Archives

“Un 40% das terras agrícolas de Galicia que analizamos teñen contidos altos ou moi altos en fósforo”

Esperanza Álvarez, ás portas da Escola Politécnica Superior de Enxeñería do Campus de Lugo Esperanza Álvarez é catedrática do departamento de Edafoloxía e Química Agrícola da USC no Campus Terra de Lugo e coñece ben os solos galegos, dos que destaca as súas aptitudes para a produción cun manexo racional. Ela ten levado a cabo estudos sobre a súa degradación e recuperación, sobre a contaminación por metais pesados e antibióticos, sobre a toxicidade do aluminio, a fertilidade en solos agrícolas e forestais e a dinámica de macro e micronutrientes, así como sobre a utilización de materiais bioadsorbentes para a descontaminación tanto dos solos como da auga. Nos laboratorios da Escola Politécnica realízanse análises para empresas, cooperativas agrogandeiras e particulares que axudan a coñecer o estado do solo para poder corrixir deste xeito as súas carencias e a adaptar as doses de abonado ás necesidades reais de nutrintes dos cultivos.
Nos laboratorios da Escola Politécnica realízanse análises de solos para empresas, cooperativas agrogandeiras e particulares
Ás portas da tempada de abonado de primavera, falamos con Esperanza para coñecer problemas habituais de fertilización dos solos galegos e algúns consellos para elevar a produtividade das terras sen prexudicar o entorno. – Que características teñen os solos agrícolas galegos? – Nós temos solos ácidos, todos teñen pH baixo, incluso os que están sobre rochas básicas, debido a que temos un clima cunha precipitación abundante e con moito lavado. Por iso chegamos a ter sobre rochas básicas solos ácidos tamén. Esa é unha característica común e xeralizada, aínda que nos solos sobre rochas ácidas (granitos, xistos da serie de Vilalba, lousas, cuarcitas) o pH é máis baixo que os que están sobre rochas básicas (gabros, anfibolitas) ou xistos da serie de Ordes. En calquera caso, a maioría dos nosos solos necesitan un encalado previo á fertilización. – Que efectos produce esta acidez a nivel agronómico? – Como dixen, todos os solos galegos, por natureza, son ácidos, pero os de cultivo, dependendo do tratamento histórico previo que teñan recibido e do seu manexo, uns témolos en mellores condicións ca outros. Temos un problema de acidez e nestas condicións o aluminio pode chegar a ser tóxico.
En moitos solos onde debería haber nutrientes, hai un elemento tóxico, que é o aluminio
Nos solos de Galicia non ocorre tanto iso porque temos moita materia orgánica e podemos dicir que atrapa ao aluminio. Por iso en moitos casos este elemento non ten unha toxicidade directa, pero si que está ocupando sitios na despensa de solo formado pola materia orgánica coloidal e as arxilas, onde debería haber nutrientes como calcio, magnesio ou potasio e que no lugar deles sitúase o aluminio, polo que cando a planta quere ir a esa despensa a buscar un nutriente concreto non o ten, o que atopa é o aluminio. É dicir, en moitos solos onde debería haber nutrientes, hai un elemento tóxico. Como temos moita materia orgánica e anións como flúor ou sulfato, complexa neste elemento, non adoitamos ter un problema de toxicidade por absorción de aluminio polas plantas, pero está ocupando o sitio doutros nutrientes. Polo tanto, o aluminio considérase o principal limitante da fertilidade dos solos ácidos. 
O aluminio considérase o principal limitante da fertilidade dos solos ácidos
Pero tamén a pH ácido, a despensa do solo (coñecida como capacidade de intercambio catiónico) é máis pequena, é dicir, algúns coloides teñen pouca carga negativa e mesmo a poden ter positiva. Neste medio tamén hai unha baixa dispoñibilidade de macronutrientes como N, P, S, a parte da sinalada de Ca, Mg e K, e dun micronutriente como é o molibdeno. O fósforo, xofre e o molibdeno quedan retidos sobre esas cargas positivas que presentan os coloides do solo a pH ácido, ou poden precipitar co aluminio. No caso do nitróxeno, a acidez limita as reaccións de mineralización da materia orgánica e a nitrificación, responsables de que teñamos un nitróxeno na forma en que a planta o pode tomar. Pola contra algúns micronutrientes, que a planta toma en moi pequeñas cantidades, como Mn, Cu ou Zn, poden estar en concentración máis elevadas cas que necesita a planta. Ademais das propiedades químicas, a acidez tamén afecta ás propiedades físicas como á porosidade do solo, e ás biolóxicas, principalmente á actividade microbiana que é responsable, entre outras, da mineralización da materia orgánica e da nitrificación. – Cal é a acidez media que vos estades atopando nos solos e cal a que debería haber? – Nas análises que facemos nos solos de cultivo normalmente xa vén corrixida por encalados anteriores, pero aínda así atopámonos case un 50% dos solos que analizamos con pH por debaixo de 5,5. Falo dese nivel porque por enriba del o aluminio precipita, e así eliminamos o principal problema dos solos ácidos; polo tanto débese encalar para precipitar o aluminio. Un 5,8 de pH xa pode ser axeitado, porque tes o aluminio precipitado e os nutrientes dispoñibles. Se ti queres lograr unha maior dispoñibilidade de nutrientes podes chegar a un valor de pH de 6, pero non é necesario pasar de aí, porque por enriba o que fas tamén é prexudicar a absorción dos micronutrientes, que a maioría deles, agás o molibdeno, están dispoñibles a pH ácido e, aínda que os cultivos os necesitan en pequenas cantidades, son tamén necesarios. Evidentemente, vai depender tamén das esixencias dos cultivos. 
Un valor de pH que estea entre 5,8 e 6 sería o máis recomendable
Se ti te pasas moito do valor de 6 no pH e o levas até 7 ou algo máis, por exemplo, que pasa ás veces, algúns micronutrientes como o ferro, que é super necesario, non o pode absorber a planta, porque baixa totalmente a súa solubilidade, e co manganeso pasa o mesmo. Pero pode pasar ademais se elevamos o pH por enriba de 7 que o fósforo precipite co calcio e o aluminio pode solubilizarse de novo, polo que o que conseguimos nestes casos son efectos prexudiciais e contrarios ao que nós pretendemos co encalado. É dicir, hai que ter moito coidado con non pasarte tamén por enriba porque pódense provocar efectos non desexados: unha clorose férrica que é moi visible nas plantas.
Se ti te pasas do valor de 7 no pH podemos provocar efectos prexudiciais na absorción de ferro ou fósforo
En resumo, un valor de pH que estea entre 5,8 e 6 sería o máis recomendable, porque por un lado estariamos precipitando o aluminio, que é o que nos estorba, para sacalo da despensa e facer que non sexa soluble e que a planta non o tome e, ao mesmo tempo, lograr que todos os nutrientes estean dispoñibles, tanto os macronutrientes como os micronutrientes, para que a planta os poida coller cando os necesite. Ese pH tamén é moi axeitado para que os microorganismos do solo realicen a súas funcións e para que haxa moitas cargas negativas no solo, é dicir, para que haxa unha boa despensa. – E que dose sería necesaria para lograr ese nivel de 5,8-6 de pH? – A dose é moi variable, porque os solos teñen unha historia previa e unha resposta diferente dependendo da súa capacidade tampón, e ademais depende do valor neutralizante e do tamaño de partícula do encalante que se use. Cando se transformaron montes en pradeiras alá polos anos 80, fixéronse ensaios no Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo con distintas doses de caliza (0,75;1; 1,5;  3, 4, 5 e 6 t ha-1) e concluiron que 3 toneladas por hectárea era unha dose suficiente para situar ao aluminio en valores por debaixo do crítico para as pradeiras (<10% na despensa do solo) e o efecto do encalado permanecía 7 anos despois. Pero agora na maioría dos casos esas doses non van ser necesarias porque normalmente hai un encalado previo e xa non partimos de pHs tan ácidos. Aínda que hai moita xente que fertiliza e non encala, hai moitos outros solos que xa veñen cun pH de entre un 5 e un 5,2 e neses casos a dose é moito menor. Nós non a calculamos en función do pH, senón en función do aluminio que haxa e o que queremos que quede despois de encalar. Hai que corrixir a acidez se queres plantar especies esixentes ou senón buscar cultivos que toleren esa acidez do solo. Se ti botas centeo tolérache unha acidez, se sementas trigo outra e no caso do millo unha diferente. Dependendo dos cultivos, os requirimentos de encalado tamén son uns ou outros. – Cal sería o mellor momento do ano para facer ese encalado e con que produtos? – Quizais o mellor momento sexa antes das primeiras choivas do outono, que no caso de Galicia coincide coa sementeira das pradeiras. Encalar un tempo antes de botar a pradeira sería un momento axeitado para facer un encalado de fondo, que despois poderías corrixir máis tarde se fora necesario cun de coberteira, pero o encalado de fondo é o mellor, porque incorporas o produto ao solo mediante o laboreo. Despois habería que deixar un tempo antes de fertilizar para que non haxa perda de nutrientes, sobre todo de nitróxeno, porque cando ti inmediatamente despois de encalar botas nitróxeno créanse puntualmente condicións microalcalinas e coa auga pode dar lugar a que o nitróxeno se volatilice. Debería de pasar mínimo dúas semanas entre o encalado e o abonado, pero depende tamén do encalante que se use, se é de reacción máis rápida (óxido de calcio) ou máis lenta (carbonato cálcico ou carbonato cálcico magnésico). O que pasa é que moitas veces bótase todo xunto para non ter que levar a cabo dúas operacións, pero córrese o risco de perder o nitróxeno do fertilizante. Isto mesmo ocurre cando se engade xurro ou esterco ao tempo que o encalado.
Deberían pasar mínimo dúas semanas entre o encalado e o abonado
E en canto o produto a utilizar, o encalado en Galicia debería facerse, polo xeral, con caliza magnesiana, porque nós temos solos pobres en calcio e en magnesio, aínda que por exemplo na zona de Melide, que ten moito magnesio, aí non se pode botar caliza magnesiana; de novo hai que saber onde estás e o que botas. Tamén hai subprodutos da industria alimentaria que funcionan moi ben, como por exemplo a cuncha de mexillón, sempre e cando lle deas un tamaño adecuado, cunha granulometría semellante á da propia caliza. Cunha cuncha de mexillón triturada e botada co mesmo tamaño de gran que a caliza os resultados obtidos son moi similares, porque a cuncha é carbonato cálcico e pode ter tamén pequenas cantidades de magnesio. Era algo que xa se facía tradicionalmente nas zonas costeiras de Galicia. – O Real Decreto de Nutrición Sostible de Solos Agrarios obriga a facer analíticas. Que che parece? – Cando abonamos ou encalamos o que non se pode facer é botar por botar e facelo ao tun tun porque iso conleva problemas ambientais importantes pero tamén un gasto absurdo, desperdiciando fertilizante e provocando ou acentuando desequilibrios no solo, o que se traduce en que non haxa unha mellora na produción senón todo o contrario. Moitas veces a xente fertiliza botando NPK por simple rutina. É o que se acostuma botar en Galicia, pero moitas veces non encalou previamente. Cando se fai iso estás perdendo eficiencia na fertilización, porque o fósforo retense fortemente sobre os compoñentes de carga positiva que hai no solo e que teñen esa carga positiva cando o pH é ácido, ou precipita co aluminio. Pero se ti encalas cambias o valor do pH e o fósforo estaría dispoñible para as plantas. Polo tanto, é moi necesario primeiro encalar e despois corrixir as carencias co que faga falla, por iso é tan necesaria a analítica.
A xente fertiliza con NPK por simple rutina e estámonos atopando solos cunha concentración moi elevada en fósforo
É como se ti vas ao médico e queres que che receite sen saber antes o que tés. Primeiro hai que facer unha análise de sangue e as probas oportunas; diagnosticar e despois medicar. Pois co solo pasa o mesmo. E incluso para pacientes coa mesma doenza o tratamento pode ser diferente. Igual no solo, dous solos ácidos poden necesitar unha dose de encalado e abonado diferente dependendo doutras propiedades do propio solo e do cultivo que vaia levar. A partir das analíticas é cando nós podemos recomendar. O xeral case sempre é que hai que encalar, pero non en todos os casos. Hai zonas de agricultura moi intensiva onde xa encalan desde fai tempo e nas que non é necesario encalar todos os anos, porque sempre hai un efecto residual do cal e igual chega con encalar cada dous ou tres anos; iso hai que velo en cada caso concreto.
Ao mellor non tes que fertilizar todos os anos. A sobrefertilización é contraproducente porque provoca desequilibrios no solo
O mesmo pasa coa fertilización. Ao mellor non tes que botar fertilizantes todos os anos. Estannos chegando aquí ao laboratorio solos cunha concentración de fósforo moi elevada. Lembro algúns traballos feitos fai uns anos na zona de Ordes, por exemplo. Nalgúns sitios hai unha sobrefertilización incrible e iso non é bo, xa non só polo gasto económico innecesario que supón abonar con fósforo cando non o necesitamos, senón que é mesmo contraproducente para o propio solo porque despois ese fósforo, dependendo do pH, precipítache o calcio e ti tes que ter un equilibrio. Cando tes déficit dalgún nutriente ou un desequilibrio no solo, a calidade desa colleita e o seu valor nutricional non é bo, porque o que fixeche foi bloquear a absorción dalgún nutriente. Falando de forraxes, por exemplo, puideches ter unha colleita abundante, pero a calidade igual non é a axeitada e aínda que o poidas corrixir despois a nivel de ración para o gando, mediante a suplementación, supón un gasto que podías ter aforrado.
Podemos ter forraxes que medran moito pero que ao mellor non teñen magnesio
Podemos ter forraxes que medran moito pero que ao mellor non teñen magnesio, e iso derivar en problemas de tetania no gando, que é unha desorde metabólica en rumiantes provocada pola falta de magnesio e que se dá moitas veces en sistemas de pastoreo. En ocasións danse problemas nas explotacións que non teñen que ver só coa cantidade que produces, senón coa calidade do que produces e que veñen derivados da nutrición do solo. Unha meneira de producir san e saudable é saber manexar o solo, porque cando ti tes unha relación desequilibrada entre calcio e magnesio, porque encalaches con calcio e non botaches magnesio, por exemplo, igual non se está absorbendo este último e provocas esa hipomagnesemia ou tetania. Moitos agricultores e gandeiros ás veces por inercia botan NPK, non miran a necesidade que hai. E do que se trata é de axustar cada vez máis as doses de abonado aos requirimentos do solo e o cultivo, porque trátase de satisfacer a demanda da planta pero sen danar ao medio ambiente. – Hai problemas de exceso de nitróxeno nos solos en Galicia nalgunhas zonas? – Nós detectamos máis problemas de exceso de fósforo. O nitróxeno acostúmase engadir como nitrato amónico ou como unha sal amónica ou cos xurros, pero ten que pasar a nitrato para que a planta o poda absorber. É dicir, ten que haber unha nitrificación (no caso dos xurros primeiro unha mineralización) se as condicións son axeitadas a nivel de pH, pasando dun amonio a un nitrato, que é como o toma a planta. Pero o nitrato é moi móbil, polo que moitas veces non se atopa no solo, senón que o exceso está xa na auga. Polo tanto, non é frecuente atopar nas analíticas un exceso de nitróxeno no solo, pero ese risco de contaminación por nitratos si que existe, moitas veces porque se bota moito purín e despois abónase igual con NPK.
Moitas veces estase fertilizando de máis, porque cando se bota moito purín ás veces non sería necesario despois fertilizar con nitróxeno
No caso do xurro ou do esterco, esa materia orgánica mineralízase e ese amonio pasa a nitrato, que pode ir a moitos sitios: pode ir á planta, pode ser retido polos microorganismos do solo, pero ao tratarse dun anión moi móbil, parte vaise ás augas, que é o que fai que haxa problemas nalgunhas cuncas onde se bota moito purín. Porque moitas veces estase fertilizando de máis, xa que co purín non sería necesario despois fertilizar con nitróxeno e séguese botando igual. De novo, isto vai depender das esixencias do cultivo, porque é certo que hai cultivos que demandan moito nitróxeno e non é suficiente o que aportan os xurros. 
 Un 40% dos solos que analizamos teñen contidos altos ou moi altos en fósforo
No caso do fósforo, sobre un 40% dos solos que analizamos teñen contidos altos ou moi altos. O exceso que atopamos moitas veces vén de atrás, de adicións anteriores e non tanto dos xurros, que xeralmente son pobres en fósforo, pero si por botar sempre abono mineral con fósforo. O NPK é moi recurrido en Galicia, pero eu sempre digo para que queres botar fósforo ou nitróxeno se xa o tes no solo; mira primeiro o que tes e fertiliza só se é necesario. Hai veces que só necesitas potasio e outras veces incluso que nesa campaña non necesitas nada. Botando só o necesario habería un aforro económico e os mesmos resultados produtivos. Tendo en conta, iso si, que non son os mesmos requirimentos para todos os cultivos: hai especies moi demandantes de fósforo e outras máis de nitróxeno. O abonado ten que ser algo racional, sostible e adaptado ás necesidades da planta; o que non pode ser é botar por botar.

