“O prezo da pataca é moi bo porque hai pouca en Europa e en 2024 prevese complicado atopar semente”

Fernando Alonso Arce, un dos maiores expertos españois en pataca, analiza as previsións para esta campaña e algúns dos retos que afronta o sector. Coñecemos tamén a súa valoración sobre as producións galegas

Publicidade
“O prezo da pataca é moi bo porque hai pouca en Europa e en 2024 prevese complicado atopar semente”

Fernando Alonso Arce nunha das súas últimas visitas a plantacións de pataca da Limia durante esta campaña.

Enxeñeiro agrónomo e consultor especializado, Fernando Alonso Arce é un dos maiores expertos en pataca en España. A súa vinculación con este cultivo vénlle xa de familia, xa que os seus pais eran xa produtores de pataca na zona de Burgos e a súa carreira profesional centrouse neste cultivo.

Alonso Arce exerceu durante case 30 anos no Centro de Control de Pataca de Castela e León e tras a súa xubilación desta actividade segue activo como consultor percorrendo a xeografía española interesándose pola evolución do cultivo nas distintas zonas produtoras. Con el coñecemos as previsións desta campaña e os retos que afronta o sector.

-Como se presenta a campaña da pataca este ano en España?
-As previsións iniciais apuntaban a que sería unha campaña complicada porque se atrasaron as sementeiras e acumuláronse sementeiras tardías. Por este motivo, prevíase que coincidisen os arranques tamén en varias zonas, o que podería afectar de forma significativa aos prezos, provocando unha caída destes. Pero a situación cambiou pola exportación, xa que hai unha alta demanda desde Europa. Así, aínda que realmente coincidiron os arranques do sur cos das zonas produtoras do norte como Valladolid ou Segovia, saíron moitos camións para Europa.

-Está a notarse nos prezos esta alta demanda europea?
-Si, dende logo. Os prezos subiron e seguen subindo. Está a pagarse ao agricultor entre 40 e 45 céntimos o quilo de Agria. Son prezos realmente moi bos.

-A que se debe esta alta demanda de Europa?
-En Europa non teñen pataca, sobre todo para a industria, porque tiñan pouco stock. Tamén se debe a que despois do Covid-19 tampouco tiñan moita pataca en almacéns frigoríficos e o que fixeron foi tirar da pataca española. Así, xa se exportou e séguese exportando moita pataca española cara a Europa.

“Nestes momentos en Europa teñen pouca dispoñibilidade de pataca, por iso están a comprar a española, pero aínda está por ver como será a súa colleita”

-Plantouse menos pataca en Europa?
-Non para nada, mesmo se plantou un pouco máis que o ano pasado. Sementaron máis tarde, no mes de maio, debido ás choivas da primavera. Despois houbo moita seca e temperaturas altas en zonas produtoras nas que non adoitan utilizar sistemas de rega porque habitualmente non o necesitan, de maneira que non o tiñan dispoñible. Por estes motivos teñen pouca dispoñibilidade de pataca polo momento. Aínda que tamén é certo que aínda está por ver como será a colleita de pataca en Europa.

En Europa está a tirarse moito cara á industria. En Bélxica a industria está a construír novas fábricas. Esta é outra das razóns polas que hai menos pataca, xa que os agricultores deixaron de producir pataca de sementeira e de consumo para centrarse na de industria, porque están a subir os prezos. De feito prevese que o ano 2024 sexa bastante problemático en canto a dispoñer de pataca de sementeira, xa que vai haber pouca pataca. Países Baixos controla practicamente o mercado mundial da pataca de sementeira, mentres Francia é o líder europeo na exportación de pataca de consumo. En concreto a España destina unhas 700.000 toneladas de pataca e previsiblemente este ano se incrementará esta cifra. Así é que en distintas épocas, en España exportamos e compramos pataca, o que se converte nunha oportunidade máis para os agricultores.

“Os mercados europeos están a pedir sobre todo pataca Agria para a industria e Colomba por ser unha pataca moi versátil”

-Que variedades están a pedir os mercados europeos?
-Sobre todo estase exportando a pataca Agria e tamén están a pedir algo de Colomba. A primeira delas porque é a que pide a industria e a segunda porque ten moitas utilidades,  xa que é unha pataca que se utiliza para moitos fins. Tamén hai outras variedades que se destinan á exportación, como a Soprano, pero as que máis están a saír son Agria e despois Colomba.

