A produción de leite en Brasil: a evolución cara á profesionalización

Brasil é un dos principais produtores de leite de Suramérica, xunto con Arxentina e Uruguai, máis os seus 35 millóns de toneladas anuais non son capaces sequera de autoabastecer o mercado interno. O incremento da produción por vaca, un dos obxectivos

producion leite BrasilO sector leiteiro brasileiro está a vivir grandes transformacións, que o poden converter de cara aos vindeiros anos na gran referencia na rexión, onde comparte protagonismo con Arxentina e Uruguai. Pero a capacidade de crecemento dos tres non é comparable, sendo o menor desenvolvemento actual do sector lácteo brasileiro unha grande oportunidade en si mesma para continuar a medrar. 

Brasil é xa o principal produtor de leite de América Latina, cuns 35 millóns de toneladas anuais, e o quinto produtor de leite no mundo, trala India, EEUU, a UE e China. Pero ese importante volume, superior á produción láctea de Alemaña, primeiro produtor da UE, segue sendo insuficiente para cubrir as necesidades dos seus 214 millóns de habitantes, polo que o país vese obrigado a importar produtos lácteos dos seus veciños, Arxentina e Uruguai principalmente, que contan cun trato arancelario preferente contra o que os produtores brasileiros están a loitar.

Brasil é o quinto produtor de leite no mundo, trala India, EEUU, a UE e China

No ano 2022 produciuse unha caída na produción brasileira, debido a diversos factores, entre eles o clima e os altos custos de produción. Xunto á redución da oferta de leite houbo tamén unha caída no consumo.

As 1.800 industrias lácteas brasileiras repártense case a partes iguais entre cooperativas de produtores e empresas privadas, entre as que se atopan multinacionais estranxeiras como a suíza Nestlé, a mexicana Lala (Vigor), a neozelandesa Fonterra (DPA) ou as francesas Lactalis e Danone, e empresas brasileiras como Laticínios Bela Vista, Italac, Tirol, Jussara, Frimesa, Davaca ou Alvoar Lácteos, xurdida da unión de Embaré, Camponesa e Betânia.

O sector industrial está representado pola Asociación de Produtores de Leite (Abraleite) e a Organización de Cooperativas Brasileiras (OCB)

Arredor do 40% do leite producido en Brasil é recollido por cooperativas e unha parte del é tamén transformado e vendido por elas. Entre as cooperativas locais, destacan polo seu volume CCPR, Aurora, CCGL, Cativa, Cemil, Cooperoeste ou Centroleite. Da integración das cooperativas Frisia, Castrolanda e Capal xurde UNIUM.

Balanza comercial negativa

Balanza comercial de lácteos de Brasil

Brasil é un país deficitario en produción de leite, o que o convirte en importador neto de produtos lácteos. O déficit comercial medra ao longo do ano a medida que empeoran as condicións das forraxes e cae a produción interna, aumentando a necesidade das importacións.

Brasil importa cada ano unhas 32.000 toneladas de queixo, 7.000 toneladas de manteiga e 75.000 toneladas de leite en po. O saldo comercial amosa un déficit no último mes de 181 millóns de litros equivalentes en leite, segundo os datos publicados pola Secretaría de Comercio Exterior de Brasil (SECEX).

O sector lácteo brasileiro non é actualmente un exportador importante no mercado global

O sector lácteo brasileiro non é un exportador importante no mercado global. Até outubro exportou unicamente 61,8 millóns de litros de leite equivalentes (fundamentalmente en forma de leite en po a Alxeria e queixo de baixo custo a Chile ou Rusia), fronte aos 1.767 millóns de litros equivalentes importados.

Arredor do 35% da produción de leite de Brasil destínase á fabricación de queixo: queixo fresco, mozzarela, requeijão, queijo prato e minas frescal. O consumo per cápita de queixo sitúase en 5,2 kg por habitante e ano, un 40% por baixo do promedio mundial da FAO, o que indica un importante potencial de crecemento.

Arxentina e Uruguai, principais axentes rexionais xunto co Brasil, están máis enfocados á exportación

Os brasileiros son grandes consumidores de requeijão e a graxa do leite destínase principalmente a producir este queixo fundido para untar, o que limita a produción de manteiga. A produción de leite desnatado tamén é limitada.

Altibaixos estacionais na produción

producion leite Brasil (Fonte MilkPoint sobre datos do IBGE)

Evolución da produción de leite brasileira (Fonte MilkPoint sobre datos do IBGE)

A produción de leite no país, practicamente estancada na última década, segue patróns climáticos cíclicos que afectan ás condicións dos pastos e as forraxes, os principais alimentos empregados para o gando. Así, a produción en 2022 caeu un 1,6% pola seca e a perda de calidade forraxeira, mentres a de 2023 subiu máis dun 3%.

