O Inventario Forestal Continuo de Galicia, que presentou os seus primeiros resultados esta mañá, soluciona o baleiro de datos sobre superficies forestais que arrastraba a comunidade desde o 2011, cando se publicaran as cifras do Inventario Forestal Nacional IV. O novo traballo ponlle números á evolución do monte galego, cunha conclusión clara: Galicia ‘eucaliptízase’ (nalgunhas comarcas), pero sobre todo ‘frondosízase’, pois o aumento máis espectacular da superficie forestal corresponde ás frondosas caducifolias (carballos, rebolos, bidueiros, castiñeiros, etc.).
En números totais, Galicia ten na actualidade 619.000 hectáreas de frondosas, 422.000 de piñeiros e 409.000 de eucaliptos [Táboa de datos]. ¿E como cambiou o escenario en comparación co 2011?. Pódese facer unha aproximación, pero non se pode saber con exactitude, pois o Inventario Forestal Nacional (2011) traballaba con parcelas de mostreo que ofrecían datos imprecisos, en tanto o Inventario Forestal Continuo de Galicia (2023), a cargo das Universidades de Vigo e de Santiago, incorpora unha metodoloxía afinada, cun seguemento satelital de pixeles de 10×10 metros durante 36 meses (2020-2022).
O uso de imaxes satelitais disparou os custos, pero a Xunta, que investiu nos traballos 3 millóns de euros, considera que son cartos ben empregados, segundo sinalou hoxe o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, durante a presentación do Inventario.
Tendo en conta a diferenza de precisión entre o novo inventario e o anterior, se collemos as estimacións da Asociación Forestal de Galicia sobre os datos do Inventario Forestal Nacional (2011), Galicia tiña hai algo máis dunha década 483.000 hectáreas de frondosas, 562.000 de piñeiro e 368.000 de eucalipto.
Se se comparan estas cifras coas do Inventario Forestal Continuo de Galicia, detéctase un aumento significativo de frondosas caducifolias (+ 138.000 hectáreas) e do eucalipto (+ 39.000 hectáreas), en tanto o piñeiro tería perdido unhas 140.000 hectáreas en pouco máis dunha década.
Interpretación dos datos
Os datos confirman unha tendencia que xa se viña producindo nas décadas anteriores: as frondosas gañan terreo no interior, nas provincias de Lugo e Ourense, en antigas zonas agrarias que van quedando abandonadas, en tanto o eucalipto aumenta sobre todo en determinadas comarcas, como o interior da provincia da Coruña e algunhas comarcas do interior de Lugo.
Entre tanto, o piñeiro perdeu espazo, ben pola substitución de piñeirais cortados por plantacións de eucalipto, ben por lumes ou ben por abandono do terreo, sen rexeneración tras corta.
É probable que esta tendencia de diminución do piñeiro e suba do eucalipto persista nas próximas actualizacións anuais do Inventario Forestal Continuo, pois na superficie actual de piñeiros compútanse 28.000 hectáreas en rexeneración nas que aínda non se puido identificar a especie plantada. Esas hectáreas non serán de piñeiro na súa totalidade, pois ata a moratoria do eucalipto, vixente desde mediados do 2021, a tendencia habitual era a corta de piñeiros para plantar eucaliptos.
Respecto ó aumento das frondosas, cómpre precisar que no Inventario Forestal Continuo téñense en conta tódolos bosques de ribeira e franxas de frondosas á beira de infraestruturas, algo que non era capaz de medir o Inventario Forestal Nacional (2011), que con probabilidade subestimaba a superficie real de frondosas. Deste xeito, o aumento real das masas de frondosas é seguramente menos espectacular do que aparentan os números do novo Inventario Forestal Continuo de Galicia.
Aproveitamentos: dispoñibilidade técnica e legal
Xunto co cálculo de superficies por tipo de especie forestal, outro dato relevante que ofrece o Inventario Forestal é a dispoñibilidade técnica e legal do aproveitamento. Para evaluar se a parcela é máis ou menos favorable, a nivel técnico tívose en conta o tamaño da parcela, a súa pendente e a distancia a cargadoiro. En cuestións legais, valoráronse as distintas afeccións da parcela (faixas de seguranza con vivendas, espazo natural protexido, ríos, presenza de patrimonio cultural, etc.).
