“Pasamos de producir leite desde a excelencia como gandeiros a facelo desde o punto de vista da rendibilidade como empresa”

SAT A Campa apostou por robotizar o muxido e a alimentación a medida que ía gañando volume para reducir as necesidades de man de obra e substituíu as vacas holstein por animais cruzados buscando facilidade de manexo

Hai máis de 50 anos, cando o seu avó se asentou en Fisteus, ao lado de Curtis, coas súas 5 vacas nunca imaxinou unha granxa con máis de 1.000 cabezas. “O crecemento sempre estivo no ADN da familia”, di Alberto Lamas, que está á fronte dunha gandería que moxe na actualidade 450 vacas e produce uns 15.000 litros diarios de leite.

Ese crecemento experimentado por SAT A Campa obrigouno a tomar nos últimos anos decisións pensando a explotación desde unha óptica empresarial. “Pasamos de producir leite desde o punto de vista da excelencia como gandeiros a facelo desde o punto de vista da rendibilidade como empresa”, asegura.

O paso da man de obra familiar a depender de traballadores contratados foi o detonante para cambiar o tipo de gando e para apostar pola robotización de tarefas como o muxido ou a alimentación. “Sen os robots e sen buscar a facilidade de manexo nas vacas non seriamos capaces de levar esta granxa con só 6 empregados”, di convencido.

Décadas de crecemento constante

A Campa sempre foi, en certo modo, unha gandería adiantada ao seu tempo. Pioneira no sistema de estabulación libre e sala de muxido, foi tamén das que apostou no seu día por animais de alto valor xenético e pola implantación e venda de embrións.

En 1995 montaron a súa propia queixería, Queinaga, dentro da Denominación de Orixe Arzúa-Ulloa, para transformar e valorizar o seu leite e, necesitados de máis materia prima, no 2008 mercaron outra granxa en Cesuras, a 5 km da Campa, cunha capacidade para 150 cabezas, para dobrar a produción.

Alberto está hoxe á fronte da granxa e o seu pai da queixería

No 2019, xa con 180 animais en muxido na Campa e 200 en Cesuras, fixeron un novo establo para concentrar en Curtis toda a produción e destinar a granxa de Cesuras á recría. “Hai 15 anos tiñamos 150 vacas e hoxe estamos muxindo 450”, destaca Alberto, que non ten en mente a día de hoxe seguir aumentando máis.

De vacas e touros top a animais funcionais

SAT A CAMPA (Curtis) cubiculos areaCando se incorporou, no ano 2010, fíxoo apostando por animais de alto valor xenético. “Cheguei a mercar unha vaca de 22.000 euros en Silleda e xunto con outras dúas ganderías, San Rian e Grilo, tivemos o touro factor vermello número un do mundo, nacido aquí en Galicia, na esquina de Europa, que foi vendido en 40.000€ para ABS Inglaterra”, lembra.

Cando me incorporei cheguei a comprar unha vaca de 22.000 euros nunha subasta en Silleda, pero hoxe cambioume a mentalidade

Agora, con 35 anos, recoñece que lle cambiou a mentalidade. “Ségueme gustando a vaca, igual que me gusta o cabalo, pero hai que mirar a rendibilidade. Cando eu me incorporei empecei a tope coa xenética, indo a concursos e mercando animais en todas as subastas, pero dinme conta de que hai máis mundo ca iso. Tocar ese extremo serviume para ver que non era o camiño”, opina.

Paso a Procross buscando facilidade de traballo

SAT A CAMPA (Curtis) vacas procross3Hai 5 anos comezou a cruzar as vacas frisonas que tiña na procura de animais máis resistentes e doados de manexar. “Empecei a cruzar cando a situación da granxa cambiou. A medida que as necesidades de man de obra contratada se foron incrementando necesitabamos simplificar o manexo do gando e buscar facilidade de traballo diario. As vacas cruzadas ofrecen iso”, asegura.

Hoxe moxen 450 vacas: 140 jersey e o resto holstein puras e cruzadas, que xa representan o 35% das vacas en produción e están a aumentar día a día, a medida que as frisonas puras van abandonando o establo.

O aumento do volume e a necesidade de man de obra externa leváronme a cruzar

“Estamos xa inseminando todo con Procross”, indica, completamente convencido da decisión que tomou. “Moita xente que empeza a cruzar para antes de tempo, porque os primeiros cruces son máis desiguais e ao telas mesturadas coas outras o primeiro que notas é unha pequena baixada de produción, pero os resultados vense a máis longo prazo”, afirma.

Un lote jersey para lograr diferenciación no leite

SAT A CAMPA (Curtis) jerseyAntes de empezar a cruzar, Alberto mercou vacas de raza jersey traídas de Dinamarca. “Introducimos a raza jersey para buscar nicho de mercado e diferenciarnos. Nesa época o leite valía pouco e era todo igual”, di.

