Tendencias en planta de eucalipto: o nitens arrincona ó globulus

Falamos con viveiros forestais, asociacións de propietarios e empresas para coñecer a situación actual e perspectivas nas plantacións de eucalipto. As enfermidades e pragas consolidan ó nitens como especie principal en toda a comunidade, en tanto unha terceira especie, o eucalipto regnans, gaña tamén presenza nalgunhas zonas

Tendencias en planta de eucalipto: o nitens arrincona ó globulus

O eucalipto globulus vén liderando cada ano as cortas de eucalipto en Galicia, con máis da metade dos 6 millóns de metros cúbicos que se cortan cada ano da especie, pero quédanlle anos contados á fronte da táboa de aproveitamentos. A vulnerabilidade do glóbulus fronte a pragas e enfermidades levaron ó seu progresivo desprazamento nas plantacións en monte, nas que o eucalipto nitens é o rei.

Viveiros e propietarios forestais consultados calculan que entre un 60 e un 80% das plantacións de eucalipto en Galicia corresponden xa a eucalipto nitens. A excepción é a provincia de Pontevedra, onde o globulus se mantén forte, pois as maiores temperaturas afectan negativamente ó nitens.

A expansión forte do nitens en Galicia iniciouse hai arredor de 15 anos. Menos apetecible para a praga do gorgullo do eucalipto, que se cebaba daquela no globulus, e apto para plantacións en altitudes superiores ós 300 – 400 metros, nas que o globulus non prospera, as plantacións de nitens comezaron a extenderse no interior das provincias da Coruña e Lugo, así como en áreas costeiras nas que o glóbulus era tradicional.

O nitens xa representa o 40% das cortas de eucalipto e o seu ‘sorpasso’ sobre o globulus é inminente

O escenario actual presenta un nitens en pleno boom. A especie copa xa un 40% das cortas actuais de eucalipto, con numerosas plantacións xuvenís próximas a entrar en fase de corta, polo que o ‘sorpasso’ sobre o globulus semella inminente.

O nitens posicionouse ademais nos últimos anos como unha solución para o propietario forestal fronte a enfermidades fúnxicas, a ‘Mycosphaerella’ e a ‘Teratosphaeria’, que defolian as plantacións de eucalipto nos seus dous primeiros anos.

Os principais viveiros lanzaron nos últimos anos ó mercado familias de nitens resistentes ou tolerantes á Mycosphaerella, o que reforza a predilección do propietario pola planta de nitens. É o caso do Nitens Max Verde, de Viveros Mañente, ou do Nitens L2 dos viveiros de Ence.

Se ós factores sanitarios e de tolerancia ó frío que benefician ó nítens se lle suma a súa maior producitividade, a ecuación está clara para os propietarios forestais.

Pola parte da industria pasteira, o eucalipto con máis interese para a fabricación de celulosa e papel é o glóbulus, pois ten maior rendemento en celulosa que o nitens e a súa fibra ofrece ademais mellor desempeño tecnolóxico. Pero a realidade en monte é a que é, polo que as industrias xa asumiron que teñen que adaptarse a maiores consumos de nitens.

Falamos con viveiros, asociacións de propietarios e empresas sobre o escenario actual e futuro:

Julio Aneiros (Proma Cedeira)

“O nitens plántase o dobre que o glóbulus”

Na comarca de Ortegal, o presidente da Asociación de Productores de Madeira de Cedeira, Julio Aneiros, confirma a preferencia dos propietarios pola planta de nitens, igual que sucede en toda a costa norte galega: “Diría que polo menos un 50% das plantacións son de nitens, pode haber un 30% de glóbulus e arredor dun 20% do eucalipto xigante, o regnans, sobre todo en zonas baixas ou en parcelas que quedan encaixonadas entre plantacións adultas, pois trátase dun eucalipto que é capaz de medrar en condicións de pouca luz” -explica-. “Claro que o regnans ten tamén o problema de que en zonas con ventos fortes, presenta máis tendencia a caer. Todas as plantas teñen vantaxes e inconvintes”, conclúe.

