento de ensilar.
Unha cousa que hai que ter en conta á hora de sementar a pradeira é a humidade que hai no terreo. “Se a terra está moi seca a planta non xermina, polo que debemos aproveitar a sementar despois de botar o xurro, para aproveitar a humidade que este aporta á terra”, recomenda.
Deberiamos triturar sempre a pradeira, a non ser que leve leguminosas. “O triturado non podemos facelo cunha herba demasiado grande, porque senón quedan restos que despois van para o silo”, advirte.
Se a herba está moi grande temos que segar e tirar, non serve triturala, porque despois non apodrece e acaba indo para o silo
A nutróloga de Seragro destaca as vantaxes dese corte de limpeza. “Co triturado lógrase acabar de destruír os restos dos tocos do millo que quedaron despois da sementeira e tamén nos desfacemos das malas herbas que naceron durante o inverno. A herba despois de triturar rebrota con moita máis vitalidade, mesmo empastece, e inicia un novo ciclo vexetativo, polo que a calidade do silo é moito mellor. Se non fixeramos iso cando ensilamos no mes de abril herba sementada a comezos de outubro esa herba é vella, ten xa pé e zonas podres, polo que se non queremos ensilar herba nese estado temos que triturala”, aclara.
Cando facer os ensilados?
O momento idóneo para o ensilado é xusto antes de que as gramíneas inicien o espigado e nas leguminosas en canto empezamos a ver flores no cultivo. Á hora de ensilar, a altura de corte da herba debería estar entre os 7-8 centímetros, porque deste xeito aumentamos o nivel de azucres na planta e reducimos o risco de levar contaminación para o silo.
O momento idóneo para o ensilado é xusto antes de que as gramíneas inicien o espigado e nas leguminosas en canto empezamos a ver flores no cultivo
Ana defende que as ganderías deben dispoñer dun calendario anual que sirva de guía para os distintos traballos a realizar nas pradeiras (triturado, enxurrado, abonado mineral e ensilado) que debe ser elaborado en función das características da finca e de se se trata dunha pradeira permanente ou anual.
No caso de parcelas en rotación con millo, a data de sementeira do cultivo de verán condiciona as datas de ensilado e os traballos anteriores. “Se queremos labrar o millo en torno ao 15 de maio e queremos facer dous cortes de herba, o triturado debería facerse na primeira quincena de febreiro e a partir de aí botar o xurro e 10 días despois o abono mineral para facer o primeiro corte sobre o 20-25 de marzo e o segundo 35 días despois, entre o 25 abril e o 1 de maio”, calcula.
Esas datas orientativas poden ser variadas lixeiramente en función do crecemento da herba ou de como veña o tempo. “Se queremos labrar o millo o 1 de maio en vez do 15 de maio, temos que correr 15 días cara atrás as datas de todos os traballos, aínda que corremos o risco de ter peor tempo para algunhas labores. E se vén un inverno moi frío quizais teñamos que retrasar a sementeira do millo, porque o tempo non o podemos cambiar, senón que temos que adaptarnos a el. Pola contra, se vén un inverno cálido e a herba está grande teremos que ensilar antes. O que case sempre sae mal é non aproveitar para ensilar se vén bo tempo”, di.
Se facemos un só corte de herba temos menos presión polos prazos
“Se abonamos para o primeiro corte e vén tempo frío ou chuvioso que fai que a herba non medre, cando se cumpren os 40 días non debemos agardar máis, eu aconsello cortala igual, aínda que teñamos menos quilos, e abonar para o segundo corte, porque o único que fai esa herba se lle damos máis tempo é espigar”, asegura.
Temos que adaptarnos ás condicións climáticas; o que case sempre sae mal é non aproveitar para ensilar se vén bo tempo
Para decidir que máquinas empregamos debemos diferenciar dúas épocas claras de ensilado “porque cando ensilamos na segunda quincena de abril ou maio a herba é moi diferente a cando ensilamos en abril”, argumenta.
“Cando ensilamos a partir do 15 de abril ou en maio cortaremos cunha segadora agrupadora e deixaremos menos de 48 horas de presecado antes de picar a herba cunha colleitadora/picadora a un tamaño de corte que debe estar entre 2,5 e 3 cm de longo, porque canto máis picada vaia a herba máis doada é de estender e de pisar”, explica.
