As contas nas granxas de leite: prezos do leite iguais, máis custos e incertezas na PAC

A renovación de contratos coas industrias lácteas apunta a unha repetición dos prezos da pasada campaña, en tanto os pensos soben e continúan as incertidumes sobre a xestión dos xurros e sobre a PAC

As contas nas granxas de leite: prezos do leite iguais, máis custos e incertezas na PAC

Este primeiro trimestre do ano está deixando un escenario que disgusta ás granxas de leite. As propostas de renovación dos contratos, que xa comezaron a presentar industrias como Lactalis e Larsa, apuntan no mellor dos casos a unha repetición dos prezos do pasado ano, en tanto os custos de produción, en especial os do penso, van en ascenso nos últimos meses. Preocupa tamén o decreto ministerial que regulará os xurros, pois poderían ser precisos novos investimentos a curto prazo, e as incertezas que hai sobre as axudas da PAC.

Os números que botan as granxas revelan máis gastos e iguais ou menores ingresos. “Con ese panorama, non estamos de acordo en asinar contratos a un ano con prezo fixo como o do ano pasado, como ofrecen algunhas industrias. Estámoslles propoñendo que se introduzan referencias ós custos de produción, de xeito que se aumentan os prezos dos pensos, iso poida ter repercusión sobre o prezo do leite”, explica Óscar Pose, de Ulega, a organización de produtores impulsada por Unións Agrarias para negociar en conxunto coas industrias.

“Estamos propoñendo introducir unha referenciación a custos de produción nos contratos do leite” (Óscar Pose, Ulega)

Ulega, que xa o ano pasado chegou a acordos con algunha industria para as súas granxas socias, agarda este ano ampliar as negociacións e os acordos a un número maior de empresas.

Entre tanto, as granxas que non están nin en organizacións de produtores nin en cooperativas están a recibir ofertas de contratos similares ós do ano pasado. As propostas inclúen xa todas este ano unha cláusula na que se sinala que os prezos ofertados cubren os custos de produción. “Estanse asinando contratos sen posibilidade de negociar e cuns custos que van en ascenso. Como xa viñamos denunciando, non hai un control que garanta que os prezos do leite vaian cubrir os custos de produción”, cuestiona Ana Rodríguez, do Sindicato Labrego.

Converxencia da PAC

As axudas da PAC, que serven para complementar os ingresos das granxas, comezan ademais a incorporar cambios que poden reducir os apoios para as ganderías nos próximos anos. Esta campaña e a próxima o Ministerio iniciou a converxencia de dereitos da PAC, de xeito que nesta primeira fase se acheguen ó prezo medio de dereitos da correspondente rexión agronómica.

Por agora, é un cambio que para a maioría das granxas é pouco significativo. Haberá quen teña unha reducción de axudas e tamén quen aumente lixeiramente. “En granxas de leite con dereitos especiais, pode haber unha perda significativa, pero na maioría as subas ou baixadas serán pequenas. Peor é a situación nos cebadoiros de becerros, que serán os máis prexudicados”, analiza Javier Iglesias, de Unións Agrarias.

O cambio trascendental para o conxunto do agro chegará no 2023, cando España deixe de ter as 50 rexións agronómicas actuais e pase a ter un pequeno grupo, previsiblemente menos de 10, nas que continuará a converxencia de dereitos.

“Máis que en converxencia de dereitos da PAC, o Ministerio tería que pensar en converxencia de axudas por persoa activa” (Ana Rodríguez, Sindicato Labrego)

“É un proceso que vemos con temor -valora Ana Rodríguez, do Sindicato Labrego-. “O que suceda no 2023 dependerá da rexión agronómica na que quedemos encadrados. Probablemente o máis lóxico sexa crear unha rexión agronómica de toda a Cornixa Cantábrica, pois temos condicións similares”.

A cuestión de fondo para o Sindicato Labrego é que a converxencia de dereitos non implica unha converxencia de axudas por persoa activa. “Quen saia gañando no proceso de converxencia quizais non cobraba menos axudas e quen saia perdendo, quizais non era dos que máis axudas percibía -explica Ana Rodríguez-. Pódese dar o caso dunha persoa con poucas axudas pero cun valor alto dos dereitos, que verá reducidos aínda máis os cartos que percibe da PAC”.

Ecoesquemas e novo ciclo da PAC

“A converxencia das axudas da PAC sabiamos que estaba aí e que tiña que producirse. Outra cousa é como se poida negociar e que compensacións se poidan buscar para as zonas que saiamos prexudicadas, como a mellora das axudas asociadas ou ecoesquemas axeitados”, valora o director da Asociación Galega de Cooperativas Agroalimentarias (Agaca), Higinio Mougán.

“Precisamos ecoesquemas ós que se poidan acoller as granxas de leite, sabendo que imos ter que facer esforzos” (Higinio Mougán, Agaca)

Os ecoesquemas, uns pagos por compromisos ambientais que representarán un mínimo do 20% das axudas directas, serán claves a partir do 2023. A última proposta de ecoesquemas do Ministerio de Agricultura achégase máis ás posibilidades das granxas de leite de Galicia e do resto da Cornixa Cantábrica, aínda que o sector insiste na necesidade de maiores adaptacións.

“Necesitamos ecoesquemas adaptados ós que se poidan acoller unha maioría de granxas, sabendo que imos ter que facer esforzos”, defende Higinio Mougán.

Sobre a proposta de ecoesquemas presentada polo Ministerio, Javier Iglesias, de Unións Agrarias, cre que “hai 3 ou 4 que poden ter bo encaixe en granxas de leite, sempre que se adapten”. “Por exemplo, o ecoesquema de sega de prados e marxes sen segar pode ser útil en Galicia, pero hai que ter en conta que nas parcelas pequenas non é viable deixar marxes sen segar, como se plantea. Tamén hai que pensar que en Galicia moitos cortes de herba van para ensilado, non para herba seca”, valora.

“En inverno quedan parcelas de millo a baldío que se poderían adicar a un cultivo mellorante, como a veza, se hai incentivos para iso” (Javier Iglesias, Unións Agrarias)

Outro ecoesquema adaptable sería o da rotación con cultivos mellorantes. “En inverno en ocasións déixanse as parcelas de millo baldías porque non compensa sementalas cunha rotación de inverno, pero se hai un incentivo para facer unha rotación cun cultivo mellorante, como a veza, podería ser interesante para moitas explotacións”.

Os pagos ambientais por manexo sostible de fitosanitarios ou por plans de abonado son outras dúas liñas que poderían ter encaixe nas granxas de leite galegas, pero quedan aínda moitas incógnitas por despexar. “Vai haber ecoesquemas incompatibles ou vanse poder sumar todos?” -pregúntase Ana Rodríguez, do Sindicato Labrego-. “Tamén nos gustaría saber se se van pagar máis as primeiras hectáreas de cada granxa nos ecoesquemas e que importe vai ter cada liña por hectárea”, engade.

O Sindicato Labrego está traballando con outras organizacións da Cornixa Cantábrica para trasladarlle ó Ministerio unha proposta dun ecoesquema axeitado á Cornixa. “Xa lle presentamos un avance á Consellería e entregarémosllo ó Ministerio en canto o rematemos, ademais de presentar alegacións sobre a actual proposta”, conclúe.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información