Central Lechera Asturiana demanda a Unións Agrarias por “falsas declaracións”

Central Lechera Asturiana demanda a Unións Agrarias por “falsas declaracións”

Planta de Larsa en Vilagarcía de Arousa. Foto: Arquivo

Central Lechera Asturiana SAT e a súa división industrial, CAPSA FOOD, informan de que presentaron demandas ante os tribunais ordinarios de xustiza e tamén ante a Comisión Nacional do Mercado da Competencia contra o sindicato Unións Agrarias por “declaracións falsas” contra a industria asturiana polas súas relacións comerciais coas gandarías de vacún de leite en Galicia.

De momento, non transcendeu máis información sobre o contido das demandas. Unións Agrarias vén acusando desde o pasado mes a Larsa, compañía controlada por CAPSA Food, de ser “unha das principais responsables da baixada de prezos do leite en Galicia”.

“Larsa presentou a proposta de prezos máis baixa do mercado, pois cos prezos actuais dos produtos lácteos industriais, o seu prezo ás granxas estaría en pouco máis de 45 céntimos / litro, máis primas”, destacaron no seu momento desde Unións Agrarias. “É unha baixada de ao redor de 4 -5 céntimos e se Larsa se atrincheira nesa posición, o resto de industrias, que expuñan en xeral baixadas menores, xa nos avanzaron que terán que seguir unha liña similar a Larsa para non quedar fóra do mercado”, sinalaron no seu día.

Ante ese escenario, Unións valorou o pasado mes acciones nas cadeas de supermercados contra Larsa, algo que de momento non se concretou.

Diferenza Asturias e Galicia

A organización agraria envioulle tamén unha carta ao conselleiro de Medio Rural na que pide a súa mediación coa compañía asturiana. “Estamos a ver un importante diferencial entre os prezos que paga Capsa en Asturias e os que abona en Galicia de arredor de 5,5 céntimos. Non pode ser que esta situación, que xera uns beneficios adicionais en Larsa, se traduza en que o diñeiro que tería que ir ás granxas galegas acabe nas granxas asturianas”, cuestiona Pose.

A organización exporalle a Medio Rural que a comparativa de prezos que abona unha industria nas diferentes comunidades autónomas nas que opera sexa un dos criterios a ter en conta á hora de conceder as axudas públicas a industrias alimentarias.

Desde Unións tamén lamentan que Larsa sexa unha das principais industrias que se nega reiteradamente a sentar coa organización de produtores Ulega, que ten representación para negociar en conxunto os prezos do leite dos socios que ten en cada industria.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información