Curso de elaboración de queixos de pasta branda

A Aula de Produtos Lácteos e Tecnoloxías Alimentarias e Chr. Hansen organizan a vindeira semana un curso de formación teórico-práctico de elaboración de queixos de pasta branda. As sesións formativas deste programa comezarán o martes 27, a partir das 9:00 horas, e terán continuidade nas dúas xornadas seguintes con diversas sesións prácticas. A inscrición para poder participar no curso aínda está aberta. Tamén se pode obter máis información a través do número de teléfono 982821405.

As posibilidades da loita biolóxica contra a praga da rata toupa

A investigadora Sara Ruiz Rubio xunto ao profesor Pablo Sánchez Quinteiro, coordinador do grupo de Morfoloxía Animal (Morfan) da Facultade de Veterinaria do Campus Terra da USC en Lugo O órgano vomeronasal da rata toupa (Arvicola scherman) ben podería ser o talón de Aquiles desta praga de roedores herbívoros que desde hai anos está a colonizar as pradeiras dalgúns dos municipios da montaña luguesa, como Pedrafita ou Triacastela, nos que a súa presenza crecente provoca importantes perdas económicas aos agricultores e gandeiros. O estudo anatómico e morfofuncional do órgano vomeronasal da rata toupa desenvolvido pola investigadora Sara Ruiz Rubio, un traballo no que tamén participaron outros integrantes do grupo de Morfoloxía Animal (Morfan) da Facultade de Veterinaria do Campus Terra da USC que coordina Pablo Sánchez Quinteiro, centra a temática dun artigo que acaba de saír publicado na revista americana The Anatomical Record, no que se constata a excepcional relevancia que ten este órgano sensorial para a rata toupa.
O órgano vomeronasal é un dos principais referentes sensoriais da rata toupa xunto co seu olfacto
O órgano vomeronasal é o que permite captar e interpretar sinais de comunicación química emitidas por feromonas ou cairomonas, explican estes investigadores da USC, ao tempo que salientan o gran tamaño e tamén o avanzado grao de desenvolvemento que presenta este órgano no caso da rata toupa, un mamífero subterráneo no que actúa como un dos seus principais referentes sensoriais xunto co olfacto, dado que a vista e o oído son sistemas moi atrofiados, cando non inexistentes, nesta especie de roedores. A caracterización anatómica, morfolóxica e funcional do órgano vomeronasal da rata toupa feita pola veterinaria Ruiz Rubio, reforza se cabe a pertinencia da loita química como a alternativa máis viable e sustentable para controlar e erradicar unha praga "cuxo número de individuos segue a multiplicarse en moi diversas localizacións a nivel europeo a pesar da posta en marcha doutras estratexias que resultaron ser insuficientes ou pouco eficaces, tal e como pode ser o caso da distribución de dispositivos de trampeo nas áreas afectadas ou o incremento nestas mesmas localizacións de depredadores (raposo, lobo, aves rapaces, felinos, etc), salientan os autores do estudo.
O número de exemplares deste mamífero subterráneo segue a incrementarse en diversas zonas de Europa sen que as medidas de contención aplicadas até o de agora tivesen éxito
A información achegada pola veterinaria Sara Ruiz Rubio no artigo publicado en The Anatomical Record, un traballo que forma parte da súa tese de doutoramento, revela aspectos ata agora descoñecidos do sistema vomeronasal da rata toupa, ao tempo que apunta o emprego de cairomonas de depredadores que provoquen estrés neste tipo de roedores e alteren os seus ciclos reprodutivos, como posible estratexia apropiada para avanzar no seu control, na progresiva diminución de individuos e a posterior eliminación.

Ensaios en parcelas do concello de Triacastela

Parcelas de ensaio levados a cabo en pradeiras afectadas por rata toupa no concello de Triacastela O profesor Sánchez Quinteiro explica que as pescudas realizadas por Sara Ruiz Rubio desenvolvéronse ao mesmo tempo que outros traballos de campo en diversas parcelas de control localizadas no concello de Triacastela, espazos nos que se testaron con diverso nivel de éxito estratexias de loita contra unha praga de roedores que, a través de galerías subterráneas, come desde a raíz as plantas herbáceas que brotan da superficie. “Os danos son cuantiosos, pois estamos a falar dun roedor cun tamaño lixeiramente superior ao dunha toupa común e que se reproduce durante todo o ano”, salienta Sánchez Quinteiro.
A Consellería do Medio Rural financiou os traballos de campo e de laboratorio, nos que tamén participou o Serida asturiano
A información achegada por esta investigación constitúe un novo argumento científico que avala a estratexia de loita biolóxica proposta polo profesor Sánchez Quinteiro para combater as pragas de rata toupa. Este traballo do Campus Terra desenvolveuse á par que outros estudos promovidos en Francia sobre a utilidade da comunicación química para combater este tipo pragas de roedores. “Os dous estudos perseguen o mesmo obxectivo”, precisa Sánchez Quinteiro, pero teñen enfoques diferentes, engadiu, pois “mentres os colegas franceses profundan sobre o uso de feronomas que poderían actuar como atracción cara a dispositivos de trampeo, a investigación do grupo de Morfoloxía Animal do Campus Terra da USC céntrase no efecto desestabilizador e no estrés que produce na rata toupa a percepción destas cairomonas, en canto que advirten da presenza de depredadores”, explica.

“Que xente allea ao campo entre a traballar no sector é unha necesidade, pero tamén unha gran oportunidade”

