Máis do 90% das materias primas para facer pensos en Galicia pasan polos controis do Galis

Os fabricantes galegos de penso analizan mil mostras de gran e outros produtos durante o ano para garantir a seguridade alimentaria.

Máis do 90% das materias primas para facer pensos en Galicia pasan polos controis do Galis

O control das materias primas para asegurar unha alimentación sa e axeitada para o gando, permite a obtención de produtos con todas as garantías sanitarias para o seu consumo. É por iso que se estableceron unha serie de organismos e sistemas que, como sucede en Galicia, analizan a maioría de produtos destinados a pensos gandeiros e evitar así “elementos non desexados”.

Galis, o sistema de control alimentario creado pola Asociación Galega de Fabricantes de Alimentos Compostos (Agafac) para extremar o control na elaboración de pensos para gañado, realiza case un milleiro de análises por ano. Así, durante o pasado exercicio, o laboratorio -situado en terreos do Porto da Coruña- analizou un total de 947 mostras, procedentes na súa maioría de barcos que chegaron aos portos de Galicia. Tamén examina materia prima doutras zonas da península.

Na actualidade, Galis controla o 96% da produción de pensos de toda Galicia mediante estas análises rápidas destinadas a comprobar que as materias primas non superen os límites establecidos pola Unión Europea, que é a encargada de ditaminar que ingredientes pódense utilizar nos pensos e cales non.

Deste xeito, obtéñense de forma precisa parámetros nutricionais moi diversos: grao de humidade, perfil de proteínas, acedo láctico, acidez, impurezas, nivel de calcio, fósforo, potasio… de cada unha das materias primas. Os resultados destes exames son esenciais porque os fabricantes dispoñen de valiosa información para extremar a calidade dos seus produtos e garantir a seguridade de todo o proceso da cadea.

O millo, o cereal máis vixiado

Das 947 mostras analizadas o pasado ano por Galis, 202 corresponderon a millo, a materia que máis se descarga nos portos galegos (sobre todo no peirao da Coruña) e tamén a máis vixiada ao ser a máis susceptible de conter substancias indesexables, un termo co que os técnicos se refiren a substancias como dioxinas, micotoxinas ou materiais pesados. Seguíronlle as fariñas de soia con 123, a cebada con 75 e moi de preto o trigo e a colza con 71 mostras cada unha.

Ademais de Galis, en España hai outros cinco sistemas de seguridade de carácter sectorial. Son os sistemas de Cataluña (Qualimac), País Vasco (Aplika Epea), Castela e León (Segacyl), Murcia (Pensa-Q) e Andalucía (Sicalia).

O sistema galego non só é un dos decanos -creouse en 2005- senón tamén é líder indiscutible en canto a controis realizados, xa que en Galicia realízanse cada ano unhas 1.000 mostras sobre unha produción de 3,2 millóns de toneladas de pensos.

Con todo, Galis destaca non só pola cantidade de mostras realizadas e polo amplo abanico de parámetros analizados, senón pola incorporación de sistemas de alerta rápida de última xeración. Neste sentido, o seu laboratorio dispón da tecnoloxía NIRS (Near Infrared Spectroscopy) que permite máis precisión e rapidez con resultados garantidos nun prazo máximo de 24 horas.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información