“Debería recoñecerse máis o labor que desempeñamos os gandeiros para manter vivo o rural”

Os irmáns Andrés e Santiago están á fronte da gandería familiar Cadahías de San Julián SC, en Taboada (Lugo). Dende que asumiron a xestión da granxa apostaron en exclusiva polas vacas frisoas e buscan manterse sendo competitivos sen grandes inversións nas instalacións a curto prazo

“Debería recoñecerse máis o labor que desempeñamos os gandeiros para manter vivo o rural”

Os irmáns Andrés e Santiago Cadahía nas instalacións da súa granxa en Taboada.

A carón do río Miño, ó seu paso polo concello lugués de Taboada, atópase a gandería familiar Cadahías de San Julián SC. Os irmáns Andrés e Santiago Gómez Cadahía asumen a xestión da granxa de vacún de leite situada na parroquia de Ínsua San Julián. O primeiro en incorporarse á gandería foi Andrés e logo fíxoo Santiago, o irmán máis novo; hai xa 12 anos. Daquela estrearon tamén as instalacións actuais da gandería.

“Eu estudara Maxisterio, pero un problema de saúde de miña nai fixo que me decidise a botar unha man na casa e incorporarme á granxa”, recorda Andrés. Hoxe, parece non se ter arrepentido da decisión. Aínda que recorda esa vocación inicial, amósase satisfeito do traballo cos animais no seu día a día e do papel das ganderías no rural.

“Séguese infravalorando o campo, e sen os produtores non se sostería o rural”

Na gandería Cadahías reivindican o apaixonante que resulta o traballo no agro e cos seus animais, pero recoñecen que este é aínda un sector moi pouco valorado, a diferenza do que acontece noutros países como Irlanda, Alemaña ou Austria. “Séguese infravalorando o campo, e sen os produtores non se sostería o rural. O peche das ganderías é un problema grave para moitos núcleos rurais. Creo que debería recoñecerse o labor importante que desempeñamos os gandeiros para manter o rural”, valora Andrés Cadahía.

Ganderia Cadahías_taboada Lugo

Dende as fincas próximas á granxa pode verse tanto o río Miño ó seu paso por Taboada como a icónica Ponte Mourulle.

A importancia de levar as vacas ó prado

Nesta gandería contan cunhas 160 vacas en produción, cun manexo en intensivo, e outras 40 vacas secas e xovencas próximas ó parto que saen tódolos días ó pasto durante todo o ano. “Nos meses de xullo e agosto esta zona é moi seca e case non teñen pasto, pero con todo, botámolas para o prado polo ben que lles senta para previr problemas, en especial de patas”, explica Andrés.

O rabaño complétase cunhas 70 becerras de recría. “A experiencia demostrounos o importante que é apostar pola recría, é o futuro da granxa. Para nós é fundamental escoller que touros queremos para as vacas da nosa gandería”, recoñecen. Apostan pola recría propia con touros galegos, procedentes de Xenética Fontao como Gigaball, Cady ou San Xurxo, así como animais canadenses, como Porsche, Float e Zaid. “Sempre optamos por bos touros, con resultados probados, xa que é o xeito de ir mellorando o rabaño. Aínda que leve tempo vanse vendo os resultados”, argumenta o gandeiro.

“Sempre apostamos por bos touros, xa que é o xeito de ir mellorando o rabaño”

Dende que Andrés e Santiago xestionan a granxa centráronse na raza Frisoa. “Ás veces diversificar e ter distintas razas no rabaño, como tiñan antes meus pais, tampouco te leva a nada. Nós fixámonos uns obxectivos e decidimos apostar por esta raza para conseguilos”, detallan.

recría frisoa _Amamantadeira_ Gand Cadahías

Acaban de incorporar unha amamantadeira para facilitar os coidados da recría máis nova.