De abril a xuño, os meses da estación seca, a produción brasileira cae

Brasil é un gran produtor e exportador mundial de millo en grao e soia pero estas materias primas teñen un alcance limitado na alimentación das vacas brasileiras. Un dos principais desafíos que enfrontan os gandeiros é a inflación, dado que os custos destes insumos medraron notablemente, ao igual que os dos fertilizantes, os combustibles e a enerxía.

prezo do leite Brasil (Fonte CEPEA)

Prezo do leite pagado ao produtor en Brasil (Fonte CEPEA)

A maior parte da produción, arredor de dous terzos, concéntrase nas rexións Sur e Sudeste. O Estado de Minas Gerais é o maior produtor de leite de Brasil, con preto de 9,5 millóns de toneladas, que equivalen a case o 30% da produción do país, seguido de Paraná e Río Grande do Sul, que suman outro 25%.

A situación de altos custos de produción está a levar a un número importante de pequenas granxas a abandonar a actividade

A situación de altos custos de produción está a levar a un número importante de pequenas granxas a abandonar a actividade. Os prezos pagados polo leite en orixe acadaron no terceiro trimestre do 2022 os 3,5 reais por litro, caendo dunha maneira brusca desde maio deste ano, até pechar o mes de setembro nos 2 reais (38 céntimos de euro).   

Consumo

No lado da demanda, o estancamento da economía brasileira, a perda de poder adquisitivo das familias e a suba dos prezos minoristas estanse a notar no consumo. Os prezos do leite nos supermercados atópanse en niveis elevados, desincentivando así as compras da poboación con menores ingresos.

A inflación en Brasil atópase moi alta desde o 2020, especialmente para os alimentos

A desnutrición e a fame aumentaron no último ano e programas gubernamentais como o Auxílio Brasil son os que permiten ás clases sociais máis pobres adquirir produtos lácteos aos que doutro xeito non terían acceso. 

Raza girolando para a produción en zonas tropicais

raza girolando (Brasil)5Brasil conta cunha cabana gandeira duns 16 millóns de cabezas de vacas leiteiras, logo do descenso no número de animais que se rexistrou na primeira metade do 2022, previa ao incremento do prezo do leite e con custos de produción disparados.

As dúas razas principais son a holstein e a girolando, xurdida froito dos cruzamentos realizados no país a partir de 1978 entre animais de raza gyr (orixinaria da India) e holstein, tratando de estandarizar o patrón racial en 5/8 holstein + 3/8 gyr, sendo deste xeito os animais resultantes aptos para a produción leiteira en zonas tropicais e subtropicais debido á rusticidade que aporta a raza gyr.

Brasil conta cunha cabana gandeira duns 16 millóns de cabezas de vacas leiteiras

A produtividade das vacas varía moito entre o norte do país e o sur: menos de 2 litros por vaca e día no norte, con pequenas granxas para autoconsumo e subministro aos mercados locais, e case 11 litros no sur, onde se concentra a maior parte das explotacións máis profesionais.

A produción media no conxunto do país foi de 2.199 litros por vaca e ano en 2022, o valor máis baixo desde o 2019, tras caer a produtividade por cabeza uns 15 litros o ano pasado debido á seca e aos altos custos de alimentación do gando.

Intensificación das granxas

Cooperoeste (Brasil) vacas establoGrazas á mellora xenética (EEUU foi nos últimos anos o principal provedor de xenética holstein ás granxas brasileiras), a produtividade vai en aumento. Os cambios no sistema produtivo (o 65% das explotacións teñen o gando confinado en establos, o 14% fan pastoreo e o 22% empregan sistemas mixtos) están tamén a contribuír ao incremento da produción media por vaca.

Estase a producir unha mudanza nos sistemas de produción, cun incremento da produción estabulada, que representa xa o 40% do total

O número de granxas produtoras de leite ten sufrido unha merma importante nos últimos 30 anos. O Censo Agropecuario de 1995 contabilizaba máis de 1,8 millóns de produtores de leite no país, aínda que só 800.000 tiñan excedentes que vender. Dez anos despois o número total de produtores diminuíra en 450.000, un 25%, mentres que no Censo do 2017 recolle unha nova redución, até 1,18 millóns de produtores, dos que 634.000 comercializaban leite.

A produción por vaca está a aumentar, situándose nuns 2.200 litros/ano, aínda que con notables diferenzas entre o norte e o sur do país

Esta cifra está sobredimensionada, pois o Censo considera produtor a aquel que ten algún tipo de produción de leite, mesmo se é para autoconsumo ou como subproduto da produción cárnica. A cifra real de granxas especializadas na produción de leite situaríase realmente nas 200.000.

Sexa como for, o proceso de peche de explotacións intensificouse nos últimos anos e prevese que continúe nos vindeiros, á par que segue a aumentar a produción media por vaca e o número de cabezas por granxa, até achegarse aos niveis medios dos outros produtores da rexión: Arxentina conta con 10.000 produtores de leite cunha produción media por explotación de 3.150 litros diarios, 7 veces máis que a media dunha granxa brasileira, e Uruguai ten 1.300 produtores cunha produción media por granxa de 4.000 litros diarios.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información