¿Estase a dar demasiado penso ás vacas de leite?

A suba do prezo das materias primas, especialmente da soia, colza e millo, está a impactar directamente na economía das ganderías de vacún de leite. Analizamos con diversos expertos ese impacto e planteamos a pregunta de se é un risco económico para os productores empregar elevadas cantidades de penso na ración das vacas

¿Estase a dar demasiado penso ás vacas de leite?

A suba dos prezos das materias primas está a impactar directamente na rendibilidade das producións gandeiras, sobre todo cando non poden trasladar ese incremento dos custos ao prezo de venda dos seus produtos.

Segundo os últimos datos da Comisión Europea a suba das “commodities” agrícolas no 2020 foi 34% no caso da soia, que escalou ata os 421,5 euros por tonelada; o millo subiu un 18% ata os 195 euros e a cebada pechou o ano en 193 euros por tonelada, cunha suba do 16%.

No caso das ganderías de vacún de leite a escalada do penso está a prexudicar especialmente a aquelas que non teñen pechados contratos a medio prazo de subministro de materias primas. E é que unha vaca de alta producción que produza arredor de 10.000 litros ao ano consume en España de media uns 400 gramos por litro de leite, uns 4.000 kilos ao longo dunha lactación.

Analizamos con diversos expertos se estes niveis de uso de penso en vacún de leite son demasiado elevados e poñen en risco a viabilidade das granxas en momentos coma este de prezos do leite estancados e de encarecemento do concentrado.

César Resch (Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo): “En Galicia abúsase do penso”

César Resch é investigador do Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo (CIAM) e participa en diversos proxectos europeos, como o Dairy for Future (D4F), o que lle dá unha visión ampla da produción de leite en varios países.

A súa conclusión é clara: “Unha das principais feblezas da produción de leite en Galicia é a dependencia do concentrado. Aquí estamos utilizando entre un 30 e un 40% máis de penso que países da nosa contorna con producións similares. O reto está en producir 40 litros de leite con 8 kilos de concentrado, non con 14 kilos de penso, como se fai aquí”.

Neste sentido, bota en falta que o sector se marque obxectivos para mellorar a rendibilidade das ganderías de vacún de leite, como sucede noutros países.

“Por exemplo, en Holanda teñen moi marcada a cifra de 200 gramos como máximo de concentrado por litro de leite. Para acadar ese obxectivo o que temos é que ter unha calidade extraordinaria das forraxes e meter leguminosas para reducir a compra de proteína externa, non hai máis. Iso reduce pegada de CO2, aumenta a rendibilidade das granxas…etc”, explica.

“O caso máis extremo na Unión Europea é Irlanda, onde consumen arredor de 1000 kilos por vaca e lactación cunhas produccións medias de 6000 litros de leite; é dicir, con menos de 200 gramos por litro. Teñen o obxectivo de lograr vacas de 500 kilos de peso, que produzan por lactación 500 kilos de sólidos e que coman como máximo 500 kilos de penso”, engade César Resch.

Neste sentido, conclúe que “en Galicia deberíamos marcarnos obxectivos e prioridades para que as ganderías de vacún de leite sexan máis rendibles e resistentes ante situacións de crise; o que non é sustentable é seguir empregando tanto penso”.

Víctor Manrique Arroyo, veterinario do Servizo de Alimentación de Seragro: “No referente ao consumo de concentrado non se pode xeneralizar”

Víctor Manrique Arroyo é veterinario do Servizo de Alimentación de SERAGRO, unha cooperativa que xestiona a ración de varios centos de ganderías de vacún de leite de Galicia.

Como coñecedor de primeira man da alimentación de moitas ganderías, recoñece que “a realidade da maioría das granxas galegas é que as fincas son escasas, pequenas, moi dispersas e as contas da explotación teñen que dar e con marxes estreitas, polo que hai que ir a máis litros por vaca e o emprego de penso necesario na ración”.

“No referente ao consumo de concentrado non se poden facer xeneralizacións. Que a maior parte dos ingredientes da ración proveñan da propia explotación, esixe unha dimensión e unha estrutura territorial que non sempre se dá en Galicia”, subliña.

En todo caso, matiza que a situación é moi diferente segundo cada explotación: “Hai granxas que empregan 450 gramos por litro de leite e que teñen pouca produción propia de forraxes, co que serían as máis vulnerables á suba do penso, pero tamén temos granxas en intensivo que producen 36 litros con 6 kilos de penso, pero con moi boa calidade das forraxes”.

“Como filosofía claro que habería que ir a producir leite con menos penso, pero a rendibilidade dunha granxa depende tamén doutros factores, non só do concentrado que empregue”, advierte.

Así, destaca outros aspectos como a eficiencia na reprodución, na produción de forraxes, o benestar animal ou a saúde, que tamén repercuten nas contas dunha explotación.

Francisco Sineiro (Universidade de Santiago de Compostela): “O impacto da suba do penso ven sendo de 1,5 céntimos por litro”

Francisco Sineiro foi profesor de economía agraria da Universidade de Santiago de Compostela, onde dende hai anos realizan unha análise dos resultados económicos e produtivos dunhas 30 ganderías de vacún de leite de Galicia.

Respecto á utilización de penso, afirma que “a media deste grupo de explotacións era duns 380 gramos por litro de leite, por debaixo da media galega, pero con importantes variacións nas granxas dentro do grupo: de 300 as que menos a 420 gramos as que máis”.