“O nitens é moi visible como medra e como engorda, o propietario vai ó monte e volve contento” -resume Aneiros- “Ademais, ten menos impacto do gorgullo e da micosfarela”.

En canto ó globulus, o presidente da Proma Cedeira subliña que na comarca a tendencia é a cortar as masas de globulus con arredor de 25 anos, xa que é o periodo co que se optimiza o seu rendemento. “O nitens igual se pode cortar 7-10 anos antes, pero no globulus, cuns crecementos medios de 1 tonelada por ferrado (509 metros cadrados) e ano, ímonos ós 25 anos”.

Os glóbulus que se están cortando hoxe en día na costa norte galega tiveron a súa orixe en plantas de semente ou rebrotes, se ben nos últimos anos, a práctica totalidade das plantacións de globulus son de clons con mellora xenética, que en teoría ofrecen maiores crecementos e maiores garantías fronte a enfermidades e pragas.

“Polo de agora, non podemos falar da produtividade dos clons porque practicamente non temos plantacións de clons que entraran en periodo de corta”, sinala Julio. Os clons, obtidos a través da propagación por estaquillas, conservan exactamente as mesmas características que a árbore orixinal, o que permite pronosticar con certas garantías o seu comportamento en monte e elixir os clons que mellor se adaptan ás características da parcela.

Como principais proveedores de planta da comarca, Aneiros cita a Mañente, co nitens Max Verde como referencia, así como a Ence nos clons de glóbulus e tamén en planta de nitens mellorada.

“En verdade, pódese dicir que plantamos o que nos dan. Botamos en falta estudos independentes sobre o rendemento das plantas e a súa procedencia” -opina Julio Aneiros-. O presidente de Promace considera que tamén sería positiva unha maior competencia e lembra que no seu día entrou na zona planta de Portugal, por medio dun viveiro da comarca, así como algunha planta da filial forestal da cántabra Sniace, empresa pasteira xa pechada.

Manuel Galdo (Proma Viveiro)

“Na Mariña lucense gustaríanos ser un referente en eucalipto glóbulus, pero é difícil. Necesitamos planta máis competitiva e unha maior loita contra o gorgullo”

O presidente da Asociación de Produtores de Madeira de Viveiro, Manuel Galdo, coincide en sinalar o predominio do nitens en monte. “Podemos estar falando dun 60% de plantacións de nitens ou algo máis, nunha zona tradicionalmente produtora de globulus”, lembra Manuel. “O resto das plantacións continúan sendo principalmente de clons de glóbulus e pode haber arredor dun 5% de plantacións de regnans”, valora.

Galdo é consciente de que o globulus é a materia prima ‘premium” para a industria do papel, pero recoñece que a Mariña lucense estase orientando á plantación de nitens. “Pedirlle ó propietario outra cousa agora mesmo sería predicar no deserto. Quizais teñamos unha plantación excesiva de nitens, pero o gorgullo e a micosfarela levaron a iso”, reflexiona. “Tamén hai que destacar que o prezo da madeira de nitens equilibriouse bastante co do globulus. Segue por baixo, pero é algo que se compensa sobradamente pola maior produtividade da planta de nitens”.

As plantacións de nitens na Mariña están listas para a corta nun prazo duns 15 anos, en tanto unha plantación de globulus coa mesma idade ten un “30-40 % menos de madeira”, calcula Galdo. “É algo difícil de compensar. Desde a Mariña lucense gustaríanos ser referentes en globulus, pero é difícil”.

“É certo que xa hai clons resistentes á mycosphaerella, pero precisamos máis mellora xenética, con maiores crecementos do globulus, e tratamentos eficaces contra a praga do gorgullo. O outono pasado, por exemplo, na nosa zona houbo unha afectación grande de gonipterus e iso é algo que desanima á xente. Esta primavera faranse tratamentos, pero a Administración e Ence, como gran consumidora, terían que aumentar esforzos no control da praga”, valora Galdo.

O presidente de Promavi recoñece tamén que a planta de eucalipto “está mellorando a nivel xenético”, pero igual que Aneiros coincide en que é precisa “planta máis trazable e con melloras xenéticas contrastables”.

