Claves para que as frondosas autóctonas sexan unha alternativa rendible para madeira

Un dos maiores expertos peninsulares nas frondosas, Froilán Sevilla, apunta algúns dos principios básicos para lograr optimizar o seu aproveitamento. A aposta pola calidade, a transparencia na venda da madeira ou a formación dos produtores resultan imprescindibles para incrementar o valor de especies como carballos, rebolos ou castiñeiros

Claves para que as frondosas autóctonas sexan unha alternativa rendible para madeira

Xestión dunha masa de frondosas en montes da provincia de Ourense.

Converter as frondosas autóctonas nunha alternativa forestal atractiva para os propietarios é un dos principios cos que traballa Froilán Sevilla doutor enxeñeiro de montes e Xefe de Sección Territorial Merindades, na Xunta de Castela e León. Sevilla, que participou recentemente nunhas xornadas para a valorización das frondosas celebradas en Lugo, organizadas polo Distrito IX Lugo-Sarria, incide en que a silvicultura é a ferramenta fundamental para lograr dar valor a estes montes, aínda que tamén se requiren outros cambios na xestión dos bosques autóctonos.

“A diferenza do que ocorre en Europa, en España apenas se desenvolveu selvicultura de frondosas”: Froilán Sevilla, enxeñeiro de montes

“A diferenza do que ocorre en Europa, en España apenas se desenvolveu silvicultura de frondosas. Navarra é a comunidade máis avanzada neste sentido, cunha porcentaxe de curta do 15% sobre o crecemento das frondosas”, explica.

Nos bosques da Sección Territorial IV de Burgos que xestiona, Sevilla aposta por un modelo de xestión de mínima intervención, centrado en dirixir os procesos espontáneos cos mínimo gastos, a través de aproveitamentos.”É fundamental comprender ao máximo os cambios no ecosistema, á fin e ao cabo a selvicultura é unha aplicación da ecoloxía forestal”, valora.

Apostar pola calidade

Na xestión das masas boscosas de frondosas autóctonas como carballos, rebolos ou castiñeiros é primordial apostar pola calidade. “A diferenza dos eucaliptos, nos que a rendibilidade se pode basear na cantidade, nas frondosas autóctonas é fundamental apostar pola calidade”, reivindica Sevilla.

En función da calidade, a madeira de frondosas autóctonas pode terminar utilizándose para ebanisterías, desenrolo, chapa á plana ou no caso dos carballos, para cubas de viño. Todo iso se teñen unha gran calidade e logran o que no mercado francés, un dos máis especializados neste tipo de madeira, se coñece como de calidade A. “Conseguir madeira da máxima calidade é extremadamente difícil. Require de coñecemento, actuacións coidadosas, mellora progresiva en función dos resultados e unha continuidade ao longo das décadas que é moi difícil de alcanzar en España”, recoñece Sevilla.

As árbores aínda con boa madeira pero que teñen un ou dous nós pequenos cada metro lineal considéranse de calidade B e poden empregarse para serra de alta calidade, mobles e parqué. Os exemplares con nós sans, considerados como de calidade C no mercado francés, destínanse a serra de calidade media. Mentres, a madeira con moitos defectos e nós saltadeiros, clasifícase como de calidade D en Francia, e emprégase en serra de baixa calidade como travesas. A peor madeira utilízase como leña ou en trituración. “En carballos e rebolos hai demanda mesmo para a madeira de serra mediocre (calidades C e D); aínda que non teñamos pés ben conformados, se son sans e grosos xa presentan madeira de serra aproveitable”, concreta.

En función da calidade de peza, un carballo pode pasar de pagarse a 20 euros euros o metro cúbico a alcanzar os 400 euros

Sobre todo en especies como o carballo ou o rebolo, lograr madeira de calidade permite incrementar o prezo considerablemente. “A diferenza de prezo por unidade de volume no carballo é da orde de 20 veces: 20 euros por metro cúbico para leña, os exemplares de menor calidade, e de 400 euros metro cúbico para o carballo que serve para chapa”, detalla Sevilla.

Á marxe da calidade, unha das claves para lograr oportunidades para a comercialización de frondosas autóctonas é contar cun mercado transparente que ofreza información sobre os prezos que se pagan pola madeira. “Todos os actores deben coñecer o que se compra e vende, as súas calidades e prezos”, apunta. Para Sevilla tamén é fundamental evitar os oligopolios. No caso das frondosas o maior perigo é a escaseza de compradores.

