A racionalización dos tratamentos e da fertilización da viña son algúns dos eidos nos que as adegas da Denominación de Orixe Rías Baixas están a facer importantes esforzos dende hai tempo. Así é que son eixos nos que se centran algúns dos proxectos de investigación de I+D+i que están levando a cabo na actualidade e en colaboración con distintos centros de investigación, como o CSIC ou as universidades galegas.
Un exemplo, en Martín Códax están a traballar en varias liñas de investigación coas que procurar unha viticultura máis sostible. A fertilización dos viñedos é unha das áreas nas que están a centrarse. Dende o ano pasado están a analizar o papel das cubertas vexetais para lograr unha fertilización máis respectuosa co medio ambiente. Trátase dun proxecto no que tamén colaboran as adegas da DO Paco&Lola e Altos de Torona, así como a Universidade de Vigo, e que terá continuidade aínda no 2024.
Polo momento xa estiveron a realizar probas na pasada tempada ó sementar unha cuberta con gramíneas e leguminosas (avea e veza), que logo incorporaron como abono verde ó viñedo. “Con este estudo agardamos ter datos sobre como contribúen as cubertas naturais sementadas na fertilización das viñas ó incorporalas como abono verde, coa intención de reducir o aporte de fertilizantes sintéticos”, explica Miguel Tubio, director técnico da adega.
A adega Martín Códax estuda os beneficios das cubertas vexetais, xa sexan para incorporalas como abono en verde ou como cubertas permanentes, para labrar menos os viñedos
Non é o único traballo de investigación sobre prácticas máis sostibles que están a desenvolver nesta adega. Así, tamén relacionado directamente co mantemento do solo, levan xa 3 anos traballando en colaboración coa firma Agroasesor sobre prácticas de agricultura rexenerativa, como as cubertas vexetais permanentes, de maneira que se reduza o labrado do solo do viñedo. “Estamos vendo o gran potencial que este tipo de prácticas pode ter para incrementar a biodiversidade e fertilidade do solo e mesmo chegar a facer captura de carbono”, concreta Tubio.
Outra iniciativa orientouse ó manexo da auga. Facer unha rega eficiente e un control das necesidades de auga das cepas foron os obxectivos marcados polo grupo operativo Regavid, no que tamén participou Martín Códax en colaboración coa Universidade de Santiago de Compostela (USC), e que é unha mostra da aposta pola innovación e a investigación para conseguir unha optimización dos recursos, xa que lles permite deseñar plans de rega do viñedo acordes ás necesidades da planta e facer un uso da auga máis eficiente.
Innovación para loitar contra as pragas no viñedo
A aplicación de tratamentos dos viñedos é outra das preocupacións nas adegas, por iso en Martín Códax tamén desenvolveron, en colaboración coa Universidade de Lleida unha investigación para realizar unha aplicación diferencial de tratamentos. En base a modelos de predición e tendo en conta o estado vexetativo da planta, grazas a imaxes aéreas conseguiron unha aplicación de tratamentos máis localizada e reduciron case nun 30% o emprego de fitosanitarios. “É preciso que a obtención destas imaxes sexa máis sinxela para que poidamos facer un uso mellor destas técnicas”, valoran dende a adega.
A aplicación localizada de fitosanitarios ou a detección precoz de pragas son algunhas das prácticas incorporadas por adegas das Rías Baixas para un manexo máis sostible
Buscar un control máis efectivo das pragas no viñedo foi tamén o obxectivo dun proxecto iniciado pola adega Lagar de Fornelos, no que en colaboración coa investigadora Cristina Cabaleiro abordaron estratexias para a protección das cepas de Albariño fronte o virus do enrolado da vide na zona do Rosal, onde se atopa a adega. “Moitas veces non se lle dá moita importancia a este virus, pero as cepas afectadas envellecen dun xeito prematuro e baixan moito os rendementos do viñedo, xa que a súa presenza estresa moito a planta”, explica Ángel Suárez, enólogo e director técnico da adega.
Lagar de Fornelos traballa en estratexia fronte ó virus do enraldo da vide
Coa intención de lograr un maior coñecemento sobre o desenvolvemento da enfermidade na subzona, así como dos insectos vectores que a transmiten (a cochinilla, entre outros), comezaron un traballo de investigación co que tamén estableceron pautas preventivas para combatela. “Apostamos por incorporar prácticas para a prevención da aparición tanto da enfermidade como do vector”, explica Suárez.
Así, todas as novas plantas que adquiren son certificadas, o que lles ofrece unha maior seguridade a nivel sanitario, ó conter un menor risco de infección de virus. Ademais, inciden na formación do persoal que traballa nos viñedos para conseguir unha detección precoz do vector e poder atallar a súa presenza con tratamentos enfocados ás zonas afectadas.
O potencial vitivinícola das variedades autóctonas
Unha das liñas de investigación na que están centrándose varias adegas da DO Rías Baixas é na recuperación ou conservación de variedades autóctonas, debido ó potencial vitivinícola que amosan. A adega Viña Moraima, situada en Barro (Pontevedra), é unha das adegas que aposta polas castes autóctonas.
No seu caso, e en colaboración coa Misión Biolóxica de Galicia do CSIC, están dedicando importantes esforzos á recuperación da variedade branca Ratiño. “Levamos máis de 10 anos tentando recuperar esta caste, que durante moito tempo foi moi cultivada nesta zona”, explica Roberto Taibo, enólogo da adega.
A adega Viña Moraima traballa en colaboración co CSIC para a recuperación da variedade branca Ratiño
A escasa produción e o sensible que esta variedade resulta foron os principais motivos polos que foi deixando de cultivarse a Ratiño. Con todo, hoxe consérvanse aínda cepas vellas en distintos viñedos, pero non se están a facer plantacións específicas desta variedade. En Viña Moraima destacan o potencial desta variedade e están a facer microvinificacións que lles permiten obter datos de interese para coñecer a evolución deste viño. “Polo momento conseguiuse xa que se incluíse esta variedade como apta para a elaboración de viño e agora o seguinte paso sería que o Consello Regulador tamén a ampare entre as autorizadas, xa que sería un paso moi importante para a recuperación da variedade”, detallan dende a adega.
En Viña Moraima traballan tamén con outra variedade autóctona e minoritaria, o Caíño tinto. “Aínda que tamén é unha variedade cunha baixa produción e moi sensible, séguese cultivando nas Rías Baixas”, indica Taibo. Na adega contan cunha produción limitada de Caíño tinto procedente de viñas centenarias e que destinan a elaboración de viños de garda.
No Baixo Miño, a adega Señorío de Rubiós tamén se interesou por outra variedade minoritaria, o Castañal, e en colaboración coa USC comezaron un traballo de recuperación desta caste na zona. “Conseguimos os portainxertos e plantamos unha parcela, pero polo momento estamos á espera de ter produción. Contamos facer a primeira vendima no 2024 e poder ver resultados e ir introducíndoa nos nosos viños”, explican dende a adega.
Do mesmo xeito, firmas como Adegas Terrae ou Valmiñor abriron liñas de investigación para mellorar o potencial vitivinícola, optimizar a xestión do viñedo e ter maior información sobre os efectos do microclima das zonas de produción e a incidencia de enfermidades fúnxicas en variedades autóctonas, como o Castañal ou Caíño tinto, entre outras.
- Branded content