O ideal é ao segar deixar xa a herba xunta para non ter que andar co fileirador, “que o único que fai é levantar porquería”, di. E non deberían pasar máis de 48 horas desde que segamos ata que ensilamos porque senón perdemos os azucres que necesitamos no silo para unha axeitada fermentación. Se transcorridas esas 48 horas a herba vai aínda moi húmida, haberá que aplicar conservante químico. “É mellor nestes casos non pasarse co presecado, porque cando ensilamos nestas datas tardías a herba xa non é tenra e precisamos un certo nivel de humidade para que nos axude a compactar o silo”, indica.
Nos ensilados temperáns (finais de marzo e primeira quincena de abril) débese segar e deixar a herba tendida no chan 24 horas para que seque
Pola contra, cando ensilamos en marzo ou na primeira quincena de abril o problema pode ser o contrario xa que a herba é moi tenra, ten moita humidade e a climatoloxía non acostuma axudar a facer un bo presecado. “Se fai bo tempo podemos cortar cunha segadora agrupadora co acondicionador a tope deixando a herba en fileiras igual que se segaramos en maio e seguindo despois os mesmos pasos: picadora con corte miúdo e sen que pasen máis de 48 horas entre segado e ensilado e se hai moita humidade, uso de conservante químico”, detalla. “Neses casos non temos risco de mala compactación aínda que a herba vaia moi seca porque é tenra e as herbas tenras compactan igual aínda que vaian secas”, aclara.
Se non veñen días de sol e non corre o vento, temos que segar e deixar a herba estendida no chan durante 24 horas para que seque e logo xuntala cun anciño fileirador (cando a xuntamos non debemos levar as púas do fileirador moi abaixo para non levantar cinzas) e ensilar igualmente sen que pasen máis de 48 horas desde que segamos. O picado da herba debe ser máis longo (5 cm), sendo preferible a recollida cun remolque picador no canto de cunha colleitadora, que machaca máis a herba, e faise imprescindible case sempre neste tipo de ensilados temperáns o uso de conservante químico.
Temos que facer silos de boa calidade pero, sobre todo, silos que non sexan tóxicos
As recomendacións posteriores cando a herba chega ao silo pasan por “estender capas finas, de 15 cm como máximo, non superar coa herba a altura das paredes do silo e pisar, pisar e pisar”, aconsella Ana. Finalmente hai que tapar ben e poñer peso na capa superior.
“Temos que tratar de facer silos con boa calidade de forraxe, pero, sobre todo, temos que facer silos que non sexan tóxicos, é dicir, sen cañotas que quedaron da colleita do millo, sen terra, sen herba podre mal triturada e sen exceso de humidade”, resume a nutróloga de Seragro.
Elección das variedades de semente e do número de cortes en función do aporte que teña o silo de herba á ración na explotación
Á hora de elixir as variedades de sementes a labrar temos que ter en conta o destino final da pradeira e o obxectivo nutricional buscado con esa herba. Para a escolla miraremos cal é o cultivo principal da ración na nosa granxa.
“Partimos da base que sempre é importante facer silos de herba bos, pero se é o elemento principal da alimentación das nosas vacas, é imprescindible contar con boas forraxes de herba, polo que nestes casos o normal é ter pradeiras permanentes e a variedade que mellor se adapta é o raigrás inglés, optando por variedades diploides e tetraploides en función das características da finca”, explica Ana. “Outra opción para as pradeiras permanentes é o cultivo da alfalfa, que tamén é moi persistente”, engade.
En función dos quilos de herba que necesite para a miña ración tomarei unha decisión ou outra sobre o número de cortes a realizar
Se a nosa ración é metade millo e metade herba, a cantidade de silo de herba que leva segue sendo elevada, polo que é importante que teñamos herba de calidade e estimar canta cantidade imos precisar. “Neste caso podemos ter unha parte da nosa superficie con pradeiras permanentes e nas parcelas onde rotemos con millo sementaremos pradeiras anuais de raigrás híbrido e italiano ou unha mestura de leguminosas con raigrás ou con cereal. De todas estas posibilidades a que máis marxe de manobra nos dá é o raigrás híbrido, porque é o que máis tarde espiga, polo que dispoñemos de máis días para ensilalo en bo estado”, afirma.
