A innovación tecnolóxica está a disparar a potencialidade de usos da madeira, que a maiores dos seus usos tradicionais, vaise introducindo en novas aplicacións en substitución doutros materiais con maior pegada de carbono e impacto ambiental, como plásticos e aleacións metálicas. Unha das innovacións, que se presentou recentemente en Lugo nun congreso sobre as frondosas caducifolias, é a madeira densificada, un produto que multiplica ata por 10 a resistencia e dureza da madeira tradicional.
Dúas industrias europeas presentaron en Lugo a súa liña de traballo coa madeira densificada, que xa se está a empregar en produtos comerciais. A madeira densificada obtense por unha combinación dun proceso químico cun proceso mecanico, que inclúe a aplicación de calor e de presión para aumentar a densidade orixinal da madeira natural.
É un proceso que se pode aplicar con calquera madeira, incluso con madeiras brandas de crecemento rápido, como poden ser algunhas frondosas caducifolias, caso do chopo.
As dúas industrias que presentaron a súa experiencia en Lugo, nun simposio organizado por XERA, dirixen os seus produtos a mercados moi diversos: desde produtos para a construción estrutural ata instrumentos musicais ou tarxetas de crédito feitas en madeira.
Construción con bidueiro densificado
A primeira das ponencias sobre madeira densificada, feita por Pekka Ritvanen, CEO e xefe de tecnoloxía de Avantwood (Finlandia) e titulada “Densificación e tratamento térmico para construción con bidueiro, centrouse en explicar a nova tecnoloxía que vén desenvolvendo nos últimos anos esta compañía finlandesa. Este proceso recibe o nome de Thermo- Mechanical Timber Modification (TMTM™), é dicir, modificación termo-dinámica da madeira, principalmente de bidueiro.
É unha actualización dun sistema que xa tiña patentado esta empresa desde comezos do 2000, co que conseguiron un sistema que fai a madeira moito máis dura e resistente en moito menos tempo e con menos costes. Ainda que de momento traballan nun ámbito máis enfocado ao local, teñen a aspiración de poder escalar este proceso e poder exportar madeira estructural de calidade, así como a tecnoloxía do propio sistema.
Esta tecnoloxía baséase nun hardware e un software fundamentado no uso dunha Intelixencia Artificial (IA) que vai interpretando en tempo real a estructura atómica da madeira, para poder controlar o proceso en todo momento. Hai un prensado mecánico das láminas de madeira e unha exposición a altas temperaturas que fan que este sistema, según conta Pekka, sexa o máis eficiente á hora de converter madeIra de pouco valor en madeira estructural, cunhas características moi diferentes ás orixinais.
A densificación elimina máis do 80% do contido en auga da madeira, co que aumenta a densidade, resistencia e durabilidade
Todo este proceso acontece nunhas cámaras especiais que van monitoreando e reaxustando os parámetros en tempo real, co uso dunha IA. Neste proceso conseguen eliminar entre o 80-90% da auga da madeira, e deste xeito a madeira gaña densidade, estabilidade, durabilidade, impermeabilidade e resistencia.
Ao mesmo tempo defenden que é un sistema ecolóxico, no sentido de que ainda que consume enerxía (prencipalmente para prensar e quentar a madeira), non xera residuos, as máquinas son fáciles de empregar e sobre todo, abre un abano de posibilidades moi grande. Ademais, a madeira en construcción está considerado un material con moita menos pegada de CO2 que calquera dos materiais alternativos, especialmente no referido a uso estructural. Usan tamén productos químicos no proceso, pero insisten en que non son tóxicos nin contaminantes.
A tecnoloxía permítelles crear vigas laminadas para construción estrutural con madeira que inicialmente non sería para ese uso
A principal aplicación que lle dan a esta tecnoloxía é para a creación de vigas laminadas de uso estructural a partir de madeira que orixinalmente non servía para este uso, pero buscan outros usos, pois como din no seu eslogan: ‘Modificamos a madeira coas características que o noso cliente queira, sempre a tempo’.
O seu edificio emblema é o famoso Löyly en Helsinki, referente mundial da arquitectura feita en madeira.
Solucións para usos cotiás
A segunda conferencia foi feita por Oliver Kläusler, xefe executivo de Swiss Wood Solutions AG (Suíza), unha compañía centrada na creación de diferentes produtos en madeira densificada pero sen uso estructural.
Os seus proxectos máis famosos feitos 100% en madeira densificada son, entre outros, a primeira tarxeta de crédito 100% de madeira, instrumentos musicais, bolígrafos, reloxos, pezas de xogos… Tamén son os proveedores oficiais das espinilleiras da selección de fútbol de Suíza e os seus instrumentos musicais destacanpor ter unha acústica e durabilidade superior, con grandes ventaxas para músicos e luthiers.
Nesta compañía, os produtos son desenvoltos por un equipo interdisciplinar de expertos en diferentes aspectos da madeira, tecnoloxía, deseño, certificación, innovación, desenvolvemento corporativo e marketing. Defínense como expertos en buscar solucións ás túas ideas e retos, e din controlar todo o proceso de produción, asegurando a produción sostible e ética.