O bidueiro, coidados en rexenerados naturais e repoboacións

A madeira do bido, unha especie moi apreciada en Escandinavia ou Norteamérica, a penas ten usos produtivos en Galicia polo descoido das masas naturais. Repasamos os tratamentos silvícolas aconsellados da man dunha guía da Asociación Forestal de Galicia

O bidueiro, coidados en rexenerados naturais e repoboacións

Masa de bidueiro de 26 anos, podada e con boa espesura. / Imaxes: AFG.

O bidueiro é unha das frondosas caducifolias máis habituais en Galicia, só por detrás do carballo (Quercus robur) e do cerquiño (Quercus pyrenaica). A súa expansión nas últimas décadas, igual que sucede coa maioría das frondosas, débese en boa medida ó abandono de tradicionais aproveitamentos agrícolas e gandeiros, sobre todo en montes de matogueira de montaña. Sen embargo, a pesar da abundancia da especie, a maioría das masas de bidueiro non ten ningún futuro produtivo, ó carecer de tratamentos silvícolas.

As rexeneracións naturais de bidueiro caracterízanse por un poboamento denso. Esa densidade favorece unha certa poda natural, un elemento positivo, se ben, se se quere propiciar o desenvolvemento da masa con fins produtivos, será necesario proceder a desmestas e rareos para elixir os mellores pés e potenciar o desenvolvemento das árbores en copa, altura e anchura.

Da man da Guía de tratamentos silvícolas para a produción de madeira de bidueiro, coordinada por Juan José Villarino e editada pola Asociación Forestal de Galicia (AFG), facemos a continuación un repaso polas características da especie e polos coidados que precisa.

Masa natural de bidueiro en expansión.

Masa natural de bidueiro en expansión.

Presenza en Galicia
O bidueiro ten presenza en Galicia sobre todo nas comarcas interiores, caracterizadas por un clima máis continental e invernos fríos, caso da Terra Cha, montañas orientais e en xeral en toda a metade norte da comunidade. Nas zonas de clima litoral atlántico, principalmente nas que teñen un matiz máis mediterráneo (Rías Baixas, Baixo Miño), é menos frecuente.

A colonización natural da especie adoita partir das ribeiras e das valgadas cara as encostas. Se hai luz e humidade abondo, a masa esténdese con rápidez, xa que tolera chans pobres en nutrintes, con elevada acidez e mesmo con encharcamento estacional. Pola contra, non lle conveñen os lixeiros ou demasiado secos e filtrantes, sobre todo con exposición sur.

Usos da madeira
A madeira de bidueiro é moi apreciada no norte de Europa e tamén en Norteamérica, zonas nas que é usada para mobles, parqué e para pasta de papel. Tamén se emprega para taboleiros de febras e é moi valorada para utensilios como útiles de cociña.

Clasificación do bidueiro nun parque de madeira de Canadá.

Clasificación do bidueiro nun parque de madeira de Canadá.

En Galicia, a escaseza de fustes de boa forma e dimensións limita a súa utilización en aplicacións de alto valor, máis alá do seu uso para leñas ou para trituración na industria do taboleiro.

Repoboación
Os rexenerados naturais son os que ocupan a maior parte das masas novas de bidueiros, se ben existen tamén en Galicia repoboacións empregando planta de viveiro.

En repoboacións, o marco de plantación dependerá do tipo de silvicultura que se queira aplicar. Se se quere reducir a execución de rareos, aconséllase un marco relativamente amplo, de 3,5 x 3,5 metros ou 4×3 metros, con arredor de 800 pés por hectárea. Cómpre ter en conta tamén que estas distancias de plantación requiren de coidados máis intensivos os primeiros anos en canto a podas e desbroces.

Rexenerado natural de bidueiro.

Rexenerado natural de bidueiro.

A época de plantación para planta de raíz núa é de novembro a marzo. Se se emprega planta en envase, pode prolongarse a plantación durante a primeira parte da primavera.

Os envases deben ser dun volume suficientemente grande para evitar o enrolamento das raíces, maiores a 200 centímetros cúbicos (c.c.). Para un envase de 300 c.c., unha boa altura de planta está entre 30-50 centímetros. É un tamaño inferior ó das plantas en raíz núa (70-100 centímetros), o que supón un maior retraso no desenvolvemento e maior competencia da vexetación.

Podas
O bidueiro presenta unha menor tendencia á bifurcación que outras frondosas, polo que non esixe de podas tan frecuentes. Para marcos de plantación amplos, unha poda cada tres anos pode ser suficiente.

A época recomendada para a poda é entre maio e agosto, xa que no inverno o bidueiro perde zume polas feridas de poda. A altura de poda debe asegurar alomenos a produción dun toro de tres metros desde a base da árbore. O diámetro da sección do tronco onde se vai podar deberá ter entre 8 e 12 centímetros, de cara a conseguir a maior cantidade de madeira sen nós.

Árbore mal podada. Lugar de corte afastado do fuste e diámetro de pola superior ó aconsellado.

Árbore mal podada. Lugar de corte afastado do fuste e diámetro de pola superior ó aconsellado.

Tratamentos silvícolas
A silvicultura para a produción de madeira de calidade, con pés seleccionados de bo diámetro para serra e chapa, require de turnos de corta dun mínimo de 40 anos. O obxectivo son diámetros entre 30 e 50 centímetros. Para acadar ese obxectivo, será precisa a execución de progresivos rareos.

A intensidade dos rareos dependerá da altura dominante. En pequenas arboredas, a altura dominante pódese definir en base ó exemplar máis alto dunha área de 10×10 metros.

Para alturas dominantes de 10 metros, admítense 720 pés por hectárea, que haberá que ir reducindo a medida que medre a masa. Para 14 metros de altura dominante, recoméndanse 410 pés por hectárea e 250 nos 18 metros de altura dominante.

O turno para serra e chapa é dun mínimo de 40 anos. Para taboleiro, de 30 anos

Esquema para madeira para moer
Son posibles outros esquemas para a produción de madeira, cun turno de 30 anos -similar ó do piñeiro- dirixido a madeira de trituración para taboleiros, nos que só habería que aplicar un único rareo. Podería seguirse entón un esquema deste tipo:

– Plantación a 3,5×4 metros: 715 pés por hectárea
– Rareos ós 20 anos de 350 pés: obtención de 45 metros cúbicos por hectárea.
– Corta final ós 30 anos de 365 pés: obtención de 165 metros cúbicos por hectárea.
– Crecemento medio anual: 7 metros cúbicos por hectárea.

Por último, nas plantacións é preciso ter en conta posibles danos orixinados por corzos. En zonas de abundancia de corzos, poden producirse danos por fregas das cornamentas dos machos. Outro tipo de danos, como os ocasionados polo beliscado das árbores novas, non se dan nos bidueiros, pois trátase dunha especie que ten pouca apetecibilidade para o corzo e non a morde, a diferenza do que sucede con outras árbores con atractivo para o animal, caso da cerdeira.

En bidueiro, non será precisa, por tanto, a colocación de tubos protectores, pois os danos por fregas das cornamentas rexístranse cando a árbore xa está crecida e o tubo protector non serviría para evitar ese dano.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información