Quico Ónega, investigador do Laboratorio do Territorio da USC, é un dos responsables do proxecto Terra Activa, grupo operativo centrado na investigación e apoio aos novos entrantes na agricultura. En que consiste Terra activa e como xurdiu? Nas últimas décadas tíñamonos centrado moito en analizar os obstáculos dende o lado da oferta de terras, pero cada vez máis o problema en grandes áreas de Galicia é do lado da demanda, porque os xefes de explotación. son moi maiores e non existe relevo xeracional, polo que, ou se fai algo ou moitas terras van quedar abandoadas. Vimos a oportunidade de plantexar esta temática no marco da convocatoria do ano pasado do plan estratéxico da PAC dirixida a crear Grupos Operativos para desenrolar proxectos de innovación e desenvolvemento. Decidimos presentarnos para dar apoio e soporte aos chamados novos entrantes, pero non de xeito directo senón a través das entidades públicas e privadas que potencialmente poden axudar a estes novos. A contía é 177.644 euros e conta con fondos autonómicos, estatais e europeos. Que son os grupos operativos, quen forma parte e que obxectivos ten? Os Grupos Operativos son sempre colaborativos entre diferentes axentes do ámbito da investigación e innovación pero tamén produtores do sector primario para que haxa unha verdadeira transferencia de coñecemento, ou mellor dito, unha colaboración efectiva en pé de igualdade entre os parceiros para levar unha idea á práctica. Non se trata de que os investigadores lle digan aos produtores como facer. Trátase de que xuntos traten de levar á práctica algunha idea ou concepto do que xa existe coñecemento teórico. No noso caso as entidades colaboradoras serían a Escola de Formación Agraria de Fonteboa (EFA Fonteboa), o Laboratorio do Territorio da USC, Fundación Juana de Vega, a cooperativa Horsal e o GDR Mariñas-Betanzos e outros tres colaboradores que non son beneficiarios directos, Slow Food Compostela, Granxas Lousada SC e Eloy Galván, produtor das Mariñas. O primeiro obxectivo sería investigar e coñecer se efectivamente este fenómeno de incorporación de xente de fora do sector se está dando en Galicia e en que condicións, que necesidades teñen e como se lles pode dar apoio para que podan levar a cabo os seus proxectos no rural. Un segundo obxectivo sería xerar esas ferramentas de apoio aos chamados novos entrantes, pero non de xeito directo senón para as organizcións e institucións que poidan colaborar con eles potencialmente, porque pensamos que así tería máis impacto. O que intentamos, por exemplo, é que un grupo de desarrollo rural monte unha oficina ou ventana de apoio específica para os novos entrantes. Nestes tres anos esperamos crear unha serie de guías e recursos que unha entidade poda usar se quere apoiar ou asesoras aos novos entrantes no seu territorio. Sería dirixido a grupos de desenvolvemento rural, cooperativas, ONGs, a propia administración autonómica… Que a Consellería de Medio Rural utilice estes materiais en oficinas rurais sería o ideal. Un último obxectivo implícito sería por enriba da mesa o debate sobre a definición concreta de novos entrantes, a súa importancia e as súas problemáticas, que son ben diferentes ás dos fillos dos agricultores que collen explotacións familiares e xa mamaron esa cultura desde pequenos.
“As problemáticas dos entrantes son ben diferentes ás dos fillos dos agricultores que collen explotacións familiares”
Que se entende por novo entrante e que características e necesidades presentan? É unha persoa que se incorpora á agricultura por primeira vez, sen experiencia previa na agricultura, frecuentemente con experiencia noutros eidos e procedente da cidade. Na reforma da PAC do 2023 xa se fala explicitamente deste concepto de novos entrantes e da necesidade de apoialos. Tradicionalmente existían dúas liñas de axudas: subvencións para agricultores mozos, deseñadas a fillos de agricultores e as de mellora de explotacións agrarias. Nesta nova reforma recoñécese a importancia de telos en conta, considerando que as axudas clásicas estaban pensadas nun modelo de relevo familiar e aparece unha nova liña de axudas para maiores de 40 anos que non cumplen os requisitos de agricultores mozos e que se incorporan por primeira vez ao sector primario. Unha cousa destacable dos nosos estudos é que dos case 100 novos entrantes que localizamos nos últimos 10 anos, a metade está adoptando modelos de produción agroecolóxica, o que pulveriza os rexistros xerais de Galicia onde non chega nin ao 10% do sector. Estes modelos de produción priorizan moito a conservación do solo, a biodiversidade e boa xestion da auga e dos recursos naturais, o que significa que está entrando no sector xente con interese na xestión sustentable que apostan por un modelo de produción principalmente ecolóxico, sexa con certificado ou sen el. Dos 100 casos analizados en Galicia, 64 eran homes sendo o rango de idade máis común dos 26 aos 35 anos. Pouco máis da metade optan por produción vexetal, pouco máis dun cuarto pola produción animal e menos dun cuarto pola produción mixta. Dentro dos homes, o 65% optou pola explotación animal. En canto ás problemáticas xa se teñen feito estudos noutros sitios, pero este fenómeno e relativamente recente. Hai liñas comuns que atopamos, como o tema do acceso á terra, formación, acceso a financiación, o integrarse nun sector e nun lugar novo, a falta de contactos e de coñecementos, a relacion cos diferentes axentes e as súas dificultades, especialmente para a xente que ven do mundo urbano. Nestes casos pode haber problemas de integración social pero o máis normal é que os novos entrantes acaben sendo axentes dinamizadores do territorio, especialmente nas zonas máis deprimidas demográficamente, xa que moitas veces son familias con posibilidades de relevo xeracional. Outra dificultade que non pensamos que sería tan problemática e acabou sendo o principal problema mencionado polos novos entrantes foron as dificultades coa burocracia.
“Máis da metade dos novos entrantes optan por produción vexetal”
Por que existe tanta crítica á burocracia? É un problema tan grande? Cando falamos de agricultura, a realidade administrativa e burocrática é moi complexa porque é unha actividade que abrangue moitas áreas, polo que é moi difícil coñecer todas as normativas e nos obliga a pasar por un montón de sitios diferentes para obter informacións sesgadas porque hai cuestións que teñen que ver coa actividade económica e a fiscalidade, outras con normativas medioambientais e de manexo da terra, da auga, dos recursos naturais, con cuestións urbanísticas, de benestar e saúde animal, trazabilidade, comercialización, laboral, … Ás veces parece que hai unha mala intención dos que mandan que o queren poñer difícil pero penso que ten que ver con que é unha actividade que toca moitos ámbitos… É unha consecuencia inmediata e intrínseca da propia actividade. Precisamente as administracións deberían esforzarse en plantexar un ámbito administrativo sensato, porque ás veces nos pasamos de rosca e os propios gandeiros non ven as normas sensatas e saen a rúa a protestar, como é lóxico. Como a actividade agraria toca tantas áreas, as AAPP deberían facer un esforzo moito maior en ordear e darlle coherencia á normativa. Pola contra, recurren ao DOGa ou ao BOE practicamente para todo. Ademais, o sector agrario é tan diverso que é dificil facer unha norma que teña en conta esa diversidade, o cal complica tamén a súa aplicación real (para exemplo, o Decreto ‘dos puríns’). Para alguén que empeza de cero e que non é consciente de toda a normativa e aspectos administrativos que ten que aprender a cumplir cando vai comezar a súa explotación, non hai quen o informe de forma simultánea e integral, ten que ir a moitos sitios e se entera tarde de moitas normas. O primeiro tema é enterarse de todo o que nos afecta e despois valoralo. Isto non é nada fácil. Ti fas un plan pero non eres consciente dos límites legais ou os descubres tarde e xa tes que cambialo e ao mellor xa invertiches diñeiro. Tendo en conta o que se vai sabendo, este colectivo é máis probable que apoie as iniciativas de protección ambiental. É dicir, de partida amosan sensibilización por unha xestión responsable dos recursos naturais. Que apoie unha norma en concreto, tamén vai depender de como estea planteada. Esto non significa que no sector ‘tradicional’ non haxa sensibilidade, pero si é certo que é máis difícil mudar prácticas xa establecidas.
O principal problema mencionado polos novos entrantes foron as dificultades coa burocracia.
Cal é a situación demográfica de Galicia respecto ás explotacións agrarias e por que son importante as axudas aos novos entrantes? Salvo pequenas excepcións, a situación a nivel autonómico, estatal e europeo é moi delicada, e vai a peor. En Galica, temos algúns datos que son preocupantes aínda que atopamos grandes diferencias según a zona. No 2020 só o 8% dos xefes de explotación tiñan menos de 40 anos a nivel galego e a nivel español o dato é moi similar. Unhas 230 mil hectáreas son xestionadas por maiores de 60 anos e só 100 mil xestionadas por menores de 40 anos. A agricultora europea, e especialmente a galega, é familiar, o que significa que o relevo nas explotacións é intrafamiliar. Continúan as explotacións que xa había, pero non se abren novas, no mellor dos casos. Se o xefe dunha explotación é maior de 55 anos e non ten relevo, o máis probable é que xa non o vaia ter. É dicir, non chega con convencer aos fillos dos agricultores e gandeiros a que continúen, temos que centrarnos tamén en que aparezan novos agricultores que non veñan do sector, sexa collendo explotacións xa en marcha ou creando novas explotacións. Ou se comeza a incentivar máis a creación de moitas máis explotacións das que xa hai ou quedarán moitas hectáreas abandoadas en pouco tempo. É certo que o impacto cuantitativo dos novos entrantes é moi modesto de momento, pero ten un gran potencial cualitativo, ademais dunha vía indispensable para garantir o relevo na agricultura galega e europea, e unha oportunidade de emprego para persoas que busquen alternativas laborais. Isto pasa en toda Europa salvo algunhas excepcións como Polonia ou Austria, onde os xefes de explotacións menores de 40 anos supera o 20%. Seguimos coa idea de que Galicia é un país agrario, pero que explotacións quedan realmente? Moi poucas e localizadas en cada vez menos áreas. A relativa concentración xeográfica é moi relevante. O sector lácteo, por exemplo, vaise concentrando cada vez máis en menos áreas moi especializadas. Según o IGE, no 2022 o 75% das vacas de muxidura estaban en 44 municipios (14% do total)… Algo parecido pasa co viño, que se concentra na zona de DO e máis da metade da SAU censada polo Censo Agrario se concentraría en pouco máis de 40 municipios. O sector intensivo ten outras dinámicas, non xestiona tanta terra para o cultivo, pero precisa de terra para xestionar os puríns. O obxectivo político a nivel UE na década dos 80 ou dos 90 era ter menos explotacions pero máis grandes e competitivas, pero dalgun xeito nos pasamos de rosca. Asumíase que o axuste estructural era a vía para a ‘modernización’ do sector agrario. De novo, o problema é que o sector agrario europeo é moi diverso como para aplicar as mesmas políticas por igual, e en zonas como Galicia, o axuste significou en boa medida abandono e despoboamento. Para buscar posibles solucións sería interesante analizar as políticas que se están adoptando noutros países europeos, pero isto daría para facer outro artigo a parte.

Doce candidaturas optan á 24 edición do Premio Aresa

O reitor da USC, Antonio López, e a vicepresidenta do grupo Aresa, Carlota López Pardo, trala sinatura do convenio para a edición 2023 dun galardón que incentiva a transferencia de innovación e coñecemento cara ao medio rural O Premio Aresa de Desenvolvemento Rural, un galardón convocado polo grupo empresarial fundado e presidido por Álvaro Rodríguez Eiras xunto coa USC co obxecto de servir de acicate para impulsar a mellora da calidade de vida e o grao de benestar das persoas que viven no medio rural e que incentiva a transferencia de coñecemento e de innovación desde a institución académica cara aos axentes produtivos do sector primario, recibiu un total de 12 candidaturas na súa vixésima cuarta edición, segundo informaron este venres os organizadores dun certame que botou a andar no ano 2000. A Estratexia Alimentaria Participativa do Eo, Eo Alimenta; o proxecto sectorial e estratéxico de mercado Moirai, a iniciativa ecogastronómica de proximidade Slow Food Compostela, Apicultura no Concello de Boborás, a Feira de Mostras e Exposicións de Muimenta (Moexmu), Proxecto H2GZ As Pontes. The City Under The Lake, Cosmética Muuhlloa, Traloagro, Puresa, a Asociación Soutos do Courel, a candidatura conxunta presentada polos grupos de investigación da USC Farmatox e NanoMag, e un traballo desenvolvido baixo o título Influencia dos residuos de funxicidas a base de mepanipirim sobre a composición aromática do viño completan a quenda de candidaturas que optan ao Premio Aresa de Desenvolvemento Rural 2023.
A Moexmu, Traloagro, Muuhlloa ou a asociación Soutos do Courel concorren este ano ao premio
Unha vez rematado o prazo de presentación de candidaturas e tras validar todas as iniciativas presentadas a concurso por parte da organización, o xurado responsable de avaliar as propostas formalizadas, un comité presidido polo reitor da USC, Antonio López Díaz, reunirase en Lugo o vindeiro mércores 31 de xaneiro no lugués Pazo de Montenegro para determinar a candidatura gañadora desta edición logo de examinar e valorar os distintos méritos acreditados. Do mesmo xeito que en anteriores edicións, o Premio Aresa contempla unha dotación económica de 10.000 euros para o gañador, ademais de diploma de mérito.
O xurado responsable da concesión deste galardón terá en conta para súa decisión aspectos ligados ao carácter innovador e á  creación de valor engadido e emprego no medio rural
O vicerreitor de Organización Académica e Campus de Lugo da USC, Francisco Fraga López; o presidente de Aresa, Álvaro Rodríguez Eiras, ou, no seu caso, Carlota López, na súa condición de vicepresidenta; a conselleira e directora de Marketing e Exportación de Aceites Abril, Elena Pérez Canal, e a catedrática de Tecnoloxía dos Alimentos da USC, Ángeles Romero, completan a composición do xurado encargado de avaliar os proxectos empresariais e de I+D, así como as propostas empresariais que concorren a esta convocatoria. O xurado responsable da concesión deste galardón terá en conta para súa decisión aspectos ligados ao carácter innovador de cada candidatura, a creación de valor engadido e emprego no medio rural, a súa viabilidade económica, a posta en valor dos produtos da terra de tradición galega, a recuperación de subsectores agrícolas e gandeiros tradicionais ou o potencial de desenvolvemento de novos produtos, entre outros parámetros estreitamente ligados coas liñas estratéxicas do Campus Terra da USC.

