As entresacas de frondosas galegas demóstranse con potencial para madeira de serra

Unha análise da rede básica de parcelas do Inventario Forestal Continuo de Galicia revela que un 30% das fincas de frondosas contan con pés xa aproveitables, ben para leñas, trituración ou serrado

As entresacas de frondosas galegas demóstranse con potencial para madeira de serra

Madeira de castiñeiro nun serradoiro. / Arquivo.

As masas de frondosas constitúen o principal grupo de árbores en Galicia, por diante de piñeiros e eucaliptos, pero enfróntanse ó paradoxo de ter un aproveitamento industrial residual. Só arredor do 2,5% de toda a madeira que se corta cada ano na comunidade é de frondosas, cando existe potencial para aproveitar moito máis de xeito sostible. O ritmo de crecemento das frondosas no monte galego é de 1,8 millóns de metros cúbicos ó ano; sen embargo só se están cortando para aproveitamento industrial uns 280.000, ó que habería que sumar as cortas para leñas domésticas.

“O normal en Europa é cortar arredor do 70% do volume de frondosas que medran cada ano en monte, pero nós estamos arredor do 15%”, compara o profesor Roque Rodríguez, da Escola Politécnica de Lugo (USC), que fixo recentemente unha análise da situación das frondosas galegas durante a presentación do Inventario Forestal Continuo de Galicia.

Por que esa baixa porcentaxe de aproveitamento das frondosas en Galicia?. Os factores son múltiples.

Calidade da madeira: necesidade de tratamentos silvícolas

Unha das cuestións principais a ter en conta é que a calidade da maioría da madeira que se corta atópase por baixo das esixencias de mercado, polo que o seu destino final son leñas ou trituración para taboleiro.

Nunha análise da rede básica de parcelas do Inventario Forestal Continuo de Galicia, sobre as que se fixo un exhaustivo traballo de campo, concluíuse que das 313 subparcelas que presentaban frondosas, había un 80% que precisaban tratamentos silvícolas, ben rozas, podas, claras ou aproveitamentos. Só nun 12% das subparcelas observábanse traballos silvícolas recentes.

Un 80% das masas de frondosas precisan de tratamentos silvícolas para mellorar a formación e calidade da madeira

Como dato positivo a ter en conta, un 30% das subparcelas da rede básica do Inventario Forestal Continuo de Galicia presentan pés maiores que poden ser xa obxecto dun aproveitamento racional, segundo destaca o profesor Roque Rodríguez.

Á hora de valorar a orientación produtiva das masas, a análise feita na rede básica do Inventario calcula que un 40% das parcelas poden ter como obxecto a produción de leña, un 15% madeira para serra, un 7% madeira para trituración e un 4% madeira e froitos; en tanto un 20% da superficie considerouse en aparente abandono e outro 9% con vocación de conservación. É de destacar tamén que nun 8,5 % da superficie detectáronse indicios de pastoreo.

Boa clasificación de rectitude
Malia os déficits de calidade actuais nas masas de frondosas, o potencial para mellorar o aproveitamento da madeira para serra é alto. Na rede básica de parcelas do Inventario Forestal Continuo de Galicia, á hora de valorar os pés de frondosas nunha categoría de rectitude entre 1 (a menor) e 7 (a maior), máis do 50% dos pés foron puntuados nas categorías 6 e 7, especialmente en bidueiro e rebolo, pero tamén en castiñeiro e ameneiro, cunha porcentaxe lixeiramente menor no carballo.

Máis do 50% dos pés de frondosas valorados en monte presentan unha alta rectitude

Minifundio

O minifundio é outro dos factores que dificulta a xestión das masas de frondosas. Faise preciso o impulso de agrupacións de xestión conxunta, ou figuras similares, para o seu manexo: “As cortas medias de frondosas en Galicia son de menos de 10 metros cúbicos, fronte ás medias de 70 – 80 metros cúbicos nas cortas de piñeiro por parte de propietarios privados, e porcentaxes probablemente maiores en eucalipto”, valora Roque Rodríguez.

Cultura forestal

A selección de pés de porvir nas masas de frondosas é un dos aspectos nos que os técnicos coinciden que se debe mellorar. Por ese motivo, a formación de propietarios forestais e técnicos na marcaxe das árbores de interese é unha das cuestións que se subliñan na estratexia que está a deseñar a Xunta para impulsar un aproveitamento racional das frondosas.