Sur de Galicia
Co glóbulus en retroceso no seu territorio tradicional da costa norte, as únicas zonas de Galicia nas que continúa sendo maioritario en monte son as do sur de Galicia, principalmente a provincia de Pontevedra, onde as maiores temperaturas resultan pouco axeitadas para o nitens.

O globulus continúa alí sendo dominante nas plantacións forestais, se ben desde o sector advírtese tamén da alta porcentaxe de montes de globulus cortados que simplemente se deixan rebrotar de xeito natural. É un manexo apto para o globulus, que ten bo rebrote -ó contrario que o nitens-, pero require unha silvicultura de selección de guías nos primeiros anos do rebrote, a fin de evitar a ‘selvatización’ da masa.

“O problema que estamos detectando é que hai unha parte das masas cortadas que quedan abandonadas, sen selección de brotes, o que reduce o seu valor e constitúe un risco en caso de incendio”, recoñece Xosé Covelo, da Asociación Forestal de Galicia.

En Pontevedra, é xeralizado o rebrote de plantacións de globulus tras corta, en tanto que en Lugo trátase dunha práctica en vías de desaparición

A mesma situación é descrita por Manuel Crespo, madeireiro do Morrazo, que apunta que na súa comarca a gran maioría das cortas de glóbulus quedan sen replantar, en rexeneración natural con escasa xestión.

Distinta é a situación no norte de Galicia, onde “arredor do 90 % das cortas de globulus replántanse. O globulus ten un bo rebrote natural tras corta, sobre todo o primeiro rebrote, pero por cuestións de mellora xenética, a maioría dos propietarios optan por replantar. Pode haber só arredor dun 10% que quede en rexeneración natural”, opina Galdo.

Santiago Rodal (Viveros Mañente)

“O noso eucalipto nitens Max Verde demostrouse un éxito fronte á micosfarela”

Viveros Mañente é o gran referente na produción de planta de eucalipto nitens en Galicia. Xa hai anos, o director de Viveros Mañente, Enrique Candía, prognosticaba que Galicia converteríase nunha potencia en eucalipto nitens, e o tempo está a darlle a razón. A día de hoxe, Santiago Rodal, de Viveros Mañente, calcula que en Galicia un 80% das plantacións son de nitens, un 10% de globulus e outro 10% de regnans.

O éxito do nitens consolidouse nos últimos anos pola aparición de variedades que toleran os fungos da ‘Mycospharela’. É o caso do Nitens Max Verde de Mañente. “O Max Verde está contrastado na nosa rede de ensaio, conformada por 25 parcelas. En comparación co material que utilizabamos ata hai dous anos, co Max Verde logramos un 50 % máis de produción en madeira pola súa resistencia á enfermidade. Crece en altura un 26% máis e en diámetro un 21% máis que o Nitens Max 10, que é un nitens mellorado con bo desempeño pero en zonas sen micosfarela”, detalla Santiago Rodal.

Mañente fai medicións todos os anos da súa rede de parcelas de ensaio, un proceso certificado externamente no que conta coa colaboración da firma Xesforest.

O Max Verde, segundo sinala Santiago, presenta ademais a vantaxe adicional de ser resistente á tinta, un problema que tamén está a afectar ao eucalipto.

Preguntado pola orixe do eucalipto Max Verde, Santiago sinala que é unha cuestión que o viveiro nunca revela. “Estamos a falar de sementes melloradas, procedentes dun horto sementeiro específico de Australia e que foron testadas na nosa rede de parcelas de ensaio, é o que podemos dicir”, indica.

De cara ao futuro, Santiago Rodal confía na obtención de novas xeracións do eucalipto Max Verde, e avoga por combinar esa boa xenética cun axeitado manexo silvícola (rozas e abonado).

Federico Ruiz (Viveros Ence)

“É un erro pensar que calquera eucalipto nitens serve para calquera sitio, é fundamental elixir ben o material”

O predominio da comercialización da planta de nitens dáse tamén nos viveiros de Ence, unha firma que sempre se centrara no globulus como prioridade, dada a súa maior calidade e rendemento para pasta de papel. “Cómpre lembrar que nós iniciamos os primeiros ensaios de procedencias de nitens no ano 1983, pero despois foi unha especie que tivemos relegada moito tempo e que non retomamos ata o 2015, cando pola importancia que tiña o nitens para o propietario e pola estratexia da fábrica, decidímonos a recuperar a produción de planta”, explica Federico Ruiz.