De modo que cando construíu o novo establo fixo toda unha ala da nave adaptada ao tamaño desas vacas, con cubículos máis pequenos (112 centímetros nas jersey fronte a 128 nas frisonas).

As jersey son áxiles e moi curiosas e van máis ao robot, pero tamén son delicadas

Aquel leite con máis sólidos serviulle para acceder a empresas como Inleit ou Entrepinares pero as dificultades de manexo eran semellantes ás que tiña no rabaño frisón.

“É certo que logrei o obxectivo de ter un leite diferente, pero dinme conta de que coa raza jersey tiña os mesmos problemas que coa holstein e que se quería ir a máis volume de gando esa raza tampouco me valía, porque a jersey tamén é delicada, se a apertas dache, como a frisona, pero tamén rompe”, afirma.

Da vaca individual ao rabaño

SAT A CAMPA (Curtis) vacas procrossCo cambio de concepto de gandería familiar a empresa Alberto tivo que cambiar tamén o modo de entender e xestionar a granxa. “Hoxe en día non é a vaca a que condiciona a rendibilidade de calquera explotación, porque a xenética non é xa o principal factor limitante da produción de leite. Si o son, en cambio, aspectos como o grado de cualificación da man de obra, a calidade das forraxes ou a comodidade das instalacións. E, sen embargo, moitas veces seguimos mirando para a vaca e non para esas outras cousas”, argumenta.

O 80% das vacas que se van ao matadoiro nunha granxa de leite fano porque non empreñan

“Na actualidade, o 80% das vacas que se van ao matadoiro nunha granxa de leite fano porque non empreñan. A reprodución é o principal factor de descarte hoxe nunha explotación. Polo tanto, eu sabía que tiña que cambiar iso se quería medrar en cabezas e en rendibilidade económica”, razoa.

“A holstein non é a raza que máis me compense. Ás veces é mellor un todoterreo que un Ferrari, porque non se dan as condicións para ir a 300 km/h e porque os gastos de mantemento son menores; é un pouco o que pasa coa holstein”, compara.

En equipo a vaca cruzada traballa moito mellor que a holstein

Desde o punto de vista empresarial e de conxunto, di, “as vacas procross aportan homoxeneidade e uniformidade nunha granxa, non destaca unha sobre a outra. En equipo as vacas cruzadas traballan moito mellor que as frisonas puras; iso téñoo claro”, afirma.

Aposta pola robotización

SAT A CAMPA (Curtis) robotXunto aos cambios xenéticos, a outra gran evolución de SAT A Campa nos últimos anos foi a da automatización. Na nave nova teñen instalados 4 robots de muxido e un sistema autónomo de alimentación para o gando.

“Grazas á robotización somos capaces de atender 450 vacas en ordeño entre 6 persoas”, asegura Alberto, que pensa que a modernización das granxas é indispensable para que os mozos tomen o relevo nas explotacións.

Para min segue a ser máis doado de traballar nunha sala de muxido que con robots, pero aportan outras vantaxes

Na nave antiga, onde segue muxindo en sala, fai tres muxiduras diarias. “Os robots de muxido teñen vantaxes e desvantaxes a respecto da sala”, recoñece. “No meu caso unha primeiriza fai máis leite na sala que no robot, porque na sala fai tres muxiduras si ou si, mentres que no robot tarda 2 meses, mentres non lle perde o medo, en lograr os tres pases”, afirma.

Produción e sólidos

No establo novo, onde moxe 240 animais, o 60% jersey, a media de produción contando as jersey é de 35 litros, ao 4,30% de graxa e 3,70% de proteína. “No inverno baixo un par de litros de produción, pero subo ao 4,80% de graxa”, explica Alberto.

O lote de frisonas e cruzadas están en 44 litros de media diaria e a estratexia de crecemento da explotación pasa por seguir apostando polo gando procross e manter un núcleo jersey puro co que contribuír a incrementar as calidades.

Venden o leite a Inleit, Entrepinares e Queinaga

A produción total de SAT A Campa é duns 15.000 litros diarios e venden o leite a tres compradores distintos: Inleit, Entrepinares e Queinaga, á súa propia queixería. Nos tres casos, as porcentaxes de sólidos son fundamentais nos procesos de transformación industrial do leite que levan a cabo.

190 hectáreas de superficie

SAT A CAMPA (Curtis) milloSAT A Campa traballa unha superficie agraria dunhas 190 hectáreas, das que sementaron a millo este ano 150 hectáreas, tras ensilar 170 de herba. “Facemos dous cortes antes de labrar o millo e no resto tres cortes e herba seca”, explica.

“Para nós nesta zona é máis doado traballar o millo que a herba. Eu recoñezo que a herba dá leite, pero é difícil ensilala ben, porque non sempre consegues 4 días de bo tempo no momento óptimo, moitas veces ou se che pasa ou cóllela mollada”, di.