Lograr madeira de calidade

Para conseguir madeira de calidade nestas especies pódese apostar por baixas densidades de árbores e moitos coidados ou por unha alta densidade e traballos puntuais, de maneira que sexa a natureza quen realice a maior parte do traballo para despois ir facendo unha selección dos exemplares con mellores aptitudes.

As masas con alta densidade de árbores espontáneas é unha opción viable para lograr madeira de calidade

Nos montes de Burgos que xestiona Sevilla están a apostar por altas densidades. “Para conseguir madeira de calidade en frondosas é fundamental partir dunha elevada densidade inicial, de varios miles de pés por hectárea, para que os troncos tendan a crecer en vertical, as ramas sexan finas e exista unha ampla base sobre a que seleccionar”, detalla o enxeñeiro de montes.

Neste sentido, Sevilla recomenda centrar esforzos nunha selección adecuada cun marcado correcto e lograr o mellor prezo por exemplar, máis aló de gastar tempo e diñeiro en pescudar o volume por hectárea.

As frondosas en Galicia

En Galicia, a superficie de frondosas autóctonas é de máis de 400.000 hectáreas, o que supón o 14% da superficie galega e o 29% do arborado. A maior parte son carballeiras de Quercus robur (124.780 hectáreas) seguido de carballeiras mixtas con outras frondosas autóctonas (121.665) aínda que tamén hai un importante número de soutos e bidueirais que ocupan unhas 46.455 hectáreas. A elas súmanse repoboacións novas de frondosas e bosques de ribeira ou Quercus pyrenaica (rebolos).

Tanto os carballos como os castiñeiros atópanse entre as especies mellor pagadas no mercado internacional de madeira de calidade. Ademais, en España hai unha gran demanda non cuberta de especies como o rebolo, aínda que segundo apunta Sevilla, os carballos e en especial os rebolos, requiren dunha silvicultura complexa para lograr madeira de máxima calidade.

“O produto que se ofrece en Galicia é de moi baixa calidade e cun volume mínimo, o que en absoluto se corresponde coa súa importancia en extensión”

Segundo os datos do Observatorio Forestal da Xunta de Galicia, a corta anual de frondosas caducifolias con destino industrial en Galicia sitúase nos 250.000 metros cúbicos, case todos en montes de xestión privada. “O produto que se ofrece en Galicia é de moi baixa calidade e cun volume mínimo, o que en absoluto se corresponde coa súa importancia en extensión”, reivindica Sevilla.

Unha das claves para mellorar as oportunidades para as frondosas autóctonas en Galicia pasa por dispor de unidades de xestión de suficiente tamaño, tal e como indica Sevilla, dado o minifundio que caracteriza o monte galego. “Sería mellor contar con propiedades de máis de 50 hectáreas, pero tamén serven 20 hectáreas e asociacións para a xestión”, apunta.

A pesar da baixa taxa de extracción de madeira de frondosas, Sevilla pon máis o foco en mellorar á hora de como se corta e non tanto no volume que se logra, para comezar a valorizar a produción de madeira de calidade.

Outro dos aspectos nos que incide o técnico para mellorar o aproveitamento das frondosas en Galicia é na necesidade de proporcionar unha maior formación sobre as oportunidades e a xestión que se precisa para o aproveitamento dos bosques autóctonos. “É importante contar cunha rede de bosques demostrativos que axuden a comprobar de maneira directa as pautas a aplicar e ver os resultados”, apunta.

A importancia da silvicultura

Unha silvicultura adecuada pode acelerar o crecemento das frondosas autóctonas. Para lograr resultados é fundamental realizar unha selección adecuada das árbores con mellores aptitudes a idade temperá e traballar desde o primeiro momento a favor de pés ben conformados e vigorosos. “A mera extracción de pés maderaibles ou leñosos non é silvicultura”, comenta.

Sevilla recomenda coidar a selección das árbores a cortar, de maneira que se faga por un profesional na xestión da masa arbórea e prestando atención ás primeiras curtas.

“A idea de que os carballos apenas teñen un elevado potencial de crecemento provén dos malos tratos seculares aos que se viron sometidos. Cando as árbores sufriron repetidos danos non se pode aspirar a madeira de calidade, pero cando unha selvicultura selecciona progresivamente os pés máis vigorosos e mellor conformados, a situación cambia radicalmente”, argumenta o enxeñeiro de montes.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información