Conferencia o vindeiro venres en Lugo sobre ‘Plantacións forestais en África do Leste’

O consultor internacional de Margules Groome e ex profesor da Universidade de Stellenbosch, en Suráfrica, Cori Ham, ofrece o venres 15 de decembro, a partir das 9.00 horas, na Sala de Xuntas da Escola Politécnica Superior de Enxeñaría do Campus Terra da USC, en Lugo, o relatorio ‘Plantacións forestais en África do Leste’. A participación de Cori Ham nesta sesión con alumnado da sede universitaria luguesa responde ao interese amosado por Margules Groome, así como por outras consultoras internacionais, por captar profesionais e investigadores interesados en traballar en proxectos relacionados cos mercados de carbono e sistemas de monitorización forestal a gran escala.

“As ganderías de vacún de carne que mellor aproveitan o pasto son as que gañan máis cartos”

Integrantes do Grupo Operativo durante a xornada de presentación de resultados do primeiro ano O Grupo operativo Carne de Vacún a Pasto vén de presentar os resultados do primeiro ano de estudo técnico-económico en 26 ganderías galegas, que revela grandes disparidades en canto a manexo e resultados pero do que se pode sacar unha conclusión: “As ganderías que mellor aproveitan o pasto son as que máis destacan tamén en termos de rendibilidade”, segundo explica Mar Pérez Fra, profesora da Escola Politécnica Superior de Enxeñería de Lugo e integrante deste grupo operativo de dous anos de duración, que rematará os seus traballos en setembro de 2024. Deste grupo operativo forman parte a USC, as entidades de aconsellamento XAN e Celtia, a cooperativa de produtores de carne Almoga de Vilalba, a gandería O Igrexario de Ortigueira e José Manuel Caridad Regueiro, que se adica a cebar bois.
Temos o sector abandonado, en investigación trabállase moito en leite pero moi pouco en carne
O obxectivo dos traballos é identificar que modelos de manexo e alimentación do gando son máis rendibles e establecer pautas ás ganderías coas que lograr un mellor aproveitamento do pasto a través da mellora das técnicas de pastoreo aplicadas.   As ganderías familiares, máis eficientes “As ganderías familiares son máis eficientes, xa que adican o 47% dos ingresos a pagar gastos, mentres que nas explotacións de maior tamaño, con maior porcentaxe de superficie arrendada e maior dependencia de man de obra contratada, a ratio de custos sobre os ingresos elévase ao 79%, polo que teñen unha menor marxe”, explica Ibán Vázquez, profesor de Economía Aplicada da USC e autor do estudo económico comparativo entre as 26 granxas analizadas.
As granxas familiares destinan o 47% dos ingresos a pagar gastos, mentres que nas de maior tamaño increméntase ata o 79%
Estes cálculos están feitos en base aos datos do 2022, logo dunha recollida individualizada granxa a granxa de distintas variables económicas (ingresos, custos, marxes) e  produtivas (superficie, porcentaxe de arrendamento, número de cabezas, carga gandeira, sistema de pastoreo empregado, traballo anual e porcentaxe de traballo asalariado). En base a estes parámetros, establecéronse dous grupos: Grupo 1, con ganderías de maior tamaño, con maior SAU e UGM e maior porcentaxe de fincas arrendadas e traballo asalariado, e Grupo 2, ganderías de menor tamaño e man de obra fundamentalmente familiar.   Das 26 granxas, 11 atópanse na provincia da Coruña, outras 11 na de Lugo, 3 en Pontevedra e 1 en Ourense. Todas elas empregan o pasto para alimentar ao seu gando, aínda que de distinto xeito: “o que predomina é o sistema de pastoreo continuo ou semicontinuo, pero mentres que nas de maior tamaño e intensificación teñen preferencia por este sistema, as granxas máis pequenas usan máis o sistema de limitación do pasto con fío dianteiro e fío traseiro”, explica Ibán.
Pretendemos ofrecer unha tipoloxía dos manexos máis rendibles na produción de carne con pastoreo
Das 26 granxas analizadas, 19 fan pastoreo en convencional, 3 están en ecolóxico e 4 no período de conversión e obsérvanse diferenzas claras de manexo dos animais no pasto, pois mentres as explotacións máis grandes manteñen unha media de 5,6 días ao gando na mesma parcela, nas ganderías máis pequenas redúcese a tan só 2 días. “Un maior número de días na mesma parcela indica unha peor xestión do pastoreo”, aseguran os autores do estudo. Retorno económico do uso de concentrado Os dous grupos de ganderías, tanto as de maior tamaño como as familiares, venden os seus becerros próximos aos 10 meses de vida e o peso medio é practicamente o mesmo (223 kg/canal no Grupo 1 e 222 kg/canal no Grupo 2). Pero varía o xeito de lograr eses rendementos, xa que as ganderías máis grandes comezan o cebo un mes e medio antes (aos 5,3 meses de media) con respecto ás granxas familiares (6,8 meses de media) e empregan tamén unha maior cantidade de concentrado, en concreto 56 quilos máis (766 kg de penso por animal no Grupo 1 fronte a 710 no Grupo 2).
Dase a contradición de que as ganderías que empezan a cebar antes e usan un 8% máis de penso obteñen despois un menor prezo de venda nos xatos
En canto ao prezo de venda dos xatos, as ganderías familiares logran un maior prezo (5,1€ kg/canal no ano 2022) fronte ás explotacións de maior tamaño (4,8€ de media). “As que empezan antes o cebo gastan máis penso pero cobran ao final 30 céntimos menos por kg/canal”, explica Ibán. En canto á marxe neta final resultante, é moi inferior nas ganderías máis intensivas, polo que precisan ir a un maior volume para ser rendibles, fronte ás granxas familiares, que duplican a marxe por cabeza, hectárea e traballador: 243 €/UGM no Grupo 1 fronte a 701€ no Grupo 2; 299€ por hectárea de SAU no Grupo 1 fronte a 847€ no Grupo 2; 5,6€ por hora traballada no Grupo 1 fronte a 13,2€ no Grupo 2. “Se melloramos o pastoreo melloramos a rendibilidade” O asesor Xan Pouliquen, coordinador do grupo operativo, tira unha conclusión clara destes datos: “se melloramos o pastoreo, melloramos a rendibilidade da explotación”. Por iso, di, a posibilidade de criar vacún de carne con pasto en Galicia representa unha oportunidade económica. “Non falamos de usar só pastoreo, senón de usar o máximo pastoreo posible”, aclara. Pero “non se pode facer iso con calquera tipo de pasto ou de sistema de pastoreo”, indica. “Hai unha diferenza importante cando temos unha parcela grande onde os animais están 5 ou 10 días na mesma finca, algo que é unha práctica habitual en Galicia, ou cando metemos o gando nunha parcela con herba espigada, con respecto a un sistema organizado rotacional máis racional. Se facemos outro tipo de pastoreo somos capaces de sacar máis rendemento económico nas granxas”, asegura. Neste tipo de pastoreo máis dirixido, “os animais non se moven practicamente do sitio e meten continuamente bocados de herba de grande calidade na boca, fronte a outros animais que andan por unha finca moi grande buscando que comer ou escollendo a herba que comen”, compara. Ideas preconcebidas que son falsas “Se hai tanta diferenza de beneficios entre granxas é porque non hai criterio técnico, e séguese funcionando un pouco con ideas preconcebidas, como por exemplo que os xatos pasteiros non teñen calidade, que a herba non aporta enerxía ou que non se poden criar becerros só a pasto, cando ningunha delas é verdade. O que haberá que ver é en que momento do ano se pode facer e de que maneira, porque hai épocas do ano en que a calidade da herba é superior á calidade do penso”, afirma Xan.
Non fai falta un acabado para que un gandeiro gañe máis cartos
“Os datos deste primeiro ano de análise dinnos que se facemos unha produción máis intensiva e de máis volume perdemos cartos fronte a se facemos unha produción mais extensiva en base a máis pasto”, asegura. A clave está, di, na redución de gastos porque “o importante son os custos de produción, non é se vendes por uns céntimos máis ou por uns céntimos menos”. “Non fai falta un acabado para que un gandeiro gañe máis cartos. Cun bo pasto e movendo o gando todos os días pódense conseguir crecementos de máis dun quilo diario nos becerros sumando a un pasto de calidade o leite da nai”, conclúe.    “As vacas teñen que parir no momento adecuado” Ruth Rodríguez, profesora da área de Produción Animal da Facultade de Veterinaria de Lugo, destacou que “o pasto é un dos recursos máis baratos que ten unha gandería, polo que canto máis pasto se poida empregar, máis se diminúen os custos e máis beneficios se van ter”. “Estamos nunha das zonas do mundo con maior crecemento da vexetación. Producir en base a pasto é un sistema que eu cualificaría de resiliente, porque o pasto vainos abaratar moitísimo os custos de produción”, insistiu.
Non se poden ter xatos fóra nos meses de xaneiro e febreiro, cando non hai pasto para darlles
Esta veterinaria contou a súa experiencia en Nova Zelandia hai 9 anos para a realización da súa tese de doutoramento. “Traballaban con angus e levaban xa 60 anos agrupando partos e traballando co sistema de fío diante e fío detrás para pacer. Alí basean todo o seu sistema produtivo, tanto en leite como en carne, en que as vacas teñen que parir no momento axeitado para aproveitar o pasto. En realidade, os gandeiros alí son produtores de herba, non de gando”, destaca. “Se concentras os partos podes aproveitar moito mellor o pasto e reducir moito os custos de produción. Non podes ter becerros grandes fóra nos meses de xaneiro e febreiro, cando non tes que darlles de comer. Para min esa é a clave da rendibilidade das explotacións”, defendeu. “Podemos producir barato; é unha vantaxe competitiva” Para Santiago Crecente, investigador do CIAM, o pasto é “a única oportunidade” que teñen as explotacións de vacún de carne galegas para poderen ser competitivas. “Non coñezo ningunha explotación que teña vacas nodrizas en Galicia que non faga un aproveitamento do pasto, sexa máis ou menos intensivo ese aproveitamento. Esa é unha vantaxe importante que temos en Galicia sobre outras partes do Estado. Temos a oportunidade de producir barato en base aos pastos que temos, que noutras comunidades non teñen”, lembra.  
É unha oportunidade producir en base a pasto; outra cousa é producir exclusivamente en base a pasto
Pero Santiago defende que se debe suplementar aos becerros con concentrados na fase final de engorde. “O consumidor ten unha percepción negativa do concentrado, pero o penso non é algo malo. Os becerros cómeno ben, medran moi ben e permite un bo crecemento e engraxamento dos animais. Pero producir exclusivamente en base a concentrado non é o camiño”, defende.
Os concentrados, de por si, non son malos, outra cousa é a procedencia e o que iso implica sobre a sustentabilidade ambiental
Nos ensaios realizados en Mabegondo lograron ganancias de ata 2 quilos de peso vivo ao día cun período de finalización dos xatos de 2 meses ou 2 meses e medio. O investigador do CIAM asegura que ese cebo “pode facerse fóra mediante un acurralamento con sombra”, polo que “obrigar á xente a facer cortes é un erro”. “Temos que chegar ao consumidor co produto que el demanda” José Gómez Viaño, secretario executivo da IXP Ternera Gallega, admite que “todo o que sexa utilizar os recursos que temos na explotación é positivo” pero fai fincapé na necesidade de “producir o tipo de canal que o mercado demanda”. “O produto que obtemos ten que ser vendible, non só se trata de producir, senón de chegar ao consumidor cun produto que el demanda. Non podemos esquecer que producimos para o mercado, non producimos por producir, por iso temos que pensar sempre no consumidor. Se reducimos custos pero tampouco conseguimos unha calidade axeitada non estariamos facendo o que o mercado nos pide”, argumenta.  
Se reducimos custos pero tampouco conseguimos unha calidade axeitada non estariamos facendo o que o mercado nos pide
Gómez Viaño defende a necesidade de desestacionalizar os partos como xeito de favorecer a comercialización da carne e incrementar os ingresos das granxas. “Na produción de Suprema temos 15.000 becerros que nos saen ao mes en febreiro, marzo e abril fronte aos 8.000 que saen en setembro. Iso implica unha presión enorme sobre o mercado á hora de dar saída no inverno a ese número de animais. Xa sei que é imposible equilibrar completamente cunha distribución uniforme dos partos ao longo do ano, pero desviando só un 15-20% dos partos da primavera ao outono teriamos uns resultados económicos moito mellores nas ganderías”, asegura. Mais recoñece que “é certo que complica outras cuestións, como a alimentación, porque implica un manexo moi diferente”.  