A formación considérase tamén precisa para as empresas de servizos e de aproveitamento forestal, pois unha correcta execución de rareos ou cortas en entresacas esixe evitar danos nas árbores de porvir.

Nos montes de piñeiro ou eucalipto cun subpiso de frondosas, unha estratexia posible para os propietarios é manter tras corta as frondosas para desenvolver esa masa

Outra opción que se ve posible é o manexo do subpiso de frondosas que en ocasións presentan as masas de piñeiros ou eucaliptos. Unha vez cortadas as coníferas ou eucaliptos, o propietario pode conservar o subpiso de frondosas para desenvolvelo a continuación. Do total de parcelas de frondosas da rede básica do Inventario Forestal, un 29% atópase en mestura con piñeiros ou eucaliptos.

Transformación industrial

As frondosas caducifolias tiveron en Galicia multitude de usos tradicionais (carpintería de ribeira, carros, construcións rurais, travesas de ferrocarril, carbón vexetal, leñas, etc.), pero na actualidade os seus usos son menores. Impulsar liñas de transformación industrial que fomenten un maior aproveitamento das frondosas é outro dos retos que se marca a Xunta na súa estratexia.

Conservación da natureza

En xeral, a sociedade mantén un alto apego ás frondosas caducifolias polo seu valor paisaxístico, medioambiental e cultural. Arredor dun 20% das masas de frondosas de Galicia está en superficie de Rede Natura, polo que de acordo co Decreto 37/2014 que establece o plan director da Rede Natura en Galicia, só se poden executar nesas masas aproveitamentos en entresacas con autorización previa, nunca cortas a feito dunha masa.

Pola súa presenza en zonas de montaña, con difícil acceso, e zonas de Rede Natura, unha parte das masas de frondosas teñen vocación de conservación, non produtiva. Ese escenario considérase, non obstante, compatible coa execución de tratamentos silvícolas, plantacións e aproveitamentos en entresacas nas zonas de Rede Natura que se consideren con menor valor natural e máis accesibles.

Percepción dos propietarios

As frondosas presentan en xeral un atractivo escaso para os propietarios forestais por factores como os seus longos turnos de corta, as esixencias de tratamentos silvícolas ou a mala calidade xenética e de manexo de parte das árbores que están en monte, que en ocasións son demoucadas para leñas e ocupan espazos residuais.

A mellora do manexo é, xa que logo, fundamental para cambiar esa percepción. Para as frondosas existe unha clara oportunidade nas faixas de seguranza arredor de núcleos de poboación, onde por normativa non pode haber piñeiros e eucaliptos nun radio de 50 metros.

Desde a Administración tamén se proxecta priorizar ós montes de frondosas nos novos contratos de xestión pública, que substituirán a parte dos convenios e consorcios en vigor coas comunidades de montes veciñais.

Prezos da madeira

De cara a mellorar a imaxe das frondosas entre os propietarios, un dos elementos que salienta Roque Rodríguez no seu diagnóstico é a necesidade de crear mercados transparentes que abonen un valor xusto polas trozas orientadas a serra ou chapa.

Segundo os datos da Asociación Forestal de Galicia no 2021, o prezo da madeira de frondosas para leña pagábase en cargadeiro a 24 – 35 euros / metro cúbico, en tanto para serra a rolla dereita rondaba un arco de 48-85 euros / metro cúbico.

En Francia, un país con gran tradición na xestión das frondosas, os prezos en pé que se pagan polo carballo son os seguintes:

– Calidade A (4% do total), madeira para chapa, ebanistería ou toneis: 200 – 280 euros / metro cúbico.

– Calidade B, con 1-2 nós pequenos por metro. É unha madeira que se pode destinar a mobles, parqués ou frisos. Representa un 18% da total: 80 – 100 euros / metro cúbico.

– Calidade C, madeira para construción, con nós sans (50% do total): 55 – 75 euros.

– Calidade D, mediocre (28%), para travesas, paléts: 28 – 35 euros.

