Currás Xiá, remuda en feminino nunha gandería consolidada con máis de 300 animais

Inés Jul decidiu apostar pola gandería familiar e hoxe, xunto con seus pais, teñen unha das granxas de vacún de leite destacadas de Friol (Lugo). Volver á aldea tamén lle permite conciliar a crianza das súas cativas. Coñecemos máis desta gandería

Currás Xiá, remuda en feminino nunha gandería consolidada con máis de 300 animais

Inés e Montserrat coas cativas na sala de muxido da granxa.

Currás Xiá é unha gandería de vacún de Friol (Lugo) centrada na produción de leite. Ademais, é unha das ganderías familiares onde a remuda veu da man da súa filla, Inés Jul López, que agora se encarga do manexo diario dos animais xunto coa súa nai, Monserrat. Mentres, Plácido, pai, marido e o socio fundador da gandería está máis centrado na xestión das terras.

“Repartímonos o traballo, pero normalmente nós as dúas encargámonos dos animais e das rutinas diarias da granxa, coma o muxido, e meu pai fai o de fóra. Todos somos moi conscientes da importancia que ten tanto o traballo na granxa coma o das terras. Sen un non tería sentido nin sería viable o outro”, apunta Inés. Dende hai algo máis dun ano contan tamén cun empregado que axuda en tarefas como a limpeza dos animais.

Currás Xiá é hoxe en día unha das ganderías destacadas no vacún de leite no concello de Friol. Con máis de 300 cabezas de gando, teñen sobre unhas 140 vacas en muxido e unha produción de preto de 145.000 litros de leite ó mes, que lle vende á cooperativa Aira, da que son socios. Ademais, son unha das ganderías que contan coa certificación de calidade na produción de leite.

Teñen unhas 140 vacas frisoas en muxido e unha produción de preto de 145.000 litros de leite ó mes, que venden á cooperativa Aira, da que son socios

A súa produción media atópase entre os 35 e 37 litros por animal e teñen unhas calidades medias de 3,75% de graxa e 3,27% de proteína. En canto ó reconto de células somáticas atópase nas 179.000 e a bacterioloxía en 18. Teñen unha media de 2,5 partos no rabaño, o que supón arredor duns 120 nacementos ó ano, dos cales o 25% adícano a reposición do rabaño.

Dous sistemas de muxido

Na granxa Currás Xiá todo o rabaño é de raza frisoa. Nas instalacións máis novas, que construíron hai 10 anos, teñen os animais en produción. Recentemente instalaron un robot de muxido, co que aliviar a carga de traballo, pero manteñen tamén o muxido en sala debido ó número de vacas que moxen. Así, as vacas en produción téñenas divididas en dous lotes, en función de se se moxen no robot ou na sala. O muxido é unha das tarefas que fan a diario as dúas mulleres, xunto coa xestión dos animais.

A ración das vacas en produción está adaptada a se se moxen na sala ou no robot

Ó ter estes dous sistemas de muxido tamén as racións están adaptadas a cada un deles. A ración das vacas que se moxen na sala leva 23 quilos de silo de millo, arredor de 20 quilos de silo de herba e 10 quilos de concentrado. Mentres, as vacas que se moxen no robot teñen unha ración de 23 quilos de silo de millo, outros tantos de silo de herba e 5 quilos de concentrado “xa que o resto do penso dáselle no robot”, explica Aurora Vila, técnica de Aira, que se encarga do asesoramento da alimentación na gandería.

Instalacións Currás Xiá

A nave de produción da gandería conta cun sistema automatizado de ventilación nas cubertas.

As instalacións da gandería

En Currás Xiá tamén apostaron pola eficiencia e o benestar dos animais á hora de construír as novas instalacións. Así é que as vacas en produción atópanse nunha nave luminosa, na que entra a luz natural e que dispón ademais dunha cuberta móbil que favorece a ventilación cando é preciso.

Contan cun sistema automatizado de apertura que se activa para conseguir que as instalacións estean ben ventiladas. “Este sistema permítenos ter unha temperatura sempre constante e os animais agradéceno moito”, explica Inés.

