Listaxe dos beneficiarios das axudas da Xunta para a plantación de 20.800 castiñeiros para froito

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a resolución pola que se aproban estas achegas, que beneficiarán a 69 expedientes

Listaxe dos beneficiarios das axudas da Xunta para a plantación de 20.800 castiñeiros para froito

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a resolución mediante a cal se destinan preto dun millón de euros para o fomento de plantacións de castiñeiro para froito e para a mellora de soutos tradicionais. Estas achegas enmárcanse no Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia de España, financiado pola Unión Europea Next Generation EU.

Podían ser beneficiarias desta liña aquelas persoas físicas ou xurídicas que foran titulares dos terreos obxecto da subvención; así como as agrupacións forestais de xestión conxunta ou Comunidades de Montes Veciñais en Man Común. Con todo, dos 69 expedientes aprobados, máis da metade corresponden a propietarios particulares de forma individual. Do orzamento total aprobado o 60,25% corresponde a Lugo; o 16,15% a Ourense; o 13,34% á Coruña e o 10,26% a Pontevedra.

beneficarios axudas castiñeiro froito 23

Con estas axudas, prevese plantar preto de 20.800 castiñeiros para froito, que contribuirán a reforzar o papel de Galicia como a principal comunidade autónoma en produción e exportación de castañas de España, xa que absorbe máis da metade da produción nacional e unha porcentaxe similar das comercializadoras e industrias de primeira e segunda transformación vinculadas a este aproveitamento forestal.

O obxectivo principal destas achegas é fomentar as plantacións de castiñeiro para froito e a rexeneración e/ou mellora de soutos. As actuacións que poden ser obxecto de subvención son, no referido á plantación, aqueles gastos derivados da preparación previa do terreo, a adquisición de planta, o tratamento da vexetación preexistente ou a achega de recursos hídricos.

Mentres tanto, no relativo á rexeneración, cubriranse actuacións silvícolas necesarias e as rozas selectivas, que afectarán preferentemente ás especies heliófilas ou aquelas cuxo excesivo desenvolvemento poida comprometer á viabilidade do arboredo ou a biodiversidade das especies do subpiso do souto. Ademais, priorizarase a eliminación do eucalipto, a acacia negra, a mimosa, a falsa acacia e piñeiros.

Cabe lembrar que estas axudas enmárcanse no Programa estratéxico do castiñeiro e da produción da castaña, contemplado nos obxectivos da 1ª revisión do Plan Forestal de Galicia 2021-2040 “Cara á neutralidade carbónica”. Nel defínense cinco eixes de intervención cun total de 36 actuacións a levar a cabo entre o 2022 e o 2040 para contribuír á conservación e posta en valor do castiñeiro.

Ligazón á resolución no DOG

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información