Distintas estratexias: venda ao destete antes dos 8 meses, cebo con penso ata os 10 meses ou dar só herba e alongar a idade de sacrificio até os 15 meses

Público asistente ao debate sobre os distintos modelos de utilización do pasto en vacún de carne Dentro das case 20.000 ganderías de vacún de carne existentes en Galicia conviven diferentes modelos de manexo e alimentación do gando, así como distintas estratexias de comercialización da produción. Unhas 7.000 están dentro da IXP Ternera Gallega Suprema, polo que teñen que comercializar os seus animais antes dos 10 meses de idade. Todas elas fan, en maior ou menor medida, un aproveitamento do pasto. Hainas que teñen un manexo do gando totalmente extensivo e empregan o pastoreo como única fonte de alimentación para o gando, suplementando unicamente con forraxes ensiladas ou herba seca nos momentos de escaseza. Outras, pola contra, fan un manexo máis tradicional, cos xatos na corte e botando as vacas fóra a pacer só polo día. Noutros casos combinan os dous sistemas, coas vacas sempre fóra acompañadas dos becerros até os 7 ou 8 meses e estabulando e cebando posteriormente os xatos nos meses finais antes do sacrificio, algo que o Consello Regulador quere estandarizar.
En Galicia existe unha grande disparidade de manexos, razas e cruces, o que leva a múltiples maneiras de producir en función das condicións da gandería e as preferencias do gandeiro
Outras, sen embargo, prefiren mandar os becerros ao matadoiro directamente desde o pasto, algo que seguirá sendo posible sempre que non teñan cumpridos os 8 meses de idade. E mesmo as hai que están fóra da IXP e prefiren alongar a idade de sacrificio até máis aló do ano de idade para favorecer o engraxamento natural dos animais, que despois son comercializados directamente a través de carnicerías ou clientes particulares. “Abro pasto novo cada 12 horas e este ano non din penso” A de Abel Fernández López, granxa O Igrexario, de Ortigueira, é unha das ganderías participantes no estudo. “Empecei no 2016 en Ternera Gallega Suprema e para min o pasto é outro concentrado máis. O aporte máis importante que dou ao gando é ese, porque é o recurso máis económico que teño na granxa e non poido desperdicialo”, destaca.
Para min o pasto é outro concentrado máis
Na zona norte da costa da Coruña, na que está a gandería de Abel, hai pasto case todo o ano. “Non ten sentido non usalo, outra cousa é como o xestionamos e como conseguimos unha canal comercializable. Eu este ano mandei todos os xatos sen penso. Pero se che coincide que teñen que saír no inverno igual tes que dar penso, porque non sempre tes a mesma calidade de pasto”, matiza.
Eu como gandeiro só me dedico a manexar custos porque o prezo de venda dos xatos non o poño eu
Abel trata de sacar ao pasto todo o rendemento que pode, para o que fai un manexo no que move dúas veces ao día ás vacas na parcela. “Ábrolles pasto novo cada 12 horas, polo que eu case estou encuadrando no campo, porque case non se moven do sitio”, di. “Eu como gandeiro só me dedico a manexar custos e cando estamos nunha época coma esta, de custos de produción altos, temos que aproveitar o pasto como principal recurso que temos. Logo, á hora de comercializar, é un xogo entre dous, o que quere a industria e o que podo dar eu de maneira rendible”, conclúe. “Sacrifico aos 8 meses, cando aínda conservan a graxa do leite” David López García é un gandeiro da Mariña que ten as vacas pacendo os 365 días do ano, logrando machos co nivel 2 de graxa e femias con 2-3 de graxa. “Sacrifico aos 7-8 meses, ao destete, cando aínda non perderon a graxa que lles aporta o leite materno. Logro animais de 180 kg canal, aí é cando son rendibles; porque despois xa hai que gastar neles”, afirma. En relación ás críticas da IXP pola menor calidade dos becerros pasteiros, David argumenta que “o problema vén cando os xatos se destetan e quedan outro mes e medio ou dous meses no prado ata que se mandan ao matadoiro, porque aí é cando perden toda a graxa”, di.
Os meus becerros comen a terceira parte do penso que come un da corte
“Non se pode meter todo no mesmo saco e dicir que os becerros do pasto son malos. Non é comparable todo Galicia. Os que temos esa oportunidade non tiñamos a necesidade de meternos en gasto estabulando e cebando. O que conta é a clasificación da canal; o que conta é o resultado colgado, non como se logra ese resultado, porque se os temos estabulados pero están mal estrados, chove dentro ou o comedeiro está baleiro, de pouco vale telos estabulados. Coas tolvas fóra e o penso a libre disposición a partir dos 4 meses, evitas pneumonía, rotura de patas, sacar esterco e moito traballo. Os meus becerros comen a terceira parte do penso que come un da corte”, explica. “A min éme imposible cebar a pasto cando non o teño” Erik Paisán Fernández é un gandeiro de Pereiro de Aguiar, onde as condicións para o pasto non son as mesmas que na Mariña de Lugo ou en Ortegal. “A min éme imposible cebar a pasto cando non o teño, nos meses de agosto, setembro e outubro pola seca e no inverno polas xeadas”, conta. O seu sistema de manexo inclúe a estabulación dos xatos. “Temos fóra vacas e becerros ata os 6-7 meses con tolvas para que logo non estrañen o penso cando os metemos dentro. Eu non podo pacer o mesmo que fan David ou Abel, porque se teño o becerro mamando na vaca fóra ata os 8 meses en pleno mes de agosto, quedas sen a vaca e o becerro”, asegura. Xan Pouliquen, coordinador do grupo operativo Vacún de Carne a Pasto, recoñece que as condicións para o pastoreo non son as mesmas en toda Galicia pero que é posible facer melloras tanto no manexo do gando como nas especies sementadas para preservar a pradeira durante máis tempo. “O sistema de pastoreo imperante en Ourense é nefasto, catrastrófico. Mellorando ese sistema podemos reducir a seca e ter pasto un mes máis”, asegura.

Publican a primeira guía de cogumelos da provincia de Lugo

Persoal docente e investigador na Escola Politécnica Superior de Enxeñaría do Campus de Lugo da USC elaboran xunto coa Sociedade Micolóxica Lucus a primeira guía micolóxica básica da provincia de Lugo. Esta nova publicación, coordinada por Antonio Rigueiro e Julián Alonso, e na que tamén colaboran como autores José Castro Ferreiro e María Cristina García-Echave, pretende ser unha ferramenta de utilidade para todas aquelas persoas interesadas en iniciarse no mundo da macromicoloxía en xeral, e na realidade da provincia de Lugo, en particular. A nova publicación, que constitúe un dos resultados das actividades desenvolvidas ao abeiro do convenio administrativo entre a Deputación Provincial de Lugo e a USC, comeza cun amplo capítulo dedicado á provincia de Lugo, no que se ofrece unha exhaustiva análise das súas características físicas, climáticas e tamén sobre a súa riqueza en espazos e ecosistemas variados, o que, segundo subliñan os autores desta obra, tradúcese nunha enorme diversidade micolóxica. A ‘Guía micolóxica básica da provincia de Lugo’ ofrece asemade un amplo compendio informativo, a través do que afonda en distintos conceptos básicos sobre fungos, identificación, toxicidade e mesmo respecto da súa aptitude para o consumo. De seguido, na parte inclúense fichas fotográficas con minuciosas descricións de 202 especies, na súa maioría de presenza habitual na provincia de Lugo, pero tamén doutras máis raras, aínda que características dalgúns dos micotopos da provincia de Lugo. As observacións recollidas nestas fichas descritivas inclúen comentarios e alusións a outras 380 especies máis. A obra, de carácter divulgativo, achega información de xeito claro e comprensible, pero con contidos completos e rigorosos nun formato de guía de campo de fácil manexo. Asemade, completan a publicación un abano de anexos nos que se inclúe un apartado sobre lexislación, unha sinopse bibliográfica e un glosario micolóxico amplo e completo.

Acto público de presentación

Os autores da ‘Guía micolóxica básica da provincia de Lugo’ presentarán este nova publicación no marco duna acto público que se desenvolverá o xoves 30 de novembro, a partir das 20.00 horas, no Salón de Actos do lugués Pazo de San Marcos. A sesión, na que estarán presentes autoridades académicas e políticas, contará tamén coa participación, como relatora convidada, da doutora Marisa Castro Cerceda. Todas as persoas asistentes a este acto de presentación recibirán como agasallo un exemplar gratuíto da ‘Guía micolóxica básica da provincia de Lugo’.

Aberto o prazo de presentación de candidaturas ao Premio Aresa de desenvolvemento rural

O reitor da USC, Antonio López, e a vicepresidenta do grupo Aresa, Carlota López Pardo, trala sinatura do convenio para a edición 2023 dun galardón que incentiva a transferencia de innovación e coñecemento cara ao medio rural O reitor da USC, Antonio López Díaz, e a vicepresidenta do grupo Aresa, Carlota López Pardo, asinaron este martes o convenio para a convocatoria do XXIV Premio Aresa, un galardón creado co obxectivo de axudar ao desenvolvemento do medio rural e que incentiva a transferencia de coñecemento e de innovación desde a institución académica cara aos axentes produtivos do sector primario, segundo subliñou o reitor Antonio López nunha sesión na que reiterou o seu agradecemento ao grupo empresarial Aresa por unha iniciativa que xa está a piques de celebrar as súas vodas de prata. A sinatura deste acordo bota a andar a edición deste ano dun galardón co que ambas institucións premian cada ano diferentes iniciativas e proxectos presentados por empresas, grupos de investigación, asociacións ou calquera outro tipo de entidade que contribúa á mellora do benestar das persoas que viven e traballan no medio rural.
O premio está dirixido a iniciativas que contribúan á mellora do benestar das persoas que viven e traballan no medio rural
As bases da nova convocatoria, que contempla unha dotación económica de 10.000 euros e placa conmemorativa para a candidatura gañadora, xa están accesibles en liña na web www.premioaresa.com e o prazo de presentación de propostas permanece aberto ata o 12 de xaneiro de 2024 nos rexistros da USC, adiantou López Pardo. Pola súa parte, o reitor, Antonio López, amosou de parte da Universidade a satisfacción de ter confiado dende o principio nunha iniciativa como o Premio Aresa, que calificou como “un exemplo de conexión entre a Universidade e a empresa privada, relación cada vez máis demandada por toda a sociedade”. Xerar valor engadido e emprego no rural Tras a sinatura protocolaria deste convenio, explicaron que na avaliación das candidaturas o xurado prestará especial atención aos proxectos que xeren valor engadido e emprego no rural galego, á súa viabilidade económica, á creación de postos de traballo, á posta en valor dos produtos da terra de tradición galega, á recuperación de subsectores agrícolas e gandeiros tradicionais e á innovación en produtos que teñan potencial de desenvolvemento. Do mesmo xeito que en edicións anteriores, o Premio Aresa antóllase como unha convocatoria aberta á presentación dun amplo abano de propostas. Logo de 23 edicións, o Premio Aresa logrou xa un dos seus obxectivos, o de que “se fale do campo”, dixo López Pardo, quen tamén manifestou o seu agradecemento polo apoio recibido da USC, “un socio indispensable que achega valor e prestixio ao premio”, dixo.
O xurado responsable da concesión deste galardón terá en conta no proceso de avaliación de candidaturas aspectos ligados co seu carácter innovador
A vicepresidenta de Aresa aproveitou o acto de sinatura do convenio para a convocatoria do XXIV Premio Aresa para avanzar a composición de xurado que procederá a avaliar as candidaturas que concorran a esta nova edición. O reitor da USC, Antonio López; o presidente de Aresa, Álvaro Rodríguez Eiras, e o vicerreitor de Organización Académica do Campus de Lugo, Francisco Fraga López, formarán, do mesmo xeito que en anos anteriores, parte dun tribunal que nesta edición contará tamén como integrantes coa catedrática da Área de Tecnoloxía de Alimentos da USC no Campus Terra, Ángeles Romero, así como coa conselleira delegada e directora de márketing de Aceites Abril, Elena Pérez Canal.