“Unha vez preñadas, as vacas están no pasto ata case un mes antes do parto, que volven para a granxa”

Nas instalacións antigas da gandería, situadas a carón da casa familiar, teñen a recría divida por lotes en función da idade dos animais. Porén, os becerros máis novos téñenos na zona lateral da nave de produción. Aínda que é unha granxa cun manexo intensivo, unha vez que as vacas están preñadas botan no pasto ata case un mes antes do parto, que volven para a granxa, quedando xa na nave de produción.

Recría Currás Xiá

Recría da gandería.

Xestión da terra

A gandería xestiona unhas 45 hectáreas de millo que teñen en dúas parcelas, unha delas alugada e outra en propiedade. “O maior problema é que unha das fincas de 20 hectáreas está a 10 quilómetros da granxa”, explica Montserrat.

Dedican 45 hectáreas de millo e 100 hectáreas de herba

Ademais, ensilan arredor dunhas 100 hectáreas de herba. Gústalle ter pradeiras a base de raigrás inglés e diploides. Aínda que se encargan en boa medida da produción dos forraxes, contan cos servizos de maquinaria de Aira para a campaña de ensilado, tanto de herba coma de millo.

Compromiso cooperativista

Currás Xía é tamén unha gandería que cree na importancia de pertencer a unha cooperativa. Na actualidade forman parte de Aira, xa que eran socios de Agris no momento da integración. “Traballamos en todo coa cooperativa. Mercámoslle o penso, vendémoslle o leite, traballamos cos veterinarios de clínica, reprodución, alimentación e calidade do leite. Mercamos abonos, fertilizantes ou sementeiras. Levamos toda a vida traballando coa cooperativa, case debemos levar 30 anos sendo cooperativistas”, comenta a familia.

Gandería Currás Xiá Exteriores

A granxa, un espazo para conciliar a gandería coa familia

Ó comezo da súa vida laboral, Inés tamén quixo probar noutro sector, lonxe da gandería e da casa familiar. Cando rematou cos estudos obrigatorios en Friol marchou para Lugo facer un ciclo de peiteado. Alí viviu tres anos e traballou nun salón de peiteados, pero finalmente decidiu volver para a gandería. “Deixei a vida que tiña en Lugo e víñenme para a casa. A min non me gustaba traballar baixo as ordes dun xefe, non era o meu, e nisto da gandería xa me criei, sabía como era”, recorda Inés.

“Gústame que as nenas estean na granxa coa miña mai e comigo e elas pásano ben aquí”

Hai 13 anos que volveu de Lugo para a casa e 6 que se incorporou á gandería de xeito oficial. O cambio, ademais doutras vantaxes, permítelle ás súas tres fillas pequenas, Uxía, Erea e Iria, desfrutar da gandería. “Gústame que as nenas estean na granxa coa miña mai e comigo e elas pásano ben aquí”, valora a gandeira.

As cativas teñen na granxa o seu espazo propio para xogos e lecer. Así, no despacho da gandería, unha das mesas está dispoñible para que as tres nenas debuxen, pinten e xoguen. “Eu non teño outra persoa con quen deixar as nenas na casa, pero aínda que puidera non has deixaría na casa, eu quero que as nenas estean na granxa con nós”, explica.

Inés levou a conciliación da súa vida profesional coa familiar dende que comezou coa actividade gandeira. “Cando fixo o curso de formación para incorporarse á actividade gandeira estaba no seu segundo embarazo, non faltou case ningún día e veu ata xusto o día do parto. Logo, volveu para rematalo e o marido traíalle a cativa para lle dar o peito cando faciamos os descansos”, recordan Aurora Vila e Maribel Barreiro, persoal da Cooperativa Aira, que impartiu daquela o curso.

As cativas teñen na granxa o seu espazo propio para xogos e lecer

As cativas gozan de estar na granxa e do día a día cos animais. “A pequerrecha moitas veces pon o mandilón e quere vir muxir con nós. Houbo un día que ata se subiu á un tallo como facía súa nai cando era pequena e quixo virme axudar a muxir”, recorda Montserrat, a avoa das nenas.

A estas rapazas o gusto pola gandería e os animais venlle de familia, xa que seu pai, Carlos, é tamén gandeiro e atende xunto con seus pais outra importante gandería de vacún de leite, situada a poucos metros de Currás Xiá.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información