Sobre esa base, clasificáronse as parcelas como favorables, intermedias ou desfavorables. Unha conclusión de interese que deixa a análise é que algo máis dun terzo da superficie de eucalipto atópase en zonas intermedias (18%) ou desfavorables (18%) para o aproveitamento. En piñeiro, a porcentaxe é do 71% favorable, 15% intermedio e 14% desfavorable.
Un terzo dos eucaliptos atópase en zonas que teñen unha dispoñibilidade de aproveitamento desfavorable ou intermedia
No caso das frondosas, especies que presentan un aproveitamento industrial residual, máis aló do seu uso para leñas domésticas, un 46% da superficie atópase en zonas favorables para o aproveitamento, en tanto outro 23% en zona intermedia e un 31% en zonas desfavorables. Cómpre ter en conta que gran parte das superficies de frondosas ubícanse en zonas montañosas ou de Rede Natura, o que restrinxe as posibles cortas.
Moratoria do eucalipto, que facer?
O Inventario Forestal Continuo de Galicia era a base de partida que agardaban tanto a Xunta como a cadea forestal para abrir o gran melón que está pendente enriba da mesa. Que facer cando remate no 2025 a moratoria de plantación de novas superficies de eucalipto?. Agora que co Inventario xa se coñece o ‘minuto e resultado’, tanto a nivel de Galicia como de cada Distrito Forestal e concello, toca abrir o debate.
“Quizais en determinadas zonas, desfavorables para o aproveitamento, haxa que reemprazar eucaliptos por outras especies” (Juan Picos, UVigo)
“Máis interesante que os datos en si, o Inventario o que permite é unha análise de causas e de ideas para mellorar a situación” -opina Juan Picos, director da Escola Politécnica de Pontevedra (UVigo) e coordinador do Inventario Forestal-. “Se por exemplo, valoramos as superficies de eucalipto que teñen un grao de aproveitamento intermedio ou desfavorable, ó mellor concluímos que en determinadas zonas hai que reemprazar eses eucaliptos por outras especies. Ou que en zonas con propiedade moi fragmentada é conveniente impulsar agrupacións de xestión conxunta da propiedade forestal”, sinala Picos.
Evolución de piñeiro e frondosas
O descenso da superficie de piñeiro que amosa o Inventario é un dos elementos que xeran inquietude no sector, pois existe unha cadea industrial de máis de 200 aserradoiros e industrias que teñen nas coníferas a súa actividade principal. É certo que a suba do prezo da madeira de piñeiro, unida á moratoria do eucalipto, está a favorecer a plantación de coníferas, pero se esa moratoria desaparece, é previsible un horizonte futuro de desabastecemento de madeira de piñeiro.
No tocante ás frondosas, a cuestión pasa por buscar oportunidades de cara ó futuro. Se ben boa parte das superficies de frondosas carecen de silvicultura e, por tanto, teñen un escaso interese para a industria forestal, o feito de que haxa un 46% de frondosas en zonas con dispoñibilidade técnica e legal para a súa corta é un dato importante, pois fala da oportunidade de futuro que habería se estas masas se sometesen a un manexo silvícola (podas, rareos, etc.).
Máis datos
De cara a próximos anos, a intención do equipo que está a desenvolver o Inventario é a de chegar a ofrecer datos concretos sobre as especies de cada grupo. É dicir, en eucalipto, a superficie de eucalipto globulus e nitens; en piñeiro a superficie de piñeiro do país, radiata e silvestre; e en frondosas a superficie de carballos, rebolos, castiñeiros ou bidueiros, entre outras árbores.
Accesibilidade ós datos e mapas
Tódolos mapas e datos estarán a partir do próximo luns dispoñibles na páxina web do Inventario Forestal Continuo de Galicia. Serán mapas con información xeorreferenciada (WMS) e poderanse conectar coas distintas aplicacións de información xeográfica que hai no mercado.