Claves para xestionar as cubertas vexetais e optimizar os seus beneficios nos viñedos

O investigador do Instituto Agro, Léo García, ofrece algunhas recomendacións no manexo das cubertas vexetais nos viñedos. Con el coñecemos as vantaxes que pode proporcionar esta alternativa ó arado das viñas

Publicidade
Claves para xestionar as cubertas vexetais e optimizar os seus beneficios nos viñedos

Foto: Sergio Ibáñez Pascual

A cuberta vexetal nos viñedos é unha das formas para combater a erosión dos solos, un dos grandes desafíos da viticultura actual, aínda que esta non é a única vantaxe que ofrece. O doutor e investigador do Instituto Agro, situado en Montpellier (Francia), Léo García, proporcionou algunhas claves sobre o manexo e os beneficios da cuberta vexetal no viñedo durante o Seminario Internacional de Viticultura: Avances e desafíos conxunturais organizado por Vitivin, a plataforma en liña especializada en ofrecer contido para profesionais do sector vitícola.

Tal e como sinala García, as cubertas vexetais son unha alternativa en zonas nas que, tras fortes choivas, gran cantidade de terra dos viñedos é arrastrada, o que supón un problema grave en viticultura. Tamén son unha vía para mellorar a calidade do solo (matera orgánica, actividade biolóxica, ciclo de nutrientes) e afrontar os problemas derivados do cambio climático e os episodios de seca cada vez máis recorrentes. “O sur de Francia, España ou o sur de Chile estamos no mesmo barco para afrontar eses problemas de seca no viñedo”, valora García.

É preciso ter presente que, comparado con outros cultivos, os viñedos tamén están sometidos a unha gran presión polo uso de fitosanitarios. Ademais, adoita procederse a realizar moito desherbado mecánico de maneira que os solos quedan espidos.

O investigador sinala tanto as vantaxes que ofrecen as cubertas vexetais como os inconvenientes que pode carrexar en determinados momentos para o viñedo. García insiste na importancia de ter todos os aspectos en conta e axustar a estratexia para desenvolver no viñedo, é dicir non escoller unha estratexia fixa, xa que esa pauta pode non funcionar ben todos os anos.

A pesar das vantaxes que poida proporcionar as cubertas, García recomenda unha estratexia variable, que permita manexar as cubertas en función dos obxectivos do viñedo e do clima

“Unha estratexia fixa deixa grandes variacións entre os anos de cultivo de maneira, que en ocasións pódense lograr resultados positivos para índices ambientais como a escorrentía, pero outros verase afectada a calidade e a produción. Por iso, é fundamental adaptar a estratexia, o que permitirá lograr bos resultados en ámbolos dous aspectos ao axustar o manexo da cobertura (sementeira, a destrución ou o mantemento da cobertura) en función das necesidades do viñedo en cada campaña”, concreta o investigador.

Servizos para o solo e a vide

Ante estes retos da viticultura, as cubertas vexetais, preséntanse como unha alternativa para ter en conta. Trátase de cultivos de servizo, é dicir non son cultivos comerciais, xa que non se cultivan nin se venden. Estas cubertas axudan a mellorar as propiedades dos solos. “O obxectivo das cubertas é prestar servizos ecosistémicos para o agricultor e para a sociedade. Son unha panca para a protección, conservación e restauración do solo no viñedo”, explica o investigador.

“O obxectivo destas cubertas é prestar servizos ecosistémicos para o agricultor e para a sociedade. Son unha panca para a protección, conservación e restauración do solo no viñedo”

Á hora de avaliar o impacto que as cubertas vexetais teñen no viñedo, García detalla que optar por elas en lugar de labrar o solo contribúe a controlar o rendemento das cepas, á vez que achega unha maior biodiversidade e actividade biolóxica dos solos. “Esta é unha función moi importante tendo en conta que en viticultura o solo é o elemento central á hora do identificativo do terroir, así como de todas as denominacións de orixe protexida”, detalla o experto.

As cubertas xogan un papel moi importante na conservación do solo, ao ser un mecanismo para o control da erosión, contribuír a mellorar as condicións físicas do terreo e a lograr un balance de auga e depuración e mellorar a infiltración de auga. “As cubertas achegan estabilidade estrutural, de maneira que evita que as partículas do solo se danen, así como que o solo estea demasiado compactado, xa que reducen a densidade aparente”, explica o investigador. Como demostran algúns estudos, ao saír do inverno hai máis auga no solo naqueles viñedos que tiveron unha cobertura vexetal durante o inverno, débese en gran medida a que se frea a escorrentía da auga.