Importante palmarés de premiados

Na traxectoria deste galardón, que xa acadou un recoñecido prestixio no sector, figuran Novafrigsa (2000), o catedrático da USC Javier Guitián Rivera (2001), a Aula de Produtos Lácteos (2002), o exdirector xeral de Agricultura da Comisión Europea, José Manuel Silva (2003), a IXP Ternera Gallega (2004), o programa da Televisión de Galicia O Agro-Labranza (2005), a DO Ribeira Sacra (2006), os impulsores da queixería Casa Macán (2007), a Facultade de Veterinaria de Lugo (2008), Ingapan (2009), Acruga (2010), a SAT Monte de Trabada (2011), Champivil (2012), Alibós Galicia (2013), a DOP Queixo San Simón da Costa (2014), Agroamb (2015), a Asociación de Criadores de Ovino e Caprino de Galica, Ovica (2016), a Escola Politécnica Superior de Enxeñería de Lugo, EPS (2017), o Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica de Galicia, Craega (2018), a Asociación de Criadores da Raza Porcina Celta, Asoporcel, (2019), Cooperativa A Carqueixa (2020), EFA Fonteboa (2021) e Casa Grande de Xanceda (2022).

Investigadores do Campus Terra explican os beneficios da rega para a mellora da xestión das viñas

A xestión da rega para as vides é fundamental para o desenvolvemento da calidade para ter vendimas de calidade, mais non só iso, tamén é necesario saber xestionar o rego das viñas sen que signifique un gasto adicional para a explotación vitivinícola. Desde xeito, investigadores do grupo Proxectos e Planificación (PROePLA) na Escola Politécnica Superior de Enxeñaría do Campus Terra da USC e do Instituto de Ciencias da Vide y do Viño (ICVV) integrados na unidade CropQuality, asociada ao CSIC presentan no congreso internacional que rematou este venres no Rioja Fórum de Logroño solucións técnicas e tecnolóxicas que contribúen a optimizar a xestión dos viñedos e a satisfacer as necesidades hídricas destes cultivos. A delegación universitaria formada polos enxeñeiros agrónomos Javier J. Cancela, María Fandiño e Marta Rodríguez, acompañados das doutoras María José Motilva e Mar Vilanova, do ICVV-CSIC, aproveitaron a súa participación neste foro internacional sobre o sector vitivinícola para dar conta dos resultados de tres proxectos de investigación que demostran os beneficios que reporta o axeitado manexo da rega para a xestión dos viñedos e mesmo para a calidade do viño. O Campus Terra da USC compartiu deste xeito coa comunidade científica internacional os as pescudas e os resultados dos traballos desenvolvidos durante os últimos anos ao abeiro dos proxectos ‘Viniot’, financiado ao abeiro do programa Interreg Sudoe; ‘Irrivitis’, unha iniciativa de I+D que conta con dotación orzamentaria a través do Plan Nacional, e ‘Go Regavid’, unha proposta dun grupo operativo participado pola USC que se traduciu na creación e testaxe dunha ferramenta informática de xestión da rega capaz de avaliar as necesidades hídricas actuais do viñedo e de predicir as futuras. Estas tres liñas de investigación serviron para demostrar os múltiples beneficios que produce o correcto manexo da auga de rega no viñedo, xa sexa variando a frecuencia da súa aplicación ou ben estudando os efectos sobre a produción e mesmo sobre a calidade dos caldos, segundo indican estes investigadores. A delegación da USC aproveitou asemade a súa participación neste foro internacional para expoñer avances no sistema de axuda á xestión da rega das vides e do viñedo baseados na actualización dos coeficientes culturais e das predicións climáticas, dúas melloras acadadas grazas ao traballo desenvolvido en colaboración coa empresa tecnolóxica Monet Viticultura. Outra das contribucións que trasladaron os investigadores e colaboradores da unidade CropQuality da EPS de Enxeñaría asociada ao CSIC concretouse na presentación e posta en común dos resultados do efecto da rega en tres variedades incluídas na DO Ribeiro e dispostas en diferentes densidades. Esta liña de traballo desenvolvida en colaboración coa Estación de Viticultura e Enoloxía de Galicia (AGACAL-EVEGA)da Xunta de Galicia, lembran estes investigadores, inclúe análises respecto da eficiencia da auga e sobre os efectos que provoca tanto na produción como na calidade de la uva.

“En Galicia interesa facer o cultivo de trigo en ecolóxico”

Ibán Vázquez, coautor do estudo de rendibilidade e análise DAFO xunto a Daniel Martínez e Catalina Fernández Producir trigo autóctono en ecolóxico en Galicia é un 8% máis rendible que facelo en convencional. Son os datos que recolle o libro monográfico Dende a produción á panificación do trigo caaveiro en cultivo ecolóxico vs convencional, publicado polo IBADER e coordinado pola Cátedra do Pan e do Cereal, no que se analiza desde distintas ópticas as posibilidades que ofrece esta variedade autóctona, incluída na IXP Pan Galego. Un dos obxectivos deste traballo, que forma parte do proxecto de investigación da agrupación estratéxica BIORREDES da USC, foi realizar unha análise económica comparativa (custo-beneficio) da produción de trigo autóctono galego da variedade caaveiro en cultivo ecolóxico fronte ao convencional, concluíndo que “o rendemento produtivo é menor pero a rendibilidade para o agricultor é mellor”, asegura Ibán Vázquez González, profesor do Departamento de Economía Aplicada da USC na Politécnica de Lugo. “A produción de trigo ecolóxico en Galicia con variedades autóctonas é unha alternativa económicamente viable fronte á produción convencional”, conclúe o estudo, realizado a partir dos datos obtidos dun ensaio experimental levado a cabo entre decembro de 2019 e xullo de 2020 nunha finca localizada no termo municipal de Carral pertencente ao grupo panadeiro Da Cunha. Compensa o cultivo en ecolóxico? O caso do trigo caaveiro “Hai capítulos claros neste estudo que nos fan apostar polo cultivo ecolóxico fronte ao convencional”, afirma Ángeles Romero, directora da Cátedra do Pan e do Cereal e coordinadora, xunto a Santiago Pereira, deste traballo. Co cultivo en ecolóxico obtéñense menores producións, pero os custos asociados tamén son inferiores. “O cultivo en ecolóxico de trigo autóctono da variedade caaveiro ten un rendemento medio algo superior aos 1.000 kg/ha, un 30% inferior ao obtido en cultivo convencional, debido á dificultade no control de malas herbas e á limitación na aplicación de fertilizantes e fitosanitarios. Estas perdas estiveron compensadas en parte por un menor requerimento de insumos”, indica Ibán.
Os rendementos produtivos promedios do trigo ecolóxico foron un 32,4% inferiores (1.033 kg/ha fronte a 1.529 en convencional)
Labrar unha hectárea en convencional, segundo as extrapolacións realizadas en base aos custos obtidos na finca experimental de Carral, custa 470€ fronte aos 363€ en ecolóxico. A diferenza está fundamentalmente no aforro en herbicidas e fitosanitarios (92€/ha) e nos pases de tractor necesarios para aplicar os tratamentos.  
O custo de labrar a parcela ecolóxica foi de 363€/ha, un 22,6% menos que a convencional
En canto aos prezos de venda, o grupo Da Cunha pagou no ano 2020 uns 40 céntimos polo kilo de trigo autóctono producido en Galicia, cun incremento do 25% (50 céntimos) no caso do trigo ecolóxico. A marxe neta obtida, descontados os custos de sementeira, foi de 141,5€/ha para o cultivo en convencional e 153 no caso do cultivo en ecolóxico, o que equivale a unha diferenza de 11,5 céntimos (un 8%) a favor da produción ecolóxica.
O prezo real de mercado pagado polo trigo autóctono ecolóxico no 2020 foi un 25% superior (50 céntimos/kg fronte a 40)
“Este escaso beneficio económico que se obtén na produción ecolóxica fronte á convencional en condicións reais de prezo fai que a rendibilidade da produción eco sexa moi sensible a variacións de prezos, rendementos ou custos”, advirte Ibán. Posibilidades do cultivo en ecolóxico A esta pequena diferenza positiva directa na rendibilidade do cultivo habería que engadir o cobro de axudas. A nova PAC prima a sementeira de variedades autóctonas de trigo callobre e caaveiro con 320€/ha, aos que se sumaría a axuda agroambiental de produción ecolóxica (326€/ha para conversión e 275€/ha para mantemento), así como o valor do ecorrexime de rotación de cultivos (85,72€/ha) ou do de espazos de biodiversidade (56,04€/ha), en caso de cumprir coas prácticas esixidas.
A nova PAC prima con 320€/ha/ano a sementeira das variedades autóctonas callobre e caaveiro, esixindo unha superficie mínima de cultivo de 2 ha durante 5 anos
Na actualidade só hai declaradas 148 hectáreas de producción de trigo en ecolóxico en Galicia, segundo os datos do Ministerio de Agricultura relativos ao ano 2022, o que representa pouco máis do 1% da superficie total adicada a este cultivo na comunidade. O rendemento obtido é de 2.312 kg por hectárea, superior á media española e un 14% inferior á media acadada en produción convencional en Galicia. En todo o Estado son 56.450 as hectáreas declaradas en ecolóxico, o que representa o 3% da superficie total de trigo española. O rendemento medio é de 1.635 kg por hectárea, un 60% menor que a media obtida do cultivo en convencional. Terceiro cultivo en importancia en Galicia tralo millo e a pataca O trigo é, xunto co arroz e o millo, un dos tres grans máis cultivados no mundo. A orixe do trigo remóntase a Mesopotamia hai aproximadamente 10.000 anos, tendo constancia da súa presenza en Galicia no  século IV a.C. O trigo segue a ser esencial na gastronomía, a cultura e as tradicións galegas, aínda que a meirande parte do que se consume procede de fóra da comunidade. Galicia produce só o 0,46% do trigo cultivado en España, cunha superficie de cultivo que representa menos do 1% do total e un menor rendemento produtivo (2,7 toneladas por hectárea fronte ás 4,1 da media española).
En Galicia a superficie de trigo labrada descendeu á metade nas últimas 5 décadas
Catro comunidades: Castela e León, co 45,6% da produción; Andalucía, co 13,1%; Castela-A Mancha, co 11,8%; e Aragón, co 10%, acadan case o 80% do total da produción española (uns 8 millóns de toneladas no ano 2020). A superficie total española destinada a cultivo de trigo é lixeiramente inferior aos 2 millóns de hectáreas, cun descenso importante de 300.000 hectáreas desde o ano 2016. En Galicia, malia terse producido unha diminución moi notable da superficie de trigo cultivada no último medio século, do 50%, segue manténdose como o terceiro cultivo en importancia tralo millo e a pataca, con 13.500 hectáreas no ano 2020. Minifundio e presión do eucalipto A produción actual de trigo caaveiro, a variedade autóctona máis labrada, concéntrase na comarca das Mariñas (especialmente na Laracha, Carballo, Ferrol e Carral) na provincia da Coruña, na comarca de Xinzo de Limia en Ourense e nas da Terra Chá e Val de Lemos en Lugo. As características particulares da base territorial en Galicia, dominadas polo minifundio e a excesiva parcelación, condicionan o establecemento deste cultivo, pois sería precisa unha maior superficie para compensar os menores rendementos do cultivo ecolóxico con variedades autóctonas fronte ao sistema convencional.
A falta de terras de boa calidade e tamaño suficiente e a competencia das plantacións de eucalipto son algúns dos obstáculos para que o cultivo de trigo aumente
A competencia polo uso da terra con outras actividades agroforestais e as plantacións en terreos agrícolas foi identificada no estudo como outra das ameazas para o desenvolvemento do sector, xa que a plantación de especies como o eucalipto desprazan o establecemento de cultivos agrícolas tradicionais como pode ser o trigo.