Na actualidade, Ence comercializa arredor dun 60-65% de planta de eucalipto nitens, a gran maioría con mellora xenética, e un 30-35% de clons de eucalipto globulus. “Tamén temos eucalipto globulus de semente, pero xa é residual e non o aconsellamos, pois ten un alto impacto dos fungos da Teratosphaeria”, valora Ruiz.

O responsable de I+D Forestal de Ence, Federico Ruiz, considera que en xeral, “o propietario confundiuse ó pensar que o eucalipto nitens era unha solución para os problemas que arrastraba o globulus”, primeiro o impacto da praga do gorgullo, e nos últimos anos, as enfermidades fúnxicas da Mycosphaerella e da Teratosphaeria, causadas por un complexo de arredor de 150 fungos.

“O propietario galego deixouse levar polo crecemento xuvenil explosivo do nitens, con procedencias de Victoria, moi susceptibles ós fungos”

As enfermidades fúnxicas que defolian as plantacións xuvenís teñen especial incidencia no occidente de Asturias e na costa norte de Lugo e da Coruña, en zonas húmidas e tépedas. “Son zonas nas que os propietarios comezaron a substituír o globulus polo nitens, que é unha especie máis susceptible ós fungos que o propio globulus, pois as súas procedencias principais, en Victoria e Nova Gales do Sur (Australia), caracterízanse pola altitude e por un clima frio e seco, con escasa presenza de fungos”, sinala.

“Por tanto, é un erro grande pensar que o nitens é unha solución, pois non podemos plantar calquera nitens en calquera sitio. Estas procedencias si poden ser aptas para a Terra Cha ou sur da Coruña, pero non para a Mariña lucense. Dentro do nitens, hai procedencias e material xenético con familias máis tolerantes á Teratosphaeria. Serían os materiais xenéticos procedentes de Tallaganda (Nova Gales do Sur, Australia), que é unha rexión documentada como tolerante ós fungos, ou de horto sementeiros cunha composición específica de familias con tolerancia ós fungos. Iso é fundamental”, conclúe Federico Ruiz.

“En xeral, o propietario galego deixouse levar polo crecemento xuvenil explosivo do nitens, con procedencias que precisamente se caracterizaban por ser moi susceptibles ós fungos”, sinala. Para enfrontar as enfermidades fúnxicas, nós apostamos por material tolerante, ben material identificado con procedencia de Tallaganda, ben material procedente de horto sementeiros que garanten unha mellora xenética e cunha composición de familias tolerante a esta enfermidade. Sería a nosa planta de nitens L2”, detalla Ruiz.

En vista da evolución que están tendo as enfermidades fúnxicas, Ruiz chama a ser precavidos. “Nos últimos 6-7 anos houbo unha gran expansión xeográfica e un aumento da virulencia da enfermidade. Probablemente houbo unha selección natural de cepas dos fungos que defolian máis e que teñen máis capacidade de propagación. Iso leva a que materiais que antes eran compatibles coa enfermidade, hoxe xa non o sexan” -explica-, o que obriga a manter unha mellora xenética continua.

Introdución de ensaios propios
“Hoxe en día xa temos materiais xenéticos de nitens de terceira xeración, os ‘netos’ dos primeiros materiais mellorados de nitens, pero non nos conformamos con iso e desde hai 4 anos creamos a nosa propia rede de ensaios no norte de Galicia, para contrastar a valoración da Australia cos nosos resultados e darlle unha información o máis certera posible ó propietario”, explica Ruiz.

Para zonas con escaso impacto da micosfarela, como o interior de Lugo, a oferta de nitens de Ence céntrase nas plantas L3, L4 e L5, con mellora xenética contrastada en canto a crecementos.

