Rías Baixas prevé unha vendima récord de 46 millóns de quilos de uva

O Pleno do Consello Regulador, en base ao Informe de Estimación da Colleita e ao Informe favorable do Órgano de Control, acordou subir o rendemento un 12,5% para todas as variedades amparadas

Publicidade
Rías Baixas prevé unha vendima récord de 46 millóns de quilos de uva

Vendima na DO. Rías Baixas. Foto: Adega Terra de Asorei

O Consello Regulador da Denominación de Orixe Rías Baixas prevé que a vendima deste ano alcance os 46 millóns de quilos de uva, unha cifra récord, bastante superior aos 40 millóns colleitados en 2022.

En concreto, os resultados do Informe de Estimación da Colleita falan dun rendemento medio de 10.507 kg. por hectárea. Isto, unido ao Informe Favorable emitido polo Órgano de Control, motivaron que o Pleno do Consello Regulador teña adoptado este martes o acordo de subir un 12,5% o rendemento por hectárea nesta vendima para todas as variedades amparadas polo regulamento, mantendo os niveis de control e calidade desta Denominación de Orixe. Deste xeito, cos datos do informe presentados hoxe, a estimación de produción para a colleita 2023 superaría os 46 millóns de quilos de uva na Denominación de Orixe Rías Baixas, aínda que é certo que o ciclo vitícola non está finalizado e a meteoroloxía podería condicionar este resultado.

A documentación presentada onte ao Pleno constata unha boa taxa de brotación, unha elevada fertilidade, un bo callado e un tamaño de acio algo superior ao dunha colleita normal e en bo estado sanitario. En canto á data de inicio da vendima, dito informe prevé que se produza a principios do mes de setembro, dependendo da evolución do viñedo durante o mes de agosto e dos controis de maduración.

Aumento en 114 hectáreas na superficie vitícola respecto de 2022

Para a elaboración deste documento, tal e como se atopa procedimentado no Manual de Calidade, o Departamento Técnico do Consello Regulador require a colaboración dos técnicos máis implicados no asesoramento vitícola da Denominación de Orixe, apoiándose, neste caso, na información facilitada por 30 técnicos de campo repartidos pola Denominación de Orixe, que supervisan máis do 50% da superficie produtiva (2.236 hectáreas das 4.449 hectáreas que hai inscritas neste momento no Consello Regulador de Denominación de Orixe Rías Baixas) e que se complementa coa información solicitada nas inspeccións de auditoría, tanto en observación directa como en percepción dos viticultores. Toda esta información trátase estatisticamente para obter un rendemento medio ponderado por subzona, que posteriormente se extrapola á totalidade da superficie amparada pola Denominación de Orixe.

A data 1 de agosto de 2023, este Consello Regulador conta con 176 adegas inscritas. A superficie desta Denominación de Orixe crece en 114 hectáreas respecto do informe do ano pasado, unha superficie que se reparte entre 22.808 parcelas atendidas por 5.033 viticultores.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información