Que ecoesquemas da PAC poden encaixar nas granxas galegas?

O Ministerio de Agricultura elaborou unha nova proposta de prácticas agrícolas beneficiosas para o medioambiente que quere primar no próximo ciclo da PAC, a partir do 2023

Que ecoesquemas da PAC poden encaixar nas granxas galegas?

Zona de protección dun río, sen labrar, nunha gandería de Mazaricos. / Arquivo.

A nova Política Agraria Común (PAC), que entrará en vigor no 2023, encamíñase a lograr maiores compromisos ambientais de agricultores e gandeiros, pois un mínimo dun 20% dos pagos directos abonarase por medio dos chamados ecoesquemas. Os ecoesquemas serán liñas de axudas orientadas a primar prácticas que contribúan principalmente a mellorar a biodiversidade e a loitar contra o cambio climático.

A primeira proposta de ecoesquemas, elaborada o pasado ano polo Ministerio de Agricultura, presentaba escasas opcións para as granxas galegas, se ben a nova proposta amplía o abano de alternativas. Repasamos as liñas que poderían ter encaixe en Galicia, a falta de que comunidades autónomas, organizacións agrarias e cooperativas negocien axustes co Goberno. A intención do Ministerio é aprobar os ecoesquemas definitivos esta primavera.

1) Pastoreo extensivo

O ecoesquema de pastoreo oriéntase a apoiar á gandería extensiva, pois enténdese que os pastos contribúen a absorción de carbono dos solos e que diminúen os riscos de incendios, sobre todo en zonas con pastos baixo arborado ou de pastoreo arbustivo.

O obxectivo do pago ás ganderías é impulsar un manexo sostible dos pastos, cunha carga mínima de 0,2 unidades de gando maior por hectárea. A carga máxima dependerá da zona e do tipo de pasto, pero barállase en principio para a España húmida unha carga máxima de 2 unidades de gando maior / hectárea.

A superficie de pastoreo deberá ser aproveitada “a dente”, para o que haberá controis. Unha das vías que propón o Ministerio para comprobar o pastoreo é o emprego de colares GPS nos animais. O pastoreo deberá realizarse polo menos 120 días ó ano e deberanse aproveitar tódalas parcelas solicitadas no ecoesquema.

Primas para Rede Natura, zonas conflictivas por lumes e áreas de lobo e oso
De xeito adicional ó pago base deste ecoesquema, estableceranse pagos complementarios para ganderías ubicadas en zona de Rede Natura, que convivan con grandes carnívoros (osos, lobos) ou que manexen pastos arbustivos en zonas de probabilidade de incendios.

O Ministerio de Agricultura proxecta crear dúas novas capas no Sistema de Información Xeográfica (Sixpac) para clasificar as zonas con probabilidade de incendios, en base ós datos históricos, e as zonas de convivencia de gandería con grandes carnívoros, en base á información que faciliten as comunidades autónomas.

Os pagos modularanse en función do tamaño da granxa, primando ás familiares, e valórase unha axuda diferenciada para pastos permanentes, que capturan máis dióxido de carbono da atmósfera que os pastos temporais, polo que teñen máis importancia para mitigar o cambio climático.

Poderán optar a este ecoesquema granxas de leite e de carne, segundo indica o Ministerio.

2) Manexo apropiado dos pastos: sega de prados e marxes sen segar

É unha liña deseñada trala petición de organizacións agrarias, cooperativas e gobernos da Cornixa Cantábrica, que solicitaban un ecoesquema axeitado para as ganderías que adican ás praderías a ensilar e a herba seca.

O Ministerio propón apoiar a sega dos pastos, sempre que se deixen marxes sen segar para propiciar o aumento da biodiversidade. Regulará ademais o número máximo de cortes da herba ó ano, que deberán ser posteriores á floración e á produción de sementes nas plantas, segundo o borrador do Ministerio.

Preferiblemente, adicaranse os prados a herba seca e no caso de realizarse ensilado, deberá facerse unha correcta xestión dos plásticos. As marxes que queden sen segar poderán aproveitarse a dente, pero sempre despois do 30 de agosto, para garantir que saen adiante as poboacións de mariposas.

Haberá pagos suplementarios para explotacións en Rede Natura e modularanse as axudas para favorecer ás granxas familiares.

3) Agricultura de precisión: plan de xestión de nutrientes

O obxectivo deste ecoesquema é ir máis alá das esixencias de condicionalidade da PAC. En concreto, pídeselle ás explotacións a elaboración de plans individuais de abonado, con asesoramento técnico, que permitan axustar os aportes de nutrientes ás necesidades calculadas dos cultivos, minimizando as perdas e o impacto no medioambiente.

