Un estudo constata que o consumo de lácteos reduce o sobrepeso e a obesidade

A Federación Española da Nutrición elabora un informe no que relaciona a presenza de leite e derivados cunha dieta saudable. Galicia é a terceira comunidade autónoma con máis consumo per cápita

lacteos leite iogur queixoO leite non engorda. Un informe da Fundación Española de la Nutrición constata que a maior consumo de lácteos redúcese a porcentaxe de persoas que padecen sobrepeso e obesidade e prevese de enfermidades cardiovasculares, diabetes e diversos tipos de cancro. 

Esta circunstancia explicaríase tanto polos efectos beneficiosos do leite desde o punto de vista nutricional, como pola composición das propias dietas, xa que segundo o estudo realizado a dieta das persoas que consomen máis lácteos ao día caracterízanse tamén globalmente por incluír un modelo alimentario máis saudable.

A maior calidade da dieta débese a que, segundo a Fundación Española da Nutrición, os consumidores de iogur, por exemplo, tamén incluían na súa dieta unha maior cantidade de froita, vexetais, peixe, noces ou pan integral. Así mesmo, tiñan un estilo de vida máis saudable e máis activo. Ademais, viuse que os nenos que consomen diariamente iogur (entre outros lácteos), seguen uns patróns dietéticos máis saudables e de mellor calidade que os que non o fan tan frecuentemente.

O consumo de bebidas alcohólicas diminúe ao consumir máis lácteos

A FEN cita outros estudos que mostran unha asociación positiva entre os consumidores de leite e iogur e unha maior calidade da dieta, xa que os lácteos permiten alcanzar de maneira máis doada as inxestas recomendadas de micronutrintes, como o calcio, a vitamina D, o potasio ou o magnesio.

Nivel de estudos e poder adquisitivo

A maior nivel de estudos da poboación, maior é o consumo de lácteos e máis saudables as dietas nos que estes están incluídos. A medida que se consomen máis lácteos a progresión é que diminúe paralelamente o consumo de bebidas fermentadas de baixa gradación e bebidas espirituosas. Cando relacionamos os ingresos mensuais medios co consumo de lácteos, podemos observar que aqueles que presentan unha renda baixa toman menor cantidade de lácteos ao día (29,1%), fronte aos que presentan ingresos medios e elevados.

A poboación con menores ingresos e rendas baixas toma menor cantidade de lácteos ao día

En canto á relación entre consumo de lácteos e práctica da actividade física, hai diferenzas significativas, xa que as persoas que realizan actividade física teñen un consumo de lácteos diario máis elevado que os que non practican. Tanto no caso do consumo de lácteos en función do nivel de estudos como da actividade física realizada, a relación proporcional no caso dos homes acentúase máis que no das mulleres.

Os produtos lácteos enriquecen a dieta

Os produtos lácteos son a principal fonte dietética de calcio, non só polo contido deste mineral, que nos iogures supoñen o 18% das recomendacións diarias para os adultos, senón tamén pola súa alta biodispoñibilidade doutros compoñentes, como a vitamina D, proteínas, fósforo, etc., necesarios para a formación de ósos e dentes.

Desde o punto de vista nutricional, o leite é rico en proteínas de alto valor biolóxico, é dicir, presenta na súa composición todos os aminoácidos esenciais, polo que é útil para complementar as proteínas que conteñen outros alimentos como os cereais e as leguminosas, que son de menor valor biolóxico ao non presentar na súa composición todos os aminoácidos esenciais, enriquecéndose, polo tanto, a dieta coa incorporación de leite e derivados.

Un alto consumo de lácteos, superior a dúas racións diarias, pode chegar a aportar un 25% das necesidades hídricas totais

Ademais, a achega total de auga provinte dos lácteos tamén serve para incrementar este elemento esencial para o ser humano. Os requirimentos de auga aproximados para a poboación adulta son de 2 a 2,5 l/día, segundo a Autoridade Europea de Seguridade Alimentaria ( EFSA), polo que a auga achegada polos lácteos consumidos sitúase entre o 12 e o 25% da inxesta hídrica total.