A favor de aumentar do 25% actual ao 40% a porcentaxe mínima de trigo autóctono no Regulamento da IXP Pan Galego

Investigadores e público asistente á presentación do libro monográfico sobre o trigo autóctono O estudo realizado sobre as posibilidades de cultivo e a rendibilidade económica do trigo autóctono ecolóxico complétase cunha análise DAFO elaborada a partir dunha serie de 21 entrevistas realizadas a expertos de toda a cadea de produción do pan, desde o cultivo do cereal á comercialización do produto. O 62% dos enquisados están a favor de modificar o actual Regulamento da IXP Pan Galego para incrementar a porcentaxe de trigo autóctono esixido do 25% ao 40%, que o resto da fariña empregada sexa tamén producida en Galicia e permitir o pre-conxelado das pezas de pan para deste xeito aumentar as posibilidades de distribución.
Para facer viable o cultivo e panificación, a barra de pan de trigo autóctono ecolóxico debería valer 1,6€
En relación aos prezos, e sen ter en conta os efectos da onda inflacionaria actual, estímase que para acadar a viabilidade en toda a cadea, o sobreprezo medio que debería ter o trigo ecolóxico con variedades autóctonas fronte ao convencional é do 54,5%, acadando o quilo de trigo un valor de 1,2€, trasladándose a un prezo da barra de pan de 1,6€, o que equivale a un sobreprezo do 43,2%. 7 kilos máis de pan ao ano en Galicia En Galicia consúmese un 23% máis de pan que no conxunto de España, 7 kg máis por persoa e ano (37,26 kg per cápita ao ano en Galicia fronte aos 30,06 da media estatal). Con todo, desde o ano 2013 ata 2021 deuse un importante descenso tanto no consumo, do 18%, como no gasto per cápita en compra de pan, do 14,4%.
O consumo de pan caeu un 18% na última década
O estudo non analiza as consecuencias da suba da inflación iniciada en 2022, pero tanto os panadeiros como os investigadores do departamento de Economía Aplicada admiten que a alza de prezos e a caída do poder adquisitivo e a renda dispoñible das familias xoga en contra da compra do pan artesán fronte ao industrial. Só 25 panaderías dentro da IXP Na actualidade hay dúas ducias de panaderías en toda Galicia que están dentro da IXP, cun volumen de pan certificado moi pequeño, admite o presidente das panaderías lucenses integradas na Federación Galega de Fabricantes de Pan, César Fieiras, da panadería Raposo. Recoñece que a saída ao mercado estase a producir moi paseniñamente e que é necesario valorizar este tipo de pan como un produto exclusivo, de tipo gourmet ou delicatesen, debido aos maiores custos de elaboración motivados polos tempos de amasado, fermentación e repouso marcados no Prego de Condicións da marca de calidade. “Mentres fas 100 kg deste pan podes facer 1.000 dun pan semiindustrial”, afirma.
Mentres fas 100 kg de pan respectando os tempos marcados pola IXP podes facer 1.000 kg dun pan semiindustrial
Por iso César recoñece que a fariña de trigo autóctono galego estase a empregar na elaboración de pan artesán que non é comercializado co selo da IXP. “Cumprir con toda a normativa encarece o produto pero logo iso non se ve recompensado no prezo”, asegura. Baixos prezos para o agricultor Había postas moitas esperanzas en que a aprobación por parte da Unión Europea do selo de calidade diferenciada, logrado no 2019, despois dun longo proceso burocrático, serviría tamén para impulsar o cultivo de trigo autóctono, pero polo de agora este incremento de demanda de materia prima non se está a producir. Gema San Pedro ten desde fai 12 anos unha gandería de caprino en Guntín, Cabuxa Natur, e este ano decidiu diversificar os seus ingresos pola venda de cabritos coa produción de trigo autóctono.
Paguei a semente a 75 céntimos e foi difícil de conseguir
Botou unhas 6 hectáreas en ecolóxico e quéixase das dificultades tanto para atopar semente como para lograr despois un bo prezo para o trigo producido. “Paguei a semente a 75 céntimos o quilo e á hora de vendela páganma a min a 65 céntimos, poñendo eu o transporte, polo que perdería cartos”, asegura.   Por iso pensa adicar os 2.000 kg que colleitou para sementar o vindeiro ano. Pode reutilizala durante dúas campañas, pero ao terceiro ano xa tería que volver mercar, segundo establece a Xunta nos seus requisitos para o cobro da prima fixada na nova PAC para este tipo de cultivos. Esa axuda, di, é fundamental para que o cultivo de cereal autóctono chegue a compensar ao agricultor. “Non tiven ningún tipo de asesoramento e logrei un rendemento moi baixo, duns 300 kg por hectárea”, admite.

Os retos do sector leiteiro: mellora da produción agrícola, redución de emisións e dixitalización

Investigadores, técnicos e gandeiros entre o público asistente ás xornadas organizadas por PROePLA A que retos inmediatos se enfronta a día de hoxe a produción leiteira? Como vai ser o gandeiro do futuro? Son algunhas das preguntas que se abordaron este mércores na xornada formativa organizada polo grupo Proxectos e Planificación (PROePLA) da USC e na que participaron distintas empresas do sector. Os cambios normativos impulsados desde a UE en materia de medio ambiente, benestar animal, fertilización sostible, redución de praguicidas ou dixitalización van supor un incremento dos custos de produción das explotacións, pero poden ser ao mesmo tempo unha oportunidade para mellorar a eficiencia produtiva das granxas e a súa rendibilidade. Os distintos ponentes que interviron destacaron a “profesionalidade” dos produtores de leite galegos desde o punto de vista gandeiro e a necesidade facer o mesmo percorrido no eido da produción agrícola e forraxeira, como unha das asignaturas pendentes para o sector.
Como gandeiros somos moi bos, estamos ao nivel dos mellores do mundo, pero a nivel agrícola estamos aínda moi atrás
Coñecer as necesidades reais dos cultivos e o estado do solo, unha fertilización á carta con maior aproveitamento dos abonos orgánicos xerados na explotación e unha escolla de sementes e rotacións máis axeitadas son aspectos fundamentais para incrementar a produtividade das terras ao mesmo tempo que se cumpre coas novas esixencias medioambientais fixadas na nova PAC, no Real Decreto de nutrición sostible de chans agrícolas e na lexislación que desenvolve o Caderno Dixital das explotacións.
Facemos moi mal a fertilización porque traballamos con inercias e ás veces o abonado que se realiza depende do prezo do leite
 “O camiño que se recorreu na nutrición animal é o que hai que recorrer agora na nutrición vexetal. Hai anos as racións das vacas leiteiras estaban en niveis de proteína do 18% para producións de 30 litros, hoxe estanse facendo racións co 16% con producións por enriba dos 40 litros”, comparou Henrique Prado, da multinacional biotecnolóxica Alltech.
Dos cambios normativos sobre abonado e fitosanitarios preocúpame máis o control de pragas, porque moitas veces non temos ferramentas para loitar contra elas
“Facemos moi mal a fertilización porque traballamos con inercias e ás veces o abonado que se realiza depende moito de factores tan dispares como o prezo do leite. O reto na produción de forraxes está en facer traballar a biota do solo ao noso favor, porque en Galicia temos un recurso, que é o solo, e moita materia orgánica”, afirmou.

“A nova norma de fertilización é pasar de 0 a 100”

Rubén De Castro, durante a súa intervención nas xornadas PROePLA Rubén de Castro Soutiño, enxeñeiro agrícola e responsable do departamento técnico do Grupo Aresa, unha empresa luguesa que comercializa anualmente 70.000 toneladas de fertilizantes, alerta “da realidade á que se van ter que enfrontar as explotacións” coa entrada en vigor do Real Decreto de Nutrición Sostible de Chans Agrícolas.   “Imos pasar de 0 a 100, dunha fertilización sen limitacións e que dependía sobre todo do prezo dos abonos, a unha fertilización totalmente controlada, con analítica de solos e limitacións na aplicación de fertilizantes”, indica. "A normativa polo momento son datos no aire. Fálase dunha redución do 30% de nitróxeno pero, sobre que cantidade? Neste momento non hai establecido un dato límite de abonado. O Ministerio quere facer os vindeiros 3 anos unha toma de datos nas explotacións para establecer despois eses límites", explica.
O millo e a pradeira son cultivos que utilizan moito nitróxeno e se a ti te obrigan a reducir un 30%, sendo realistas, non vas lograr a produtividade que tes hoxe
Serían necesarias 323 unidades de fertilización nitroxenada para lograr 70.000 quilos por hectárea de millo, uns rendementos que se conseguiron este ano nalgunhas zonas grazas ás temperaturas suaves e as chuvias abundantes que houbo desde a primavera ao outono, exemplifica.   “En Aresa estamos en catro proxectos, tanto supraautonómicos como europeos, de economía circular, estamos traballando con microalgas e con recubrimento de fertilizantes con microorganismos, pero temos que ser realistas, o millo e a pradeira son cultivos que utilizan moito nitróxeno e se a ti te obrigan a reducir un 30%, sendo realistas, non vas lograr a produtividade que tes hoxe. Porque por moito que metas leguminosas para fixar nitróxeno, non vas compensar esa redución do 30%”, asegura.
O prezo do NAC-27 pasou de 800 euros a tonelada a principios de ano a 400-500 € hoxe
A partir do 1 de xaneiro de 2028 cada agricultor terá uns valores de referencia sobre o que poderá abonar. Estes límites máximos están dirixidos aos fósforos e aos nitratos. “Hai que inhibir os produtos ureicos, pero iso incrementa os custos. Hai dúas posibilidades, inhibidor da nitrificación ou inhibidor da ureasa, que andan entre 15 e 50€ a tonelada”, detalla.   Dificultades para os plans de abonado personalizados Rubén considera que a nova lexislación sobre abonado “está pensada para Castela, onde os chans son todos moi parecidos” pero o seu cumprimento, di, plantexa dificultades en Galicia. “Aquí case cada finca é un mundo. No minifundismo que temos nós, como imos xestionar todo iso?”, pregúntase. Aínda así, pensa que a obriga de realizar analíticas de solo é un aspecto positivo. “O chan é un organismo vivo. Estou completamente de acordo cos plans de abonado. En Galicia, moitas veces, o baixo pH do chan está bloqueando a absorción dos nutrintes”, asegura. A norma obriga a facer unha analítica de chan de cada parcela como mínimo cada 5 anos en regadío e cada 10 en secaño.
O chan é un organismo vivo, estou completamente de acordo coas analíticas de solos, pero co minifundismo que temos nós, como imos xestionar todo iso?
Desde Aresa ven positivo camiñar cara unha agricultura de precisión pero alertan das dificultades legais e burocráticas coas que se atopan para ofrecer solucións á carta aos seus clientes. “A nosa idea é facer mesturas personalizadas tanto de sementes como de abonado. Pero á hora de facer estas mesturas estamos limitados pola normativa para ofrecer ao solo xusto o que necesita. Facer mesturas de sementes require moito tempo de antelación, por todos os trámites burocráticos que hai que facer para rexistralas e tampouco se poden facer todas as mesturas de abonos que se queiran por blending”, explica.
Non fan normativas sinxelas, a lei é moi farragosa e enrevesada, e existen trabas á hora de fabricar novos produtos á carta para os nosos clientes
Por iso, pide ás autoridades que faciliten a aplicación da nova normativa. “Queremos unha atención personalizada a cada agricultor, pero estámonos atopando con toda unha serie de impedimentos. Eu como empresa tería capacidade para facelo (toma de datos mediante análise NIRS, introdución no Caderno de Explotación, chamada á fábrica e en 3 días ter ese produto personalizado na finca), pero tal como está hoxe a lexislación iso non é posible, porque hai que pasar por un organismo de conformidade para fabricar esa mestura”, explica. O Caderno Dixital: burocracia ou ferramenta para mellorar a xestión? O Real Decreto de Nutrición Sostible está vinculado tamén ao do Caderno Dixital. As aplicacións de fertilizantes deberán levar un rexistro no caderno de explotación a partir do 1 setembro de 2024 no caso de agricultores ou gandeiros con máis de 30 ha de terras de cultivo en secaño e un ano máis tarde para o resto. “É obrigatorio e imprescindible para cobrar as axudas da PAC”, advirte Rubén.  
O SIEX do Ministerio é un caderno demasiado sinxelo que non vai facilitar aos agricultores o manexo das súas explotacións
Pero considera que o Caderno Dixital non debe supoñer “unha carga burocrática máis para as explotacións” senón “unha oportunidade para mellorar a súa eficiencia”. “O SIEX do Ministerio é un caderno demasiado sinxelo que non vai facilitar aos agricultores o manexo das súas explotacións. Por iso en Aresa temos a disposición dos nosos clientes unha ferramenta máis completa, un Caderno Dixital que permite a xestión integral da explotación”, indica. Menos armas contra as pragas No Caderno Dixital hai que anotar tamén os tratamentos fitosanitarios realizados en cada parcela dentro do mes seguinte á súa aplicación e a UE pretende limitar o seu uso. “A redución do 50% dos praguicidas obriga a acertar moito máis co tratamento, porque por exemplo en anos coma este, no que houbo moito ataque de rosquilla ou de verme, só vas ter unha oportunidade para combater a praga”, advirte.   “Nos fitosanitarios estase a ir cara a produtos non erradicativos, estanse eliminando os sistémicos e indo cara a produtos de contacto, que son menos efectivos. Haberá que facer máis pases, o que supón máis gasto en maquinaria e máis emisión de gases de efecto invernadoiro. Son produtos preventivos que aumentan os custos de produción”, di. Ademais, requerirá estar máis pendente dos cultivos. “As pragas e enfermidades hai que collelas a tempo, porque se se che escapan non hai con que combatelas. Estou a favor do aceite de laranxa, pero cando hai unha praga importante non lle poido botar só aceite de laranxa, porque non é suficiente; hai que dispoñer de alternativas”, defende Rubén. Dobre vara de medir fronte aos transxénicos Para o director técnico de Aresa, outro dos retos importantes que se presentan é o do cambio climático. “Estamos vendo unha redución da produción nos últimos anos e un incremento das pragas. O feito de ter invernos máis suaves ten incidencia no aumento das enfermidades nos cultivos”, asegura.
A extensificación, é dicir, laborear máis terreo para producir o mesmo con menos abonos, é unha alternativa?
“Haberá que irse a novas variedades máis resistentes ao cambio climático”, defendeu, e abriu a espita dos transxénicos. “A UE estanos a poñer moitos límites aos produtores pero non nos está protexendo do que vén de fóra. Ten que haber igualdade nas condicións de produción, temos que xogar todos coas mesmas cartas. Debe haber máis control dos produtos de terceiros países que son competencia directa. Tal como se está facendo hoxe a normativa na UE é un tiro no pé. A nós diríxennos cara unha agricultura que vai aumentar os seus custos”, denuncia. Para evitar a diminución dos rendementos por hectárea por mor do cambio de paradigma nas precipitacións, di, “haberá que irse a sistemas de regadío, aos que aquí non estamos acostumados, e ampliar superficie para cubrir as necesidades da explotación”. Pero preguntouse se a extensificación, é dicir, “laborear máis terreo para producir o mesmo con menos abonos”, é unha alternativa realista e viable.

