Avanzan os traballos para establecer hortos clonais de carballos e bidueiros seleccionados

A Fundación Paideia, en colaboración coa Consellería do Medio Rural, está a impulsar a mellora xenética de ambas especies

Avanzan os traballos para establecer hortos clonais de carballos e bidueiros seleccionados

O director xeral de Planificación e Ordenación Forestal, José Luis Chan, durante a súa visita ás instalacións de Cultigar.

Avanza a investigación sobre a mellora xenética do carballo e do bidueiro para lograr planta de calidade. Trátase dun proxecto co que buscan reproducir in vitro exemplares óptimos e resistentes destas especies e dispoñer de hortos clonais de ambas. Os traballos estanse a desenvolver no laboratorio de biotecnoloxía vexetal Cultigar, situado no concello coruñés de Brión. Este mércores o director xeral de Planificación e Ordenación Forestal, José Luis Chan, coñecía de primeira man os avances nunha visita ás instalacións do laboratorio.

O proxecto é froito dun convenio de colaboración no que participan a Fundación Paideia, o Centro de Investigación Forestal (CIF) de Lourizán e a Consellería do Medio Rural, a través da Dirección Xeral de Planificación e Ordenación Forestal, e cunha aportación da Xunta de máis de 173.000 euros.

No caso dos carballos, o proxecto busca continuar coa reprodución e mantemento in vitro dos descendentes de 20 xenotipos de Quercus Robur. Estase a realizar no viveiro de Cultigar e no Centro de Investigación Forestal de Lourizán, situado en Pontevedra. Actualmente, estase a manter un cultivo in vitro de ao redor de 2.100 brotes repartidos en 65 xenotipos de carballo distintos. No ano 2021 transferíronse ao CIF de Lourizán 215 plantas en bandexa, das que se pasaron a campo 128. A estas sumáronse 43 plantas procedentes do viveiro de Cultigar. Así, finalmente, plantáronse un total de 171 carballos en marzo de 2022.

Ó longo deste ano continuouse co enraizamento e aclimatación dos diferentes xenotipos para conseguir maior número de copias e poder instalar un horto clonal, un tipo de horto creado con material vexetativo, como enxertos ou estacas, de fenotipos seleccionados, neste caso de carballos.

Todos os xenotipos que se seleccionaron para ser multiplicados in vitro foron escollidos polas súas boas calidades de cara á explotación forestal. A metade desta plantación enviarase ao viveiro da Falmega, en Oroso, dependente da Dirección Xeral de Planificación e Ordenación Forestal, para pasalas a maceta, mentres que o resto quedará en Cultigar para ser sometido ao mesmo proceso.

Plantación de bidueiros

Cos bidueiros acontece unha situación semellante. Actualmente, estanse a desenvolver traballos nas parcelas de Bóveda e Pígara, na provincia de Lugo, intentando reproducir os mellores exemplares mediante cultivo in vitro e poder establecer un horto clonal que produza sementes de calidade.

Neste caso, ademais da Consellería do Medio Rural, do CIF de Lourizán e de Cultigar, precísase da colaboración en conxunto doutras entidades, como a Universidade de Santiago de Compostela, a empresa pública Seaga, do Grupo Tragsa e o Centro Tecnolóxico e Forestal da Madeira.

O centro de Lourizán participará nos traballos de identificación dos pés plantados nas parcelas e na caracterización fenotípica para seleccionar os mellores exemplares. Por outra banda, Cultigar encargarase de poñer a punto o cultivo in vitro dos bidueiros e estudará a súa viabilidade.

Plan forestal

Estas actuacións desenvólvense no marco do Plan Forestal de Galicia 2021-2040 “Cara á neutralidade carbónica”, no seu Eixe 1 sobre contribución do monte galego á conservación da natureza e á prestación doutros servizos ambientais que establece concretamente a aposta pola conservación e mellora dos recursos xenéticos forestais.
Ademais, en relación co Eixe 4, sobre os recursos forestais e a cadea monte-industria, este convenio desenvolve traballos vinculados co Programa de fomento da produción de madeira de frondosas de alto valor (castiñeiro, nogueira, cerdeira, bidueiro).

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información