“Son plantas procedentes de horto sementeiros australianos. Cada ano, en función da colleita de sementes do ano, o grado de mellora pode variar. Para facilitar unha maior comprensión polo propietario, nós agrupamos esa mellora en tres niveis, correspondéndose a planta L5 co maior nivel, que é algo que tivo boa acollida no propietario”, explica Ruiz.

Clons de globulus
Ence está traballando na actualidade con 9 clons de globulus a nivel comercial, adaptados ós diversos requerimentos. “En resistencia a Mycosphaaerella, o número 1 é Colunga, que é un clon que comprobamos que é resistente, pois fixemos test mediante a inoculación do fungo nun laboratorio de Brasil”, detalla Federico.

“Para zonas que teñan impacto de micosfarela, pero en situación menos crítica, tamén aconsellamos Jarrama, un clon que muda con maior rapidez de folla xuvenil a adulta e que gaña rápida separación do solo, dous factores que reducen o impacto da enfermidade”, valora.

En áreas do sur de Coruña ou Pontevedra, libres por agora da Mycosphaerella, Federico recomenda os clons Odiel e Piedra, pola súa maior ganancia en diámetro e altura. Para zonas graníticas con tendencia á seca, como as que se poden dar no interior de Pontevedra, as recomendacións serían Anselmo ou Múrtiga, en tanto que para zonas con tendencia ó encharcamento, o mellor é Candón.

Regnans
En canto ó regnans, os viveiros de Ence non traballan con esta especie, xa que venlle problemas tanto a nivel forestal como industrial. ´”É moi susceptible a caer en vendavais, co cal, tendo en conta que co cambio climático as cicloxéneses tenden a aumentar, é un problema. Por outra banda, as características tecnolóxicas da súa fibra teñen un desempeño industrial inferior ó globulus e ó nitens. En turnos de 12-15 anos presenta ademais unha densidade inferior ó nitens, co cal o seu rendemento industrial é menor”, conclúe Federico.

Óscar Fernández (Navigator)

“Nas nosas plantacións de eucalipto, escollemos a especie máis apta para cada parcela”

Óscar Fernández, responsable de Navigator en arrendamentos e compra de terreos en Galicia e Asturias, explica os criterios de elección de planta que segue a pasteira lusa nas súas plantacións: “Apostamos polo eucalipto máis apto en función das características da parcela: comarca, altitude, orientación, profundidade do solo e afección do gorgullo e da ‘Mycosphaerella”, explica.

Navigator traballa cun total de 10 clons (7 de glóbulus e 3 híbridos), así como con planta de nitens procedente de semente. “Temos 3 clons de globulus operativos ó 100% e 4 en desenvolvemento pero xa en plantacións forestais. Tamén temos un híbrido de eucaliptus saligna e eucaliptus rudis xa contrastado en monte e operativo en plantacións, así como outros dous en desenvolvemento”, detalla Óscar.

Para zonas con impacto do gorgullo, Navigator emprega un híbrido de eucaliptus saligna e rudis, pouco apetecible para a praga e que mellora o rendemento industrial do nitens

O híbrido de eucaliptus saligna e rudis destaca polo seu bo enraizamento e recoméndase para zonas afectadas polo gonipterus, xa que se trata dunha planta pouco apetecible para a praga e que presenta un rendemento industrial superior ó nitens.

Entre os clons de globulus, que acadan un rendemento un 35-40% superior á planta con semente, Navigator conta tamén cun que se aconsella para zonas con micosfarela (G1202), xa que anticipa o cambio á folla adulta, co que reduce o periodo no que é atacable pola micosfarela.

No nitens, para zonas con impacto dos fungos, a empresa decántase por procedecencias subtropicais, con certa tolerancia á ‘Mycosphaerella’, en tanto no interior de Galicia traballa con procedencias de Victoria, que presentan maiores crecementos.

Respecto ó regnans, Óscar sinala que evitan esa especie polo seu menor interese industrial e por problemas que lle ven ao seu manexo forestal.

O programa de mellora xenética de Navigator, que conta co respaldo técnico do Instituto Raíz, é ben valorado no sector, pois presenta un elemento clave na mellora silvícola, a persistencia no traballo. “Un ciclo de mellora do eucalipto é de 15 – 20 anos para ter bos resultados. Non pode depender de vaivéns nas contas dunha industria”, lembra Óscar Fernández.