Nesta zona é máis doado de traballar o millo que a herba

No caso do millo, sen embargo, logran producións por enriba dos 50.000 kg por hectárea. “Nesta zona sempre temos moi boas colleitas de millo, porque sempre chove algún día no verán e hai humidade polas noites”, explica.

Alberto bota man dunha empresa de servizos para facer os traballos agrarios, agás para sacar o purín, que o fan eles directamente. “Cando hai que facer os traballos hai que facer moitas hectáreas en pouco tempo e deixa de ser factible ou rendible facelo ti”, afirma.

Alimentación diferenciada e camas de compost

Robot de alimentación

Robot de alimentación, que realiza unha ración para as vacas jersey e outra para as frisonas e cruzadas

Neste momento a alimentación é diferente no caso das vacas jersey, que teñen unha menor inxesta aínda que un maior índice de conversión a leite, debido a que as necesidades de mantemento corporal son inferiores polo seu tamaño.

No resto das vacas en produción a ración é a mesma, aínda que Alberto recoñece que as súas necesidades non son iguais. “O feito de ter mesturadas no establo as vacas cruzadas e as holstein puras impídeme lograr unha maior eficiencia, porque a enerxía que necesita a vaca procross é inferior á holstein, polo que non estamos optimizando ao máximo a alimentación”, admite. “A medida que o número de vacas frisonas vaia reducíndose iremos axustando máis a ración”, avanza.

Para as camas do gando, seguen mantendo a area como material de recheo no establo antigo, pero instalaron un separador con célula hixienizadora para a fracción sólida do purín, que utilizan nos cubículos da nave de produción máis recente, construída no 2019.

Ampliación da queixería para triplicar a súa capacidade produtiva

SAT A CAMPA (Curtis) Queixeria QUEINAGA Arzúa UlloaSAT A Campa foi unha das primeiras explotacións en incorporarse á Denominación de Orixe Arzúa-Ulloa, abrindo a súa queixería en 1995 como estratexia para valorizar o leite que daban as súas vacas.

Co paso dos anos, ao igual que o fixo a granxa, tamén a queixería foi medrando, até verse obrigada na actualidade a mercar leite doutras explotacións da zona. Queinaga transforma neste momento uns 20.000 litros diarios de leite, pero está ampliando as súas instalacións para triplicar a súa capacidade queixeira.

Alberto está convencido de que só transformando o leite se poderá acadar un bo prezo no futuro, polo que non ten en mente seguir aumentando ao número de vacas e á produción de leite na granxa, senón apostar pola queixería incrementando o volume de leite convertido en queixo nela.

A industria ten vantaxe porque sempre vai haber leite en abundancia no mercado

“As industrias válense da abundancia de leite para pagar pouco por el e iso eu non vexo que vaia cambiar a curto prazo, porque hai moitas explotacións que se meteron nos últimos anos en créditos e investimentos para medrar e eses gandeiros están obrigados a dar leite, necesitan producir leite a toda costa, aínda que sexa a base de traballar día e noite; pero esa non é a miña filosofía”, di.

 “A queixería é un mundo máis difícil pero tamén multiplica máis que a granxa. Ao principio empezas pola gandería porque é o máis fácil, pero a nosa intención agora non é medrar máis en número de vacas, senón crecer coa queixería”, explica.

De cara ao futuro prefiro seguir crecendo coa queixería; a día de hoxe non teño previsto medrar máis coa gandería

Na queixería, situada enfronte da granxa, elaboran queixo Arzúa-Ulloa e Tetilla en diversos formatos, así como manteca cocida para repostería, que se obtén da graxa que queda no soro resultante de facer os queixos.

queixos queinagaProducen uns 2.500 kilos diarios de queixo, que venden principalmente en Galicia, aínda que tamén exportan a outros países, como Portugal, Reino Unido ou mesmo China. “Evolucionar e medrar sempre foi un pouco o lema da familia”, recoñece Alberto.

Queinaga e Queizuar (Bama) son hoxe as dúas grandes queixerías da Denominación de Orixe Arzúa-Ulloa

Apostan pola calidade para os seus produtos e defenden que o crecemento non está reñido con manter o sabor e a elaboración tradicional. De feito, Queinaga acadou na última edición da Cata dos Queixos de Galicia dúas medallas de ouro, unha para o seu queixo tetilla e outra para o Arzúa-Ulloa.

Luis Lamas é neste momento o presidente do Consello Regulador 

Carmen Vázquez, a nai de Alberto, segue a ser a mestra queixeira. O seu pai, Luis Lamas, é neste momento o presidente do Consello Regulador da Denominación de Orixe Arzúa-Ulloa, logo de substituír este ano a Xosé Luis Carrera, de Arqueixal, que presidiu a denominación durante 24 anos.

Reportaxe elaborada coa colaboración comercial de Glogal Genetics

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información