Auga dispoñible en viñedos con cuberta vexetal (verde) e solo nu (azul). Datos de Gaudin et al. 2010.

Auga dispoñible en viñedos con cuberta vexetal (verde) e solo nú (azul). Datos de Sergio Ibáñez Pascual

Ademais, son ferramentas para incrementar a fertilidade do solo (“abonos verdes”) e que permiten a captura de carbono. Contar con cubertas vexetais é unha ferramenta que axuda á degradación de pesticidas e praguicidas.

“Os viñedos con cobertura vexetal teñen menos danos de mildio, con menos danos tanto na follas como no acio”

Optar por cubertas vexetais tamén axuda á regularización do vigor da vide e do microclima dentro das súas follas, e mesmo poden ser un aliado no tratamento de enfermidades fúnxicas, pragas e inimigos naturais do viñedo. “Estudos como o desenvolvido polo profesor Héctor Valdés Gómez amosan que os viñedos con cobertura vexetal teñen menos danos de mildio, con menos danos tanto nas follas como no acio”, detalla García. A competencia que exerce a cuberta vexetal provoca que o viñedo teña menos vigor, de modo que o microclima que existe dentro das follas é menos favorable tamén para o mildio. Como sinala García, cómpre ter presente que as cubertas vexetais tamén poden aumentar a humidade do aire no viñedo, o que favorece os ataques de fungos, de aí que sexa fundamental o manexo da cuberta. 

Non é un efecto directo, pero a cobertura vexetal tamén contribúe á biodiversidade xeral dos viñedos, o que favorece a presenza de especies animais como os morcegos que son inimigos naturais dalgunhas das pragas que afectan á vide. “Ter biodiversidade ademais da riqueza natural pode ser unha vía de aforro de custos en tratamentos e por tanto de gañar diñeiro no viñedo”, explica o investigador.

Nalgunhas rexións vitícolas, as cubertas vexetais dos viñedos son aproveitadas para a produción de forraxes para ovellas, o que abre unha vía para a diversificación no campo. Ademais, as cubertas tamén poden contribuír a incrementar o atractivo turístico dos viñedos ao crear paisaxes cun alto valor estético.

Competencia pola auga e nutrientes

O investigador Léo García incide en ter presente non só as vantaxes que proporcionan ao viñedo e ao ecosistema as cubertas vexetais senón tamén os efectos contraproducentes que pode xerar, de maneira que poida facerse un balance dos pros e contras que ofrecen. A competencia pola auga é un dos principais inconvenientes das cubertas vexetais.

Os traballos realizados polo investigador Florian Celette en 2005 demostran que a cobertura vexetal permite reter a auga no inverno e evitar as escorrentías. Aínda que, estas mesmas cubertas poden favorecer o secado do solo en épocas como verán, ao existir unha maior competencia pola auga entre a viña e o resto de vexetais que crecen. Así, aínda que é favorable contar cunha cobertura vexetal debe valorarse que pode competir directamente coa viña pola auga, dependendo do período de presenza da cobertura vexetal.

“O portainxerto é unha das cuestións para ter en conta no futuro nos viñedos para adaptarse a retos como as consecuencias do cambio climático”

O rendemento dos viñedos é un dos factores determinantes tanto para os viticultores como para os investigadores e as cubertas vexetais tamén poden influír. Segundo distintas investigacións, os portainxertos sensibles ou cunha sensibilidade media á seca teñen un rendemento máis baixo coa cobertura vexetal que co solo espido.

Con todo, se o portainxerto é resistente á seca, hai estudos que avalan que o rendemento pode ser máis alto con cobertura vexetal ou ben non hai cambios en comparación con solos espidos. “O portainxerto é unha das cuestións para ter en conta no futuro nos viñedos para adaptarse a retos como as consecuencias do cambio climático”, explica o investigador.

“Contar cunha cuberta vexetal ás veces mellora o rendemento e outras inflúe negativamente”

A calidade e a cantidade de uvas tamén pode verse afectada ou mellorada pola existencia dunha cobertura vexetal. “Contar cunha cuberta vexetal ás veces mellora o rendemento e outras inflúe negativamente”, comenta o investigador.