Automatización no día a día

Nesta granxa fan dous muxidos na xornada e teñen unha media de 37 litros por vaca ó día, cunhas calidades de 3,80% de graxa e 3,30% de proteína. O leite comercialízano a través da Cooperativa Aira, coa que teñen outros servizos como a clínica e reprodución do gando e á que tamén lle mercan o penso. “O peor problema do sector é que non podemos repercutir os incrementos dos custos, a diferenza do que acontece noutros ámbitos. Somos conscientes de que dende a Cooperativa se fan esforzos nesa liña, pero a industria segue a mirar para outro lado”, valora o gandeiro.

Teñen un rabaño de frisoas, cunhas 160 vacas en produción e onde apostan pola recría propia

Traballan con sala de muxido e polo momento descartan incorporar robots de muxido. “Para as vacas que temos en produción teriamos que meter tres robots e supón unha gran inversión”, indica Andrés. Foron introducindo outros sistemas de automatización do manexo da granxa como o achegador de comida ou unha amamantadeira para a recría, que é unha das últimas melloras.

achegador comida Lely_ganderia Cadahías

Dispoñen dun achegador da comida que facilita terlle a comida dispoñible ó gando.

No día a día da granxa, Andrés encárgase da xestión dos animais, mentres que os labores da terra recaen habitualmente en Santiago. “Temos as tarefas organizadas así, aínda que nas épocas de maior carga de traballo, como as campañas de ensilado de herba ou millo colaboramos onde se precise”, indican. Ademais dos dous irmáns, na gandería contan con empregados para axudar nas tarefas do día a día.

Alimentación do gando

A alimentación das vacas en produción realízana co carro mesturador que adquiriron novo á Cooperativa, logo de traballar durante anos cun de segunda man e dado que a granxa se atopa fóra das rutas da Cooperativa. “Mercamos os carros en AIRA porque traballan cunha moi boa marca e teñen unha gran capacidade de resposta cando tes unha eventualidade. Nunha máquina que está traballando tódolos días non podes permitirte que falle e, se pasa tes que saber que contas cun servizo que che ofreza solucións no menor tempo posible”, comenta o gandeiro.

A ración das vacas en produción adoita ser de 20 quilos de silo de herba, outros 20 de silo de millo e 11,5 quilos de penso.

Gandería Cadahías

A gandería manexa unha base territorial dunhas 70 hectáreas, das que 30 dedícanas a millo. “Temos alugadas algunhas fincas en Monterroso, xa que alí lógranse mellores producións que nesta zona e compénsanos”, indica.

Puntualmente mercan ademais algún forraxe, principalmente millo, para suplir as necesidades do gando. “Boa parte dos traballos do campo facémolos nós, pero hai tarefas nas que sempre optamos pola cooperativa, como a colleita do millo”, explican.

Gandeiros cooperativistas

Ademais da importancia das ganderías para manter vivo o rural, a familia Candahía tamén recoñece o papel que xogan neste reto as cooperativas agrarias. Eles levan moitos anos sendo cooperativistas, con proxectos que se fraguaron xa a comezos dos anos 80 como a Cooperativa Medela de Taboada e que foron evolucionando e fusionándose ata dar lugar a proxectos de maior envergadura como o que hoxe representa AIRA, da que forman parte. “Meus pais comezaron a traballar coa cooperativa Medela, logo pasamos a ICOS cando se fusionaron e mesmo estiven 9 anos como vicepresidente de ICOS, o que amosa o noso compromiso co proxecto cooperativista”, valora Andrés.

“Hai quen non valora as cooperativas e o papel que teñen, pero abonda fixarse naquelas zonas sen cooperativa para ver que a perda de ganderías é moito máis rápida”

“Hai quen non valora as cooperativas e o papel que teñen, pero abonda fixarse naquelas zonas sen cooperativa para ver que a perda de ganderías é moito máis rápida. A nivel individual é difícil acadar certos servizos que se logran a través da Cooperativa”, reivindica o gandeiro.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información