-Á marxe da demanda europea, que variedades se adoita consumir en España?
-A Agria, a pesar da demanda que está a ter reduciuse o volume que se planta. Plántase moita Soprano e Colomba. Ademais, seméntanse moitas variedades cada ano. O mercado non é tan fiel como ocorre co galego, onde se sabe que están Kennebec e Agria. Mentres, no sur cámbiase de variedades cada ano. Todas as casas de sementes introducen variedades novas constantemente para ir ocupando o espazo que vai quedando.

-Por que en Galicia somos tan fieis a esas dúas variedades?
-Sobre todo ten que ver coa boa valoración que hai tanto no mercado galego como fóra del da Kennebec e en especial da Kennebec galega, que é moi apreciada. Ata hai dous anos só se admitía na IXP Pataca de Galicia esta variedade. Finalmente introduciron a Agria e a Fina de Carballo.

-Afondando un pouco máis nas previsións da campaña e á marxe dos bos resultados que está a deixar a gran demanda de Europa, de que maneira afectaron as restricións de auga e as vagas de calor nas plantacións de pataca?
-As tormentas e as choivas torrenciais apelmazaron o terreo, provocando que os tubérculos non poidan respirar ben e tampouco permite o desenvolvemento radicular. Ademais, os rendementos están a ser baixos debido a isto. Neses campos que se encharcaron houbo problemas fitosanitarios como o mildio ou a alternaria. Tamén se detectou en varias zonas verticiliose, unha enfermidade, pouco habitual, pero que afecta moito cando se rexistra un grao de humidade alto. Afectou en plantacións de Cartaxena, en Castela León e en Galicia. En Xinzo de Limia estiven hai unhas semanas despois de que me chamasen ao detectar problemas. Non o identificaban como Verticillium e estabano a tratar coma se fose mildio.

-Cales son os síntomas que presentan as plantas afectadas por Verticillium e como tratalas?
O Verticillium é un fungo que en EE.UU. coñecen como ‘morte prematura (early dying)’, porque a pataca morre antes de cumprir a maduración. Comezan secando as follas máis baixas e termina coma se fose unha palmeira, cun talo e un cogollo seco. No Ministerio de Agricultura non hai ningún produto rexistrado para tratar esta enfermidade, por iso é tan problemática, xa que non hai produtos eficaces contra ela. O recomendable cando se detecta é suspender a rega e deixar que a planta chegue a sufrir un pouco pola falta de auga, xa que axudará a combater o fungo.

-É difícil identificar as plantas afectadas por Verticillium?
-Non é unha identificación difícil, o problema é que ao non ser frecuente pode pasar que non se pense nela. É unha patoloxía que confunde moito ao agricultor, xa que os síntomas iniciais son similares aos do mildio e alternaria: a planta comeza a secar. Ante isto, o habitual é que se apliquen tratamentos fitosanitarios para estes fungos e se lle proporcione máis auga á planta, o que resulta contraproducente para atallar o Verticilium. 

-Verase afectada a calidade da pataca esta campaña?
-A calidade sanitaria da pataca pode afectar na súa conservación. Xa viña habendo dificultades nos últimos anos na conservación das patacas debido á prohibición do produto antixerminante que viña utilizándose, que era ademais o máis eficaz e barato. Este ano creo que pode haber problemas na almacenaxe por mildio e pé negro. A almacenaxe pode ser problemática.

“Este ano os agricultores deben ser moi selectivos nos lotes que van almacenar”

-Que recomendación pode facerse para reducir estes posibles problemas na almacenaxe?
-A única posibilidade que se lle presenta ao produtor é non meter no almacén os tubérculos afectados por pé negro e mildio. Será moi importante que se controle ben a entrada de novas partidas e a evolución da pataca no almacén. Este ano os agricultores deben ser moi selectivos nas partidas ou lotes que van almacenar.