Prevención de enfermidades

Pero máis aló da importancia nutricional e metabólica do leite, demostrouse como un factor de primeira orde en prevención de patoloxías afluentes como a enfermidade cardiovascular, cancro, osteoporose, diabetes, etc.

Os lácteos achegan graxas saturadas pero, a diferenza do que se cre, a graxa saturada procedente do leite, non ten unha relación directa co risco de sufrir enfermidade cardiovascular.

Durante a infancia e adolescencia recoméndase o consumo de lácteos enteiros, xa que conservan o valor enerxético e as vitaminas A e D asociadas á graxa

O consumo de lácteos durante a infancia, ademais de ser indispensable para o crecemento e desenvolvemento óseo, axuda a crear unha maior masa ósea, que será unha boa base para evitar o desenvolvemento de osteoporose a longo prazo.

Os últimos estudos establecen tamén unha asociación inversa entre o consumo de lácteos e a incidencia de padecer algúns tipos de cancro, como o de colon. O beneficio anticanceríxeno que poderían ter os lácteos débese ao calcio, xa que este participa no secuestro dos ácidos biliares.

Caída do consumo de lácteos un 13,4% desde o 2000

_

O consumo de leite e derivados lácteos (290 gramos/día) é un dos grupos de alimentos máis importantes dentro da cesta da compra da poboación española, segundo os datos do ano 2018, sendo só superado polo grupo de bebidas non alcohólicas (339,7 gr/día).

Con todo, se avaliamos a súa evolución nos fogares desde o ano 2000, obsérvase un descenso do 13,4% na súa compra. A caída débese ao menor consumo de leite líquido, posto que a compra de queixos experimentou un lixeiro incremento nos últimos 10 anos ata situarse en 21,3 gamos/día, mentres que o consumo de iogur mantívose practicamente estable.

A compra de leite enteiro pasou en dúas décadas de 135 gramos diarios a só 48, un descenso do 64%

A tendencia na compra de leite nos últimos anos (2000-2018) mostra un claro descenso na compra de leite enteiro (135,16 gr en 2000 fronte a 48,6 gr en 2018), compensado cun lixeiro incremento do semidesnatado (72,69 gr en 2000 vs 90,5 gr en 2018), mentres que no caso do leite desnatado case non existen fluctuacións (54,85 gr en 2000 vs 52,0 gr en 2018).

_

Por rexións, consómese máis leite e produtos lácteos no noroeste español a respecto doutras zonas, como Andalucía. Galicia, que produce o 40% do leite español é, tralo Principado de Asturias e Castela e León, a terceira comunidade autónoma onde máis leite e derivados se mercan nos fogares, un total de 336,6 gramos/día.

As comunidades do noroeste son as que máis consumo de leite e produtos lácteos realizan

Ao estratificar por sexo, vemos que en xeral, as mulleres son máis consumidoras de leite, queixos, iogur e leites fermentados que os homes, e que fan un maior consumo dos leites con menor contido graxo respecto aos homes. En canto á idade, o grupo de menor idade (9-12 anos) fai un maior consumo de leite enteiro e iogures, seguindo o mesmo patrón a poboación adolescente. Pola contra, nos grupos de poboación de máis idade, predomina o consumo de leite semidesnatado.

Tres racións de lácteos ao día

_Recoméndase dentro dunha dieta variada e equilibrada un consumo de 2 a 3 racións diarias de leite e derivados lácteos, dependendo da idade e situación fisiolóxica. En nenos recoméndanse 3 racións ao día, en adolescentes 4 racións ao día, e, por último, en adultos maiores, 3 racións ao día. Cabe mencionar o aumento do consumo en mulleres embarazadas e xestantes, cunha recomendación de 3 a 4 racións ao día.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información