Os clons de Navigator en Galicia adícanse só a uso da propia empresa, pois carecen de comercialización externa. “Fixemos algún ensaio piloto con algún propietario que nolo pediu, pero basicamente son plantas para os terreos que arrendamos ou mercamos”, conclúe.

Óscar Piñón (Ortigueira)

“O nitens acada un 80% das plantacións e o 20% restante repártese entre globulus e regnans”

Óscar Piñón, propietario dunha empresa forestal adicada a plantacións e corta de madeira, confirma as tendencias xa faladas: “Nos últimos anos, o nitens chegou ó 80% nas novas plantacións e o 20% restante repártese entre globulus e xigante (regnans), que lle come algo ó nitens en zonas sombrías, baixas e húmidas, así coma ó globulus. Tamén se emprega para cubrir faltas en plantacións de nitens, xa que non se ve afectado pola menor luz que recibe”, valora.

O regnans é ademais unha especie en auxe polas altas produtividades que presenta, superiores ó nitens, e aínda que se paga lixeiramente menos, ten un mercado superior a hai anos, valora Óscar.

En canto a zonas con impacto de micosfarela, Óscar Piñón decántase polo Max Verde de Mañente: “É unha planta con vigor e con tolerancia á enfermidade. Dá moi bo resultado”, afirma.

O caso de Asturias
Mentres tanto, en Asturias, onde ata agora estaba vetado o eucalipto nitens, o Goberno rexional proxecta autorizalo en zonas puntuais de xeito inminente, se ben tamén advertiu de que evitará a substitución de piñeirais por eucaliptos nitens, na liña da moratoria a novas plantacións de eucalipto vixente en Galicia ata o 2025.

A fertilización, peza clave na sanidade e produtividade do eucalipto

Xunto coa mellora xenética da planta forestal, outro factor sobre o que inciden viveiros, propietarios e empresas é a correcta fertilización das plantacións. “O propietario galego e asturiano adoptou a fertilización de plantación como unha rutina máis. Viron o resultado e case todos o fan, pero a partir do primeiro ano, é extraño o propietario que fai unha refertilización ou abonado de mantemento”, cuestiona Federico Ruiz, de Ence.

A consecuencia da escasez de abonados de mantemento é un menor crecemento das plantacións: “As demandas da planta non están cubertas polos nutrintes do solo -analiza Federico-. “Por outra parte, as necesidades da planta cambian cos anos, os dous primeiros anos necesitamos desenvolver a raíz e a partir de aí a parte aérea”, sinala.

Ence avoga por unha fertilización de mantemento entre o terceiro e o sexto ano, en parcelas previamente desbrozadas e cun equilibrio de abono con máis nitróxeno e potasio que fósforo, así como con microelementos como o boro.

Desde Viveros Mañente, son partidarios tamén dunha fertilización inicial cun abono orientado a crear raíz na planta, con abonados de mantemento no primeiro ou no segundo ano.

No caso de Navigator, nas súas plantacións fan un mínimo de 3 abonados, un de fondo e outro de cobertera no ano 0 da plantación, así como outro de mantemento ós 4-5 meses. A partir de aí, faise unha análise de solo e é probable un posterior abonado de mantemento, en función dos resultados.

Desde os propietarios forestais, Manuel Galdo, de Promavi, apunta outras particularidades a ter en conta, como a das zonas con ventos fortes, onde quizais é recomendable non abonar o primeiro ano, para dar tempo a que a planta enraíce antes de que comece a medrar e a ser máis susceptible ó vento. Neses casos, unha opción sería facer o primeiro abonado pasado un ano da plantación.

Para a fertilización das plantacións, hai distintas opcións no mercado, como os abonos de liberación lenta de Haifa e ICL, este último utilizado por Ence, así como un novo abono que introduciu este ano Mañente, o Top Forest (Timac Agro), que se distribúe no momento da plantación na superficie, en lugar de enterrarse.

A gran demanda mantén forte o eucalipto, en tanto o piñeiro estabilizouse en valores altos

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información