Como lles está a impactar nestas granxas a suba do penso? Tendo en conta que o concentrado nas vacas de leite e na recría ven supondo arredor dun 30% dos costes de produción, Francisco Sineiro estima que “o impacto ven sendo de arredor de 1,5 céntimos por litro de leite”.

“O problema -subliña- é que agora mesmo estamos nunha relación desfavorable entre o prezo do concentrado e o prezo do leite, cun prezo similar entre ambos, e que esta suba non se está a repercutir no prezo do leite”. Así, lembra que “soamente nos contratos indexados a INLAC poderían os gandeiros repercutir en parte esta suba do penso, xa que os concentrados teñen un peso no prezo do leite do 20%, co que poderían ter recuperado arredor de medio céntimo”. Pero o problema é que son moi poucos os contratos en España indexados a INLAC e a maior parte están referenciados aos prezos do FEGA, que os marca a media de prezos pagados polas propias industrias lácteas.

No tocante ao emprego de concentrado na producción de vacún de leite en España, o profesor da USC recoñece que “é alto en relación a países con produccións e sistemas de manexo similares, e os prezos das formulacións tamén son algo máis elevados”. “O caso máis parecido a nós en uso de penso é Italia, pero teñen un prezo do leite máis alto, co que a marxe para os gandeiros é maior”, engade.

Como obxectivo para reducir este factor de risco, Francisco Sineiro asegura que “conformaríame que estivéramos nuns 300 gramos por litro de leite, mantendo o nivel de produción”. Un obxectivo que considera realista: “Teño visto ganderías de vacún de leite en Gran Bretaña con producións similares ás nosas e con niveis de uso de concentrado uns 150 gramos por debaixo ao que temos aquí”.

Cooperativa Agraria Provincial da Coruña: “Non hai unha relación directa entre gramos de concentrado e marxe de beneficios por litro de leite”

Dende a Cooperativa Agraria Provincial da Coruña realizan xestión técnico-económica  en ganderías de vacún de leite na Comunidade Autónoma e recoñecen que a suba do prezo do penso estalles a afectar directamente na súa rendibilidade.

“A xente que traballa con materias primas que teñen cerrado de meses de atrás os prezos non están  a notar esta suba”, puntualizan.

En todo caso, recoñecen que hai preocupación sobre como evolucionará nestes meses o prezo dos cereais e da soia. “No 2021 houbo unha suba de entre 20 e 25 euros por tonelada na media xeral no prezo do concentrado das explotacións  pero o problema é se os prezos en porto se manteñen altos nos próximos meses, pois as marxes por litro en todas as granxas vanse reducir entorno a 1,5-2’5 céntimos por litro”, advirten.

En canto á pregunta de se se emprega demasiado penso en Galicia para producir leite, dende a Cooperativa Agraria  inciden en que “o máis importante é analizar os puntos débiles de cada explotación para melloralos en busca que maximar o beneficio reducindo costes”.

“Temos granxas con 300 gramos por litro e outras con 450 gramos por litro de leite e con marxe por litro moi dispares, non seguindo unha relación directa entre gramos de concentrado e marxe por litro de leite. Os beneficios, que logra unha granxa dependen de moitos factores, non só da cantidade de penso que empregue sendo este un factor importante, pero tamen o é o prezo do leite”, subliñan. 

“A rendibilidade dunha granxa non depende tanto dos gramos de penso por litro de leite, senón da eficiencia noutros factores que tamén inflúen moito na marxe por litro de leite: eficiencia na produción de forraxes propias en cantidade e calidade, reprodución, benestar animal, rutinas e organización do traballo ou a extratexia de producción en canto á relación de litros e calidades”, conclúen.

Gandería Casa Menor: Unha gandería galega que logra producir 37 litros de leite con 5,7 kilos de penso

Javier Vázquez García, de Gandería Casa Menor SL

Javier Vázquez García, de Gandería Casa Menor SL

Gandería Casa Menor 1614 S.L., situada no concello coruñés de Boimorto, é un exemplo do que moitos quixeran conseguir: vacas de alta produción con pouca dependencia do penso.

En concreto, as 80 vacas en muxido desta granxa producen de media 37 litros de leite, cun 3,9% de graxa e un 3,3% de proteína, empregando só 5,7 kilos de concentrado. O resto da ración está composta por 39 kilos de silo de millo, 17 de silo de herba e 0,7 de palla.

Segundo o seu propietario, Javier Vázquez García, a clave para lograr estes resultados está “en buscar a excelencia na produción de forraxes, nun traballo constante de mellora xenetica para que a vaca sexa eficiente transformando en leite o que come, e no benestar animal, que no noso caso pasa porque as vacas teñen unha ampla pradeira para saír a pacer”.

Respecto das calidades das forraxes, este gandeiro destaca que no caso do silo de millo “sempre o cortamos alto, a 80 centímetros e logo conservámolo durante meses antes de abrilo, pois o silo vello ten maior dixestibilidade”. Na análitica do 2020 o seu silo de millo tivo de media un 39% de almidón. Para a herba en Gandería Casa Menor priman tamén as calidades, cunha mestura de raigrás inglés e trevo, que o pasado tivo un 23% de proteína no primeiro corte e un 18% no segundo.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información