No marco do plan, determinaranse cantidades, momentos e vías de aplicación. Tódolos traballos quedarán recollidos nun caderno de explotación electrónico.

Este ecoesquema anticipa a obriga dun plan de abonado individual, que se esixirá nun futuro por medio do decreto de nutrición sostible dos cultivos, en fase de elaboración. Ese decreto está previsto que teña unha fase de transición ata o 1 de xaneiro do 2027. Desde esa data, só poderán beneficiarse deste ecoesquema as explotacións que queden exentas da obriga do plan de abonado individual. No caso dos cultivos forraxeiros, o decreto esixirá o plan a partir das 20 hectáreas de secano ou 10 de regadío.

4) Plans de uso sostible de fitosanitarios

A estratexia europea ‘Da Granxa á Mesa’ marcouse dous obxectivos claros sobre os fitosanitarios: reducir o emprego de produtos fitosanitarios no campo e evolucionar cara ó emprego de produtos cun perfil de menor toxicidade. En consonancia con ese obxectivo, este ecoesquema propón un incentivo por hectárea para as explotacións que demostren unha redución no emprego de pesticidas.

Para calcular a redución de uso dos fitosanitarios, Agricultura fará un cálculo de emprego de fitosanitarios en cada explotación sobre a base do periodo de referencia 2015 – 2017, establecéndose un obxectivo de redución dun 7% anual en cada hectárea para percibir o pago.

As explotacións que queiran cobrar este ecoesquema a partir do 2023 deberán contar xa no 2022 cun caderno de explotación online no que rexistren as aplicacións de fitosanitarios realizadas.

5) Prácticas para a mellora da biodiversidade

Con este ecoesquema, búscase en especial crear zonas de refuxio e alimento para aves, á vez que se mellora a mobilidade da fauna entre territorios. Apoiaranse dúas prácticas:

O establecemento de marxes cultivadas e illas biodiversas, nas que se poderán plantar especies herbáceas, arbustivas e árbores (por determinar) que convivirán coas especies silvestres. Entre os criterios á hora de elixir especies, haberá que favorecer os hábitats para insectos polinizadores.

Nas marxes cultivadas, inclúense as que están á beira dos cauces de auga, co que entrarían os bosques de ribeira característicos en parte do agro galego. As marxes deberán abarcar polo menos un 2% da superficie da parcela, en tanto as illas de biodiversidade encravadas nas fincas deberán ter un mínimo de 100 metros cadrados.

Non colleitado e tumbado dunha parte da superficie sementada de calquera variedade de cereal (centeo, trigo, etc.) ou oleaxinosa (colza, xirasol, etc.). Trátase dunha vía para facilitar alimento para as aves, sobre todo no periodo verán – outono. Esta medida demostrouse beneficiosa para especies de aves en declive, como perdices, rulas e outras aves ligadas a medios agrarios. O tumbado do cultivo deberase facer antes de que pasen 15 días trala colleita da parcela.

6) Rotación de cultivos con especies mellorantes

O Ministerio propón incentivar a diversificación e rotación anual de cultivos, incluíndo especies mellorantes do solo, como leguminosas e oleaxinosas. O obxectivo é aumentar a fertilidade do solo, reducir as necesidades de fertilizantes e diminuír a incidencia de malas herbas e pragas, usando a rotación como vía de control.

Un dos requisitos é que as explotacións dispoñan alomenos de catro cultivos distintos (tres no caso de explotacións con menos de 10 hectáreas). Como mínimo, o 25% da superficie adicarase a cultivos mellorantes, como a veza, o xirasol ou a colza. A alternancia anual de cultivos nas parcelas será a norma, con excepción dos cultivos anuais. No resto da superficie, poderá haber tamén un 10% de terras que queden á marxe da rotación anual.

7) Agricultura de conservación: sementeira directa

A promoción da sementeira directa busca reducir a erosión do solo e a emisión de gases de efecto invernadoiro, asociados ó laboreo. O ecoesquema, de xeito colateral, asocia a sementeira directa á rotación de cultivos, de cara a reducir o uso de insumos.

Este ecoesquema oriéntase en principio só a zonas erosionadas ou con risco de erosión. En principio, polas características de Galicia e as prácticas máis habituais no campo galego, é un ecoesquema dun interese menor.

Outros dous ecoesquemas diríxense principalmente a cultivos leñosos: mellora do solo mediante cubertas vexetais vivas e alternativas á queima de restos de poda e colleita.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información