En función dos quilos de herba necesarios para a ración, a explotación deberá tomar a decisión de cantos cortes realizar na pradeira. “Se por exemplo metemos 20 kg de silo de herba na ración e temos 100 vacas, necesitaremos 730 toneladas de silo de herba ao ano. Se dispoñemos só de 36 hectáreas de superficie, precisaremos obter un rendemento de 20.000 kg/por hectárea de herba. Para lograr eses quilos nun só corte teremos que agardar a que a herba sexa moi grande, polo que a calidade sería baixa. Nese caso habería que descartar o raigrás híbrido e as mesturas de cereais e leguminosas, porque a maioría das leguminosas non rebrotan, e irnos a varios cortes de raigrás italiano, por exemplo. Se pola contra dispoñemos de 49 hectáreas, o rendemento necesario para obter esas mesmas 730 toneladas de silo sería de 15.000 kg/ha, polo que poderiamos irnos a un só corte. E o que menos perigo ten indo a un só corte é o raigrás híbrido, porque tarda máis en espigar e temos menos risco de que se nos pase se non vén bo tempo para ensilar”, explica Ana.
En zonas frías ou moi húmidas, nas que non damos entrado ás fincas, temos que irnos a un só corte e elixir variedades que espiguen o máis tardío posible
Por último, nos casos nos que o silo de millo constitúe a base principal da ración, a calidade da herba condiciona menos a obtención de boas producións leiteiras. Neste caso optaríase por pradeiras anuais en rotación co cultivo de millo e a gandería podería optar por facer un só corte de herba. “Podémonos permitir facer silos de herba un pouco máis pasados, para non depender tanto da palla, pero non ensilar leña”, matiza.
Diferencias entre os distintos tipos de raigrás
Entre as gramíneas, unha das máis habituais é o raigrás inglés (Lolium perenne), que ten unha persistencia de entre 4 e 5 anos, un crecemento lento (sobre todo o primeiro ano), un espigado tardío (iso implica que imos ter moitos máis días para ensilalo en bo estado) e unha maior porcentaxe de follas ca de talo, polo que é moito máis doado conseguir forraxes de boa calidade con raigrás inglés, asegura.
Pola contra, o raigrás italiano (Lolium multiflorum) ten un ciclo anual, crecemento rápido, espigado precoz (o que implica que se pasa con máis facilidade e temos máis dificultades para collelo no momento óptimo), e ten maior porcentaxe de talo que de folla, polo que “para conseguir silos de boa calidade con raigrás italiano hai que ser rápidos”, afirma Ana.
En canto ao raigrás híbrido (Lolium hibridum) seria unha mestura dos dous, pois “pretende ter a persistencia do inglés e o crecemento rápido do italiano, polo que en función do que busquemos escolleremos raigrases híbridos que se asemellen máis a un italiano ou a un inglés”, recomenda.
Dentro dos raigrases hai que diferenciar tamén entre os diploides e os tetraploides, que foron creados artificialmente coa pretensión de ter maior produción e conseguir follas máis anchas. Teñen maior vigor de establecemento pero son menos persistentes e teñen tamén maior potencial de produción, aínda que son máis esixentes tanto en auga como en fertilización fronte ás variedades diploides, que teñen maior rusticidade (resistencia á seca e ao frío) e son ideais para o pastoreo. “Os raigrases tetraploides teñen maior palatabilidade pero sempre debemos elixir variedades que sexan resistentes á rolla”, indica a nutróloga de Seragro.
As calidades do triticale e o westerwold debería condenalos á extinción
En calquera gramínea, leguminosa ou cereal o contido nutricional do quilo de materia seca diminúe a medida que avanza o desenvolvemento desa planta pero, pola contra, obtemos maior rendemento, “pero se esperamos tanto para que o rendemento sexa máximo, o aporte á ración será baixo”, advirte.