En Francia, os prezos do carballo, segundo calidades, sitúase entre 28 euros e 280

Claves da estratexia para fomentar unha xestión activa das masas de frondosas

O Consello Forestal de Galicia abordou o pasado venres as claves da estratexia que a Consellería do Medio Rural deseña para impulsar unha xestión activa das masas de frondosas. Esa estratexia, que contou coa colaboración da Universidade de Santiago, céntrase en cinco eixos:

  • Formación de propietarios, empresas e técnicos.
  • Mellora xenética. Parte das especies de frondosas, as que máis interese xeran para plantacións, contan con oferta de planta mellorada (categorías cualificada ou controlada). É o caso da cerdeira, do castiñeiro, da nogueira, do chopo ou do pradairo. Pero as especies máis abundantes no monte galego, como carballo, rebolo ou bidueiro só contan polo de agora con material xenético das categorías inferiores (identificado ou seleccionado).

    Con todo, estanse a dar xa pasos por parte do Centro de Investigación Forestal de Lourizán, en colaboración coa Fundación Paideia, para a obtención de plantas melloradas de bidueiro e carballo.
  • Apoiar a xestión activa das masas, tanto a reforestación como os tratamentos silvícolas e os sistemas silvopastorais, así como a transformación industrial.

    Medio Rural proxecta apoios específicos para as masas que están no Rexistro de Masas Consolidadas de Frondosas, que son bosques que deben ter un mínimo de 15 hectáreas con pés maiores de 20 céntimetros de diámetro. Polo de agora, hai no Rexistro 52 masas, case todas en montes veciñais, que suman máis de 4.000 hectáreas. Dous terzos están nas provincias de Ourense e Lugo.
  • Dinamizar os aproveitamentos forestais. O reto é mellorar a xestión das masas, compatibilizando o aproveitamento para leñas co de madeira para serra. Existe potencial para mellorar a calidade nas distintas especies, como carballo, castiñeiro ou bidueiro, unha árbore esta última que en Galicia ten un destino principal para leñas e trituración, pero que, con boas calidades, ten demanda para desenrolo (chapa), cun alto valor engadido. Vese posible tamén dinamizar as plantacións de chopo, que durante os primeiros anos son compatibles con aproveitamentos de forraxe (herba) ou pastoreo.
  • Xestión pública de masas de frondosas, baixo novos contratos de xestión.

Datos do Inventario Forestal Continuo de Galicia

O Inventario Forestal de Galicia identificou 575.000 hectárea de frondosas en Galicia (medición por pixeles das imaxes por satélite), dun total de superficie arborada que supera os 1,4 millóns de hectáreas. (Se a medición se fai por recinto, o total de frondosas ascende a 617.000 hectáreas).

– A rede básica do Inventario Forestal Continuo de Galicia está composta por 313 parcelas de 30×90 metros. Na rede identificáronse un total de 715 subparcelas, todas elas sometidas a inventario de campo. Delas, 313 presentaban frondosas caducifolias (máis dun 10% da superficie con pés maiores).

– Das parcelas de frondosas da rede básica, un 71% só teñen frondosas e un 29% en mestura con piñeiro e eucalipto. Nas que están en mestura, nun 47% predominan as frondosas, nun 27% o eucalipto e nun 24% o piñeiro.

– A especie frondosa con maior presenza na rede básica é o carballo, con máis do 50% do total. Séguenlle bidueiro, castiñeiro e chopo, que suman arredor dun 30%. Cómpre tomar estes datos con precaución, pois non son extrapolables ó conxunto da superficie forestal galega. Hai que agardar a novos datos do Inventario Forestal Continuo, pero polo que sabemos do inventario anterior, o Nacional (2011), carballo e rebolo eran as especies frondosas dominantes na comunidade, con diferenza.

– O 86% das masas de frondosas da rede básica é de orixe natural, en tanto un 13% foi plantada ou sementada.

– Na rede básica do Inventario, a especie máis numerosa é o carballo é a seguinte é o eucalipto nitens, por riba do globulus. Consolidou xa o nitens o seu ‘sorpasso’ sobre o globulus?. Proximamente, o Inventario Forestal Continuo ofrecerá datos sobre a cuestión.

2 ideas sobre “As entresacas de frondosas galegas demóstranse con potencial para madeira de serra

  1. Jose Carlos Rios

    Buenos días.

    Me pongo en contacto con ustedes para consultarles los precios medios actuales por tonelada de la madera de pino pinaster y radiata en Galicia por tonelada en origen. Tanto para rolla como para puntal.

    Muchas gracias

    Contestar

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información