A D.O. Rías Baixas, exemplo do I+D+i galego na investigación vitivinícola

Publicidade
A D.O. Rías Baixas, exemplo do I+D+i galego na investigación vitivinícola

As adegas adheridas ao Consello Regulador da Denominación de Orixe Rías Baixas mostran músculo como sector empresarial e profesional coa súa aposta decidida polo I+D+i. Unha enquisa realizada entre as empresas amparadas pola denominación de orixe evidencia que, actualmente, un total de 24 adegas realizan traballos de investigación en diferentes campos, nos que están implicados preto dun cento de expertos cun investimento próximo aos 7 millóns de euros. Esta cifra deixa patente a importancia que lle dá á investigación o sector vitivinícola das adegas amparadas baixo a Denominación de Orixe Rías Baixas.

Estas iniciativas recaen sobre 24 adegas, das 181 asociadas, de diferentes tamaños e con proxectos de distinta envergadura e temática. Na súa maioría, son investigacións relacionadas co viñedo, entre as que destacan os estudos sobre a recuperación de variedades autóctonas, propias da zona, pero tamén hai un crecente interese polos traballos de viabilidade da produción ecolóxica na denominación. Con todo, a temática preferida polas adegas ten que ver co comportamento dos fermentos autóctonos.

Tamén centra a atención do sector os coidados da viña: a racionalización dos tratamentos da viña e a fertilización. Sen esquecer o interese polos tratamentos preventivos contra as enfermidades fúnxicas propias nesta zona, que promoveron investigacións no campo da teledetección para a localización precoz das enfermidades, a protección das variedades fronte aos virus, a mellora do potencial vitivinícola das variedades galegas a través da optimización agronómica e o efecto do microclima na incidencia das enfermidades fúngxias.

Tampouco se pode esquecer os traballos de investigación no campo da comparativa entre os sistemas de condución da vide (emparrado vs enreixado), nin dos estudos da actividade encimática na viña, ou da zonificación.

Outras cuestións que espertan o interese en Rías Baixas son as relativas á sustentabilidade ambiental no viñedo e a economía circular, así como o manexo integrado da viña mediante a aplicación de auga ozonizada en pulverización e o desenvolvemento dun itinerario enolóxico para elaborar viños libres de dióxido de xofre.

En canto á elaboración de viños, ademais dos traballos con fermentos, imos atoparnos cunha ampla oferta de elaboracións vínicas experimentais, a vinificación con biotecnoloxía; a elaboración de espumosos con variedades autóctonas; o estudo do comportamento das lías, a mellor conservación dos viños e a xestión do osíxeno dentro da adega. Tamén hai adegas investigando nos novos sistemas de etiquetaxe Smart Label.

Estes estudos ocupan a 97 profesionais, entre os que hai persoal da adega ou outros contratados para o desenvolvemento destas investigacións, como poden ser licenciados superiores, doutores e enólogos. Moitos destes traballos están vinculados ás universidades galegas e a centros de investigación públicos e privados.

Para o desenvolvemento destes traballos, as 24 empresas implicadas destinan 6.907.584,97 €. Das cales 11 industrias fano a través de fondos propios ou vantaxosos créditos e, as restantes, contan con subvencións a través de diferentes organismos europeos como plans FEDER ou do CEDETI; nacionais a través de axudas outorgadas polo Ministerio de Industria ou de Ciencia, Innovación e Universidades; autonómicos a través de subvencións da Xunta ou a EVEGA.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información