Tractoradas o martes 20 para urxir medidas adicionais para Galicia nos xurros e nos ecorreximes

Unións Agrarias, Sindicato Labrego e Asaga fixan 11 puntos de concentración en Galicia para as mobilizacións. Tanto as organizacións agrarias como o conselleiro do Medio Rural coinciden en considerar "insuficientes" as medidas propostas polo Ministerio de Agricultura

Tractoradas o martes 20 para urxir medidas adicionais para Galicia nos xurros e nos ecorreximes

De esquerda a dereita, Francisco Bello (Asaga), Félix Porto (Unións Agrarias) e Ana Rodríguez (Sindicato Labrego).

Unións Agrarias, Asaga e Sindicato Labrego Galego fixan A Coruña como punto chave nas mobilizacións do martes 20, por ser a sede da Delegación do Goberno. Ademais, en Galicia están marcados 11 puntos para as concentracións, que terán lugar de 12:00 a 17:00 horas. As localizacións son:

  • A Coruña: A Coruña (xunto á Delegación do Goberno), Santiago (Xunta, San Caetano), Ortigueira e Vimianzo.
  • Lugo: Lugo (sede da Subdelegación do Goberno), Ribadeo e Pedrafita.
  • Pontevedra: Lalín.
  • Ourense: Ourense (sede da Subdelegación), A Mezquita e A Gudiña.

En paralelo, desenvolveranse tamén protestas no resto da Cornixa Cantábrica. Este acordo foi presentado esta mañá por Félix Porto, de Unións Agrarias, Ana Rodríguez, do Sindicato Labrego Galego, e e Francisco Bello, responsable de Asaga.

O tres inciden en que o obxectivo das mobilizacións é que se atenda a táboa de reivindicacións que deseñaron, que busca cubrir as necesidades do sector primario en Galicia e tamén en toda a Cornixa Cantábrica. Durante as mobilizacións lerase un manifesto e tamén se trasladará en cada unha das Subdelegacións un documento con todas as peticións que buscan que se atendan.

Avisan que haberá dificultades no tráfico durante as horas previas, durante e posteriores ás mobilizacións e inciden en que son protestas abertas a todo o mundo. “Este será o comezo dunhas reivindicacións que permanecerán ata que haxa acordos por escrito”.

Espéranse tractores en tódalas concentracións, que ralentizarán o tráfico na entrada e saída das cidades. As organizacións non aclararon se haberá cortes nas autovías de entrada a Galicia, nos puntos de concentración da Gudiña, Pedrafita e Ribadeo.

“As mobilizacións continuarán ata que haxa compromisos publicados no Boletín Oficial del Estado”, afirman as organizacións agrarias

No encontro coa prensa anunciaron que na xornada de hoxe terán unha primeira reunión co delegado do Goberno para trasladarlle cales son as reivindicacións e escoitar de primeira man o que se acordou na reunión co ministro de Agricultura.

Reivindicacións
A primeira das reivindicacións é que se cumpra a Lei da Cadea Alimentaria e que se fixen uns prezos para “que non se poida vender por baixo dos mesmos”. Inciden en que é “unha das cuestións fundamentais e un dos berros desesperados que trasladaremos desde os sectores produtivos”.

Outra das cuestións é a excesiva burocratización, “á que estamos sometidos desde o 1 de xaneiro”. Cuestionan tamén o decreto de nutrición sostible de solos, que regula a aplicación de xurros e “que non pode ser aplicado tal e como está redactado”, valoran.

As organizacións consideran insuficientes as medidas anunciadas onte polo Ministerio de Agricultura, pois din, “non serven para Galicia”, e urxen a adopción de medidas adicionais pensadas para a Cornixa Cantábrica, en especial no referente á normativa de aplicación de xurros e ós ecoesquemas da PAC.

“Galicia é a terceira comunidade con menos hectáreas en ecorrexímenes e precisamos doutras solucións. Necesitamos que se adapte a PAC a Galicia e ás persoas”, defenden.

“Ningunha persoa nova se vai incorporar ó agro se non se dan dúas condicións: rendibilidade e servizos no rural”

Así, indicen na importancia de aplicar políticas que sirvan para fixar poboación no rural e que se poida dar a substitución xeracional nas explotacións. “Ningún mozo se vai a quedar no rural se non se dan dúas condicións: que as súas explotacións sexan rendibles e que haxa servizos no rural”. Destacan que actualmente están a pechar numerosas explotacións e ese problema levará a que aumente a fauna silvestre e os incendios. A isto, engaden que “os agricultores e gandeiros están a manter a fauna silvestre. Necesitamos políticas de control de lobo e xabarín, pero tamén que se dote presupuestariamente os danos que xeran”.

Por último, piden a sensibilización dos consumidores que ven incrementado o custo da cesta da compra: “Que se pregunten quen se está quedando con ese diñeiro”. Tamén apelan á empatía por parte de todas as administracións, xa que “desde cada unha delas se pode traballar para que se atendan as necesidades específicas que temos en Galicia e na Cornixa, tanto na Xunta como no Ministerio e en Bruxelas”, conclúen.

“As medidas do Ministerio chegan tarde e son vagas e insuficientes” (José González, conselleiro do Medio Rural)

Valoracións de Medio Rural
Por parte da Consellería do Medio Rural, o seu titular, José González, valorou en negativo as medidas anunciadas polo Ministerio: “Chegan tarde, son contraditorias, vagas e completamente insuficientes. Boa mostra é que as organizacións agrarias non desconvocaron as manifestacións, o que creo que era o principal obxectivo do ministro. Non buscaba tanto anunciar medidas favorables para os nosos gandeiros e agricultores como desconvocar as mobilizacións”, sentenciou González.

Tractoradas o martes 20 para urxir medidas adicionais para Galicia nos xurros e nos ecorreximes

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información