A cobertura vexetal tamén pode competir directamente por outros nutrientes como o nitróxeno do solo. É importante identificar os períodos críticos para os servizos ecosistémicos. Dependendo do período do ano e do estado fenolóxico do viñedo interesarán uns servizos ou outros. Así, durante os períodos de choiva é moi importante controlar a erosión, pero cando a vide necesita nitróxeno é moi importante contar con nitróxeno e auga. “Hai distintos períodos de absorción do nitróxeno na vide e hai que ser moi preciso en canto ás dinámicas de mineralización do nitróxeno para que poida estar dispoñible para a vide cando o necesita. Así, principalmente ao redor da floración.

As cepas que sofren estrés hídrico ou por escaseza de nitróxeno na floración poden sufrir perda de rendemento non só ese ano senón tamén ao seguinte

A floración é un período moi importante. Demostrouse que as cepas que sofren estrés hídrico ou por escaseza de nitróxeno na floración poden sufrir perda de rendemento non só ese ano senón tamén ao seguinte.

cuberta vexetal flores vides_

Cubertas vexetais en viñedos.. Foto: Sergio Ibáñez Pascual

Aproveitar as vantaxes que ofrecen as cubertas vexetais

Para conseguir un óptimo aproveitamento da cuberta vexetal no viñedo, García recomenda prestar especial atención á elección da especie ou especies da cuberta. Pódese optar por sementar determinadas especies ou aproveitar os servizos ecosistémicos que prestan as cubertas espontáneas, herbas que crecen de maneira natural sen necesidade de sementalas. “En función das especies que teña a cuberta obteremos uns servizos ou outros no noso viñedo”, concreta.

As especies teñen diferente eficacia para limitar a erosión do chan, así especies como Thymus serpylloides ou a Salvia lavandulifolia evitan en gran medida a escorrentía, mentres outras especies como a Lavandula stoechas, coñecida popularmente como tomiño borriqueiro, non conseguen suavizar a erosión.

O mesmo ocorre coa achega de nitróxeno. Tamén se observan variacións se se opta por cubertas diversas ou se pola contra se escolle unha única especie. As leguminosas son unha alternativa moi interesante para achegar nitróxeno. “Particularmente nos solos vitícolas que non teñen moita materia orgánica ou nitróxeno mineral, as leguminosas desenvólvense e medran mellor, sendo máis interesantes para o viñedo, sobre todo cando se comeza con esta práctica”, concreta García.

En función das especies da cuberta obtéñense uns servizos ou outros no viñedo, por iso moitos viticultores optan por cubertas diversas, xa que é un método de conseguir eses servizos

As mesturas multifuncionais moitas veces son interesantes, xa que prestan máis dun servizo ao viñedo. “Moitos viticultores optan por cubertas diversas pola seguridade que lles ofrece contar con máis dunha especie para conseguir eses servizos”, explica o investigador.

Á hora de sementar as cubertas, moitos viticultores optan por sementeira directa. Hai mesmo viticultores que desenvolveron as súas propias sementadeiras adaptando os seus equipos de fertilización, de maneira que logran labrar e sementar ó mesmo tempo. É un sistema que funciona bastante ben tal e como recoñece o investigador.

equipos de siembra utilizados en viñedos

Equipos empregados para a sementeira da cuberta en viñedos.. Foto: Sergio Ibáñez Pascual

Na sementeira tamén é preciso un axuste da taxa de cobertura na parcela. Pódese optar por unha cobertura total do viñedo ou só en determinados espazos, ben sexa entre rúas ou na propia fileira do viñedo. O rendemento e o vigor da vide están relacionados coa porcentaxe de cobertura vexetal da parcela, tal e como demostraron os investigadores Delpuech e Metay en 2018. “Sen cobertura vexetal o rendemento é máximo e canto máis se incrementa a cuberta vexetal máis se reduce tanto o rendemento como o vigor. Aínda que é certo, tras varios anos este efecto poida que non se note”, especifica García.

Outro dos aspectos para ter en conta no manexo das cubertas vexetais é a data e a destrución utilizada. García atópase nestes momentos inmerso nunha investigación sobre esta cuestión. Están a empregar tres métodos: segadora e cultivo do chan, ou ben utilizando a segadora sen labrar o chan ou destruíndo a cuberta co rolo. Ademais probou a destruír esta cuberta tanto ao final do inverno como na brotación da vide. Os primeiros resultados obtidos en 2020 e aínda pendente de novos datos, indican que “dependendo da ferramenta e da data de destrución pódense obter resultados diferentes para o viñedo para manexar a maleza, a auga do solo ou outros factores determinantes para o viñedo”, indica o investigador.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información