Individualizar o animal dentro do rabaño

Persoal de Innogando explicando o funcionamento dos colares Rumi pola tarde na Granxa Experimental da USC Mario Rouco, da empresa galega Innogando, que fabrica sistemas de monitorización do gando mediante colares intelixentes, defendeu na súa intervención que “o gandeiro do futuro vai ser un empresario tecnolóxico”. "Estamos no mundo dos datos e a tecnoloxía veu para quedarse”, dixo, e asegurou que “o reto para aumentar a eficiencia e produtividade das explotacións leiteiras está en individualizar o animal dentro do rabaño”.
As novas tecnoloxías avanzan moi rápido e todos sabemos a idade que teñen os nosos gandeiros
Mario considerou que existe unha fenda tecnolóxica evidente entre as ganderías intensivas e as extensivas e avogou por reducila. “Temos que intentar profesionalizar o modelo tradicional de pastoreo. Se non medimos non podemos controlar. O gandeiro do futuro ten que ser adaptativo, porque este sector avanza cada vez máis rápido”, insistiu.
O que vai decidir sempre é o gandeiro, con tecnoloxía ou sen ela
Pero detectou varios problemas aínda por solventar para universalizar o uso da tecnoloxía nas granxas: “Temos o hándicap do relevo xeracional; todos sabemos a idade que teñen os nosos gandeiros. E tamén hai un problema evidente de integración dos distintos programas de xestión de datos. Non podemos traballar nunha explotación con media ducia de aplicacións”, dixo. Finalmente, malia a axuda que poida aportar a tecnoloxía e as ferramentas baseadas na intelixencia artificial, destacou o papel do gandeiro. “A última decisión segue pasando aínda polo gandeiro. Hoxe en día a automatización non é aínda autónoma. Por iso hai explotacións que prefiren montar salas rotativas e non robots de muxido”, valorou.

Prudencia nos investimentos

Jesús Combarro, responsable de banca sectorial da entidade Abanca, falou dos retos de financiamento que afrontan as explotacións para seguiren sendo competitivas, a través da mellora das súas instalacións e o seu crecemento nos últimos anos.   Destacou en positivo o feito de que diante da recente coxuntura de bos prezos cobrados polo leite, “vimos bastante prudencia á hora de acometer investimentos. A principios de ano, cos prezos do leite en máximos históricos, o sector mostrou unha dose de cautela e prudencia, que pensamos que é a que toca ante a incertidume que vivimos. Nesta ocasión percibimos máis cautela que noutras épocas de bos prezos, nas que os investimentos se dispararon”, salientou.
Nesta ocasión percibimos máis cautela que noutras épocas de bos prezos, nas que os investimentos se dispararon
Na súa opinión, “hai que aproveitar a coxuntura de prezos para fortalecer os recursos propios da explotación e pensar moi ben os investimentos que se fan, pensando sobre todo no medio e longo prazo da explotación”, indicou. “O leasing e renting para maquinaria é unha alternativa que está aí, cun impacto fiscal positivo. Hai que valorar se nos interesa adquirir en propiedade ou non esa máquina, en función do nivel de utilización”, exemplificou.
O sector lácteo ten unha taxa de morosidade inferior á doutros sectores
Tendo en conta os volumes de investimento que se manexan no sector lácteo, a taxa de morosidade é baixa, recoñeceu Jesús. Sen embargo, advertiu, “a suba de tipos pode tensionar a situación”. Investir en enerxías renovables e superficie agraria Outro dos aspectos a ter en conta á hora de facer investimentos nunha granxa son as novas normativas medioambientais. “Á hora de realizar investimentos nunha granxa hai que telo en conta. Igual é mellor investir en enerxías renovables na explotación e non en maquinaria, que é algo que se pode externalizar”, indicou Jesús. O mesmo pasaría cos investimentos en superficie agraria para reducir a compra de insumos de alimentación, que teñen unha importante pegada ambiental. A escaseza de terra é un dos déficits máis habitual das explotacións leiterias galegas, que en moitas ocasións invisten en novas instalacións para medrar en número de cabezas sen que iso vaia acompañado por unha ampliación na mesma medida da súa base territorial.
Investir en sostibilidade é unha oportunidade para incrementar os ingresos da explotación
“Investir en sostibilidade é unha oportunidade para incrementar os ingresos da explotación”, asegurou o responsable de Abanca, tanto polas axudas da nova PAC, como poden ser os ecorreximes, como polas primas vinculadas a parámetros de sostibilidade no prezo do leite. “A cooperativa danesa Arla destinará 500 millóns de euros para as explotacións que reduzan un 30% a súa pegada de carbono para 2030, o que supón até 3 céntimos máis por litro”, exemplificou. A sostibilidade está impactando tamén de cheo na financiación das granxas. “A actividade agrícola e gandeira non está incluída a día de hoxe no Regulamento de Taxonomía da UE entre as 70 actividades económicas que as autoridades comunitarias consideran que axudan aos obxectivos de redución das emisións de gases de efecto invernadoiro ou á mitigación dos seus efectos (adaptación ao cambio climático)”, explicou Jesús.
A agricultura e a gandería non están incluídas como sectores prioritarios no Regulamento de Taxonomía da UE
 “A UE pretende a través do financiamento incentivar aquelas actividades que contribúen á sostibilidade fronte a outras”, indicou. Entre as actividades contempladas no Regulamento de Taxonomía estarían o sector forestal ou o das enerxías renovables, considerando pola contra o sector agrogandeiro como un sector emisor de gases de efecto invernadoiro, sen ter en conta a capacidade de captura e secuestro de carbono da actividade agraria.   O obxectivo da Comisión Europea é reducir as emisións totais nun 55% fronte ás que había en 1990 e no caso concreto da agricultura e a gandería o obxectivo de redución de emisións é do 40% fronte ás que había en 2005. Por iso, insistiu o responsable de Abanca, a entidade pretende acompañar aos seus clientes cara a modelos de negocio máis sostibles.

Xornada en Lugo sobre os retos do sector lácteo

O grupo de investigación Proxectos e Planificación (PROePLA) do Campus Terra da USC, que coordina o catedrático da Escola Politécnica Manuel Marey, organiza o vindeiro mércores 25 de outubro a xornada Retos do sector lácteo. O encontro, no que se analizará o sector desde o punto de vista das ganderías e as empresas que lles prestan servizos, contará coa participación de Abanca, Alltech, Aresa e Innogando. Os relatorios comezarán ás 9:30 horas e abordaranse os retos de financiamento, sustentabilidade, produción e innovación do sector. As charlas da mañá serán no salón de actos da Escola Politécnica Superior de Enxeñería de Lugo, con entrada libre e gratuíta. Pola tarde levarase a cabo unha visita a Granxa Gayoso Castro, para a que se habilitará un autobús ata completar as prazas. Para máis información pódese enviar un correo electrónico a manuel.marey@usc.es.

Investigadores do Campus Terra validan métodos de estimación de biomasa e caracterización de combustible forestal en matogueias e piñeirais

A investigación de doutoromento desenvolvida pola enxeñeira de Montes Cecilia Alonso Rego na Escola Politécnica Superior de Enxeñaría do Campus Terra da USC baixo a dirección de Ana Daría Ruiz e Ramón Alberto Díaz Varela baixo o título ‘Estimación de biomasa e características estruturais do combustible en comunidades de matogueira desarborada e piñeirais en Galicia a partir de escáner láser terrestre, láser aéreo e inventario de campo’, valida novas metodoloxías de cálculo e achega aos xestgores ferramentas para cuantificar con precisión o combustible forestal existente nestas áreas, a fin de reducir así o risco de lumes de copas. A carga de biomasa das formacións vexetais, é dicir, o peso seco de biomasa por unidade de superficie e a súa distribución por fraccións de tamaño e estado biolóxico (vivo/morto), xunto con outras características estruturais como a súa altura media, ou a densidade aparente (biomasa por unidade de volume), afectan en gran medida á cantidade de combustible consumida durante o incendio, á velocidade de propagación ou a intensidade, así como aos potenciais efectos do lume. Os resultados da investigación desenvolvida por Alonso Rego constitúen así unha nova ferramenta de gran utilidade para o xestores forestais, cuxo cometido se centra, nun primeiro momento, na prevención de focos incendiarios e, logo, en evitar a propagación dos lumes, especialmente naquelas áreas propensas a lumes de copas, que son os incendios que requiren un maior esforzo para a súa extinción e que ameazan a seguridade dos operarios, en particular, e da poboación xeral, nun senso máis amplo. As pescudas realizadas no marco desta tese de doutoramento enmárcanse fundamentalmente en Galicia, unha rexión na que a xestión da carga de combustible se antolla especialmente necesaria, dado o rápido crecemento da vexetación e a gran acumulación de biomasa tanto en matogueiras desarboradas como en áreas de sotobosque baixo arborado. Para a realización destes estudos, Alonso Rego completou inventarios non destrutivos nun total de 55 parcelas en matogueiras desarboradas distribuídas por toda Galicia, ao tempo que empregou datos procedentes de inventarios de arborado sotobosque dunha rede de parcelas de ensaio de claras establecidas en plantacións puras e coetáneas de Pinus radiata e Pinus pinaster localizadas en 34 lugares distintos, na súa maioría en Galicia.

Tribunal de tese e cualificación

O catedrático da área de Produción Vexetal da USC, Roque Rodríguez Soalleiro, presidiu o tribunal encargado de avaliar a investigación de doutoramento presentada no Campus Terra por Cecilia Alonso Rego, un traballo do que se derivan varias publicacións en revistas científicas de impacto. O investigador da Facultade de Ciencias Forestais da Universidade Juárez do Estado de Durango Daniel José Vega-Nieva, e Eva Marino Del Amo, do CIFOR-INIA, completaron un comité avaliador que acordou cualificar este tese de doutoramento con sobresaínte cum laude.