“As leiras chegaron a estar moi asolagadas en Galicia e iso pode afectar moito aos rendementos”

-E en Galicia, como esperan que sexa a campaña? Tamén afectaron as choivas de primavera?
-As leiras chegaron a estar moi asolagadas en Galicia e iso pode afectar moito aos rendementos que se logren esta campaña, tanto en Xinzo de Limia como en Bergantiños, tal e como apuntan no terreo tanto agricultores como técnicos. Habitualmente na Limia prodúcense unhas 120.000 toneladas e este ano poida que non cheguen ás 100.000.

-A incidencia de mildio ou alternaria, foi máis significativa que outras campañas?
-Si houbo máis incidencia, pero en xeral, controlouse. O problema é que obrigou aos agricultores a dar máis tratamentos. Tamén é certo que na Limia régase moito, creo que con menos auga o cultivo podería ter unha mellor sanidade. Quizais sería recomendable realizar regas máis frecuentes e con menos cantidade de auga.

“Os modelos de predición como o desenvolvido pola investigadora Laura Meno Fariñas poden ser de gran axuda para optimizar o uso dos fitosanitarios, coma no caso do mildio”

-Coa Unión Europea esixindo producións máis sostibles e a redución de fitosanitarios, como se poderá lograr en Galicia cos problemas de mildio que temos?
-Neste sentido son moi interesantes proxectos como o que está a desenvolver na Universidade de Vigo e o Inorde a investigadora Laura Meno Fariñas para reducir o número de tratamentos en base a un sistema de predicións intelixentes, de maneira que só se apliquen tratamentos nos momentos de maior risco de mildio. Ademais, na Limia estes modelos poden ser de gran axuda, xa que se trata dunha zona bastante uniforme, a diferenza do que ocorre noutros lugares onde hai unha gran variedade de factores ambientais que inflúen.

-Sería unha alternativa a aposta por variedades máis resistentes a mildio?
-Están a facerse estudos en Galicia, sobre todo desde o Inorde, sobre estas variedades. Aínda que, a non ser que se demostren unhas vantaxes moi grandes e unha gran resistencia, eu non son partidario de introducila na IXP Pataca de Galicia. Podería traballarse con ela fóra. Tamén é certo que é complicado, xa que todas as casas de sementes están a tentar introducir as súas variedades e Galicia foi un reduto que se resistiu e creo que o modelo galego é moi acertado.

 “As medidas que se adoptaron para controlar a couza guatemalteca foron moi duras, pero é un caso de éxito sen precedentes”

-En Galicia pasamos tamén por restricións como a derivada da couza guatemalteca, en 2017, que opinión ten acerca da actuación levada a cabo para conter a praga?
-Creo que foi unha actuación moi acertada. No ano 1999 apareceron as primeiras en Canarias e no 2015 detectáronse as primeiras en Ferrol, crese que chegadas en pataca nalgún barco e desde aí estendeuse tanto a outras zonas de Galicia e Asturias. As dúas comunidades adoptaron entón as medidas que esixe a Unión Europea e aínda que foron medidas moi duras, conseguiuse que Asturias desde xaneiro deste ano sexa zona libre e en Galicia estea a avanzarse nesa dirección. Para min é un éxito sen precedentes. Agora mesmo esta praga está a estenderse en América do Sur, estendéndose en Ecuador, Perú, Bolivia… e en ningún sitio se conseguiu frear da maneira que se fixo aquí.

-Unha vez controloda por completo, hai algunha recomendación ou práctica aconsellable para evitar a súa aparición?
-Debe manterse a vixilancia, xa que en calquera momento pode aparecer de novo, non só en Galicia, senón en calquera punto. Por iso é importante manter as trampas de feromonas para detectar algún repunte.

-Á marxe desta campaña, como valora a produción de pataca en Galicia?
-A produción de pataca en Galicia ten moito futuro. A pataca galega valórase moito tanto en Galicia coma fóra. Esta percepción tan positiva que se ten sobre o produto é un dos seus maiores puntos fortes, por iso ás veces dá medo esa ampliación de variedades que se baralla dentro da IXP. Eu non son partidario desa ampliación, xa que cando se pensa en pataca galega pénsase en Kennebec, aínda que se incluíuse tamén a Agria e outras como a Fina de Carballo (da que apenas hai produción). Na miña opinión é mellor continuar sen incluír máis variedades.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información